miércoles, 31 de octubre de 2012

A exclusión sanitaria



No mes de abril o goberno de Rajoy publicou, sen debate parlamentario previo, o polémico Real Decreto Ley 16/2012, que representa unha auténtica contrarreforma sanitaria. Co presunto obxectivo de aforrar suprimiu o dereito cidadán á atención sanitaria para convertelo nunha prestación aos “asegurados”; tamén deixou sen cobertura sanitaria aos inmigrantes en situación irregular (arredor de 150.000 persoas) mais no futuro afectará progresivamente a outros colectivos.

Modificou os requisitos para acceder ao Sistema Nacional  de Saúde (SNS). Desde  1986 (Ley General de Sanidad) a única condición requerida para recibir atención sanitaria era estar empadroado; agora é preciso estar afiliado á Seguridade Social, ben como traballador, pensionista ou desempregado. A norma provocou unha grande controversia política. Numerosos colectivos sociais e profesionais mobilizáronse contra deste decreto que entrou xa en vigor a primeiros de setembro. Este modelo, imposto de forma autoritaria,  representa un retorno ao pasado que, segundo o profesor Joan Benach, vai producir graves problemas de saúde e desigualdades. Tratan de volver a “unha sanidade mercantilizada, inxusta, que racha o concepto de cidadanía e solidariedade social, abre paso ao clasismo e a desigualdade e ven ser o fin do dereito universal á sanidade e á saúde”. 
 
Ante as protestas o Ministerio de Sanidade propuxo no mes de outubro ao  Consello Interterritorial do SNS a aplicación dun Convenio especial para que os inmigrantes en situación irregular poidan ser atendidos na rede pública. Plantexa un mecanismo similar ao aseguramento privado: mediante o pago dunha póliza de 710 euros anuais (ata os 64 anos) ou de 1865 (para os maiores de 65) os inmigrantes poderán acceder “ás prestacións da carteira básica dos servizos asistenciais do SNS”. A oferta, polo tanto, redúcese ás prestacións básicas, polo que os contratantes desta póliza terán que pagar o custe íntegro dos servizos incluídos nas carteiras suplementaria e accesoria así como o cen por cen dos medicamentos. 




 
 
Parece obvio que esta medida non está ao alcance da capacidade adquisitiva deste colectivo. Semella mesmo un sarcasmo que fagan este plantexamento. Debemos lembrar que estas persoas chegaron aquí na busca de pan e traballo, nunha situación económica precaria, adoitan alimentarse nos comedores sociais e van a pé por non ter con qué pagar o billete do metro. A primeiros deste ano había en España 5,7 millóns de estranxeiros. A crise está golpeando de xeito brutal a este colectivo: a taxa de paro entre os inmigrantes elévase ate o 35%, hai moitos parados de longa duración e cada vez máis familias teñen a todos os seus compoñentes no paro. Ademáis, para moitos inmigrantes, a perda do posto de traballo conleva a perda do permiso de residencia.

 A proposta ministerial non foi aplicada por todas as autonomías. Asturias, País Vasco e Cataluña seguen a atender a toda a poboación sen  condicións. Outras comunidades non van negar a asistencia pero emitirán unha factura ao inmigrante ou ao seu país de orixe. En Galicia optaron por unha solución hipócrita: a Xunta non nega a asistencia mais esixe que a persoa leve máis de seis meses empadroada e deberá acreditar debidamente a falta de recursos. Estas condicións son incumplibles para a maioría, por razóns legais e mesmo culturais. Cómpre saber que para solicitar ou renovar un permiso de residencia é preciso estar ao día nos pagos á Seguridade Social e Facenda. Encadear impagos e non poder saldar a deuda impide abandoar a condición de irregular: representa unha auténtica morte civil da persoa.

 
E todo esto para qué? Son razóns ideolóxicas as que conducen a este goberno a adoptar estas medidas. Porque a realidade é que a utilización dos servizos sanitarios por parte dos inmigrantes é inferior á da poboación autóctona cun gasto sanitario per cápita moi baixo, polo que a repercusión económica desta medida é irrelevante. Pero o impacto social sí que é intenso. A eliminación do acceso á sanidade e á educación en condicións de igualdade ven representar a anulación do principal elemento de integración, favorece a exclusión e a marxinación social. Os expertos afirman que os sistemas de acceso universal son mellores que os programas específicos para os inmigrantes que, mesmo cubrindo as necesidades asistenciais, acaban por estigmatizar. 

 Os inmigrantes seguen a chegar ás nosas costas. De qué inferno escapan para arriscar así as súas vidas? Buscan o seu porvir á nosa beira. Se cadra non saben que agora aquí non hai traballo. Ninguén lles contou que, ademáis, os nosos gobernantes están a elaborar leis para excluilos da protección sanitaria e social, para deixalos á intemperie, mentres os causantes deste estropicio continúan nos despachos forrados de moqueta, engordando o seu patrimonio sen importarlles o inmenso dano que provocan a tanta xente á que lle negan o futuro.

jueves, 18 de octubre de 2012

Galicia caníbal


En Praza Pública
 
Saturno devorando un fillo (Goya)

Galicia ten unha singular  tendencia á autofagocitose. Estamos no camiño da desaparición como pobo. Cada vez somos menos, máis vellos e máis pobres; enviamos aos nosos mozos polo mundo adiante na procura do porvir que aquí lles negan e entregamos as rendas do destino colectivo aos que desprezan os nosos sinais de identidade  e non cren nas posiblidades de futuro do país. 

Os datos son contundentes. Galicia perdeu máis de 12.000 persoas o pasado ano (INE), máis de 3.000 por provincia. Por grupos de idades, a poboación de 60 ou máis anos xa  representa o 30% do total da poboación. Agora vivimos en Galicia pouco máis de 2.700.000 persoas, das cales 600 mil subsisten nunha situación económica precaria e arredor de 100 mil viven en condicións de pobreza severa (EAPN).  Mentres tanto, perto de 70 mil galegos, os máis novos e preparados, marcharon de Galicia en 2010 e 2011 na busca dun futuro mellor. Xa decía Castelao que “o galego non protesta, emigra”. 


Escola abandoada (Sober, Lugo)
Deste xeito o medio rural galego está quedando sen xente. A Administración está potenciando este goteo do despoboamento coa política de recortes. O sociólogo C.M. Abella advertiu de que “a Xunta non está facendo nada do que os expertos recomendan para potenciar o rural. A línea política é eliminar todo o público”. En dez anos amplias zonas de Galicia poden quedar convertidas en áreas de desertificación social, debido á falta dun proxecto vital para os novos e ao declive dos sectores productivos vinculados ao agro. O sociólogo Alberto Saco fala dunha “estratexia deliberada para baleirar o rural”. 

 “Galicia está morrrendo como feito diferencial”, afirma  Antón Baamonde no seu libro A derrota de Galicia. Tamén recorda que o idioma galego está eshausto e o estado do benestar está sendo adelgazado a velocidade de vertixe  pois, neste tempo de cinismo ilustrado, “no goberno galego senta xente firmemente  partidaria da identidade, pero non da galega, precisamente”. O mesmo autor aínda é máis contundente nun artigo recente: “ninguén ten feito tanto como Núñez Feijóo por desprestixiar o autogoberno de Galicia”. 

A opinión publicada en Galicia reflexiona maioritariamente nesta mesma dirección. Durante a campaña electoral deuse a coñecer un informe do Consello de Contas no que se pon en evidencia a maquillaxe efectuada nas contas públicas de Galicia. Mais, mesmo se foran certas, “que as contas da Xunta resistan a comparanza coa maioría das outras facendas autonómicas non lle serviu a Galicia, desgrazadamente, para nada” (X.M. Pereiro, El País). Suso de Toro tamén é contundente: “O tempo histórico da autonomía política xa rematou cando Feijóo chegou á Xunta”. Santiago Lago fai unha pregunta retórica: para qué usaron o autogoberno nestes últimos anos? E contesta facendo referencia ao modelo do galo decapitado: “Un corpo sen cerebro, que sigue correndo, pero non sabe ónde vai”. Tamén hai quen cuestiona a  categoría ética do inquilino de Ponte Pío: “a solidez dos seus principios pode verse non terreo persoal, cando se rodeaba de sotanas e logo, tanto se é certo o que din del como o que el dí de sí mesmo, vivía en pecado mortal” (X. Borrazás, Tempos). Mais a opinión non é unánime. La Voz de Galicia, o xornal que recibe máis apoio económico da Xunta, paga aos seus colaboradores para cantar as loanzas do xefe (Caneiro).

 
Por moito que se queira enmascarar a realidade, a evidencia dos feitos é moi poderosa. O descenso demográfico, o envellecemento poboacional, a quebra das entidades financeiras, a destrucción de milleiros de postos de traballo, a fuga da mocidade, o empobrecemento da poboación, o pesimismo colectivo: todo esto aconteceu de xeito vertixinoso durante o mandato de Núñez Feijóo. Non cumplíu ningunha das súas promesas electorais, formou un equipo mediocre e antigalego, puxo a crise como escusa e a falsa austeridade como slogan para adicarse con ensañamento á procura do deterioro e  o desprestixio dos servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais) e á deconstrucción simbólica de Galicia. Se lle permitimos continuar nesta tarefa catro anos máis, o futuro deste país quedará severamente hipotecado.


jueves, 11 de octubre de 2012

Manifesto de SOS Sanidade Pública




Análise da situación e propostas sobre a sanidade pública galega.

Ante a próxima confrontación electoral a plataforma SOS Sanidade Pública fai pública a súa posición sobre o proceso de deterioración sufrido nos últimos anos polo sistema sanitario público.

A.- Introducción:
A grandes trazos podemos definir dúas posicións confrontadas en relación coa política sanitaria:
·  Hai unha corrente progresista que entende a sanidade pública como un dos piares esenciais do estado do benestar, defende a atención sanitaria como un dereito dos cidadáns e promove o acceso aos servizos de forma universal e gratuíta, sen ningunha restrición. A Lei Xeral de Sanidade apoia esta estratexia.
·  Na outra banda existe un pensamento ultraliberal que considera que cadaquén debe acceder aos servizos sanitarios que poida custear. Esta corrente, asumida con entusiasmo polo PP, defende un argumentario elemental baseada en dúas falacias: a insustentabilidade do actual sistema sanitario e que a xestión privada da sanidade é máis eficiente que a pública. O Real Decreto Ley 16/2012, imposto polo goberno central, é un paso capital nesta estratexia: recupera a figura do “asegurado”, polo que hai colectivos de cidadáns que quedan excluidos da cobertura sanitaria.
A crise económica é utilizada como escusa polo actual goberno e por algunhas autonomías afíns para realizar profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto severo na calidade asistencial e nas condicións laborais dos sanitarios. O obxectivo real non é reducir o gasto público senon conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados.
Cando o PP ocupou o poder en Galicia en 2009, Núñez Feijóo afirmou que levaría a cabo políticas de austeridade pero sen reducir os orzamentos de sanidade, educación e servizos sociais. Minteu doblemente: estes departamentos son os máis atacados polas súas actuacións mentres que, durante o seu mandato, a débeda de Galicia medrou o triplo que co goberno bipartito.
A política sanitaria do Partido Popular está orientada a recortar o dereito á saúde para transformalo nunha mercadoría. Pretende desmantelar o sistema sanitario público, potenciar o aseguramento privado e dar participación ás empresas privadas na prestación de servizos sanitarios con diñeiro público. Hai unha estratexia global -impulsada polo FMI e o BCE- que o goberno do PP está a impoñer en Galicia desde o inicio da lexislatura.  As diferentes medidas adoptadas (redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no acceso aos servizos, externalización de actividades, privatización da xestión hospitalaria etc) están enmarcadas nesta corrente ultraliberal e motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos e a definición de espazos de negocio. Estes son os elementos básicos da súa actuación. 

B.- Os elementos básicos da estratexia sanitaria desenvolvida polo PP en Galicia
-Deterioración e descapitalización do sistema sanitario público.
-Privatización da estrutura do sistema e dos servizos que presta.
-Desmantelamento dos alicerces do sistema: universalidade, equidade e accesibilidade aos servizos.

1.- Deterioración e descapitalización do sistema sanitario público 

-O orzamento sanitario sufriu unha importante redución (300 millóns de euros respecto do ano 2009, o que representa o custo do novo hospital de Vigo). Este recorte traduciuse na paralización de programas clave e na redución da actividade dos servizos asistenciais.
-Suprimiron o Plan de Mellora da Atención Primaria, que supuxo a perda de máis 1.600 postos de traballo e a paralización da construción de 66 novos centros de saúde, que deixaron en 19 (que ademais reduciron a superficie nun 30%).
-Paralizaron a actividade hospitalaria de tarde, co consecuente aumento das listas de espera. Os tempos de espera medraron un 30% respecto ao anos 2009 polo que actualmente hai 38.000 pacientes que están pendentes de intervención cirúrxica.
-Desmantelaron parcialmente e fixeron recortes nas áreas sanitarias do Barco, Barbanza, Monforte, Burela, Salnés e Verín.
-Tamén pecharon diversos servizos e paralizaron programas de saúde postos en marcha polo anterior goberno. Anunciaron a supresión dos radiólogos de urxencias nos hospitais comarcais; ademáis pecharon varios laboratorios de análises clínicos. Suspenderon o desenvolvemento do Plan da Muller e abandonaron definitivamente o Plan de Saúde Mental; suprimiron os programas de atención a drogodependentes  e pacientes con Sida.
-Houbo unha total ausencia de políticas de racionalización e de mellora da calidade, o que supón o mantemento do gasto farmacéutico máis alto do Estado, por non desenvolver estratexias integrais e polo uso irracional dos recursos, polo que se malgastan máis de 550 millóns de euros ao ano.
-Realizaron unha drástica redución do persoal co despedimento de interinos e contratados (só repuxeron o 10% das vacantes resultantes das xubilacións e outras vacantes), incumprindo a Lei de Saúde de Galicia que ordena realizar convocatorias bianuais das vacantes.  
-Abandonaron tamén os escasos incentivos laborais existentes dirixidos a mellorar a calidade ou a eficiencia: fixeron recortes salariais e eliminaron días de descanso, paralizaron a Carreira Profesional, e fixeron unha tremenda precarización das condicións laborais coa utilización de contratos lixo por horas ou días sen cobertura completa da Seguridade Social. Os novos profesionais da saúde están condenados ao paro  e, novamente, a emigrar a outros países para poder traballar. 



2.- Privatización da estrutura do sistema e dos servizos asistenciais 

-A única partida do orzamento sanitario público que experimentou un incremento foi a de concertos co sector privado.
-Privatizaron servizos estratéxicos para o funcionamento do sistema como a Central de Chamadas, a Plataforma Informática e a Central de Compras.
-Van continuar e mesmo mellorar o concerto singular de Povisa, para o que cal recortaron o proxecto de novo hospital de Vigo, no que suprimiron as 400 camas previstas para asumir a atención da poboacion atendida ata agora por este centro privado.
-Privatizaron o financiamento, construción e xestión dos novos centros como o novo hospital de Vigo que, ademais de multiplicar os seu custo de construción que pasa de 250 a 1.400 millóns de euros (1.800 se incluímos todos os conceptos), sufriu un serio recorte na súa superficie, camas, servizos e na calidade dos materiais e equipamento.
-Paralizaron a ampliación do Hospital Montecelo de Pontevedra para construír un hospital novo, de xestión privada, que multiplicará o seu custo e déixano baixo o control de mans privadas (vai ser, probablemente,  inviable na actual situación ce crise económica). Tamén abandonaron os Plans Directorios dos Complexos Hospitalarios de Ourense, A Coruña, Santiago e Ferrol, e as obras de reforma e a construción de novos Centros de Saúde.
-Externalizaron a diálese renal e outros servizos como a Anatomía Patolóxica e os laboratorios dalgúns hospitais.
-Manteñen a Medtec disfrazado de Galaria, que ven actuando como un instrumento dirixido á privatización dos recursos e controis tecnolóxicos e a facilitar a penetración do sector privado na sanidade pública. Asímesmo manteñen as Fundacións Sanitarias aínda acollidas a xestión privada como o Ingo, 061, Centro de Transfusións e o Instituto de Oftalmoloxía. 

3.- Desmantelamento dos alicerces do sistema: Universalidade, equidade e accesibilidade aos servizos 

-O desenvolvemento en Galicia do Real Decreto 16/2012 supón introducir o copagamento (repago) por servizos e prestacións sanitarias. Este Real Decreto obriga aos pensionistas a pagar unha parte dos medicamentos, as próteses, o transporte en ambulancia non urxente, e os alimentos especiais.
-Tamén contempla a supresión da Carteira de Servizos única, universal e gratuíta no momento do uso.  Haberá servizos básicos, complementarios e accesorios. A sanidade pública pode que limite a cobertura ao paquete básico, e haberá que pagar polo resto das prestacións (ben directamente ou mediante un aseguramento complementario). Neste grupo de servizos optativos pretenden incluír as mamografías, os tratamento de esterilidade, a rehabilitación etc. Núñez Feijóo anunciou tamén a súa intención de que os pacientes hospitalizados paguen a comida, a limpeza ou mesmo as cadeiras utilizadas polos acompañantes. 

 







Propostas da Plataforma SOS Sanidade Pública 

1. Incrementar o gasto sanitario para recuperar o nivel do ano 2009.
2. Elaborar un Plan de Saúde que responda ás necesidades reais de todos os cidadáns e garanta a racionalidade e a equidade.
3. Desenvolver políticas para racionalizar o gasto sanitario en lugar de recortar dereitos e prestacións. Consideramos necesario reducir o gasto farmacéutico inadecuado, a utilización irracional de probas diagnósticas ou terapéuticas que, ademais de innecesarias, poden danar a saúde de quen as recibe. Hai que desenvolver estratexias, consensuadas cos profesionais e cidadáns, dirixidas a mellorar a calidade e a racionalidade das prestacións como guías clínicas, vías clínicas ou protocolos dirixidos a diagnosticar e tratar con racionalidade baseada na evidencia as enfermidades máis frecuentes e importantes.
4. Recuperar o modelo de financiamento público para construír, reparar e xestionar todos os centros sanitarios. Hai que denunciar o incumprimento do contrato polas empresas concesionarias privadas para a construción do novo hospital de Vigo e devolvelo ao financiamento e xestión pública (a Concesionaria reduciu o centro nin 30% e carece de capacidade para financialo). Cómpre reiniciar de forma inmediata a ampliación do Hospital Montecelo (que leva paralizado tres anos) con financiamento público. E haberá que afrontar de xeito urxente os Plans Directorios dos Hospitais que freen a súa deterioración e melloren a súa actividade adaptándoa ás necesidades asistenciais de cada área (como contemplaba o Plan Directorio anulado polo actual goberno da Xunta). Tamén será preciso levar ao Consello  Interterritorial de Sanidade a derogacion da Lei 15/1997 de novas formas de Xestión.
5. Hai que pór en marcha unha política incentivadora do persoal sanitario, consensuada cos traballadores e os seus representantes, que contemple incentivos á calidade, a racionalidade e a produtividade dos traballadores sanitarios; hai que recuperar o desenvolvemento da Carreira Profesional.
6. É preciso eliminar os contratos lixo, e suspender a política de redución de persoal e de non repor as prazas dos profesionais que se xubilen; hai que volver substituír aos profesionais ausentes por baixa laboral ou por vacacións para evitar o crecemento das listas de espera e a masificación das consultas.
7. Cómpre recuperar os Programas da Muller, Saúde Mental, Drogodependencias e o de atención a persoas con Sida.
8. Pechar Galaria reintegrando os seus recursos e funcións ao sistema sanitario público. Reintegrar a xestión pública do Sergas as fundacións de xestión privada como Ingo, 061, Centro de Transfusións, Instituto de Oftalmoloxía, ou a Fegas sendo as súas funcións asumidas pola  Subdirección de Investigación e Docencia
9. Hai que anular o concerto singular de Povisa que debe converterse nun centro concertado por patoloxías con carácter complementario.
10. Potenciar a Atención Primaria renovando un novo Plan de Mellora, que inclúa a creación de novas prazas, a construción dos 66 centros de saúde previstos, a eliminación das trabas para solicitar probas diagnósticas e a redución da burocracia.
11. Tamén se deberán utilizar plenamente os recursos públicos existentes, ampliando o horario dos centros hospitalarios para reducir as listas de espera e evitar desviacións innecesarias de pacientes a centros privados concertados; e incrementar o persoal e ampliar a actividade dos centros sanitarios en xornada ordinaria de mañá e tarde.
12. Recuperar a xestión pública (co persoal da Conselleria e do Sergas) dos servizos de apoio, especialmente a Central de Compras, a Plataforma Informática, o Centro Loxístico de Almacenamento e Suministro e os procesos de decisión sobre prazas e concursos.
13. Hai que manter e dotar adecuadamente as Áreas Sanitarias cos recursos necesarios para planificar, xestionar e atender de xeito integrado as necesidades e problemas de saúde dos cidadáns con eficiencia, racionalidade e equidade.
14. Hai que suspender a aplicación en Galicia do Real Decreto 16/2012, que actualmente implica a imposición do copagamento farmacéutico para os pensionistas, a limitación de determinadas prestacións e a supresión do dereito á asistencia dos inmigrantes.
15. Tamén se procurará favorecer a participación de cidadáns e traballadores sanitarios na planificación, xestión e control da actividade dos servizos sanitarios. Propoñemos unha escola de formación para a participación cidadá, mudando a orientación de Escola de Saúde para Cidadáns, que agora está dirixida a promover que cada quen se faga cargo da atención dos familiares enfermos en lugar facelo os servizos de saúde.
16. Incrementar os recursos para a atención a enfermos crónicos e a favorecer a coordinación cos Servizos de Atención á Dependencia a nivel de cada Área. Crear unha Rede Sociosanitaria coordinada co Servizo Galego de Saude. 

Plataforma SOS Sanidade Pública
Outubro de 2012

lunes, 8 de octubre de 2012

O médico dos pobres


En Galicia Hoxe


A pasada semana presentouse na Estrada a reedición do libro Un médico na aldea, de Manuel Reimóndez Portela, en conmemoración do vixésimo aniversario da primeira edición. Recupérase así unha obra que tivo no seu día unha excelente acollida ainda que escasa difusión. O autor, falecido en 1994, exerceu como médico rural no concello da Estrada durante toda a vida, sendo coñecido como o “médico dos pobres”.

Este home, que tiña unha gran semellanza física co escritor portugués Lobo Antúnes, foi un traballador infatigable, e sentía curiosidade por todas as cousas da vida. Ademáis da medicina, que exerceu con paixón e humanidade, tamén se adicou á política  –foi alcalde da Estrada e participou na comisión do Estatuto dos dezaseis, nos inicios da transición-, e á literatura. Polo seu compromiso con Galicia e coa fala a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) nomeouno o ano pasado irmandiño de honra de dita organización.

Non o coñecín persoalmente pero todas as testemuñas debuxan o perfil dun home de ollada limpa, comprometido co seu pobo e as súas xentes, que se adicou á profesión con xenerosidade. A figura heroica do médico rural na primeira metade do século XX vese representada pola súa persoa. A pobreza e a miseria reinaban nas aldeas naquel tempo da postguerra. O médico tiña que prestar atención a patoloxías moi diversas e graves cos escasos medios existentes. A incerteza no diagnóstico e a carencia de medios terapéuticos (nin existían os antibióticos) convertían o labor sanitario nun auténtico milagre.

Don Manuel trataba aos pacientes con respecto e afectividade, e sabía do valor terapéutico dunha palmada de ánimo no lombo. Era un bo coñecedor da idiosincrasia do galego, como reflexa no relato “Peor non estou”. Tamén sufría cos doentes cando se vía impotente para aliviar ou curar. Relata o caso dunha parturenta cunha hemorraxia grave á que non puido salvar: “Tomeille o pulso e non llo atopei. Iballe tomar a tensión e dou as boquexadas quedando como un paxariño. Recoñezo a mágoa de non podela axudar naquel intre, poñendo de manifesto o fracaso da ciencia médica”. 

 Un médico na aldea está composto por un feixe de relatos breves (algúns son auténticos microrrelatos) de estrutura clásica, moi descriptivos, de lectura fácil e amena. Cada texto baséase nun suceso real pois, segundo o autor, ningún é inventado. Tamén se pode ler o libro como unha novela autobiográfica xa que moitos dos relatos fan referencia a momentos da vida do propio autor: o primeiro consultorio no pallal da casa familiar, a vixiancia do avó nos primeiros momentos, as viaxes a cabalo pola comarca, a primeira moto e o primeiro coche, a asociación con dous especialistas de Compostela etc.  O libro recolle con fidelidade a fala popular e fai un debuxo ben completo do estado da medicina naquel tempo: as crenzas populares, a presenza dos curandeiros, a falta de hixiene, as malas condicións das vivendas donde as persoas convivían cos animais, a ameaza da tuberculose, os parásitos intestinais e as parasitoses cutáneas (as pulgas, os piollos e a sarna eran moi comúns).

Este libro, que recupera Edicións Fervenza, ten un grande interese antropolóxico, histórico e literario. Non dubidaría en aconsellalo como lectura na Facultade de Medicina. Mais, por enriba de todos os seus valores, eu destacaría o sentido do humor do doutor Reimóndez. Lonxe da burla soez e tabernaria, que utiliza os pacientes para mofarse deles (como no concurso de anécdotas que convocou no seu día a Consellería), o autor provoca o sorriso con situacións da súa propia vida. Nun dos relatos conta as súas viaxes a cabalo e como cruzaba o río Ulla en barca sen desmontar. A xente estaba asombrada: “O caso é que foron anos e anos cabalgando derriba da barca e o que non sabía ninguén  é que non sei nadar;  o primeiro día que pasei pregunteille ao muiñeiro que levaba a barca. -E tí, sabes nadar? -Como un martelo de seis mangos, díxome. Daquela tomei as miñas medidas razonando: eu non sei nadar e él tampouco; nin lle podo acudir nin él a min. Quen sabe nadar é a besta; pois xa está: pasarei sempre a cabalo. E vivín coa esperanza de que non dese a volta a barca”.