lunes, 25 de abril de 2011

Neste mes de abril

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/neste-mes-abril/idEdicion-2011-04-25/idNoticia-662382/

 Semana Santa: Na miña infancia era tempo de recollemento, tristeza e contrición. A alegría e a música estaban prohibidas; todos tiñamos que sentirmos culpables pola crucifixión e morte de Cristo na cruz. Os tempos teñen cambiado moito e nestes días houbo, nas estradas españolas, máis de nove millóns de vehículos nos que a xente se desplazou na busca de lecer e diversión. Agora as expresións de devoción convertéronse nun espectáculo. O clima non acompañou e moitas procesións tiveron que ser canceladas. Nós viaxamos ás terras de Barcala e do Xallas, para ver os nosos maiores. Circulamos envoltos por unha densa néboa, que producía unha sensación de lenta irrealidade. Pola radio soubemos das diferentes posibilidades de lecer en Galicia: a festa da lamprea en Arbo, a do xabarín en Cerdedo, o día do augardente de Portomarín, a feira do encaixe en Camariñas, a celebración do San Telmo en Tui (con pregón do ex presidiario Mario Conde), e a Pascua de Padrón. Así, pois, se o tempo non permite as procesións de Viveiro ou de Ferrol, sempre hai alternativas. Será por paparotas... 

Fútbol: Se estas propostas non abondan para encher o tempo de ocio sempre haberá un partido Barça-Madrid, dos moitos que van disputar nestes días. A final da Copa resolveuse cun gol maxestoso de Cristiano Ronaldo quen, suspendido no aire moito máis tempo do que permite a lei da gravidade, conseguiu rematar un centro de Di María desde a esquerda, cando xa levaban ás costas máis de cen minutos de partido. Foi un exemplo de fortaleza e decisión; pero quedan outros envites pendentes para ver se o arrogante Mourinho é capaz de frear o trenzado de ourivería que elabora o equipo de Guardiola ata convertelo en arte efémero. 

Libros: Se o fútbol tampouco serve para acadar a plenitude teño outro consello para quen queira recibilo: collede un libro e poñédevos a ler. Neste tempo de zapping e liviandade a lectura repousada é, ademais dun pracer, unha necesidade. Esta vida de vertixe que nos impoñen precisa, de cando en vez, dun tempo para a reflexión.
Un libro, nestes casos, sempre é unha boa compañía. O 23 de abril é o día internacional do libro (conmemórase o falecemento de escritores como Cervantes e Shakespeare). En Catalunya, nesta data, agasallan cun libro e unha rosa. Sigamos o seu exemplo. Aquí van as miñas recomendacións: Riña de gatos de Eduardo Mendoza, e Cabalo de ouros de Víctor Freixanes..

martes, 19 de abril de 2011

Os recortes na sanidade


Cando o PP ocupou o poder na Xunta, no ano 2009, realizou unha brusca paralización das melloras que se tiñan impulsado nos catro anos previos en materia sanitaria. Situaron como xerenta do Sergas unha persoa procedente da sanidade privada e fixeron un discurso monocorde baseado en só dous argumentos: a sostibilidade do sistema está en risco, cómpre reducir o gasto.
A crise económica foi a escusa para levar a cabo un profundo recorte na sanidade pública. Baixaron os orzamentos sanitarios por primeira vez na historia autonómica, anularon o Plan de Mellora de Atención Primaria, rebaixaron a actividade de tarde nos hospitais e reduciron á metade os investimentos en innovación tecnolóxica e renovación dos centros sanitarios. Ao mesmo tempo foron fabricando espazos de negocio privado a expensas do orzamento público, utilizando nesta ocasión o financiamento e xestión privada da construción dos hospitais. Os defensores da sanidade pública uniron as súas forzas en dezaseis plataformas (integradas todas en SOS Sanidade Pública -http://www.sos-sanidadepublica.org/-) que teñen impulsado manifestacións multitudinarias en diversas localidades.
Cando a dereita catalá, capitaneada por Artur Mas, recuperou o poder na Generalitat utilizou, no terreo sanitario, os mesmos argumentos e semellante estratexia. Nomearon conselleiro a Boi Ruíz, presidente da patronal hospitalaria e defensor da sanidade privada e do copago. As primeiras medidas non tardaron en chegar. Recortaron o gasto na sanidade pública en 1.000 millóns (un 10% respecto do 2010); os hospitais van perder entre 1.000 e 2.000 camas e un número indeterminado de quirófanos; máis de 5.000 traballadores poden perder o emprego, segundo os sindicatos. Nestes días pasados houbo protestas: milleiros de persoas saíron á rúa por entender que se está a poñer en risco o futuro da sanidade, a educación e os servizos sociais, os piares do estado do benestar.
Trinta entidades da sociedade civil asinaron un manifesto (¡Basta de recortes!) e preparan unha mobilización masiva para maio pois entenden que detrás destes recortes hai unha estratexia deseñada para dar maior entrada a actores privados no sistema público. A dereita sempre ten claro o obxectivo. O que lles preocupa non é garantir os servizos. O que de verdade importa é o negocio. Como decía El Roto nunha viñeta: "¡Baixarémosvos os salarios, quitarémosvos dereitos, levarémos a pasta e aínda nos votaredes!"..

lunes, 11 de abril de 2011

Imputados

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/imputados/idEdicion-2011-04-11/idNoticia-658208/

Crematorio: Rafael Chirbes é un escritor extraordinario que, no ano 2007, acadou o premio nacional da crítica coa súa novela Crematorio. Neste libro conta, por medio de varios monólogos encadeados, a vida de Rubén Bertomeu, un arquitecto que amasa unha fortuna na costa levantina co negocio da construción. Aquí está retratado o atlas da corrupción que impera nese territorio. Aparecen asesores de urbanismo corruptos, alcaldes e concelleiros sen escrúpulos, abogados sen conciencia, mafiosos que lavan diñeiro con investimentos en rañaceos. Hai festas ata o amencer, reunións en prostíbulos, negocios turbulentos, ameazas e matóns armados, cocaína e depravación. E manexando todo está o construtor, experto en tráfico de influencias, suborno e extorsión. Este especulador sen moral utiliza os demais para o seu propio beneficio; todos saben dos seus manexos delituosos pero miran para outro lado; moita xente vive arredor da corrupción sen valorar as consecuencias; todos comen sen importarlles "o porca que queda a cociña". O propio Chirbes, defensor do sentido ético do oficio de escribir, afirmou que este libro non é unha denuncia da corrupción urbanística senón que quere reflectir como é a nosa modernidade, "o que se supoñía que iamos traer despois do franquismo e que deu como froito esta planta velenosa que nos asfixia".
Corrupción: É un dos maiores inimigos da democracia. Cómpre manter os sistemas de alerta activados para evitar que se instale na vida pública. En Galicia ten unha presenza poderosa. Lembremos o caso máis recente: hai máis de vinte imputados na operación Orquestra, que afecta a diversos cargos públicos da Costa da Morte. Pero en Valencia semella que ten botado raíces ben profundas. Mariano Rajoy (que na última semana apareceu nos medios por unha foto do 2009 no barco Maropa, vinculado a un clan do narcotráfico galego) acaba de aprobar as candidaturas de Camps nas que figuran, en postos de saída, dez implicados en casos de corrupción. O perigo non está en que presuntos delincuentes se presenten ás eleccións: o drama é que hai xente disposta a votalos. A degradación está tan instalada na sociedade que se acepta como un mal inevitable. E mentres, o Partido Popular sementa dúbidas sobre as actuacións da xustiza, envilece a vida política e impide que se faga unha rexeneración democrática, como reclama IU, tan necesaria para garantir o futuro colectivo.

viernes, 8 de abril de 2011

Eran os anos setenta

 http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/eran-anos-setenta/idEdicion-2011-04-04/idNoticia-655714/

Naqueles anos setenta eramos un feixe de mozos que escoitabamos a Bob Dylan e a Paco Ibáñez, e liamos os autores do boom latinoamericano, os cadernos de Marta Harnecker e a edición clandestina do Sempre en Galiza. Viñamos dun tempo escuro, coñeciamos o medo ("calquera día aparece o teu fillo nunha gabia, e nunca se saberá quen lle pegou o tiro"), e alimentabamos o soño dun mundo mellor que o que viñamos de herdar. Daquela a política local facíase no Casino, e aínda se tiña memoria do falanxista que andara polos bares con orellas humanas colgadas dun arame. Lembremos que o ditador morreu en 1975, o Partido Comunista foi ilegal ata a semana santa do 77 e as primeiras eleccións da democracia non se celebraron ata o verán dese ano.
Na humidade das noites do val de Barcala había xuntanzas nas que se tentaba debuxar un camiño común. Desas inquedanzas naceron, non sen atrancos, a Asociación Cultural Afonso Eans, a asociación de veciños de Negreira e as primeiras organizacións agrarias da bisbarra; promoveuse un movemento de oposición contra da instalación dunha celulosa na beira do río Tambre e procurouse a democratización da cooperativa Feiraco, que tanta vida lle ten dado á comarca. O Colexio Rural trouxo á vila o alento de xente nova (Suso de Toro, Santi Carballido, Cristobo Ramírez...) que participaron con entusiasmo nestas tarefas. Eran tempos de ilusión, naquela nacente democracia, e de xenerosa participación nos movementos cidadáns. Aquela actividade compartida formounos como persoas e deixou forte pegada nas nosas vidas.
Hai uns días houbo unha xuntanza en Pontemaceira ( http://plazadocoton.blogspot.com/), na que participaron corenta persoas protagonistas daquela historia colectiva. Algúns xa nos deixaron para sempre, como o cura Bartolo e o poeta Ardeiro. Outros non puideron asistir, por motivos diversos; pero os alí presentes recordaron con nostalxia o tempo pasado e fixeron unha valoración positiva do camiño andado. Daquela efervescencia democrática xurdiron líderes labregos (Bello, Trillo, Cándido, Pepe Iglesias), dirixentes políticos (Manuel L. Tuñas -o mellor alcalde da historia de Negreira-, Aurora Platas, Antonio Campos, Joaquín Buergo...), escritores e artistas (Suso de Toro, Pepe Ardeiro, Cristobo Ramírez, Xosé Cobas...) e mesmo empresarios como Che Turnes. A vida levounos por diferentes camiños pero nunca esqueremos a nosa orixe e o compromiso asumido por todos naquel tempo iniciático.