miércoles, 15 de noviembre de 2017

Os irmáns Baltar Domínguez




Sanatorio Baltar
As guerras provocan cambios definitivos na vida das persoas. Hai feridas que tardan décadas en cicatrizar. A guerra civil foi unha confrontación longa e cruel que debuxou un territorio de morte, desolación e fame, e deixou o país dominado pola ditadura franquista. Hai feridas abertas e moitas familiar aínda buscan aos seus mortos. Morreron centos de milleiros de persoas, moitos foron perseguidos torturados e encarcerados; outros fuxiron ao estranxeiro para reiniciar unha nova vida, lonxe da opresión e da miseria.

Os irmáns Ramón e Antonio Baltar Domínguez (nados en Santiago en 1902 e 1906) son un exemplo de como muda o destino das persoas co impacto dunha confrontación bélica. Tamén son un exemplo de coherencia biográfica e compromiso co país a pesares da crueldade da guerra e da posterior opresión da ditadura franquista. 




Ramón Baltar Dominguez, sentado á dereita
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) celebra o 25 de novembro un acto público para honrar a súa memoria, ás 12.30 horas, no Salón Nobre do Pazo de Fonseca. O historiador Ricardo Gurriarán fará unha semblanza dos homenaxeados e a celebración contará coa presenza do alcalde de Santiago. Esta organización, que pretende recuperar para a memoria colectiva estes referentes ilustres da nosa historia recente, ten como obxectivo principal impulsar o uso do idioma galego na práctica sanitaria. Vinte novos irmandiños vanse incorporar a ISAGA neste acto.

Os irmáns Baltar Domínguez naceron a primeiros do século XX, eran fillos do famoso cirurxián Angel Baltar Cortés (considerado como o “pai da medicina moderna galega”) e pertencen a unha longa e extensa saga de profesionais da medicina compostelá. Ámbolos dous estudaron Medicina e a súa vida parecía destinada a unha plácida traxectoria vital dedicada ao exercicio da profesión e á docencia na Universidade. Pero a guerra separou os seus destinos. 

Antonio Baltar Dominguez
Antonio foi profesor da Facultade de Medicina entre 1934 e 1936 e tamén colaborou na creación da “Agrupación ao servizo da República” en Compostela. Cando se inicia a guerra foi castigado pola súa posición política e suspendido de emprego e soldo na Universidade; tivo que exiliarse a América. En Arxentina revalidou o seu título de doutor en Medicina, fundou un sanatorio en Avellaneda e desenvolveu unha brillante traxectoria profesional ao mesmo tempo que colaboraba cos intelectuais galegos no exilio (Rafael Dieste, Luís Seoane, Díaz Pardo). Morreu novo, en 1970, no hospital Ribadavia de Bos Aires. 

Ramón Baltar, cirurxián e profesor da Facultade de Medicina, foi mobilizado ao iniciarse a guerra civil para traballar como cirurxián no bando franquista. Foi acusado de ser “cotizante del Socorro Rojo, isquierdista, propagandista del Frente Popular y masón”. Conseguiu saír sobresido pero en 1939 foi sancionado de novo coa inhabilitación perpetua para todo tipo de cargos directivos. Na inmediata posguerra deu apoio médico a fuxidos e guerrilleiros da comarca de Santiago. O famoso Foucellas foi atendido no seu Sanatorio despois de ferirse coa súa propia arma.

Os irmáns Baltar Domínguez deben ser un referente para aos profesionais sanitarios e para toda a sociedade galega. Consideramos moi necesario honrar a súa memoria e poñelos como exemplo de coherencia e dignidade.

miércoles, 24 de mayo de 2017

A privatización sanitaria





Os servizos sanitarios non son un gasto social insustentable, como repite o catecismo neoliberal. Pola contra, a sanidade pública é unha fonte de riqueza, de progreso e de coñecemento, ademais dun elemento esencial de integración social. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), que se ergueu nas últimas décadas no Estado español, contribúe non só a manter a saúde dos cidadáns senón que aporta traballo e benestar a parte da poboación. Os servizos sanitarios representan unha parcela moi importante da actividade económica (o 40% dos orzamentos das CCAA dedícase a tal fin).

Existe unha forte tensión privatizadora, pois os poderes económicos ansían apoderarse desa partida do diñeiro público. Hai unha estratexia internacional para converter a sanidade nunha parcela de negocio. Desde o FMI, o BCE ou o poderoso Club Bilderberg (presidido polo nobre francés Henri de La Croix de Castries) os poderes económicos teñen posta a mirada sobre o SNS e manobran para facerse con el. No Estado hai plataformas (FAES, SEDISA, Club Gertech) que repiten as falacias neoliberais (xa recollidas no Informe Abril en 1992): que a sanidade pública é insustentable, que a xestión privada é máis eficiente que a pública e que o financiamento debe ser público pero a provisión dos servizos debe ser privada. 

Todos apuntan no mesmo sentido: os lobbies da industria farmacéutica e da tecnoloxía sanitaria e as empresas aseguradoras teñen moito interese en desmontar a nosa sanidade pública para convertela en negocio. O SNS está en perigo pois existe unha “estratexia deseñada e articulada por grupos poderosos que pretenden facerse cos fondos que o Estado destina á sanidade” (FADSP). Esta actuación depredatoria está sendo realizada coa complicidade do PP, que ten a moitos dirixentes imputados e a moitos outros como asiduos visitantes das “porta xiratorias. En sanidade o PP actúa con todo rigor a favor dos intereses privados e está a executar unha contrarreforma sanitaria; desde o goberno central, coa escusa da crise, impuxo o infame RD 16/2012 que suprime o dereito á atención sanitaria universal e recupera a figura do “asegurado”; e nas CCAA (desde os inicios no hospital de Alzira -1997-, que agora está a ser rescatado) privatizou desde hospitais enteiros a extensas parcelas da actividade sanitaria. 



Nos últimos tempos a conivencia dos poderes políticos e económicos impulsou novas ameazas para o SNS, que se suman ás xa existentes. A nivel global hai unha ameaza moi poderosa: o  tratado de libre comercio (TTIP) que, de aplicarse, abriría as portas ás grandes empresas do sector para apoderarse do SNS e podería deixar os litixios entre os Estados e as empresas fóra dos canles da xustiza ordinaria e nas mans de tribunais externos que actuarían, con toda certeza, a favor dos intereses empresariais.

A nivel local, e de forma moi intensa en Galicia, o PP actúa con rigor a favor dos intereses empresariais. A privatización da xestión de servizos esenciais e do I+D+i do Sergas está xa moi avanzada. O seguinte obxectivo son as Unidades de Xestión Clínica, que poderían significar a privatización definitiva do núcleo duro do SNS: a actividade asistencial. Pero esta contrarreforma sanitaria, argallada de costas da poboación e os profesionais, está infestada de conflitos de interese e de actuacións que bordean ou directamente infrinxen a legalidade, o que pode permitir a súa recuperación mediante a acción política e a loita cidadá. Non podemos permitir que desmantelen o SNS, elemento esencial do Estado de benestar.





lunes, 24 de abril de 2017

Don Carlos Guitián, o médico que facía as receitas en galego








Don Carlos Guitián nunha charla recente no Liceo
Don Carlos Guitián é un médico con moito prestixio na cidade de Ourense, onde exerceu a profesión durante moito tempo (foi xefe do Servizo de Uroloxía do Hospital Provincial 45 anos e tamén tivo a súa consulta na rúa Progreso). Agora cumpre gozosamente noventa anos e un numeroso grupo de amigos fanlle un merecido recoñecemento público o próximo día 29 de abril nos locais do Liceo.  O Colexio de Médicos de Ourense e a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) apoian esta homenaxe

É un pioneiro na súa especialidade e  na década dos sesenta foi o primeiro médico en realizar a técnica da resección transuretral para as doenzas de próstata. Mais o recoñecemento público non se lle fai só polos seus méritos profesionais senón polo seu profundo compromiso con Galicia e co galego. Foi o primeiro médico que escribiu as receitas no idioma propio, nos tempos escuros da ditadura franquista, cando a nosa lingua era perseguida e maltratada. Esta actitude de firme compromiso non lle reportaba beneficio algún senón todo o contrario. El mesmo recoñecía, nunha entrevista publicada en 2015, que “houbo pacientes deixaron de vir a miña consulta por falar en galego". O amigo Carlos Menéndez, que traballou co doutor Guitián como bolseiro nos anos oitenta, contoume que, xa daquela, no Servizo de Uroloxía as historias clínicas e os informes médicos escribíanos en galego.  Podemos consideralo, con todo merecemento, como un dos médicos ilustrados que iniciaron a galeguización da sanidade en Ourense. 

Don Carlos Guitián de mozo
Foi membro do Partido Galeguista e tivo relación persoal con Ben Cho Sei (primo de súa nai), Ferro Couselo, Vázquez Monxardín, Salvador Rei, Otero Pedrayo  ou Blanco Amor. Tamén tiña unha especial amizada e fonda admiración por Florentino Pérez Cuevillas.  Pero o seu galeguismo non naceu destas relacións senón que xurdiu moito tempo antes. Na súa mocidade, cando fixo a especialidade no Hospital de Sant Pau de Barcelona decatouse do orgullo que sentían os cataláns pola súa lingua. Alí naceu o seu compromiso co galego, que mantivo toda a vida, a pesares das dificultades, prexuízos e faltas de respecto. Foi excluído de certos círculos profesionais e tivo que soportar moitas veces o “ninguneo” daqueles colegas que lle devolvían os informes que escribía en galego dicíndolle “no lo entiendo”. 

Nos seus anos de formación en Catalunya
Nunca cedeu na súa actitude. Non era un home de gran estatura pero tiña un forte carácter, unha vontade férrea e unha grande capacidade de liderazgo tanto no exercicio da profesión como no seu compromiso político e social. Tamén participou na corrección da toponimia galega. El mesmo contou, con moita retranca, como, hai moitos anos saía de noite (en compañía da súa muller e collidos do brazo, para disimular), e ían pintando cunha brocha  o “X” enriba da “J” de Rianjo e outras correccións semellantes. O xornalista Fernando Ónega relatou estes feitos nun artigo, sen saber que os autores eran o doutor Carlos Guitián e a súa dona. 

Longa vida ao doutor Guitián. Debemos recoñecer e agradecer a súa perseveranza no compromiso galeguista que nos serve de exemplo a todos os demais. 





lunes, 10 de abril de 2017

A bondade de Pancho Pillado






Francisco Pillado
Francisco Pillado (A Coruña, 1941) é unha figura principal da cultura galega. Home de teatro, activista cultural, escritor, xornalista e, sobre todo editor; o labor que veu realizando nas últimas décadas é inmenso, e a súa entrega xenerosa ao servizo da cultura e do país debe ser destacada e recoñecida. 

Ademais da entrega perseverante e da coherencia vital Pancho Pillado amosou tamén, mesmo nos tempos difíciles, a súa profunda convicción republicana. Declarouse sempre defensor da República e detractor da monarquía borbónica. Vén de ser elixido Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e será honrado con diversos actos. O día 18 de abril recibe unha homenaxe no Círculo de Artesáns da Coruña en recoñecemento do seu labor. A CRMH designou a Pillado por unanimidade "pola súa insubornable e constante defensa dos valores republicanos e polo seu labor en prol da recuperación histórica".

Pancho Pillado é un home de gran formación cultural, dotado dunha memoria extraordinaria, capaz de recitar poemas de Lorca ou textos de Valle Inclán sen parar; é un  melómano irredento (“Só Mozart e Beethoven poden mellorar o silencio” dixo) e un notable pianista (aínda que xa non exerce). Ten organizado na súa casa de Miño encontros musicais aos que convidaba aos amigos (algunha vez estiven alí). O seu labor do ámbito teatral foi inxente. Xunto con Manuel Lourenzo deulle pulo a numerosas iniciativas (Escola Dramática Galega, os Cadernos da EDG, a revista teatral Casahamlet, o libro  O Teatro Galego, publicación pioneira e aínda de referencia) que axudaron a manter vivo e potenciar o teatro en Galicia.

Fundadores de Laiovento
Estivo moi implicado en diversas actividades culturais e en 1997 foi elixido polo Parlamento de Galicia como membro do Consello de Administración de Compañía de RTVG,  cargo que exerceu durante dúas lexislaturas. Pero de todas as iniciativas nas que participou coido que a máis importante foi a  fundación en 1991 de Edicións Laiovento (xunto con Beiras, Pepe Carreiro, Couceiro, González Millares e Afonso Ribas). Pillado foi o director da Editorial ata 2014. A intensa dedicación a esta tarefa e a perseveranza no traballo fixeron de Laiovento unha editorial de referencia, que publicou numerosas obras de ensaio, narrativa e teatro que, doutro xeito, nunca verían a luz. Foron moitos anos de traballo xeneroso que deixaron unha fonda pegada na vida cultural do país. Compromiso e dignidade: esas verbas definen moi ben a Pancho Pillado.

Eu tiven a honra de que me encargase a edición dun texto sobre a deriva privatizadora da sanidade en Galicia. Dese encargo naceu o libro “A saúde como negocio” (2012), que continuou cunha edición revisada en castelán (2014) e con “A comercialización da saúde” (2016). Son libros de combate, que tentan denunciar e poñer freo á contrarreforma sanitaria que está a realizar o Partido Popular. Co primeiro libro recorremos toda Galicia (coa compaña da súa muller, a adorable Noli) e fixemos numerosas presentacións e debates nas que Pancho sempre se implicou con enerxía e entusiasmo.  Nesas viaxes, e nas longas conversas de ida e volta, decateime de que, por enriba de todas as súas calidades  ten unha principal: a bondade. Porque Pancho Pillado é, por enriba de todo, unha boa persoa, afectuosa e con gran sentido da amizade.  Ben merece estas homenaxes. Saúde e República, mestre.

Pancho Pillado e Noli, nunha foto publicada por Praza Pública

 

sábado, 25 de marzo de 2017

Xosé González, un dos imprescindibles






Xosé González Martinez é unha figura importante na historia recente deste país. Nos seus anos mozos, na militancia clandestina, cando participou na creación da Unión do Pobo Galego (UPG), era coñecido como Pepiño de Teis, pois foi nese barrio vigués onde naceu hai sesenta e seis anos. Os que o coñecemos máis tarde chamámoslle Pepe de Redondela, pola súa longa vinculación laboral con ese concello do sur de Galicia. Agora que lle chega o momento da xubilación cómpre facer un recoñecemento público dos seus méritos e do seu traballo.

Non podo falar do papel que xogou nos anos clandestinos, cando foi un protagonista importante do renacemento político do nacionalismo galego, pois descoñezo os detalles. El tampouco conta moito dese tempo aínda que teño a certeza que podería escribir unha memorias con moita substancia. El verá cando se pon á tarefa, se así o considera. Mais nas últimas décadas fixo unha labor de gran trascendencia para “galeguizar Galicia”, en defensa da cultura e da lingua propia. 

É o impulsor principal dun enramado de organizacións que aglutinan a centos de persoas arredor do compromiso con Galicia e co galego. Desde a creación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en 1984 (que acollerá posteriormente a Irmandade Xurídica e a Irmandade Sanitaria), foron xurdindo iniciativas: a Fundación Lois Peña Novo, a Asociación Álvaro das Casas, o Foro Enrique Peinador, a Asociación de Amigos do Couto Mixto...  É o máis parecido a un holding empresarial como o de Rumasa, que montou Ruíz Mateos para facerse multimillonario. Pero Pepe, en lugar de facer cartos, dedicou todo o seu esforzo a facer país, a potenciar a cultura e o idioma propio. Nestes últimos anos dedicou moito tempo e enerxía a potenciar o etiquetado de produtos en galego –como un elemento de identificación e prestixio-, a procurar a galeguización das numerosas orquestras que existen en Galicia -que arrastran tanto público polas romarías-, e a promover o uso do galego nos actos funerarios e nas lápidas dos cemiterios, pois resulta sorprendente a absoluta desgaleguización dos rituais que se realizan arredor da morte. 
 
Xosé González fixo nestas últimas décadas, e continúa a facer, un traballo de extraordinaria importancia para o país. Desde un segundo plano, sempre sen buscar o protagonismo, está detrás de numerosas iniciativas sociais, culturais e políticas de gran relevancia. Hai unha idea, que comparto totalmente e que el recorda con reiteración: o porvir do país e do idioma non está na poesía, non está na literatura. Ou conseguimos que a lingua estea viva nos xulgados, nos hospitais, nas empresas, na rúa e nos patios de xogo, ou non terá futuro. A lingua ten que estar na vida cotiá e non ser só un elemento ritual dos actos políticos e dos xogos florais.


Comecei a ter contacto máis intenso e frecuente con Pepe de Redondela en 2005, cando tiven a honra de recibir o premio Lois Peña Novo. Desde 2010 puxemos en marcha, con outros compañeiros, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que pretende promover a utilización do galego no ámbito sanitario. Neste intre  ISAGA conta con máis de trescentos irmandiños, persoas que se comprometen a usar o galego na vida e no exercicio da profesión. 


Hai dúas características que definen a personalidade de Pepe de Redondela: a coherencia e a perseveranza. Nos seus anos mozos asumiu un compromiso con Galicia que non abandonou en todo o seu periplo vital; con erros e acertos, que de todo haberá, a súa fidelidade foi sempre inquebrantable. E da súa perseveranza dan testemuña os numerosos proxectos que foi quen de impulsar e soster, nestes tempos tan difíciles. Dos seus anos de actividade clandestina quedoulle unha actitude de seriedade e distancia afectiva que non é real. Pepe é, ademais de todo o dito, un home afectuoso e sentimental, que vive con paixón o seu compromiso; un home leal e con elevado sentido da amizade. Recordando a Bertolt Brecht, podemos dicir que é un dos imprescindibles. 

“Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Están os que loitan moitos anos, e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles”.  (Bertolt Brecht)

PD: Pepe de Redondela vai recibir unha homenaxe o 31 de marzo no Castelo de Soutomaior.