Os poderes públicos
teñen a obriga de manter e mellorar o sistema público como elemento
clave do Estado de benestar. Mais non é así. Os actuais gobernantes aplican con
insania as súas políticas de recortes sobre os centros públicos mentres o
ensino concertado tivo un incremento dun 30% de fondos nos últimos cinco anos.
Asistimos a unha radical ruptura do
pacto social que potenciou a emenxencia e o desenvolvemento dos servizos
públicos de cobertura universal. Hoxe vemos como, desde propio poder, están
a executar o seu desmantelamento.
A editorial Laiovento (dirixida polo meu amigo
Francisco Pillado) editou hai pouco un libro excelente -Educación: dereito ou mercadoría-,
coordinado pola pedagoga Mariló Candedo,
no que os autores fan un repaso das diferentes medidas adoptadas polos gobernos
central e autonómico, que están a provocar unha auténtica contrarreforma
educativa, que nos conduce a tempos pretéritos, que xa criamos superados. Estamos diante dun cambio de modelo, afirma
Mariló Candedo, que utiliza “a crise económica como coartada perfecta para
colocar verdadeiras cargas de profundidade nun modelo educativo que conseguiu logros indiscutibles en termos de
igualdade de oportunidades e equidade social”.
A estratexia
aplicada é a mesma que na sanidade: recortar,
desprestixiar e privatizar. Ese é o modus
operandi das políticas neocon que
aplican os actuais gobernantes. As medidas adoptadas, tal como se relata no
libro, seguen os ditados de organismos, como o BCE e o FMI, que posúen o control a escala
internacional. Mais introducen dous elementos diferenciais: a forte presenza da Igrexa, que ve aumentados os seus
privilexios, e a orientación recentralizadora,
dacordo co seu modelo de Estado, que pretende reducir o papel das autonomías.

PD: A “Alianza Social Galega” convocou mobilizacións en toda Galicia o día 27 de febreiro, para esixir o cese
dos recortes e reclamar outras políticas para saír da crise, que non castiguen
máis á cidadanía e os traballadores.