lunes, 26 de noviembre de 2012

O galego está enfermo

A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) celebra a súa II Asemblea

En Praza Pública



O galego está enfermo, pero aínda non morreu, como se prognosticou hai anos. Ainda hoxe é a língua maioritaria en Galicia. A grande maioría da poboación entende o idioma e tamén sabe falalo. Pero hai un dato preocupante: a poboación máis nova e cun nivel educativo máis alto –e que tamén saben ler e escribir en galego-, son os que máis desertaron do seu uso na vida cotiá. Tamén preocupa a escasa presenza da lingua nos medios de comunicación (e a desaparición daqueles que a usaban) así como a pouca penetración no espazo virtual. A maior porcentaxe de galegofalantes dase no medio rural e na Galicia interior. En moitas cidades non é doado facer vida en galego da mañá á noite, e mesmo son frecuentes as “conversas bilingües”.


 Así pois, a desafección polo noso idioma non está condicionada polo descoñecemento do mesmo: aqueles que máis formación teñen son os que menos o usan. En certos ambientes hai unha visión estigmatizada do galegofalante. Podemos lembrar aquela moza de Gran Hermano que decía: “Es que a mí me cuesta un montón hablar en gallego... Un día conocí a un chico pero ¡¡hablaba en gallego, y me dio un bajón!!”. Esta connotación pexorativa é, por desgraza, moi frecuente, e hai quen asocia o uso do galego coa ruralidade e a ignorancia.

Cómpre vencer estas resistencias e crear condicións para que falar galego sexa unha opción desexable para todos e, especialmente, para a mocidade; precisamos recuperar o seu uso en todos os ámbitos da vida diaria. O galego vivirá se está presente nos parques infantís, nas tendas, nos estadios de fútbol, nos xulgados e nos hospitais. Se o seu uso se restrinxe ao mundo literario e á liturxia da política non haberá porvir para a nosa fala. No mundo da sanidade a presenza do galego é moi escasa. Só fala galego habitualmente o 35% dos profesionais mentres que só o escribe o 6,5% (C.Gradín / IGE). No seu último libro, As voces baixas, Manuel Rivas conta a anécdota dun home que por fin é admitido como bedel dun banco: Seu pai comentoulle: "E terás que mercar un traxe novo...". Él respondeu: "Xa está mercado! Onte probei coa gravata. Xusto ao apertar o nó púxenme a falar un castelán macanudo". Pois eso; semella que aos sanitarios deste país, desde que puxeron a gravata, borróuselles o galego dos beizos.

A utilización da nosa fala na práctica sanitaria pode ser doblemente benéfica: pode ter valor terapéutico en sí mesma –moitas persoas sinten a proximidade do profesional cando a relación se establece na lingua propia-, e tamén pode mellorar a saúde do idioma, dado o prestixio que a profesión sanitaria segue a ter entre a poboación. Con este propósito naceu a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA): para promover o uso do galego no ámbito sanitario.  O primeiro de decembro celebra a súa segunda asemblea anual en Vigo. Na mesma darase acollida a cincuenta novos irmandiños –sanitarios de toda Galicia destacados polo uso do idioma no seu desempeño profesional-, e tamén se fará unha homenaxe ao doutor Ramón Obella Vidal, investigador, empresario e galeguista, impulsor principal da empresa Zeltia. Coa convicción de que a doenza do galego ten cura esta Irmandade pretende, ano a ano, sumar vontades ata que falar galego nos hospitais non sexa un acto heroico senon un feito cotiá asumido con total normalidade. ¡Que anomalia de país, que temos que distinguir aos que utilizan a propia lingua!

miércoles, 21 de noviembre de 2012

A secesión

En Galicia Hoxe

A dereita catalana representada por CiU impón políticas semellantes ás do goberno central. Aplicou severos recortes no gasto público e deu apoio a reformas laborais que facilitan o despedimento. Á fronte da sanidade pública situaron a Boi Ruíz, ex-presidente da patronal. As implicacións dos intereses privados na gobernanza do país sobrepasan os límites da ética política. Mais o control dos medios de comunicación públicos e o apoio dos privados permítenlle á Generalitat difundir a mensaxe de que non hai máis alternativas. As medidas aplicadas, para castigo do pobo e dos traballadores, fanas ver como as únicas posibles. O PP utiliza unha estratexia similar no Estado. Hai grandes semellanzas nas súas políticas e nas estratexias de propaganda.

 Neste momento electoral ambas as dúas forzas aparecen confrontadas pola cuestión nacional. Preséntanse como dous grupos radicais que alimentan o conflicto e a confrontación. Mentres o PP se sitúa como firme defensor da unidade pátria –“una, grande, libre"-, CiU fala do “expolio”, fai plantexamentos soberanistas e reclama a independencia. Uns e outros, en tempos de inquedanza e dificultade, na vez de facilitar a concordia e fomentar a solidariedade, sementan de minas dialécticas a xeografía e dinamitan as pontes que deberían favorecer a convivencia dos pobos ibéricos. Uns e outros, enfermos de vaidade, cunha actitude irresponsable, instigan a construcción de barricadas, alimentan os odios e convocan á secesión. Unha Catalunya independente, gobernada por CiU, sería moi semellante á de hoxe: recortes, políticas fiscais regresivas, deterioro dos servizos públicos e impunidade ante as corruptelas do poder. O pobo non vería melloradas as súas condicións de vida.

Non podo deixar de pensar na antiga Iugoslavia, un Estado próspero que estaba próximo a incorporarse á UE. A declaración de independencia de Croacia, despois dun referendum en 1991, foi o inicio dunha guerra cruel que se desenvolveu ata 1995, na que morreron 130 mil persoas e dous tercios da poboación foron desplazados dos seus fogares. As feridas ainda están abertas. Todos perderon, mesmo Croacia, a zona máis rica, que pretendía gozar de mais prosperidade coa secesión.

O ano pasado tiven a oportunidade de visitar ese territorio. En Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes. Souben que, tantos anos despois, miles de persoas siguen sen fogar e moitos non volveron a cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan, mentres as elites económicas e políticas amasaban fortunas cos negócios da guerra. Agora a xente ten nostalxia dos tempos de Tito, cando todos –sen distinción de credo, relixión ou étnia- tiñan protección social, acceso á educación, á sanidade e á vivenda. Ese tempo xa morreu, sepultado polos morteiros, e non vai volver.

Podemos pensar que a situación política e o tempo histórico non teñen nada que ver. Mais só falta que a agresividade verbal se convirta en violencia física para que a espiral do terror o invada todo. Estes gobernantes que xogan  á confrontación radical, de xeito frívolo e irresponsable, deberían actuar con máis prudencia: hai maquinarias que, unha vez postas en marcha, non hai forma de paralas.


martes, 13 de noviembre de 2012

O abismo da desigualdade


En Galicia Confidencial

 
Hai quen considera que non todos somos iguais. Os intelectuais franquistas Fernández de la Mora e Moure Mariño defendían, na década dos oitenta, a desigualdade natural dos seres humanos. Mariano Rajoy fixo comentarios eloxiosos de ambos autores e escribeu en defensa da desigualdade das persoas  afirmando que “los hijos de ´buena estirpe` superan a los demás”. Esa convicción ideolóxica é a que determina as súas decisións políticas.  

A reforma laboral deixa aos traballadores aos pés dos cabalos empresariais; os recortes convirten a saúde nunha mercadoría, a educación nun privilexio e laminan os servizos sociais; os desafiuzamentos deixan á intemperie a centos de miles de familias. Estas medidas, adoptadas coa escusa da crise, están inspiradas nunha ideoloxía supremacista. Todas as actuacións conducen a que a riqueza e o poder se concentren en poucas mans, deixando á inmensa maioría instalada no medo e a desesperanza. A facción que hoxe goberna o país, en connivencia cos grandes especuladores internacionais, está a baleirar as arcas do Estado. Os herdeiros do franquismo queren desandar o camiño da historia e volver ao tempo de amos e criados, de señores e servos. O historiador Santos Juliá lembra “aquela España sinistra e miserable que arrastrou durante décadas brutais desigualdades sociais, exorbitantes privilexios á beira de inmensas barriadas de chabolas”.
 
Mentres tanto, ao día seguinte de gañar as eleccións en EEUU, Obama –un político honesto a quen os poderosos lobbies non deixaron desenvolver os seus proxectos no primeiro mandato- xa afirmou que vai esixir máis impostos aos ricos, pois entende que o primeiro é crear emprego e que, para reducir o déficit, hai que subir os impostos e non eliminar os programas sociais. Todo o contrario do que se está a facer neste país. Como decía Manuel Rivas “en USA gañou Obama pero en España, digan o que digan, goberna xa Mitt Romney”.  Tamén afirmou que esta casta, que se enriquece coa ruína da maioría, creou “un Estado de abuso: sangría aos asalariados, estupor da clase media, estampida emigrante dos mozos. E privilexios para os privilexiados”. 

O escritor francés Pierre Rosanvallon recorda, no seu libro La sociedad de los iguales, como a caída do sistema comunista, por unha banda, e a actuación conservadora impulsada por Thatcher e Reagan, por outra, propiciaron a desregulación dos mercados, que comezaron a funcionar sen control político. Este capitalismo sen freo provoca “unhas diferencias económicas abismais que poden acabar coa convivencia”. O multimillonario Warren Buffett dixo nunha ocasión, sarcástico, que “durante os últimos vinte anos houbo unha guerra de clases e foi a miña a que venceu”.

Os tafures da especulación internacional seguen a acumular riqueza de forma obscena. O premio nobel Joseph Stiglitz, no seu libro El precio de la desigualdad, recorda que o 1% da poboación acumula a riqueza do mundo e vive de costas ao outro 99%. Afirma que os mercados por sí sós tenden á acumulación da riqueza máis que a promover a competencia; ademáis, as políticas dos gobernos favorecen esa tendencia ao influir para favorecer aos máis ricos. Pero Joaquín Estafanía advirte que os principais enemigos do capitalismo son os propios capitalistas, “que abusan do seu inmenso poder cando non teñen contrapesos dabondo no mundo da política”. Así é que, mentres as clases baixas e medias se empobrecen aceleradamente, algunhas elites teñen ganancias inimaxinables, polo que “está en risco a cohesión social e a propia esencia da democracia”. 

Gabriela Cañas lembra que o índice Gini, que mide a distancia entre ricos e pobres, disparouse desde 2008 ata converter a este país no máis desigual da Eurozona, destruíndo un dos logros máis importantes da democracia española. Tamén recorda que non é a pobreza a que xera malestar social senon “a desigualdade e a inxusticia intrínseca que conleva a que provoca as peores tensións”. Por eso hai que paralos. Non podemos permitir que continúen o seu labor de demolición do Estado de benestar. Non lles podemos deixar que continúen esta viaxe ao pasado miserable do que tanto custou fuxir.