Internet. Cambiou as nosas vidas. Mudou o xeito de traballar e transformou o tempo de ocio. A posibilidade de comunicarse con persoas de calquera parte do mundo provoca modificacións definitivas na vida cotiá e nas relacións interpersoais. Os nativos dixitais, aqueles que non coñeceron o mundo antes de internet, procesan a información moito máis rápido e poden realizar tarefas diferentes de xeito simultáneo. Todo está ao alcance da man. Todo é posible. Xa non imaxinan a vida sen estar conectados. As redes sociais (Facebook, Twitter) manteñen en permanente conexión millóns de persoas de todo o planeta. Ás veces para compartir banalidades. Moitos adolescentes malgastan o tempo ante a pantalla. Pero estas redes horizontais son utilizadas tamén para outros fins. As rebelións nos países árabes non serían posibles sen este apoio.
Geraçao à rasca. Estaba a mocidade tan distraída na realidade virtual que tardou en decatarse da presenza dunha crise profunda que vai condicionar o futuro de xeito radical. Os mesmos que a provocaron son os que agora propoñen os remedios que máis lles conveñen: redución do estado do benestar, adelgazamento do sector público, restrición dos dereitos laborais. Sempre pagan os mesmos. Para enfrontarse a isto catro mozos portugueses colgaron en Facebook o 5 de febreiro un manifesto en defensa dos desempregados, cincocentoseuristas e outros escravos disfrazados e subcontratados temporais. Cinco semanas despois miles de persoas (300.000 en Lisboa e 80.000 en Porto) xuntáronse nas dúas manifestacións máis importantes dos últimos tempos en Portugal. Creouse xa un movemento que agrupa miles de mozos que tentan buscar unha saída colectiva digna para o seu futuro. En Galicia tamén hai intentos de mobilizar á mocidade (http://www.seioque.com/).
Indignádevos. Stéphane Hessel ten 93 anos. Participou na Resistencia francesa contra o nazismo e foi máis tarde un alto cargo da ONU. Acaba de publicar en Francia un panfleto (Indignez-vous) dirixido á xuventude, co que tenta rescatala da apatía e a indiferenza. A brecha entre os máis pobres e os máis ricos nunca foi tan grande, afirma. Os bancos están preocupados polos seus dividendos e os altos salarios dos seus dirixentes, non polo interese xeral. Reclama unha insurrección pacífica contra os medios que "só propoñen como horizonte para a nosa mocidade o consumo masivo, o desprezo aos máis débiles e á cultura, a anmesia xeneralizada e a competición a ferro de todos contra todos". Haberá que escoitar a este home sabio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario