martes, 25 de noviembre de 2014

López Nogueira e o galego






A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que agrupa a traballadores da sanidade comprometidos na defensa do idioma galego, realizará o próximo sábado, día 29 de novembro, a súa 4ª Asemblea anual. Neste acto, que se celebra na Facultade de Medicina de Santiago, incorporaranse corenta novos irmandiños, que asinarán o seu compromiso persoal para promover o uso da nosa língua no ámbito sanitario.

Os estudios revelan que, nos últimos tempos, estase a producir unha reducción progresiva do uso do noso idioma. Podemos falar, sen caer no alarmismo, que o galego corre o risco de desaparecer como língua viva nos próximos anos. Cando morre unha língua morre un mundo, escribía o xornalista Félix Soria nun artigo recente. Cando un idioma desaparece tamén se vai unha forma de entender a vida, de relacionarse coa existencia e cos demais. A lingua non é propiedade de quen a fala senon que pertence á Humanidade enteira, e os falantes temos a obriga de protexela e usala, do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade. A nosa lingua está en risco e os actuais gobernantes non asumen o seu deber de protexela. A perda dun idioma como elemento vivo dunha sociedade non sería só un fracaso político. É un fracaso de toda a sociedade  e unha responsabilidade colectiva frente ao mundo enteiro. Por iso cómpre sumar vontades para ir todos no mesmo sentido: protexer e potenciar o idioma como un dos bens máis importantes da nosa vida colectiva, como o feito cultural máis importante do país.

Nesta dirección camiña esta Irmandade, que pretende potenciar o idioma na sanidade. Porque a realidade é que, dez anos despois da aprobación do Plan de Normalización Lingüística (PXNLG), o galego na sanidade está prácticamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do rural, mais no ámbito hospitalario e no medio urbano a presenza do galego é residual. ISAGA pretende crear un impulso colectivo para que os profesionais fagan unha oferta positiva do propio idioma, e que sexa o sanitario “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”. 


Nesta xuntanza anual os asistentes reforzarán o seu compromiso coa nosa fala e tamén se vai homenaxear a figura do doutor Xosé Manuel López Nogueira, ilustre psiquiatra que exerceu a profesión en Santiago de Compostela ata o seu falecemento en 1983. Foi profesor na Facultade de Medicina, membro da xeración de La Noche, onde publicou as súas primeiras colaboracións xornalísticas. Comprometido con Galicia e co galego escribeu numerosos artigos neste idioma. Home de profunda formación intelectual, colaborou asiduamente en Grial e Vieiros. O seu amplio saber filosófico quedou recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”, editado por Galaxia en 1972, que ven ser, en palabras do profesor Bermejo “un formidable intento de síntese entre o pensamento filosófico e o pensamento e a práctica psiquiátricas de fins dos anos sesenta do século XX”. A figura de López Nogueira será recordada polo psiquiatra David Simón e o historiador José Carlos Bermejo. Este acto tamén contará cunha actuación musical do arpista Roi Casal.

lunes, 17 de noviembre de 2014

A mercantilización da Sanidade


Introdución do libro “La salud como negocio” (II)


Vicenç Navarro
Catedrático de Políticas Públicas, Universidade Pompeu Fabra, e Profesor de Public Policy, Johns Hopkins University


Detrás dos recortes do gasto sanitario hai outro obxectivo principal: o de agrandar o sector privado a costa de reducir o sector público, outro tema central no libro “La salud como negocio”. Isto é o que está ocorrendo masivamente en España, respondendo aos intereses do mesmo capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está destruíndo a Sanidade pública. A evidencia existente, e amplamente documentada neste libro, é robusta e abafadora.

Esta estratexia privatizadora responde a un dogma, o dogma neoliberal (promovido por un gran número de medios de información e persuasión altamente influenciados, cando non controlados, polos intereses financeiros da banca), que se reproduce a base de fe, e non de evidencia. En realidade, cada un dos seus postulados pode ser facilmente destruído pola evidencia científica existente, mostrada neste volume. Deles, o máis visible é o da suposta maior eficiencia do sector privado sobre o sector público. O libro documenta a falsidade deste suposto. En realidade, os entusiastas da privatización deberían visitar e coñecer mellor o sistema sanitario máis privado que existe hoxe aos dous lados do Atlántico norte, é dicir, o de EE.UU. Naquel país, hai case un consenso de que o sistema sanitario é, ademais do máis caro do mundo, o máis ineficiente, onde o número de intervencións cirúrxicas innecesarias, por exemplo, é o máis alto do mundo desenvolvido. Pero ademais de ser enormemente custoso e ineficiente é sumamente impopular. EE.UU. é o país onde a porcentaxe de insatisfacción do cidadán co sistema sanitario é maior. E como consecuencia do enorme poder que as compañías que se benefician máis do sistema privado (como son as compañías de seguros) teñen sobre o Congreso de EEUU, ningunha reforma pode levarse a cabo.


Este é o resultado de poñer como motor do sistema sanitario o afán de lucro. Tal obxectivo entra claramente en conflito coas necesidades da cidadanía. E a experiencia internacional proba irrefutablemente a certeza deste principio. Onde o afán de lucro predomina, a calidade da atención médica e a satisfacción do cidadán diminúen. Dous indicadores mostran o extremo a que esta situación pode levar a un país. En EE.UU. o 48% de pacientes que están morrendo declaran estar preocupados por como, eles ou os seus familiares, pagarán as facturas médicas. O grado de crueldade e inhumanidade deste dato define o significado da aplicación do principio do afán de lucro.

O segundo feito é que a mortalidade (estandarizada por diagnóstico e por tipo de paciente) é maior nas institucións privadas, con afán de lucro, que nas públicas. E as causas son fáciles de entender. O xestor do privado ten que optimizar os beneficios e faino a costa das infraestruturas que garanten a calidade. Esta situación ocorre tamén en España. O paciente dunha clínica privada -como a Teknon de Barcelona-, que ten unha cama por habitación, moi ben amoblada e con gran comodidade para o usuario, é enviado ao Clínico, hospital público, cando aquela clínica xa non pode cubrir as necesidades de laboratorio e persoal que o paciente require. Hoxe, a medicina privada con afán de lucro en España é unha fraude. Parasita os servizos públicos, que son os que garanten unha maior calidade asistencial.

É interesante subliñar que as clases podentes, máximas valedoras dos partidos neoliberais, que cren atendidas as súas necesidades sanitarias a través da medicina privada, non son conscientes de que en caso de gravidade van ter a necesidade de acudir á Sanidade pública, á cal as políticas do PP están empobrecendo. O que a Sanidade pública debería ter é a comodidade e confort que ten a privada, ademais da calidade da pública. Pero iso require un gasto público moito maior, ao que ditas clases se opoñen.

O libro “La salud como negocio”, escrito por autores de coñecido prestixio e competencia, é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública. É unha mina de información. Escrito dun xeito amena, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país.

PD: O libro "La salud como negocio" será presentado na Coruña o próximo día 26 de novembro, mércores, ás 20.00 horas, no salón de actos do Sporting Club Casino de A Coruña (Rúa Real, 83).
Entrada libre.

https://www.facebook.com/pages/La-salud-como-negocio/319967814853468



miércoles, 12 de noviembre de 2014

O ataque á Sanidade pública






Introdución do libro “La salud como negocio” (I)


Vicenç Navarro
Catedrático de Políticas Públicas, Universidade Pompeu Fabra, e Profesor de Public Policy, Johns Hopkins University



Hoxe estamos vendo en España, tanto a nivel central como autonómico (e moi en especial naquelas autonomías gobernadas por partidos conservadores-neoliberais), un ataque frontal á Sanidade pública, unha das conquistas sociais máis notables que conseguiron as clases populares nos anos oitenta coa aprobación, por parte das Cortes españolas, da lei que establecía o sistema público de cobertura sanitaria que, aínda non sendo universal (é dicir, que non garantía o acceso aos servizos sanitarios como dereito de cidadanía e residencia), cubría á gran maioría da poboación española. Este Servizo Nacional de Saúde non era perfecto. Traía herdadas moitas deficiencias, sendo a máis importante o seu escaso financiamento.

O Estado español, herdado da ditadura, tiña (cando a lei se aprobou) un dos gastos públicos sanitarios por habitante máis baixos dos países da Unión Europea (UE) cun nivel semellante de desenvolvemento económico ao español. Dita subfinanciación debíase ao enorme dominio que as clases podentes en España tiñan sobre o Estado español, favorecendo unhas políticas fiscais enormemente regresivas. Este dominio de clase, case absoluto durante a ditadura liderada polo xeneral Franco, continuou durante a época democrática. En contra da imaxe idílica da Transición (que promove o establishment mediático e político do país) que se deu en España da ditadura á democracia (que se presenta como modélica), dita Transición foi profundamente inmodélica. Os herdeiros da ditadura controlaban os aparellos do Estado e tamén a gran maioría dos medios de información, mentres que as forzas democráticas, lideradas polas esquerdas, acababan de saír da clandestinidade. Era imposible que unha situación tan desequilibrada puidese traducirse nunha Transición modélica.



Como resultado do dominio que as forzas conservadoras (instrumentos das clases podentes) tiveron sobre aquel proceso, o Estado español continuou sendo un Estado moi pobre, con escasa conciencia social e moi pouco redistributivo. E os datos están aí para todo quen queira velos. Ata hoxe, o Estado español (tanto central como autonómico) é (xunto con Grecia e Portugal, países que tamén sufriron ditaduras ultraconservadoras) o país da UE-15 que ten un dos gastos públicos por habitante e, dentro del, un dos gastos públicos sociais per capita (incluíndo o sanitario) máis baixos da UE-15 (o grupo de países da UE de semellante nivel de desenvolvemento ao de España), así como un Estado moi pouco redistributivo.

Agora ben, unha conquista das mobilizacións sociais -lideradas polo movemento obreiro- fixo que aquel Estado ditatorial se abrise, establecéndose unha democracia que, aínda sendo moi limitada e deficiente, permitiu a expresión dos desexos das clases populares. E entre elas, o desexo de que o Estado garantise os servizos públicos como Sanidade e Educación, así como as transferencias públicas, como as pensións, foron moi potentes. Por iso é polo que, como resultado de tales presións, o déficit do gasto público sanitario foise corrixindo, pero nunca alcanzou o nivel que lle correspondería a España polo nivel de desenvolvemento económico que ten. O nivel de riqueza de España é elevado. O seu PIB por habitante é xa do 94% do promedio da UE-15. En cambio, o seu gasto público social per capita é só o 74% do gasto promedio da UE-15. Si fose do 94%, España gastaría 66 000 millóns de euros máis do que gasta. Que non se gaste máis é porque o Estado non o recauda. É dicir, a riqueza para cubrir o enorme déficit de financiamento do estado do benestar español existe en España. O que ocorre é que o Estado non recauda. E débese ao enorme poder das clases podentes do país, que non contribúen ao mesmo nivel que os seus homólogos na UE-15. E é aí onde está o problema do que non se fala nos medios de información de maior difusión, claramente influenciados por esas clases, que aportan pouco ao Estado. Como resultado da súa influencia, as rendas do capital (que supoñen a maioría das rendas das clases máis podentes do país) aportan ao Estado moito menos que as rendas do traballo.


Outro factor que explica a subfinanciación do estado do benestar, incluíndo a Sanidade pública, é o xeito como se realizou a integración de España no euro, un dos acontecementos menos analizados nos medios de información. En España, o euro estableceuse a costa do empobrecemento do seu estado do benestar. O enorme dominio que o capital financeiro (é dicir, a banca) ten no establishment (a estrutura de poder) europeo e na gobernanza do euro explica que os criterios de Maastricht, que ditaban os requisitos que un país tiña que ter para entrar no euro, interpretáronse de maneira que beneficiaron ás clases podentes a costa das clases populares. Así, a redución do déficit público do Estado (baixando dun 6% do PIB a un 3%) fíxose reducindo o gasto público (e con iso, o gasto público social, incluíndo o sanitario) en lugar de subir os impostos das clases podentes, que non aportaban o que deberían aportar ás arcas do Estado. E por iso, polo que o xeito que se escolleu para reducir o déficit, que se empobreceu o estado do benestar.

E isto é o que está ocorrendo agora de novo. O déficit creado, en gran parte, polas baixadas de impostos que tiveron lugar na época en que -tal como sinalou o presidente Zapatero- baixar impostos era unha política de esquerdas, redúceno a costa de recortes do gasto público social (incluíndo o sanitario). Nin que dicir ten que o goberno conservador e neoliberal do PP acentuou aínda máis estas respostas, como ben documentan as distintas achegas do libro "La salud como negocio".

 https://www.facebook.com/pages/La-salud-como-negocio/319967814853468


jueves, 6 de noviembre de 2014

A saúde: ideoloxía e negocios






O libro A saúde como negocio publicouse en galego na primavera de 2012. Dous anos despois Edicións Laiovento pensou traducilo ao castelán para distribuílo fóra de Galicia. Unha vez revisados todos os textos démonos  conta de que a realidade dos feitos foi contundente. As peores predicións, anticipadas no libro, cumpríronse e foron superadas. A actuación dos gobernantes foi implacable: en tan pouco tempo, retrocedemos máis de tres décadas. Dinamitaron a lexislación vixente co funesto Real Decreto 16/2012 e iniciaron un camiño de longo percorrido cara á privatización do sistema. Detrás das decisións políticas -impostas por decreto, furtando o debate parlamentario e abusando da maioría absoluta- hai unha ideoloxía clasista que pretende recuperar unha Sanidade dualizada (aseguramento privado para os podentes, beneficencia para todos os demais), e hai tamén unha decidida intención de apropiarse dos orzamentos destinados á Sanidade pública, que hoxe representan ao redor do 40% do diñeiro das comunidades autónomas.

O cambio provocado nestes anos foi tal que a maioría dos textos utilizados perderon vixencia. Por esa razón incorporáronse capítulos novos que reflicten e analizan a situación actual. La salud como negocio  é, xa que logo, un libro novo, que pretende aportar luz sobre o que están facendo os gobernantes coa nosa Sanidade: executan un implacable desmantelamento do sistema público para xerar espazos de negocio ás empresas afíns e ás grandes multinacionais da Sanidade. Aporta datos e análises que reflicten a extraordinaria magnitude deste proceso, que pode deixar aos nosos sucesores sen a protección sanitaria que tanto custou construír ás xeracións precedentes e a nós mesmos.


No prólogo do libro Xosé Manuel Beiras enmarca as actuacións dos gobernantes no contexto dunha crise sistémica global que “dota de sentido á crecente agresión contra os sistemas sanitarios públicos para abolir o dereito do cidadán común a unha Sanidade universal e gratuíta, e converter a saúde nun negocio para o capital privado, como denuncia este libro desde o mesmo título”. Contra estas actuacións é preciso que os cidadáns desencadeemos un furacán de ideas e de rebelión cívica: “a este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da Sanidade pública”.

O profesor Vicenç Navarro recorda, na introdución do libro, que estamos vendo en España un ataque frontal á Sanidade pública, unha das conquistas sociais máis notables que conseguiron as clases populares nos anos oitenta. Afirma que "detrás dos recortes hai outro obxectivo: agrandar o sector privado a custa de reducir o sector público. Isto está a acontecer masivamente en España, respondendo aos intereses do capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está a destruír a Sanidade Pública".
Navarro considera que este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública: “É unha mina de información; escrito dun xeito ameno, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país”.