viernes, 31 de mayo de 2013

O naufraxio do hospital de Vigo

En Nueva Tribuna
En Galicia Hoxe


O naufraxio do novo hospital de Vigo, esas seis torres como seis quillas contra o vento, semella ser definitivo. Desde hai meses, en contra do manifestado polas autoridades sanitarias, as obras están paradas e non atopan saídas para continuar. A empresa concesionaria encargada de construir e despois xestionar o hospital non é capaz de conseguir financiación. Os bancos non se fían, non lle dan o crédito necesario. O que ía ser a gran obra sanitaria deste goberno, en resposta a unha necesidade imperiosa de todo o sur da provincia de Pontevedra, atópase en stand by. Fagamos un breve repaso cronolóxico.


-Febreiro de 2009. O goberno progresista (2005-2009) aproba a creación dun novo complexo hospitalario en Vigo, despois dun longo proceso de negociación e consultas no que participan numerosos profesionais e representantes da sanidade comarcal. O proxecto tenta dar resposta á carencia crónica de camas da zona e plantexa a integración da poboación hoxe adscrita ao hospital privado Povisa. Créase unha empresa pública coa aprobación dun Plan Económico-Financeiro suficiente para rematar as obras nun período de 5 anos (2009-2013), cun custe final inferior a 500 millóns de euros.

-Abril de 2009. O PP ocupa o poder en Galicia. O goberno de Núñez Feijóo, mediante un Trámite de Urxencia (que evita presentar un estudo comparativo das diferentes posibilidades de financiamento e construcción), paraliza este proxecto e substitúeo por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Este sistema de concesión, usado no Reino Unido hai tres décadas, ten demostrado que é menos eficiente, máis caro e ofrece un servizo de peor calidade. En Madrid e Valencia o PP impulsou este modelo de xestión: hoxe teñen a sanidade pública na ruína e con graves problemas asistenciais. O goberno galego coñece, con certeza, estas experiencias; mais estima que, neste momento de crise inmobiliaria, na sanidade hai posibilidade de negocio privado a expensas dos orzamentos públicos. O proxecto impulsado introduce mermas importantes: reduce o número de camas, desaparecen determinados servizos esenciais e mantén o hospital de Povisa dentro da rede pública con poboación asignada (parte da cidade e a península do Morrazo). Iníciase aquí un proceso plagado de irregularidades.

-Setembro de 2010. O Sergas adxudica á consultora PwC un contrato para avaliar as ofertas de licitación e selecionar a empresa que se encargará do proxecto do novo hospital (nesta consultora, con fortes vínculos co poder, traballou De Guindos cando deixou Lehman Brothers –en bancarrota-). O Sergas pagoulle 220.000 euros a PwC por un informe que non aparece no expediente solicitado polo TSXG: os defensores da sanidade pública sospeitan que tal informe non existe.  O contrato de 1.3000 millóns de euros para proxectar, levantar e explotar os servizos do novo hospital adxudícanllo a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) integrada por bancos arruinados  (entre eles Bankia e CAM, entidades rescatadas e coas peores cualificacións de solvencia por parte do Banco de España) e constructoras en bancarrota. Entre estas últimas está OCASA, considerada hoxe unha firma “tóxica”, que está denunciada por estafa e recibiu unha multa de 5.5 millons de Competencia. Nela  tivo un alto cargo o conselleiro Agustín Hernández. Esta empresa subcontratou parte da obra a Hierros Santa Cruz, propiedade de Telmo Martín, membro relevante do PP, concelleiro en Pontevedra e diputado (o máis rico do Congreso).

-Marzo de 2011. Na precampaña das municipais Núñez Feijóo acude a Vigo, cando ainda non comezaran as obras, para inaugurar o novo hospital. Rodeado de altos cargos sanitarios e locais apareceu coma un campeón, coma si estivese xa co hospital funcionando. Houbo máis inauguracións (setembro-2011, dous meses antes das eleccións), pero en realidade as obras comezaron en xuño de 2011 e hoxe están paradas.

-Febreiro de 2012. A empresa concesionaria anda desesperada en busca de financiamento. Mentres, Núñez Feijóo pregoa as bondades deste sistema. No congreso do PP celebrado en Sevilla afirma que “la experiencia de algunas comunidades autónomas ha demostrado la eficacia de este modelo en el ámbito sanitario”. Nunha ponencia reclama a extensión deste modelo sen restriccións:  La innovación en la gestión es un requerimiento de la sanidad moderna, y no debe ser constreñida o penalizada por las leyes más allá de la firme garantía de los estándares de acceso y calidad en la prestación”.  
-Xuño de 2012. A UTE declara un socobrecuste de 8 millóns de euros na cimentación da obra, que lle reclama á Xunta, por ter que buscar solucións “ante a falla dun estudo xeotécnico do solar”, que o Sergas afirma ter entregado xunto co prego de condicións do concurso. Estas tácticas, que introducen sucesivos modificados sobre a obra prevista, empréganas moito as  empresas concesionarias para aumentar os beneficios. 

-Xullo de 2012. “A día de la fecha -4 de julio-, transcurrido más de un año desde la adjudicación del contrato, el acceso a la financiación bancaria se ha visto cerrado”, afirman os representantes da UTE nun escrito dirixido a un xuzgado de Santiago.  O feito é que ningún banco accede a prestar fondos para este proxecto e a concesionaria considera “completamente alteradas” as bases do contrato.  As obras, iniciadas coa aportación do 20% por parte da propia concesionaria, non teñen forma de seguir. Ningunha entidade bancaria confía na viabilidade deste proxecto

-Outubro de 2012. Todas as forzas sindicais e os partidos da oposición, xunto con miles de persoas, ocuparon a cidade de Vigo nunha concurrida manifestación contra da privatización do novo hospital. Non foi a única: houbo, nestes últimos meses, numerosos actos de protesta e reivindicación que reflexan a preocupación cidadá polo rumbo que está a seguir a política sanitaria na comarca. Hai poucos días (maio-2013) os líderes da oposición e dos sindicatos, xunto con dirixentes de SOS Sanidade Pública, personáronse ante as obras do hospital pra denunciar a paralización das obras. “Por un hospital único sen recortes nin privatización” é o lema da campaña que van impulsar para reclamar o rescate do proxecto para que sexa público na súa financiación e xestión. 

-Maio de 2013. “No hay ningún problema con la financiación”, afirmou rotunda a conselleira Mosquera, nos inicios da última campaña electoral, cando xa coñecían a posición  inquietante da concesionaria.  Ainda que a Xunta negou reiteradamente esta situación, e que as obras estivesen paradas, o certo é que promoveu reunións con diversas entidades bancarias para procurar financiación sin que obtivesen ningún resultado. Chegou a solicitar un crédito propio ao Banco Europeo de Inversións (BCI) por 180 millóns de euros, co que inclumplía o contrato no que se especifica que a financiación é “a riesgo y ventura de la Concesionaria”. A constructora comezou a rescindir contratos cos traballadores. Agora hai un cento de empregados adicados a tarefas de mantemento; quedan ben lonxe os 2.400 que anunciou a Xunta cando presentou o proxecto. A obra está parada cando falta menos dun ano para que finalice o último prazo establecido para a súa entrega.

-Epílogo. Non hai moito que Núñez Feijóo sinalaba a ausencia de relato do goberno central. Este non é o relato completo da súa acción de goberno, pero recolle os feitos sustanciais dunha parcela importante do seu compromiso. Aquí figuran os enganos, trampas e mentiras que se foron sucedendo durante estes anos. Esta é a crónica dunha morte anunciada, o relato dun fracaso estrepitoso da que ía ser a grande obra –e o maior negocio- do seu mandato presidencial. Agora Vigo xa conta co seu Gaias inacabado, xa ten o seu Elefante Branco, pero segue agardando por unha obra sanitaria imprescindible para garantir unha atención hospitalaria adecuada aos cidadáns.


PD: Mais hai quen non aprende dos propios erros. Lévannos cara o precipicio e non dan un paso atrás. En Ourense o PP tamén quere privatizar a sanidade. A xerencia do CHOU (dirixida por Eloína Núñez, prima de Núñez Feijóo) anunciou en febreiro a licitación da "xestión integral de espazos", por 150 millons de euros, que incluiría a cesión a unha empresa de todos os servizos non sanitarios durante unha década. A adxudicataria podería subcontratar a realización dos traballos. O concurso quedou deserto: ningunha empresa quere asumir esta concesión. Seguirán presionando, ata conseguir que melloren das condicións económicas, a costa dos orzamentos públicos. Agora van facer un procedemento negociado e a Xunta realizará a adxudicación elexindo os candidatos a dedo.


miércoles, 29 de mayo de 2013

Escraches

En Galicia Confidencial
En Galicia Hoxe


Nestes últimos meses tivemos que aprender unha nova verba: escrache. Polo visto ten relación etimolóxica co inglés scrach (rabuñadura) e co lunfardo escrache (poñer en evidencia ou delatar públicamente a alguén). Foi moi utilizada en Arxentina, contra os resonsables da cruel dictadura e nos tempos do corralito; volveu agora para definir as protestas organizadas pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH). Consistían en que un grupo de persoas, na proximidade dos domicilios dalgúns dirixentes do partido gobernante,  coreaban consignas e amosaban pancartas (“Si se pode, pero non queren”) para reclamar atención aos seus graves problemas. A resposta do PP foi iracunda. Tacharon aos manifestantes de antidemócratas, violentos e amigos dos terroristas. De Cospedal, nunha actuación memorable, foi más alá e afirmou que os escraches son “nazismo puro”,  sinalando dun modo impúdico como agresores aos que realmente son víctimas.

A situación é a seguinte: unha lei hipotecaria inxusta permitiulle aos bancos, durante os tempos de bonanza e burbulla inmobiliaria,  realizar contratos abusivos que, neste tempo de crise, deixa aos deudores nunha situación de indefensión total que remata, moitas veces, coa perda da vivenda e coa carga dunha débeda impagable para toda a vida. Máis de 200.000 familias están quedando sen vivenda  por ter asinado eses contratos ilegais que vulneran a lexislacion europea. No primeiro trimestre de 2012 bateuse o record de desafiuzamentos: case 50.000 familias foron expulsadas das súas casas, abandoadas á intemperie do cru  inverno. Esta sí que é violencia e non a dos escraches. 

Unha sentenza do Tribunal de Xustiza europeo (14 de marzo) declarou abusiva a lei hipotecaria de España e, máis recentemente, o propio Banco Central Europeo (nun dictame asinado por Draghi) reclámalle ao goberno español máis medidas contra o drama social que representan as execucións hipotecarias. Mais o goberno do PP considera que algunhas propostas da PAH (dación en pago retroactiva, paralización dos desafiuzamentos de vivenda habitual etc) poden representar un perigo para a estabilidade financeira. O goberno está máis preocupado pola saúde bancaria que polos dereitos e os intereses dos cidadáns.  Tamén o presidente do Banco Popular, Angel Ron, avisou no seu día de que os cambios na lei hipotecaria poderían incentivar o impago. Esqueceu xa que foi a codicia dos bancos a que fomentou a concesión de hipotecas de xeito masivo, mesmo a insolventes?

A xornalista Cristina Fallarás escribiu un libro (A la puta calle) no que relata a súa propia experiencia.  Despois de perder o emprego comeza un lento desmoroamento que a leva a non poder pagar os recibos da hipoteca e a perder a vivenda. Unha lenta e inexorable traxedia semellante á vivida por decenas de miles de persoas que quedaron sen vivenda  nestes últimos anos. A rabia e a desesperanza levaron ao suicidio a algunhas persoas. Mais certamente resulta admirable a serenidade e a moderacion dos afectados, que teñen unha contención e unha capacidade de aguante fora do común. 

A PAH logrou reunir case 1.5 millóns de sinaturas  para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que reclaman un cambio no marco xurídico para evitar os actuais abusos. O PP estivo tentado a non admitir a trámite esta iniciativa. Diante da presión cidadá e mediática aceptaron a proposta, pero introducen enmendas no trámite parlamentario que anulan as principais propostas da PAH, deixándoa descafeinada. A portavoz da plataforma, Ada Colau (muller valente e perseverante, perseguida e difamada pola caverna mediática) fixo unha brillante defensa da ILP no Parlamento. Agora anuncia que a plataforma retira simbólicamente a iniciativa, ao ver a manipulación do PP. 

Guillem Martinez preguntábase nun artigo: “¿Es el escrache un ejercicio de coacción? Respuesta: sí, absolutamente”.  Mais os poderes públicos teñen  que convivir con estas actuacións. De feito están sometidos  a cotío a numerosas presións, directas e indirectas (lobbys, medios de comunicacion, grupos de presión etc) para condicionar as súas decisións. As persoas maltratadas pola usura bancaria usan os seus propios medios, non violentos, para reclamar xustiza e amparo dos poderes públicos. Mentres o goberno criminaliza os escraches e considera que as súas actuacións son ilegais, o propio presidente do Tribunal Supremo, Gonzalo Moliner, afirmou que as protestas realizadas á beira das vivendas de algúns políticos non foron violentas e, polo tanto, constitúen un exemplo da liberdade de manifestación.

O sociólogo Emir Sader, impulsor do Foro Social Mundial de Porto Alegre, entende que “los desahucios son el  límite moral do sistema”. O pensador francés Pierre Rosanvallon escribe sobre a crise da democracia e debuxa un quinto poder, a cidadanía na rúa, que a modula. Se cadra é iso o que estamos a presenciar: a postdemocracia e a cidadanía na rúa. Parece claro que, ante a coacción financeira e a inacción gubernamental, a xente agredida  e estafada necesita canalizar as súas demandas e reclamar  respostas. Cando menos, non se lle pode negar o dereito á protesta, e non poden ver cegadas tódalas saídas á unha situación de desesperanza e abandono.  

Sinalaba Manuel Rivas que hai colectivos elitistas de acción directa que parecen pretender un desafiuzamento xeral: “el escrache de Los que Mandan quiere imponer un desahucio de las libertades de expresión y manifestación, el único medio de defensa de una sociedad intimidade por unas élites que siguen comportándose como estamentos feudales”. Tamén MarujaTorres lembraba, falando dos escraches, o título dunha novela de Boris Vian, J´irai cracher sur vos tombes (esto quere decir: “chuspirei sobre as vosas tumbas”.)

 

lunes, 20 de mayo de 2013

Corrupción estrutural

En Galicia Hoxe


O farmacéutico de Chandrexa foi detido hai uns días por un presunto delito de estafa continuada. Facturaba os farmacos que os pacientes tiñan prescritos na tarxeta sanitaria e que non foran retirados. Utilizaba o precinto para cobrarlle ao Sergas e despois tiraba ao lixo as caixas sen usar das medicinas. Esta foi unha noticia menor, situada nas páxinas locais, con escasa relevancia tipográfica. A permanente avalancha de novas relacionadas coa corrupción fai que sucesos como este xa non sorprendan.  (Cómo nos imos escandalizar despois de coñecer os manexos de Bárcenas e de saber que as empresas do Ibex 35 actúan en paraísos fiscais!). 

A sensacion de impunidade de quen realiza estas prácticas ten que ver coa connivencia xeralizada da sociedade con respecto á corrupción. Hai quen acepta como inevitables estas condutas, quen as asume como unha peaxe obrigada da vida en común. Mesmo hai quen se vanagloria destas actuacións (facturas sen IVE, traballos en negro, fraudes á Facenda, informacións privilexiadas, contactos proveitosos, influencias útiles etc) e preséntaas como unha demostración de intelixencia; hai quen renega dos “puros”, por entender que neste mundo todos se manchan para perseguir  o seu  beneficio.  A aceptación social das prácticas corruptas chegou en Galicia ata o extremo de que algúns narcotraficantes tiveron  relevancia social, con fortes vínculos co poder económico e político. Lembro que, naqueles anos, un rapaz das Rías Baixas, ao ser preguntado polas súas aspiracións de futuro nun programa de TV, declarou rotundo: “Eu quero ser contrabandista”.

Unha sociedada infectada pola corrupción ten mal futuro. As prácticas corruptas rachan a confianza básica que deben presidir as relacións sociais, económicas e políticas. A filósofa Adela Cortina destaca a necesidade de recuperar a confianza que agora nos falta: “Se ha perdido por las alcantarillas de los escándalos de corrupción, el hábito de mentir, la perversa costumbre de crispar los ánimos”.  Se as regras da convivencia son constantemente vulneradas, se a estafa, o engano e a mentira se instalan no tecido social, actúan como unha infección que vai corroendo todo ao seu paso. JJ Millás sinalou nun artigo a conveniencia de que”los conductos de las aguas fecales y los de la sanitaria estén suficientemente separados para evitar filtraciones”.

Tiven a oportunidade de escoitar na Coruña, hai xa uns días,  unha conferencia do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, quen denunciou a corrupción sistémica que infiltra o país e propuxo a creación dunha entidade independente encargada de detectar precozmente as situacións de risco e adoptar medidas preventivas. Estas estratexias foron instauradas noutros países (Portugal, por exemplo) con bos resultados. O fiscal fai unha curiosa taxonomía pois distingue entre corrupción de mercado e corrupción de parroquia. En Galicia conviven as dúas e impregnan de xeito especial as actuacións das corporacións locais.  Mais, con ser importante a  implantación de plans preventivos, a clave da loita contra da corrupción está na cidadanía: lonxe da connivencia actual é preciso xerar unha posición de rexeitamento das prácticas corruptas. Ningun político afectado pola sombra da corrupción debería obter, nunca máis, o respaldo das urnas. 


A Carlos Varela temos que agradecerlle o esforzo pedagóxico que está a realizar para promover o rexeitamento da corrupción. Fixo debates en numerosas localidades de Galicia e presentará en breve as súas propostas, por segunda vez,  no Parlamento galego. O fiscal fai un chamamento á cidadanía para que reaccione fronte a esta “enfermidade social” e reclama ao ámbito político que poña os medios que nos permitan defendernos dos “ladróns do erario público e os violadores da inocencia do país”.  (Tamén quero destacar  a súa defensa firme e contundente dos afectados polo fraude masivo das participacións preferentes e o seu compromiso perseverante na defensa do idioma galego -tan necesario nunha cidade como A Coruña, fortemente desgaleguizada despois dos longos e funestos anos do vazquismo-).  Rosa Montero celebraba nun artigo (neste tempo incerto de crise e corrupción) a entrada en escea dun puñado de xuíces que se están a convertir nos únicos interlocutores institucionais válidos ante as angustias da sociedade (“estamos necesitados de héroes civiles y de poderes protectores”, decía). O traballo do Fiscal Superior de Galicia inscríbese nesta liña de actuación.