miércoles, 26 de octubre de 2016

A privatización da sanidade na Unión Europea




A cidade de Vigo converterase os próximos venres e sábado, 28 e 29 de outubro, en lugar de acollida dunha cita de carácter internacional para o debate sobre a situación de privatización do actual sistema sanitario galego, estatal e europeo. 

Baixo o título “A privatización da sanidade na Unión Europea”, as xornadas –que estarán abertas ao público sen necesidade de inscrición previa-, están organizadas polo propio GUE/NGL e AGEe, en colaboración coa AGDSP (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo. Para a cita, -que se desenvolverá no Hotel Ciudad de Vigo, desprazaranse unha vintena de profesionais do sector sanitario, que exercerán de ponentes.

Manuel Martín e Lidia Senra, na presentación das Xornadas

O obxectivo das Xornadas e analizar a Colaboración Público-Privada (CPP), poñer sobre a mesa casos doutros lugares do Estado nos que foi posible cambiar esta situación e devolver ao sistema público centros sanitarios privatizados, afondar nas carencias e mal funcionamento de hospitais CPP e realizar propostas de futuro entre os colectivos afectados.

Un segundo obxectivo e fomentar o tecido de redes entre as diferentes asociacións sanitarias que defenden un sistema público para avanzar na batalla común e consensuar propostas para defender diferentes nas institucións. 

As xornadas reunirán a persoas de plataformas de moi diferentes lugares como poden ser Galiza, Portugal, Estado Español, Grecia ou Reino Unido que están loitando contra a privatización de hospitais públicos e contra a CPP.  Vai ser a primeira vez que no Estado español se consigue reunir a todas estas plataformas e esperamos lograr crear unha rede de plataformas estatais e europeas para enfrontarnos xuntos e xuntas á privatización e ás multinacionais e aos fondos risco.
 
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

jueves, 13 de octubre de 2016

Camilo cumpre oitenta anos

En Nueva Tribuna
En Praza Pública
En Galicia Confidencial



Camilo Nogueira vai cumprir oitenta anos e un grupo de amigos está a organizar unha merecida homenaxe, que se vai celebrar o vindeiro once de novembro en Santiago de Compostela. Pretenden que sexa un acto alegre, plural e con moita concurrencia.


Os anos da Transición e da construción da autonomía de Galicia foron tempos moi intensos na vida política e estiveron marcados pola poderosa presenza de varios políticos de raza que quedarán na historia do noso país. A dereita ten unha figura moi notable, para ben e para mal, que é Manuel Fraga Iribarne. Procedente do franquismo, foi presidente da Xunta durante dezaseis anos e a súa pegada, con algunhas luces e moitas sombras (o neo-caciquismo, a corrupción, o Prestige, O Gaiás), é innegable. Na esquerda nacionalista hai dúas figuras que destacan sobre as demais: Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. Os dous naceron no ano 1936, cando comezaba a guerra civil, e fixeron camiños por veces paralelos e noutros momentos coincidentes. Ámbolos dous son auténticos referentes para moitos galegos de ben que os teñen como paradigmas de honestidade e compromiso. Beiras é o verbo desatado, a presenza desbordante, a indignación ante a inxustiza, a exhortación á desobediencia. Camilo Nogueira é o traballador incansable, o vitalista persistente, o optimista histórico que sempre tenta ver o lado positivo das cousas.

Non teño unha relación de amizade con Camilo pero participei nos proxectos que el impulsou. Estiven, modestamente, na creación do POG (Partido Obreiro Galego), na construción de Esquerda Galega e formei parte da candidatura da coalición Unidade Galega, nas eleccións municipais do meu concello (Negreira, 1979). Lembro as interminables reunións en Compostela, nos meus anos de estudante, naquel local enfronte da libraría Follas Novas. Aquelas xuntanzas eran auténticas clases de teoría e práctica política. Camilo adoitaba vencer nos intensos debates baseándose na fortaleza dos seus argumentos e no derrubamento por cansazo dos demais.

Camilo Nogueira foi protagonista dos principais momentos da vida política de Galicia durante as últimas catro décadas. Participou na redacción do Estatuto dos dezaseis (1979), documento fundamental que permitiu iniciar o camiño do autogoberno de Galicia. Foi diputado autonómico (1981-1999) e destacou pola intenso traballo parlamentario. Cómpre sinalar a súa proposta de Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, para protexer o galego como “lingua nacional e universal”. Convencido europeísta, e defensor da Europa dos pobos, tamén foi eurodiputado (1999-2004). En Bruxelas desenvolveu unha intensa actividade que o levou a realizar máis propostas (sobre diversas materias: economía, política agraria, pesca, lingua,...) que todos os demais representantes galegos xuntos. Tamén participou e estivo presente nas principais mobilizacións realizadas en Galicia nos últimos anos (contra da guerra, polo desastre do Prestige, pola defensa da lingua, pola sanidade pública). 

O seu compromiso co país é dunha coherencia insubornable. Home vital e optimista por natureza, a súa profunda formación intelectual permitiulle abordar a tarefa política con gran solidez e tamén construír un novo discurso sobre Galicia (superando a  “síndrome do aldraxe”, a versión vitimista da terra asoballada, illada e colonizada, que aínda persiste en algúns discursos), co que tentou inspirar e impulsar a construción dun país moderno, europeo e positivo.

A característica principal da súa personalidade é a perseveranza e ten unha capacidade de traballo asombrosa. Ademais da intensa actividade política exerceu a súa profesión ata os 61 anos e, nestes últimos tempos, despois de  retirarse da primeira liña da política, publicou varios ensaios nos que reflexiona sobre Galicia en Europa e no mundo ("A terra cantada", "Galicia na Unión Europea", "Europa. O continente pensado"). Saúde e longa vida a Camilo, que tanto ten feito por este país. Temos a obriga de honralo e o deber de darlle continuidade ao seu labor.