sábado, 19 de enero de 2019

Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública en Galicia (II)




Os sistemas sanitarios organizados en dous niveis asistenciais son os máis eficientes e os que máis aportan á saúde da poboación. Un sistema sanitario “forte” precisa unha AP “forte” (Barbara Starfield). A AP debe ser o elemento central que asuma a coordenación dos procesos asistenciais e, para iso, ten que contar con profesionais formados e con medios suficientes que permitan resolver máis do 80% dos problemas de saúde.  Con ese deseño foise construíndo, nos últimos 35 anos, un SNS que, pese a todolos ataques, conserva un nivel de calidade máis que aceptable.


Cos gobernos do Partido Popular o deterioro do SNS foi evidente. O nivel máis atacado foi a AP: en Galicia o PP suprimiu as Xerencias de AP, decapitou o plan de mellora e degradou as condicións laborais ata o extremo. Agora os profesionais, que se sinten maltratados, revélanse e reclaman a reparación do dano causado. A Atención Primaria debe reunir unha serie de condicións para ter unha boa calidade asistencial. De todas elas considero que hai tres elementos imprescindibles que deben ser impulsados coa maior premura: o aumento da capacidade resolutiva, a continuidade asistencial e a restauración da accesibilidade.

-A capacidade de resolución dos problemas de saúde require de profesionais ben formados, e que conten con medios e acceso a probas sen restriccións burocráticas. Na actualidade a boa formación dos profesionais de AP está infrautilizada por causa da sobrecarga asistencial, da aplicación de protocolos restritivos (impostos desde as xerencias hospitalarias) e das excesivas trabas e demoras no uso de medios diagnósticos. Para mellorar a AP é preciso recuperar poder e aumentar os recursos: hai que incrementar os orzamentos que hoxe representan un raquítico 12% do total adicado a sanidade (moi lonxe do 25% que reclaman os expertos). Se isto non muda podemos volver á situación de hai 50 anos, cando o médico de cabeceira era un escribano dedicado a facer receitas e volantes.

-A continuidade asistencial é un elemento básico da AP. Cando o profesional de AP atende durante tempo prolongado aos pacientes e ás súas familias establécense vínculos de confianza, empatía e respecto que son elementos esenciais da relación terapéutica. Dende o goberno da Xunta estase a rachar esta característica de forma radical. A ausencia de oposicións, os contratos-lixo, a non substitución do persoal ausente, a amortización de prazas: todas estas decisións (de marcado contido politico e económico) degradan a asistencia. É preciso convocar oposicións periódicas para que os profesionais sanitarios teñan unha cota asignada fixa, e que os pacientes non sexan atendidos por un profesional diferente cada vez que acuden ao seu Centro de Saúde. O acordo asinado pola Administración e algúns sindicatos é unha burla que perpetúa a precariedade e prexudica aos pacientes.

-A accesibilidade á consulta é un elemento clave e definitorio dunha boa AP. Na Atención Hospitalaria, nos casos que non sexan urxentes, pode admitirse unha demora razonable. Pero unha persoa que precise de atención en AP debe poder acudir coa maior brevidade. A Administración é a principal causante das demoras, xa existentes nalgúns Centros de Saúde, pola sobrecarga asistencial, a non substitución das ausencias e polas cotas médicas excesivas. Mais, neste caso, entendo que os profesionais debemos facer o maior esforzo posible para non provocar listas de espera en AP. O noso deber profesional é atender aos pacientes co maior respecto e o antes posible.

Pero considero que hai dous puntos clave para a abordaxe dos conflitos que agroman na AP. Cómpre restaurar as Xerencias de AP, con orzamento propio e autonomía de xestión. De non ser así, non haberá unha solución real aos problemas creados. Tamén é preciso que as promocións novas de profesionais se incorporen á loita colectiva polos dereitos cidadáns e pola dignidade profesional e que adopten unha conducta de actuación común ante os problemas que afectan a todos. Cómpre asumir que as solucións non son individuais nin sectoriais. Os afectados somos todos: todas as categorías profesionais e, sobre todo, as persoas.


Pero estamos nesta situación porque houbo quen adoptou decisións que nos trouxeron ata aquí. O deterioro da AP non é froito do azar nin da crise. Hai responsables na política e na xestión sanitaria que provocaron este desastre. Non se trata só de buscar remedios puntuais aos conflictos presentes. A degradación da AP (e da Sanidade Pública en xeral) é consecuencia da acción política dos últimos dez anos; as solucións non se atoparán con medidas cosméticas deseñadas por grupos de traballo afíns ao poder. A restauración da AP só se producirá se hai unha mudanza politica en Galicia. Mentres goberne o PP non haberá unha solución real.

sábado, 12 de enero de 2019

Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública (I)

Nueva Tribuna
Galicia Confidencial



Nos últimos 35 anos o Estado español potenciou a Sanidade Pública dunha maneira espectacular ata convertela nun servizo exemplar, moi valorado polos cidadáns e modélico para o resto do mundo. Dende a Lei Xeral de Sanidade (1986) houbo un impulso político firme e continuado que permitiu o desenvolvemento dos novos e modernos hospitais públicos e a creación de centenares de Centros de Saúde, antes inexistentes. A mellora da formación pola vía MIR, a creación da especialidade de Medicina de Familia, a incorporación de novas tecnoloxías e a entrega entusiasta de numerosos profesionais permitiron a construcción dun dos mellores sistemas sanitarios existentes. O Sistema Nacional de Saúde (SNS),  sustentado en dous niveis asistenciais, Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH), demostrou ser moi eficiente e contribúe de forma importante á mellora da vida das persoas.

 Mais todo isto está en risco. Nos últimos tempos as políticas impulsadas dende o poder polo Partido Popular (PP) van encamiñadas a suspender a atención sanitaria como un dereito das persoas para convertela nun negocio. Este gravísimo proceso de extirpación dun dereito para transformar a saúde nunha mercadoría dase en todo o territorio estatal, pero aplícase dun xeito moi intenso e perseverante no noso país. Os severos recortes practicados están a provocar efectos moi prexudiciais.



Galicia incorporouse tarde ao desenvolvemento da AP (decreto de 1993), pois o PP estivo en contra desde os inicios e alineouse sempre cos sectores máis reaccionarios do sector. Pese a todo a sanidade galega e o nivel de AP melloraron de maneira notable nas últimas décadas. Hai 50 anos os médicos pasaban consulta no propio domicilio e a carencia de medios era absoluta. As primeiras promocións de médicos de familia tivemos unha profunda implicación e unha actitude de absoluta militancia que favoreceu a implantación do novo modelo da AP, en contra das resistencias de certos grupos profesionais e do propio goberno do PP.


O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma notable a Sanidade Pública e mellorou o primeiro nivel asistencial (con aumento de recursos, dotación de medios e incremento de persoal). Puxo en marcha un ambicioso plan de mellora da AP que non chegou a desenvolverse pois foi paralizado de inmediato polo PP cando ocupou de novo o poder da Xunta (tamén anulou o proxecto de hospital público de Vigo para impulsar un proxecto privado que provocou e provoca graves disfuncións nesa área sanitaria). Núñez Feijóo é un experto privatizador, coñecedor desde antiguo do negocio sanitario; a eso se dedicou desde o primeiro día: a desmantelar a sanidade pública e a crear espazos de negocio para grupos afíns e as grandes multinacionais do sector (aseguradoras privadas, empresas de tecnoloxía e industria farmacéutica).


En AP, ademáis de suspender a aplicación do plan de mellora tamén suprimiu as Xerencias de AP (que tiñan o seu orzamento e capacidade de decisión propia); foron fagocitadas por unha xerencia única hospitalaria (EOXI), de tal forma que o primeiro nivel asistencial perdeu autonomía de xestión e pasou a ser un apéndice menor dos grandes monstruos hospitalarios. A perda de orzamento, de medios e de persoal foi progresiva e continuada. Non houbo convocatorias de prazas para AP e outras foron amortizadas. Os contratos eventuais do persoal son cada vez máis precarios e degradantes; a Administración maltrata aos profesionais con ensañamento. 

A sobrecarga asistencial é cada vez maior. A aparición de problemas sanitarios pola dificultade de facer unha atención de calidade é evidente. O amoreamento de padiolas nos Servizos de Urxencia é cada día máis ofensivo para a dignidade humana. Hai uns meses morreu un paciente no PAC da Estrada e provocou unha grande alarma social. Hai unha denuncia na Fiscalía polo falecemento de dous pacientes na Urxencia do CHUS (dirixido por unha prima de Núñez Feijóo). A protesta social e profesional comeza a ser máis intensa: hai folga nos PACs e nos Servizos de Urxencias, e unha dimisión en masa dos xefes de servizo de AP en Vigo. Din que non hai persoal para mellorar os servizos. Tamén iso é falso: se convocasen unha oposición presentaríanse cen persoas para cada praza. Pero os profesionais, se poden, fuxen dunhas condicións laborais intolerables.


Nos últimos dez anos a calidade asistencial dos Centros de Saúde sustentouse no esforzo e na entrega de moitos profesionais que agora, no límite da súa resistencia, protestan e reclaman solucións. Ante a alarma social a Xunta responde coa creación de grupos de traballo, integrados por profesionais afíns, aos que encarga o deseño dun novo modelo de AP, dando a entender que o existente non é bó. Realmente non se precisa un modelo novo: o necesario é restaurar o dano causado coas decisións adoptadas por eles mesmos. O actual deterioro non é froito da manifesta incompetencia dos dirixentes. Pola contra, é o resultado dun plan trazado previamente e executado desde o poder político coa complicidade dalgúns profesionais, que colaboraron desde os seus postos de xestión no desmantelamento da AP. Pero aínda é posible recuperar a dignidade: só é preciso un cambio político.