viernes, 28 de febrero de 2014

A privatización do Sergas


En Nueva Tribuna
En Galicia Confidencial
En Praza Pública



O Servizo Galego de Saúde ten, para o ano 2014, un orzamento de 3.326 millóns de euros, que é case 400 millóns máis baixo que en 2010. As externalizacións e os concertos con centros privados aumentaron de forma extraordinaria; representan xa preto do 50% do presuposto total xunto co gasto en farmacia e material sanitario, que segue a ser moi elevado (1335 millóns de euros). O descenso orzamentario afecta sobre todo ao gasto en persoal (pola destrucción de prazas e a reducción salarial, descende un 14% respecto a 2010 e representa o 44% do total). Con tanto gasto comprometido para a actividade privatizada e a factura das farmacias, o Sergas só dispón do 5% do presuposto para todo o demáis (obras, dotación, equipamento, funcionamento etc.), a todas luces insuficiente. Levaron a situación a tal extremo que o Sergas ten cegada toda posibilidade de investimento e mellora, situación terrible para calquera organización que queira ser punteira. 

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ven de facer público un excelente informe no que deixa ben ás claras a estratexia privatizadora impulsada polo PP en Galicia. A forma de actuar é a mesma que empregan no ámbito educativo: recortan os orzamentos, reducen o persoal e desprestixian o seu traballo, e despois ceden a empresas privadas o labor que viñan realizando os empregados públicos. Núñez Feijóo, experto privatizador (a nefasta experiencia das Fundacións Sanitarias e a privatización de Correos figuran no seu currículo), impulsou esta liña de actuación desde o primeiro día en Monte Pío.  A folla de ruta é ben clara: fragmentan a sanidade pública en diversas áreas de actividade para proceder logo á súa privatización. Deste xeito destrúen postos de traballo e descapitalizan os centros públicos; non garanten unha mellor calidade na prestación pero sí que provocan, en todos os casos, un maior custe económico. Neste estudo destacan, pola súa repercusión negativa para o futuro, a privatización de alta tecnoloxía (mediante a curiosa figura legal chamada “socio tecnolóxico”) que queda en mans das propias empresas subministradoras, e serán as que decidan que tecnoloxía se implementa e donde se sitúa: aumentará o gasto e o uso excesivo e inadecuado destes recursos, como se demostrou noutros estudos. Tamén  é unha substraccion moi relevante a entrega a mans privadas da docencia, a formación e a avaliación de tecnoloxías; o sistema público perde o control dunha área fundamental: a investigación e o coñecemento que permiten construir o futuro. 


Con esta táctica o PP entregou xa a mans privadas parcelas moi amplias dos centros sanitarios: o servizo de ambulancias, as telecomunicacións do Sergas, o almacenamento e suministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica (Ianus) e a receita electrónica, a central de chamadas (que presta un servizo penoso), a alta tecnoloxía etc. Agora pretenden privatizar os servizos de esterilización de todos os centros sanitarios de Galicia, unha decisión de alto risco e que pode deixar sen traballo a perto de douscentos profesionais. O citado documento, que cómpre ler polo miudo, revela cales son as empresas beneficiadas polas privatizacións, sinala os numerosos conflitos de interese existentes nas decisións políticas e destapa o papel cómplice das empresas consultoras neste acelerado proceso privatizador, e os seus vínculos co entorno do partido gobernante.

A ADSPG remata o seu escrito facendo un chamamento: “Hai que parar este desmantelamento ilexítimo e seguramente ilegal do noso Servizo Galego de Saúde”. Se non somos capaces de frear esta estratexia privatizadora, no futuro será moi difícil recuperar a titularidade pública dos servizos privatizados. Cómpre actuar xa, sen máis demora.

domingo, 23 de febrero de 2014

O dereito á educación





Nacín nunha casa sen libros. Os meus avós eran analfabetos funcionais. A escola pública foi para mín un territorio liberador, que me permitíu acceder á cultura e á formación.  Naqueles escuros anos setenta o ensino público facilitou que moitos rapaces do rural tivésemos un destino distinto ao dos pais, lonxe da estada e da emigración. Coñezo de primeira man a importancia da educación como factor de equidade e integración

Os poderes públicos teñen a obriga de manter e mellorar o sistema público como elemento clave do Estado de benestar. Mais non é así. Os actuais gobernantes aplican con insania as súas políticas de recortes sobre os centros públicos mentres o ensino concertado tivo un incremento dun 30% de fondos nos últimos cinco anos. Asistimos a unha radical ruptura do pacto social que potenciou a emenxencia e o desenvolvemento dos servizos públicos de cobertura universal. Hoxe vemos como, desde propio poder, están a executar o seu desmantelamento. 

 
A editorial Laiovento (dirixida polo meu amigo Francisco Pillado) editou hai pouco un libro excelente  -Educación: dereito ou mercadoría-, coordinado pola pedagoga Mariló Candedo, no que os autores fan un repaso das diferentes medidas adoptadas polos gobernos central e autonómico, que están a provocar unha auténtica contrarreforma educativa, que nos conduce a tempos pretéritos, que xa criamos superados.  Estamos diante dun cambio de modelo, afirma Mariló Candedo, que utiliza “a crise económica como coartada perfecta para colocar verdadeiras cargas de profundidade nun modelo educativo que conseguiu logros indiscutibles en termos de igualdade de oportunidades e equidade social”. 
 
A estratexia aplicada é a mesma que na sanidade: recortar, desprestixiar e privatizar. Ese é o modus operandi das políticas neocon que aplican os actuais gobernantes. As medidas adoptadas, tal como se relata no libro, seguen os ditados de organismos, como o BCE e o FMI, que posúen o control a escala internacional. Mais introducen dous elementos diferenciais: a forte presenza da Igrexa, que ve aumentados os seus privilexios, e a orientación recentralizadora, dacordo co seu modelo de Estado, que pretende reducir o papel das autonomías. 


 O ministro Wert impón con soberbia a súa lei sen propiciar acordos cos outros partidos e coa oposición frontal da comunidade educativa. O discurso oficial centra o seu foco nas deficiencias do sistema:  o fracaso escolar, o abandono precoz, a escaseza de alumnado excelente, a sobretitulación, os baixos resultados no informe PISA, a falta de competencia en linguas estranxeiras. Non se reflexiona sobre a educacion que se precisa para enfrontar os retos do século XXI, mais usan este argumentario para recortar de forma drástica os orzamentos e substraer á educación pública recursos materiais e  humanos de xeito radical. Están a executar unha auténtica contrarreforma educativa que nos devolve aos tempos da desigualdade, cando os fillos dos pobres sabían que nunca chegarían á Universidade, pois o seu destino “estaba escrito no código xenético”, tal como afirmaba Rajoy de mozo, cando se manifestaba como un entusiasta defensor da desigualdade natural dos seres humanos. 

PD: A “Alianza Social Galega” convocou mobilizacións en toda Galicia o día 27 de febreiro, para esixir o cese dos recortes e reclamar outras políticas para saír da crise, que non castiguen máis á cidadanía e os traballadores. 

lunes, 10 de febrero de 2014

Fernando Vázquez e o galego

En Praza Pública
En Galicia Confidencial


Fernando Vázquez (Castrofeito, A Coruña, 1953), o actual adestrador do Deportivo, estivo a finais de xaneiro no meu barrio de Labañou, convidado polo Colexio Calvo Sotelo (onde colaboro no adestramento do equipo xuvenil), para dar unha charla aos alumnos do centro e aos rapaces que integran as distintas categorías de fútbol base. Foi un encontro distendido e ameno e o técnico contestou, durante máis dunha hora, a todas as preguntas dos numerosos asistentes. Plantexáronlle cuestións de todo tipo, algunhas sinxelas e outras máis comprometidas, pero en todo momento deu mostra da súa habilidade para a conversa e o debate. 

Fernando vive o fútbol con auténtica paixón. Son famosas as súas carreiriñas pola banda cando o seu equipo consegue un gol. Así o vivíu sempre. Cando estudaba en Santiago, recén saído do Seminario, xogou no equipo do Negreira, na Liga da Costa, aquela competición esixente e intensa, de campos enlamados e xogadores rudos, onde destacaba como centrocampista organizador, con gran visión do xogo. Alí coincidín con él unha tempada, aínda que eu máis ben quentaba a banqueta. 

 Non fixo carreira como futbolista, a pesares do seu evidente talento, mais sí como adestrador. Comezou moi novo cando, despois de rematada a carreira, compaxinaba o seu traballo como profesor de Instituto cos adestramentos nas escolas deportivas na súa terra natal. O CD Lalín foi o primeiro equipo que adestrou como profesional, e conseguiu levalo dende rexional até a Segunda B. Así comezou, en 1986, unha longa e brillante carreira na que pasou por diversos equipos (Lalín, Racing de Ferrol, Lugo, Compostela, Oviedo, Mallorca, Betis, Las Palmas, Rayo Vallecano, Valladolid, Celta e Deportivo) e tamén actuou como seleccionador de Galicia (xunto con Arsenio Iglesias) durante varias tempadas.  Destacou como descubridor de talentos, pois foron moitos os xogadores que, co seu apoio, debutaron en Primeira División e iniciaron unha carreira exitosa no mundo do fútbol (Tristán, Joaquín, Güiza, Ruben Castro etc).

 Os cronistas sinalan de Vázquez a súa condición de estudioso do fútbol, polo que algúns o teñen alcumado como “profesor”, se cadra lembrando a súa primeira profesión. Máis as súas lecturas non se restrinxen só ao mundo do balón: é un home culto e con inquedanzas intelectuais e sociais (hai uns meses participou nun documental contra da mina de Corcoesto). Gran admirador de Sacchi e Cruyff, tamén destaca como estratega e pola súa habilidade para a motivación persoal e o reforzamento do grupo. Esas foron as súas bazas durante a súa traxectoria profesional.

En febreiro de 2013 –hai agora un ano- fíxose cargo da dirección do Deportivo, despois dunha mala racha de resultados de Oltra (outro excelente adestrador) e da penosa  espantada de Domingos Paciencia. Tiveron que pasar case 18 anos desde os seus inicios –con oito tempadas en Primeira e dúas en Segunda-, para chegar ao equipo dos seus soños. Porque Vázquez é un deportivista confeso, e nunca ocultou as súas simpatías por este equipo. O seu último traballo como adestrador foi precisamente o Celta (gran rival do Dépor), donde foi cesado en 2007, cando o equipo estaba perto do descenso. 

Despois de seis anos sen adestrar foi chamado para dirixir o Dépor co difícil obxectivo de manter o equipo en Primeira División. “Unha chamada á unha da mañán cambioume a vida”, dixo nunha entrevista. Estivo a piques de acadar a meta.  Recoperou animicamente ao equipo e soubo crear unha excelente conexión coa afección, que o acolleu como un líder. Aínda que o equipo descendeu no último momento, Riazor segue a confiar no adestrador. Fernando Vázquez, coa súa actitude honesta e o traballo incansable, reforzou a confianza  colectiva a foi quen de tecer unha rede afectiva coas bancadas semellante á que existía nos tempos de Arsenio e o Súper Dépor.  

Na charla-coloquio celebrada en Labañou amosouse afable, paciente e afectuoso. E expresouse en todo momento en galego, feito que me interesa destacar, pois a utilización do galego en todos os ámbitos, de maneira habitual, debe ser un obxectivo daqueles que amamos esta terra e a súa cultura. Neste país anómalo o que debería ser natural convírtese nun signo de distinción. Nesta cidade, tan desgaleguizada pola nefasta influencia doutro Vázquez (o ex-alcalde), a actitude de Fernando ten un enorme valor para a recuperación do idioma no mundo do fútbol e na vida cotiá. Alguns xogadores  (Ínsua, Luís…) xa seguen o seu exemplo. Saúde, mestre.