martes, 17 de noviembre de 2015

Vai pasando o outono


























 


O outono deste ano deixounos días espléndidos de sol, cunha temperatura impropia para estas alturas do ano. O verán de San Martiño, neste caso, foi unha realidade. Os días que estamos na aldea, acompañando aos nosos maiores nesta última etapa da vida, sempre aproveito para camiñar á beira do río. Na miña vila hai, á beira do río Alvariño, un fermoso paseo que, no abrir do día, permite gozar en soidade do ruído das augas no seu descenso lento cara o mar, do canto dos paxaros que celebran o novo día, das pinturas impresionistas que forman as árbores coas súas múltiples tonalidades desta estación decadente.


O río que menciono ten dous tramos. Na súa parte máis alta, no seu paso por Nantón ata chegar a Cobas (Concello de A Baña, PP) o río está abandonado. As cortiñas cubertas de maleza e os montes sen coidar que medraron cara o río, cegaron toda posibilidades de acceder á súa beira. A balsa do río, onde nos bañabamos de nenos e tentabamos aprender a nadar, é agora totalmente inaccesible. A parte máis baixa do río Alvariño, -cando amansa as súas augas e se xunta co río de Barcala para buscar o seu fin no Tambre- (concello de Negreira, PSG) ten o seu entorno coidado e limpo, e o paseo fluvial ofrece a posibilidade dunha fermosa andaina en contacto directo coa natureza.


Unha mañán de sábado, coa primeira luz do día, fun camiñar pola beira das augas. Era un día fermoso de outono, seco e ventoso. De cando en vez un golpe do vento facía caer, de súpeto, miles de follas das árbores, como gotas de auga nunha cascada. O río baixaba maxestoso, con moita auga. Nunha esquina do camiño alguén plantou un souto de castiñeiros novos, todos eles perfectamente aliñados. No chan había moitos ourizos, algúns abertos, outro coa castaña aínda dentro. 


Parei para facer unha fotografía. O intento inútil de deter o tempo, de gardar o instante e facelo eterno nunha imaxe. Nesas estaba cando vin achegarse un home maior, coa cabeza completamente branca. Pasou á beira, con paso áxil, e saudou con cortesía: “Bos días”. Houbo na súa mirada unha luz de recoñecemento, pero continuou o seu camiño. Eu tamén quedei pensando, e vireime para ver como se perdía ao lonxe, nunha volta do camiño. De súpeto souben quen era: Pepe do Francés, un amigo da infancia, compañeiro na escola e nos xogos infantís, cando tentabamos aprender a xogar ao fútbol facendo caneos arredor dos carballos do campo da festa. Se cadra hai cincuenta anos que non nos vemos. A vida levounos por camiños diferentes. Pero recoñecín os seus xestos, a expresión da cara, a forma de andar. Aquí estaba, o mesmo neno, tantos anos despois.

Quedei con pena de non saudalo. Estou certo que el tamén me recoñeceu. Pero continuou o camiño sen parar, como o río que baixa, lento e manso, na busca do seu final; como as nosas propias vidas, que tamén viaxan, sen deterse, cara o destino inexorable.


lunes, 16 de noviembre de 2015

ISAGA homenaxea en Ourense ao doutor Peña Rey






Don Manuel Peña Rey
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario, celebra este ano a súa Asemblea en Ourense (o vindeiro día 28 de novembro) na que rende homenaxe ao doutor Manuel Peña Rey. Esta será a quinta edición do encontro, no que tamén se incorporarán 30 novos irmandiños-as, persoas comprometidas co idioma galego no desempeño do seu labor profesional. 

En anos anteriores ISAGA honrou a memoria de Manuel Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella Vidal (investigador, empresario cofundador de Zeltia e galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo (pioneiro da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; e a de Xosé Manuel López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”) en 2014.

Neste 2015, ISAGA quere honrar e recuperar para a memoria colectiva a figura do xinecólogo e político galeguista don Manuel Peña Rey. Naceu en Cotobade (en 1899?) e desenvolveu a súa actividade profesional en Ourense. Na II República foi director do Hospital Provincial e presidente do Colexio de Médicos. Como militante galeguista chegou a ser o presidente do Partido Nacionalista Republicano de Ourense (PNRO) e fixo campaña pola Fronte Popular nas eleccións de 1936. Foi destituido nos inicios de guerra civil, no verán do 36, e estivo encarcerado no Carballiño. Tardou máis de oito anos en ser rehabilitado.

Dibuxo de Castelao
Manuel Peña Rey foi un dos pioneiros da Obstetricia e Xinecoloxía en Ourense; non está moi claro se foi o primeiro médico desta especialidade en establecerse na cidade, pero hai constancia documental que acredita a súa presenza desde o ano 1918. Foi o seu mestre Manuel Varela –prestixioso xinecólogo galego afincado en Madrid- quen lle aconsellou instalarse en terras ourensás. Na revista galeguista Nós aparecen, ao longo dos anos, diversas insercións publicitarias das clínicas e sanatorios que Peña Rey puxo en marcha na cidade. O psiquiatra David Simón, que ten escrito en varias ocasións sobre este personaxe, será o encargado de glosar a súa figura. No acto estará presente Manuel Peña-Rey Bouzas, fíllo do homenaxeado, tamén médico e figura destacada do comunismo ourensán: agora é o presidente de honra do PCG.

Con este acto de recuperación da memoria histórica ISAGA quere honrar a todos aqueles que, en tempos ben difíciles, souberon manter o seu compromiso co país e coa lingua. Servirán de exemplo ás novas xeracións, para perseverar na tarefa de defender a nosa cultura e o noso idioma, auténtica riqueza que non nos pertence: é un ben da Humanidade enteira, e con ela debemos sentirnos comprometidos.


Anuncio publicado na revista Nós, 1920-5

Anuncio da Clínica Peña Rey, no periódico socialista La Lucha (Ourense, 1931)