martes, 25 de marzo de 2014

As Áreas de Xestión Clínica e o Consello Consultivo




A Conselleira de Sanidade, firme defensora das privatizacións, presenta o seu proxecto de Áreas de Xestion Clínicas (AXC) como unha oportunidade de mellora e de participación dos profesionais. Pola contra, a grande maioría dos traballadores  consideran que se trata dunha auténtica ameaza para o sistema e unha trampa para todos eles.

 O pasado luns a Xunta de Galicia publicou no DOG o Decreto 36/2014 que regula a creación de AXC no Sergas, e que aprobaron no Parlamento, por vía de urxencia, cos únicos votos do Partido Popular o día 20 de marzo, coa oposición de todas as demáis forzas políticas. Tamén se mostran contrarios todos os sindicatos, que teñen convocadas accións unitarias para expresar a súa discrepancia radical con esta norma. A publicación deste decreto de forma tan apresurada (co presidente de viaxe, unha vez máis, por Hispanoamérica, e coas forzas sindicais pendente de novas xuntanzas para discutir o texto) resulta moi difícil de explicar. Tampouco son tranquilizadoras as palabras pronunciadas polo vicepresidente Rueda, quen manifestou: “Las áreas carecerán de personalidad jurídica propia, con lo cual, al menos en principio, resultarán imposibles de privatizar...”.



Pero resulta aínda máis alarmante saber que o Consello Consultivo de Galicia entregou  ao goberno do PP, o día 23 de xaneiro, un informe xurídico no que afirma de forma rotunda: “O Pleno do Consello, por unanimidade dos seus membros con dereito a voto, dictamina que o proxecto de decreto polo que se regulan as AXC do Sergas resulta contrario ao ordenamento xurídico”.  O Consello Consultivo é un órgano de carácter técnico xurídico, “ao servizo das administracións públicas e ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas”. Ainda que as súas decisións non son vinculantes resulta asombroso que o goberno ocultase este informe, emitido hai dous meses, e que, ademáis, non teña en absoluto en conta o seu dictame e as súas consideracións. 

A AGDSP ven de publicar un comunicado no que denuncia a falta de transparencia e as formas antidemocráticas utilizadas polo goberno galego para impor esta norma, que desperta cada vez máis recelos entre os profesionais e que ten a todas as forzas sindicais en contra. Tampouco tranquiliza coñecer a nova composición do equipo  asesor da Conselleira, integrado por un 90% de varóns  e que, ademáis, moitos deles teñen fortes vinculacións co sector privado e presentan evidentes conflictos de interese.

A tramitación desta norma está cargada de incertezas. Non aporta ningunha seguridade para o sistema e para os profesionais. Mais ben deixa o camiño sementado de preguntas. Por qué a Xunta non acatou o informe contrario do Consello Consultivo? Por qué levaron este decreto ao DOG con tanta premura, sen respectar o debate parlamentario nin as aportacións dos sindicatos? Ten algo que ver o consello asesor da Conselleira, e os seus intereses privados, con esta premura? Ten presa o goberno por mellorar a sanidade pública ou, máis ben, dicta normas que poden beneficiar a outros intereses?

jueves, 20 de marzo de 2014

As Áreas de Xestión Clínica: unha ameaza para a Sanidade Pública e a Atención Primaria


En Galicia Confidencial
En Nueva Tribuna


As Áreas de Xestión Clínica (AXC) promovidas polo goberno central representan, no caso de que cheguen a implantarse, un ataque contra o Sistema Sanitario Público e un serio risco para a súa sustentabilidade. Ademais contribúen a marxinar aínda máis á Atención Primaria (AP), en detrimento da equidade e a racionalidade do sistema.


O concepto da xestión clínica asociase tradicionalmente a dotar de máis capacidade de decisión aos profesionais, a mellorar a integración dos servizos asistenciais, ao traballo por procesos e á toma de decisións baseada na evidencia científica. O modelo que pretende impoñer o goberno non responde a estas formulacións; moi ao contrario, esta proposta vai dirixida a avanzar na privatización, utilizando a vía da microxestión de servizos asistenciais.

Pretenden cambiar o actual modelo sanitario, baleirando de contido e responsabilidade á Atención Primaria. A Lei Xeral de Sanidade asignou á  AP a función de xestionar e coordinar os procesos asistenciais e a atención dos pacientes no sistema. A  AP está orientada no noso país a prestar unha atención integral ao paciente, facilitar a accesibilidade aos servizos, coordinar os procesos asistenciais e traballar por programas priorizados. Coa novas Unidades preténdese trasladar estas funcións a unhas estruturas, as AXC, que serán controladas polas especialidades hospitalarias, dada a desproporción de poder existente na actualidade entre a AP e a hospitalaria. Hai que recordar que o presuposto de AP non alcanza o 15% do gasto sanitario, e que dende a aplicación dos recortes sanitarios se reduciu nun 16%, mentres que o hospitalario medrou un 2%. Non é razoable nin eficiente traspasar funcións propias do nivel primario (como a promoción, prevención, asistencia, coidados de enfermaría, rehabilitación, reinserción social, investigación e docencia) a unhas estruturas hexemonizadas polas especialidades hospitalarias, baleirando así de contido á AP.

Aínda que se publicitan como unha forma de mellorar a coordinación de servizos e de niveis, a realidade é que o fragmentan o sistema en múltiples entidades que deixan sen competencias á AP. As AXC substitúen as Áreas de Saúde que, segundo a Lei Xeral de Sanidade, teñen a responsabilidade de garantir a xestión integrada de todos os centros sanitarios a nivel territorial. No actual modelo a atención integral e o desenvolvemento de programas deberían estar coordinadas por AP. Coa implantación da Xestión Integrada xa deron o primeiro paso para o desmantelamento deste modelo ao eliminar as Xerencias de AP, que foron absorbidas polas Xerencias Hospitalarias, faena que agora pretenden rematar. Estas AXC poderanse desenvolver aplicando múltiples fórmulas organizativas (AXC -Centros de Saúde ou servizos hospitalarios-, Áreas ou Institutos de Xestión Clínica que agrupan a diferentes servizos ou unidades, EBAS, combinacións de estruturas de primarias e especializada etc), co que fragmentan o sistema e deixan a AP sen a posibilidade de controlar os procesos asistenciais.
 


Incrementan a burocracia, a irracionalidade e os gastos administrativos. A proposta de AXC inclúe o desenvolvemento de novas estruturas administrativas, pero mantendo as xerencias, xefaturas de servizos e equipos de AP. Todo isto multiplica as estruturas burocráticas, limita a xestión racional dos centros e xera conflitos e enfrontamentos de poder, co que se fai imposible o goberno do sistema, ademais de aumentar o gasto sanitario a expensas duns maiores custos administrativos.

 Favorecen a creación de modelos diferenciados dentro do sistema, e o incremento das desigualdades asistenciais, especialmente en AP. O carácter voluntario da adscrición ás novas unidades, o rexeitamento de gran parte dos profesionais a integrase, os contratos programa que diversifican a oferta de servizos e os incentivos vinculados ao aforro, favorecen o xurdimento de dous modelos diferentes dentro do sistema (os de Xestión Clínica e os de Xestión Tradicional). Está claro que se potenciará os que se vinculen ás AXC, marxinando os profesionais que non acepten a integración. Os centros de AP, que acepten transformarse en AXC, poderán ter carteiras de servizos propias, o que, xunto co a ausencia de planificación por necesidades e problemas, favorecerá o desenvolvemento de ofertas diferenciadas que respondan aos intereses das empresas ou dos profesionais que as integren, en detrimento das necesidades da poboación, co que se rompe coa equidade e se contribúe a incrementar as desigualdades e a irracionalidade do sistema.



En Galicia o actual goberno ten demostrado o seu nulo compromiso coa Sanidade Pública e coa AP. O severo recorte orzamentario castigou aos profesionais (un 14% menos orzamento de 2010 a 2014) e á AP: a reducción do gasto, a anulacion do Plan de Mellora e a posta en marcha das Xerencias Integradas anularon a capacidade de xestión deste nivel asistencial. As decisións deste goberno están orientadas á privatización crecente e a reforzar o hospitalocentrismo. Non se contempla a AP como eixo para o necesario cambio de modelo asistencial. Un goberno con tantos conflictos de interese coa sanidade privada non ten credibilidade para propoñer a estretexia da  xestión clínica na sanidade pública. O  proxecto de AXC que pretende implantar é unha decisión politica, e non só unha cuestión técnica ou xerencial como adoitan afirmar.

Ademáis, a modificación do Estatuto Marco do persoal estatutario, feita polo goberno central en xullo de 2013, pode representar unha ameaza seria no ámbito laboral.


Por todo o exposto consideramos que o PP, desde o goberno central e as autonomías onde goberna,  pretende utilizar este instrumento de xestión para fragmentar e afondar na privatización do sistema, favorecendo a creación de entidades empresariais acollidas ás novas formas de xestión privada (Lei 15/97) con presuposto propio e capacidade para competir. Pretenden desmantelar o sistema sanitario, crear un mercado sanitario interno que os neoliberais levan anos tentando desenvolver, facer cómplices aos traballadores sanitarios das políticas de recorte do gasto, e facilitar a entrada ao sector privado no sistema público. Ademáis anulan o modelo de saúde comunitaria, coordinado por AP, afondando na marxinación deste nivel asistencial ao que deixan sen ningunha capacidade de influencia, incrementando a burocracia, a irracionalidade e o gasto do Sistema Sanitario Público.

Por eso reclamamos: a paralización da implantación das AXC  tal como se está facendo, a recuperación das Xerencias de AP, a restauración dos orzamentos da sanidade pública, e o impulso dun amplio debate social para frear o desmantelamento dos servizos públicos que están a realizar os actuais gobernantes desde o propio poder. 

Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública.
Pablo Vaamonde García. Médico de familia. Exdirector xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas. 

Galicia, 20 de marzo de 2014.


viernes, 14 de marzo de 2014

Desenterrar as palabras

En Galicia Hoxe


 













Homenaxe ao doutor Gonzalo Gurriarán


O doutor Gonzalo Gurriarán (1904-1975) recibe unha homenaxe o día 22 de marzo en Valdeorras, nun acto organizado pola Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) e o Concello do Barco. Será nomeado irmandiño de honra nun acto solemne, que pretende recuperar a figura do doutor Gurriarán polo seu compromiso con esta terra e as súas xentes.  Na súa biografía hai moitos momentos que cómpre salientar, mais ten especial relevancia a súa colaboración coa guerrilla antifranquista na inmediata postguerra.

No tempo do terror foi quen de superar o seu propio medo, no tempo da represión soubo estar á beira dos fuxidos, naquel tempo de persecución e violencia tivo a valentía de poñer a súa profesión ao servizo da resistencia. Atendeu a moitos maquis e, por medio de enlaces, forneceu de medicamentos aos membros da guerrilla antifranquista. Esta era unha actividade de alto risco. Entre o Barco e Ponferrada, no ano 1945, producíronse máis de 2.000 detencións. Recorda David Simón nun artigo que “as partidas da guerrilla mantiveron importantes perídos de actividade ata 1950-52 en moitos lugares de Galicia. Unha importante zona de actividade foi a raia con Portugal e o oriente da provincia de Ourense, nos territorios montañosos e especialmente no macizo de Trevinca. Foi unha loita duradeira: uns dez anos de resistencia organizada”. Nesa zona os membros da resistencia tiveron o apoio e a atención sanitaria ofrecida polo doutor Gurriarán.

 O seu fillo Ricardo, historiador, nunca escoitou estas historias na casa familiar. Soubo das actividades de seu pai cando xa morrera, repasando as cinco mil cartas que gardaba, entre elas as de Otero Pedrayo, o seu mentor galeguista. Adicoulle tempo á tarefa e publicou un libro no que recolle a biografía do doutor Gurriarán quen, nos seus primeiros anos, semellaba destinado a unha vida diferente da que tivo. Fixo a carreira de Medicina, de forma brillante, en Salamanca, foi alumno da Residencia de Estudiantes de Madrid e ampliou estudos en Estrasburgo, donde se iniciou na investigación biomédica. 
Grabado de Luís Seoane


Mais a Guerra Civil truncouno todo. Non tiña unha especial actividade política, ainda que nas terras de Valdeorras era alcumado Negrín, polo vínculo persoal que tiña con quen fora profesor seu e que logo chegou a presidente da República. Cando comezou a guerra él estaba no Barco. Despois de estar agochado durante un tempo, en febreiro de 1937 foi incorporado como cirurxián en diversos hospitais de campaña do frente de Madrid.  Cando rematou a contenda non tiveron en conta os servizos prestados: abríronlle un expediente de depuración, impedíronlle continuar co seu traballo de investigador e non puido exercer a profesión na sanidade pública ata 1948, cando obtivo unha praza de médico de cabeceira en Sobradelo de Valdeorras. Mais daquela xa levaba anos exercendo a medicina privada e colaborando co maquis.


Naquel ambiente asfixiante, cos falanxistas e a garda civil vixiando os seus pasos, a finais dos anos 40 organizou o “Club de Montaña Pena Trevinca” (que protexía as súas frecuentes visitas á montaña) e  dirixiu a primeira e única selección galega de esquí, que debutou na serra do Guadarrama cun xersei que levaba bordado o nome de Galicia. Son retallos dunha historia persoal que exemplifica a de moitos resistentes no tempo do franquismo. O doutor Gurriarán gardou silencio. Había cousas que non se podían nomear. Nin ao propio fillo. Hai silencios cargados de emocións.  Pero é xa tempo de desenterrar as palabras –como reclama Clara Valverde nun fermoso libro-. É preciso saber que lle pasou aos nosos pais e aos avós, para poder contárllelo aos nosos fillos. Hai que rachar o pacto de silencio arredor do medo.  O Estado non fixo os deberes elementais da democracia –verdade, xustiza, reparación-, e temos unha sociedade enferma, con dó permanente individual e colectivo. En España, afirma Clara Valverde,  75 anos despois da Guerra Civil, 40 anos despois da morte de Franco e décadas despois da Transición, a transmisión xeracional de traumas sociais e políticos aínda non se abordou. Hai que recuperar a palabra, reconstruír o relato da nosa historia familiar e colectiva, temos que saber de onde vimos para poder entender como somos. 

O doutor Gonzalo Gurriarán foi un heroe. Cómpre recuperar o seu nome e o seu exemplo do esquecemento. Temos que saber que, nos tempos da infamia, houbo moitos coma el, que arriscaban a vida por axudar ás vítimas.

miércoles, 5 de marzo de 2014

Aborto: regreso á barbarie

Sete preguntas e sete respostas sobre o anteproxecto de lei do ministro Gallardón.

Revista Luzes
Nueva Tribuna


1. Xestación é o mesmo que vida humana?
En cada exaculación saen douscentos millóns de espermatozoides. De todos eles só un, de cando en vez, consigue chegar ao óvulo e fecundalo. Todos os demáis morren polo camiño, pero ninguen se preocupa por esa perda. Coa fusión dos dous núcleos fórmase unha nova célula, o cigoto, e comeza o complexo proceso do desenvolvemento embrionario que rematará co nacemento dunha criatura despois de nove meses.  Nas primeiras semanas de xestación non se pode falar dunha vida propiamente humana. Trátase dun conglomerado celular que se desenvolve seguindo un plan predeterminado: aos tres meses o embrión mide 10 centímetros e pesa 45 gramos.  A lei de prazos vixente é maioritariamente aceptada; enténdese que máis aló dun momento temporal concreto xa existe unha vida que pode chegar a conformar un ser humano. Esta é a visión desde o coñecemento biolóxico.

2. Defensa da vida ou defensa da alma?
Mais a cuestión non é cando comeza a vida humana desde a perspectiva da ciencia. Porque o lexislador (neste caso o ministro Gallardón -vexan a súa catadura moral neste enlace-, que ven de presentar o anteproxecto de “Ley de Protección de los Derechos del Concebido y de la Mujer Embarazada”) sitúase no terreo da crenza relixiosa: o propio Deus inserta unha alma no útero da xestante no instante mesmo da concepción. O cigoto ten dereito á vida (por enriba do dereito da muller), por posuir unha alma que o convirte en humano desde o primeiro momento. Esta instalación no dogma para lexislar ten efectos moi perversos: impón unha crenza propia a toda a poboación, contempla á muller como unha incubadora e retíralle a capacidade de decidir; négalle o dereito a dispor do seu corpo  e mesmo pretende obrigala a traer ao mundo fetos con malformacións e doenzas graves. No ano 2013 naceron en España (coa lei vixente) 3.500 criaturas con discapacidades severas que son dependentes para toda a vida. Coa lei de Gallardón haberá máis recén nacidos con limitacións importantes: é unha crueldade obrigar á vida a estas criaturas mentres lle sustraen ás familias toda axuda e protección para a súa crianza.

3. Como cambiou a regulación do aborto na historia recente?
A decisión de abortar é sempre dificil e dolorosa. A interrupción voluntaria do embarazo  (IVE) practícase con baixo risco cando é realizada en condicións axeitadas. Non sempre estivo regulada e cando se lexislou foi para considerala unha práctica penalizada. O Código Penal Español de 1822 establecía penas que podían chegar aos 14 anos de reclusión para os profesionais e ata oito para as mulleres que abortaran. Durante o franquismo as mulleres pobres abortaban de forma clandestina, sen ningunha garantía sanitaria e con serio risco para a saúde (no ano 1976 morreron entre 200 e 400 mulleres a consecuencia destas prácticas); as fillas dos ricos iban a Londres, con indulxencia plenaria, para desfacerse do seu problema. De regreso, despois da oportuna confesión e penitencia, pasaban a encabezar as manifestacións antiabortistas impulsadas pola xerarquía da Igrexa e apoiadas pola dereita máis reaccionaria. Esa dobre moral e esa conducta hipócrita son as que o goberno pretende recuperar con esta lei. 

4. Cal é a situación actual do aborto en España?
A Lei Orgánica 9/1985 despenalizou o aborto se había grave risco para a saúde física ou psíquica da embarazada, no caso de violación e ante a presenza de malformacións do feto.  Foi un gran avance, que se consolidou coa Lei Orgánica 2/2010, coñecida como lei de prazos.  Esta norma despenaliza a práctica de IVEs durante as primeiras 14 semanas. Nese período a muller pode decidir de forma libre sobre a interrupción da xestacion, sen intervención de terceiros na súa decisión.  Tamén sinala que o prazo aumenta ata as 22 semanas  no caso de graves riscos para a vida ou a saúde da nai e o feto. Esta lei non provocou un aumento no número de IVEs (como aseguran os seus detrectores), pero sí serviu para garantir o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa vida, e para establecer unhas condicións sanitarias adecuadas para estas intervencións. Ampara o dereito da muller a interrumpir unha gravidez non desexada, pero non obriga a ninguen a actuar contra das súas conviccions. Esta norma é semellante ás existentes na maioría dos países do hemisferio norte con lexislacións pouco restritivas con respecto á práctica de IVEs.

5. Por qué impón o ministro de Xustiza esta nova lei?
Gallardón afirma que vai cambiar a lei por ser un  compromiso do seu programa electoral. É pouco crible este argumento cando vemos  ao goberno en pleno incumplir de forma sistemática todas as promesas da campaña electoral. Trátase, máis ben, da imposición do seu propio credo relixioso a toda a cidadanía, e tamén pode ser unha estratexia para centrar a discusión medíatica neste asunto (tan grave e relevante) mentres continúan co expolio dos orzamentos, coa demolición dos servizos públicos e coa laminación dos dereitos laborais e cidadáns. Porque non existe unha demanda social para propoñer un cambio lexislativo tan regresivo. Máis ben ao contrario, hai unha percepción xeralizada de que a presente lei de prazos é ben aceptada e valorada pola maioría social.

6. É necesaria unha nova lei sobre o aborto?
Un grupo de profesionais relevantes fixo públicas as súas razóns para defender a actual norma: é unha lei  conforme á Constitución, que funciona (non houbo incremento no número de abortos), respecta ás mulleres e a vida en formación. Non fai distinción entre pobres e ricas e permite que as IVEs se realicen de forma segura e equitativa. Ademáis a lexislación de prazos é a que máis aplican os países do contorno europeo e permite compatibilizar a protección do non nacido co dereito da muller a non continuar cunha xestación non desexada.  Derogar esta lei representa un retroceso que nos devolve aos tempos do franquismo e aos abortos clandestinos. Significa un regreso da civilización á barbarie. Pero hai quen se está preparando xa para facer negocio: as clínicas portuguesas que se adican á práctica de IVEs prepáranse para a chegada masiva de mulleres españolas. 

7. Que cambios plantexa a lei de Gallardón?
Co anteproxecto de  lei, que inicia agora a súa tramitación parlamentaria, a  interrupción da xestación nas primeiras 14 semanas (que representa o 90% dos casos)  xa non será un dereito da muller. Será delito. Só haberá dúas excepcións: a violacilón e a existencia de perigo grave para a vida ou a saúde física ou psíquica da muller. 
Pero non permitirá a práctica de IVEs ante a presenza de malformacións fetais ou doenzas incurables: . “No hay embriones de primera y de segunda, como no hay personas de primera y de segunda”, sentenciou o ministro Gallardón, que prefire castigar ás mulleres  -e aos fillos con discapacidade grave- a un destino cruel (en nome dun Deus despótico e sen piedade) na vez de respectar a súa liberdade para dirixir a propia vida.  
Permanece o suposto do risco para a saúde psíquica da muller como motivo para realizar unha IVE, pero impón máis esixencias: esta condición deberá ser acreditada por un informe de dous médicos alleos á clínica que vaia practicar o aborto.  Pero ainda hai máis: a muller que solicite unha IVE recibirá información sobre alternativas, axudas á maternidade e riscos da intervención e terá que agardar sete días antes de decidir. Con esta medida  provócanse demoras innecesarias, realizase unha auténtica coacción sobre a muller que se ve tratada como unha enferma, como unha persoa “incapaz” de decidir por sí mesma, e que debe ser tutelada na súa toma de decisións. Ademáis as mulleres de 16 e 17 anos volverán a precisar do permiso paterno para poder acceder a unha IVE. Só no caso de conflito familiar grave podera o xuiz decidir, en quince días, se a moza pode interrumpir o embarazo non desexado. De novo increméntanse as demoras e provócase un sofrimento innecesario nunha situación difícil por sí mesma. Este anteproxecto tamén contempla a obxección de conciencia de todos os profesionais (sanitarios e non sanitarios) que participan na realización de IVEs, e establece penas (ata tres anos de cárcere e seis de inhabilitación) para os médicos que practiquen abortos fora dos supostos legais establecidos na norma.

En definitiva esta lei é innecesaria e cruel, supón un abuso de poder e representa unha vulneración dos dereitos da muller; supón un retroceso histórico sen precedentes e sen xustificación ningunha, salvo a imposición das crenzas do ministro sobre os dereitos das/-os cidadáns, só para satisfacer á retrógrada xerarquía da Igrexa española e aos sectores máis radicais e reaccionarios do seu propio partido.