sábado, 28 de enero de 2012

Antía xa ten seis meses

A nosa neta naceu a primeiros de agosto. Cando as cousas van ben o tempo vai moi rápido: Antía xa vai cumplir o medio ano. É unha nena alegre e curiosa, que debuxa con facilidade o sorriso no seu rostro; está atenta a todo o que hai darredor, explora o mundo cos seus ollos.

Miña nai, que ten oitenta e seis anos e serios problemas coa memoria recente, esquécese das verbas, máis non dos afectos. Para recordar como se chama a bisneta ten un papel pegado na parede da cociña co seu nome, máis cando chegamos á súa casa sempre nos recibe coa mesma pregunta: “Cando imos ver a nena?”

Neste tempo Antía medrou con saúde, protexida polos seus, nunha casa de pedra situada no fértil val da Mahía. Agora xa intenta comunicarse co exterior por medio da palabra; Os seus balbucidos pretenden dar resposta a quen se dirixe a ela con cariño. Máis unha das avoas afirma que xa mantén prolongadas conversas coa nena por vía telefónica. Estas pequenas cousas son as que convirten esta tarefa da crianza nun tempo de ledicia e satisfacción.

Un dos espectáculos máis expléndidos que se poden presenciar nesta vida é ver medrar a un neno; Antía medra feliz e nós temos a fortuna de asistir á aparición do seu sorriso, o inicio dos primeiros xogos e o recoñecemento dos seus coa mirada. Imos ver como fai a súa exploración do contorno, como pronuncia as primeiras verbas, como inicia o seu camiñar polo mundo, como delimita o territorio e afianza os seus afectos principais. Temos o privilexio de vivir este milagre da renovación da vida e da continuidade da estirpe. Na súa presenza bórranse as dúbidas e as incertezas que fabrican cada día os homes, neste mundo convulso e crispado.

Vixiar o seu sono, acompañala nos seus xogos, procurar o seu riso: esas serán algunhas das grandes tarefas que nos agardan nos próximos anos. Hai máis verdade no sorriso dun neno que en todas as proclamas dos pais da patria. Lonxe da solemnidade e da hipocresía teremos a fortuna de gozar das pequenas cousas de cada día. “Nunca levamos a un neno da man. Sempre nos leva el a nós. Hai que aprender a deixarse levar polo neno, confiarse na súa man”. Así escribía Francisco Umbral (no seu expléndido libro “Mortal y rosa”) falando do seu fillo: “O mundo fai tic-tac cando xoga un neno. E cando un neno rí, o mundo espúmase, a vida alixeira e o sol acéndese”. Tamén a presenza de Antía dalle luz aos nosos días.

sábado, 14 de enero de 2012

Cambios na Consellería de Sanidade

 En Galicia Confidencial

Pilar Farjas ocupa, desde hai uns días, o segundo posto no Ministerio de Sanidade, despois de estar tres anos como Conselleira de Sanidade en Galicia. Fagamos un breve percorrido para coñecer os seus méritos.
A doutora Farjas, turolense de orixe, chegou a Galicia nos anos noventa. Fixo unha notable carreira
profesional e acadou notoriedade como experta en vacinas. Foi nomeada Directora Xeral de Saúde Pública en 1997. Tivo que afrontar momentos difíciles como a crise das vacas tolas e as infeccións por aspergillus nos quirófanos de Medtec en Vigo. En 2001 presentou a demisión. Eu lamentei aquel feito, pois abandoaba un cargo de responsabilidade unha persoa competente e respectada. Despois dun breve paso por Madrid regresou a Coruña, donde foi concelleira na oposición en compañía de Carlos Negreira. Daquela deixou a un lado o seu perfil profesional e converteuse nunha auténtica hooligan. Amosou o seu extremismo ideolóxico e relixioso e comezou a empregar unha retórica agresiva e radical ao servizo do seu compromiso partidario.

En 2009 é nomeada Conselleira de Sanidade. O balance do seu mandato non é nada positivo para a sanidade pública. De xeito telegráfico podemos lembrar alguns feitos relevantes: rebaixou os orzamentos do Sergas, por primeira vez na historia da autonomía; paralizou os proxectos de construcción de hospitais públicos e entregounos á iniciativa privada –o que supón unha seria hipoteca para o futuro da sanidade pública-; freou a actividade de tarde nos hospitais públicos e provocou un severo deterioro das listas de espera; anulou o Plan de Mellora da AP, o que impide que este nivel asistencial aumente a súa capacidade para resolver os problemas de saúde; dictou normas que provocan restriccións para acceder á sanidade aos sectores máis desprotexidos da poboación (parados de longa duración, persoas sen recursos...); tamén lexislou (Decreto 209/2011) sobre a posibilidade de cobrar aos usuarios pola utilización irresponsable dos servizos públicos –o que abre a porta ao copago-.

No que respecta á política de persoal fixo unha xestión autoritaria e pouco participativa. Houbo un serio deterioro nas condicións laborais e rebaixou de xeito drástico a contratación de persoal interino. Tamén impuxo un catálogo de xenéricos que reduce as posibilidades de prescripción de medicamentos en Galicia en relación coas outras comunidades. Presentouno como un grande logro. En realidade foi unha excelente campaña de propaganda, ideada para retar e deteriorar a imaxe do goberno central. As demais comunidades arbitraron medidas de contención do gasto farmacéutico sen vulnerar o límite competencial do Estado, e sen provocar conflictos innecesarios nin inequidades na prestación sanitaria entre os distintos territorios.

Cando remataba o ano 2011 foi nomeada Secretaria Xeral de Sanidade do goberno de España. Entendo que é un premio polo seu apoio ao PP, pois non pode xustificarse polo servizo prestado á sanidade galega, que deixa en condicións ben peores das que atopou. Agora terá a oportunidade de recuperar o seu perfil profesional. Propóñolle unha tarefa: unificar os dezasete calendarios vacinais infantís das autonomías nun calendario único para todo o Estado. Ten a formación requerida para ese reto. É ben doado: trátase de facer todo o contrario do que fixo aquí co seu catálogo.

Moveuse o escalafón –a semellanza dos militares- e ocupou o posto vacante Rocío Mosquera, que viña exercendo como xerente do Sergas. Esta muller foi, durante moitos anos (2002-2009), a directora do sanatorio da Esperanza de Santiago, pertencente ao grupo Nosa Terra, propietario de Povisa. Ese é o posto de traballo ao que probablemente retornará cando, en breve prazo, remate a sua andaina política. O hospital privado Povisa, que atende un importante sector da poboación de Vigo e arredores, está realizando unha dura negociación –mesmo coa ameaza dun ERE-, para a renovación do seu cuantioso concerto particular co Sergas. Resulta evidente que nos atopamos cun flagrante conflicto de intereses: a máxima autoridade da Consellería ten unha grande implicación coa empresa que presiona para acadar mellores condicións económicas no convenio. Non se pode servir con lealdade a dous señores. Non se pode ser xuiz e parte. Alguen debería reclamar a inhabilitación desta persoa para desempeñar o cargo para o que foi designada.

miércoles, 4 de enero de 2012

O que Galicia precisa

 En Galicia Hoxe
En Galicia Confidencial 

Galicia está a vivir momentos de dificultade e precisa da súa xente máis capaz para saír canto antes deste estancamento. O goberno da dereita, lonxe de rematar coa crise e co paro, está a levar a este país a un dos peores momentos da súa historia recente. Ademáis de envilecer, coas súas prácticas tramposas, a vida política e cidadá, a deriva económica é das peores do Estado: vimos de coñecer que Galicia é a segunda comunidade donde máis aumentou o paro, e A Coruña ocupa o último lugar neste terreo.

Diante desta dereita falaz, antigalega e inoperante temos unha oposición que, case tres anos despois, ainda non soubo dixerir a derrota electoral e continúa a lamber as propias feridas, esquecendo as súas obrigas co país. O labor e a imaxe dos partidos da oposición neste tempo deixa moito que desexar. O PSdG terá que atopar o seu propio rumbo, deberá buscar novos rostros que sexan creíbles e recuperar un discurso socialdemócrata e galeguista que o faga respetable diante da poboación.

O BNG forma parte imborrable da historia recente de Galicia. Mais a deriva que está a seguir nas últimas confrontacións electorais e o deterioro da súa vida interna, provocado pola actuación parasitaria practicada pola UPG, están a levar a esta forza -necesaria e mesmo imprescindible para recuperar o rumbo neste país- por un camiño equivocado, que a pode situar como un grupo marxinal e sen posibilidades de recuperar cotas de poder para ser utilizado ao servizo do pobo.

Galicia non precisa unha forza anclada no pasado, cunha visión idealizada do país e cun proxecto arcaico e inviable. Galicia non precisa un discurso anacrónico que tente recuperar ideas que xa deixaron de ser útiles hai 40 anos. Galicia non precisa unha forza excluinte e sectaria, que se sinta propietaria das esencia do país, da cultura e da lingua propia. Galicia non precisa de ningun “gran timonel” que a guíe cara un futuro ideal soñado e inalcanzable. Tampouco precisa da vaidade e do narcisismo de algúns persoeiros que, se tiveron un papel protagonista no pasado recente, non teñen nada que ofrecer para o futuro, agás a súa propia egolatría.

O que Galicia precisa neste momento, con urxencia, é un grupo de xente moza, formada, competente e comprometida co país que estean dispostos a traballar con toda a honestidade e a humildade que o momento esixe para conseguir situar ao BNG, de novo, nunha posición que lle permita gobernar nas distintas instancia do poder, para mellorar as condicións de vida do pobo e alimentar a esperanza das súas xentes, para pelexar pola construcción dun futuro mellor para nós, os nosos fillos e os nosos netos.

Galicia precisa dunha forza nacionalista non excluínte, que entenda o país plural e diverso que hoxe somos, que non teña un discurso sectario senon agregador de vontades, que saiba construir relacións fraternais cos demáis pobos ibéricos e que olle a Europa como o espazo común donde deberemos traballar polo futuro e o benestar. Hai xente no BNG con capacidade para liderar un proxecto de futuro (Aymerich, Noriega), lonxe de arcaísmos, de narcisismos e de visións idealizadas da realidade. Hai xente no BNG que pode aglutinar vontades dentro, e que pode xenerar ilusión e esperanza nun grande sector da poboación que xa se decatou das nefastas consecuencias das políticas antigalegas desenvolvidas polo PP e anda na procura de novas alternativas que lle permitan confiar no futuro sen ter que fuxir da propia terra.

Hai unha certa urxencia. De continuar no poder, unha lexislatura máis, a facción ultraliberal que hoxe ocupa o poder, o retroceso de Galicia no mapa autonómico sería tal que faría moi difícil, se non imposible, recuperar a autoestima, a confianza e o orgullo colectivo deste país. Hai que tomar decisións xa. Os que estean dispostos a empuxar nesta dirección deberán facelo axiña. Se non se actúa hoxe con valentía e xenerosidade pode que dentro dun tempo o país enteiro o lamente. Pero xa será tarde.