miércoles, 31 de agosto de 2011

A fraude da homeopatía

 En Galicia Confidencial

1. A definición
Hai anos a xente do rural buscaba con frecuencia a axuda do compoñedor ou do curandeiro. Esta práctica, instalada durante moito tempo na nosa cultura popular, está a ser desplazada por outras ofertas terapéuticas. No contorno occidental estase a producir unha presenza cada vez maior do pensamento máxico e esotérico. As chamadas “medicinas alternativas” non son máis que a maneira que adopta este tipo de pensamento, alleo á ciencia, no terreo da saúde e a doenza. Moitas veces o doente que non atopa a resposta desexada no sistema sanitario busca solucións neste tipo de ofertas. 

Estas prácticas pseudocientíficas son, a miudo, practicadas por profesionais formados nas Facultades de Medicina. Resulta escandaloso, pero sucede: entre os universitarios o coñecemento do método científico é máis ben escaso. Xa afirmaron Skrabanek e McCormick no seu día que “un dos principais fracasos da educación médica actual radica en que, se ben nos primeiros anos de estudios faise fincapé na adquisición de coñecementos de base científica, son poucos os estudiantes que aprenden a empregar o método científico”. Cómo é posible que neste momento histórico persistan as pseudociencias? –interpela Javier Peteiro no seu libro El autoritarismo científico-: “O máxico ten impregnado a natureza humana desde sempre. Non imos cambiar fácilmente unha historia de millóns de anos. Ese é o gran perigo das pseudociencias: o atractivo da irracionalidade”.
 
Unha das “medicinas paralelas” que ten máis predicamento, que está moi introducida en varios países europeos (Francia, Alemania, Italia) e que move un mercado multimillonario é a homeopatía. Foi concebida a finais do século XVIII polo médico  alemán Samuel Hahnemann, como unha forma de mellorar o espíritu vital do corpo, e a súa premisa fundamental é que “o semellante cúrase co semellante”. Este galeno saxón elaborou unha doutrina baseada no concepto da similitude, partindo de xeralizacións e mínimas probas experimentais. De maneira sintética diremos que a homeopatía basase en dous principios:
1. A lei da similitude: os produtos que producen nun organismo san uns síntomas determinados, son capaces de curar eses mesmos síntomas nun individuo enfermo.
2. A lei dos infinitesimais: os efectos homeopáticos dunha substancia mantéñense e mesmo medran a medida que se van reducindo as doses ata cantidades mínimas despois de numerosas dilucións. De tal xeito, canto máis diluido estea un principio, maior será o seu efecto terapéutico.

2. A controversia
Imaxe de Erik Johansson
Estas pretendidas leis homeopáticas nunca foron demostradas e son totalmente incoherentes co pensamento científico actual. A posición dominante na literatura científica é que a homeopatía non ten sido capaz de demostrar por medios obxectivos unha efectividade específica, maior que a do efecto placebo (efecto benéfico obtido por unha terapia e que non se xustifica pola propia acción do principio activo). Neste senso compre lembrar que o efecto placebo está sempre presente en toda relación terapéutica. O placebo máis potente ven ser o propio médico quen, co seu apoio afectuoso, pode potenciar en grande medida a acción dos fármacos. O grande problema é que, coa medicina moderna baseada na tecnoloxía e o uso de aparellos, a relación médico-paciente resulta, moitas veces, deficiente polo que os doentes sinten a tentación de buscar unha atención máis humana noutro tipo de alternativas. 

Máis cómpre divulgar que a homeopatía non pode ser a resposta: Ningun dos numerosos ensaios realizados, cando ainda se consideraba a homeopatía digna dun xuizo xusto, logrou demostrar as reivindicacións dos homeópatas. No ano 1988 a prestixiosa revista Nature publicou un artigo do profesor Benveniste que parecía demostrar a eficacia destas terapias preparadas por sucesivas dilucións. Ainda que non se mencionaba no artigo, ese estudio fora patrocinado pola industria homeopática francesa. Despois de varias repeticións dos experimentos de dito profesor, levadas a cabo por unha comisión de observadores, non foi posible confirmar os resultados iniciais. O editor de Nature tivo que publicar unha rectificación con este título: “A desilusión da alta dilución”.  

O doutor Peteiro, xa citado, é contundente: “a homeopatía carece de base científica, os homeópatas defenden dogmáticamente os seus postulados e o efecto terapéutico dos principios activos a concentracións tan baixas que poden dar lugar a disolucións nas que a probabilidade de atopar só unha molécula do principio activo sexa despreciable”. “Pero a homeopatía move un mercado millonario e tamén os videntes seguen a gañarse a vida botando as cartas”.

3. A actualidade
A mediados deste mes de agosto La Voz de Galicia publicou unha amplia reportaxe sobre a homeopatía co aval do Colexio de Médicos de A Coruña. Un médico, exercendo de portavoz e propagandista desta práctica, afirmaba rotundo: “ A homeopatía estimula a forza de curación interna do noso organismo”. Non se escatimaban loubanzas no artigo: “Unha opción terapéutica eficaz sen efectos secundarios nin contraindicacions”.

Os Colexios Médicos existen, básicamente, para velar pola boa práctica profesional con arreglo aos principios éticos e baseándose nos coñecementos científicos de que se dispoña en cada momento histórico. Facer propaganda de prácticas acientíficas, fora da regulación oficial e sen o aval das Facultades de Medicina é unha actuación contraria aos fíns que debe perseguir dita institución.

O doutor Javier Peteiro remiteulle unha carta ao Presidente do Colexio de Médicos de A Coruña nos seguintes termos: “Ler, a estas alturas, unha defensa da homeopatía é, cando menos, patético. (...) Non podía faltar nesta pintoresca entrevista a utilización sen fundamento do termo ´cuántico`. Así, como algo moderno. Faltan outros: ´enerxías, ´chakras`.. (…) Decir que a homeopatía está sendo probada na India en cancerosos pode inducir a pacientes actuais a buscar miragres donde non os hai. Respalda iso o Colexio? Un enfermo incauto ou desesperado pode recurrir ao máxico. (...) O que non é asumible, por irracional, é que o Colexio de Médicos avale prácticas que, mesmo sendo inocuas (tal como é o auga), poden danar ao doente ao apartalo de posibilidades terapéuticas realistas ou inducindo o consumo de placebos ben caros. (…) Por eso reclamo, señor presidente, que desautorices o antes posible a homeopatía como práctica pseudocientífica no mesmo medio no que se ten producido tan lamentable entrevista”.

 Non houbo resposta. Nin a haberá. O presidente do Colexio de Médicos de A Coruña, Luciano Vidán, home de Romay desde hai décadas, está máis atento a procurar que a institución que preside avale e apoie as políticas de destrucción da sanidade pública que está a desenvolver a Consellería de Sanidade. A vixiancia da boa práctica médica queda nun segundo plano. 

Aquí queda, pois, esta denuncia, por se alguen quere escoitar. Como dixo Anthony Garrett: “A grande escala, a historia amosa que a poboación, sen sentido da crítica e mal informada, é terreo abonado para todo tipo de prácticas e crenzas intolerables. Nunha sociedade tan aberta e susceptible como a nosa, a verdade precisa de toda a axuda que lle poidamos proporcionar”.

A documentación deste artigo foi recollida básicamente destas fontes:
-Cadernos de Atención Primaria. (Cad Aten Primaria 1997;4:83-93)
- Skrabanek, McCormick. Sofismas e desatinos en medicina. Ed Doyma. Barcelona, 1992.
-Peteiro Cartelle. El autoritarismo científico. Miguel Gomez ediciones. Málaga, 2010.
Imaxe de Erik Johansson

sábado, 27 de agosto de 2011

A dictadura do cientifismo

Imaxe de Erik Johansson
Juli Zeh é unha escritora alemana que pasou hai pouco por España para promocionar unha novela, El método, donde dibuxa un futuro no que unha dictadura paternalista ven substituir a relixión pola ciencia. Esa visión dun futuro desacougante, derivado unha imprudente utilización dos coñecementos científicos, ten sido descrita na literatura (Julio Verne, Aldous Huxley, George Orwell), e de xeito reiterado no cinema (El planeta de los simios, Blade Runner, Matrix, etc). En todas estas descripcións, feitas desde a ficción, hai unha visión apocalíptica do futuro. Queremos pensar que son froito só da imaxinación deses creadores. Un grupo de científicos está, nestes días, reunido na illa de San Simón precisamente con ese obxectivo: tentar predecir que nos agarda no porvír.

Pero hai xa uns meses que foi publicado un excelente libro, El autoritarismo cientifico, escrito polo doutor Javier Peteiro, xefe da sección de Bioquímica no Hospital de A Coruña. Neste ensaio plantexa, con absoluto rigor e numerosa documentación, unha serie de cuestións relacionados coa ciencia, que nos afectan na vida cotiá e que poden condicionar o próximo futuro: a pervivencia e os perigos das pseudociencias, o uso inadecuado dos coñecementos científicos, as interferencias do mercado e dos intereses económicos no desenvolvemento dos proxectos, a afirmación da ciencia como único modo de coñecer a realidade e de atopar respostas; en definitiva, a Ciencia como substitutivo da relixión.

Coñezo ao autor desde hai máis dunha década. Coincidimos, daquela, como directivos no colexio de médicos de A Coruña. Sen falsa modestia, penso que levamos a cabo un bo labor naquel tempo. Alí souben do seu rigor, da súa grande formación e do seu alto sentido do compromiso. Pero non coñecía outra faciana que agora descubro con ledicia: a súa habilidade para a escrita. Porque este libro está moi ben escrito. Utiliza unha prosa limpia e clara que procura facer comprensibles temas que son, as máis das veces, de certa complexidade. Afirma o prologuista, Manuel Fernández, que o libro é obra dun home sabio. Eu engadiría que se trata dun home sabio que, ademáis, escribe moi ben

Eso fai que o libro sexa asequible non só para profesionais da ciencia e da medicina senon para todo aquel que queira facer unha lectura demorada e reflexiva (lonxe da que se fai actualmente en internet), para construir un criterio propio sobre a actividade científica e as súas consecuencias. O autor reflexiona sobre a perversa utilización dos transxénicos, os riscos da manipulación xenética, o fraude nas publicacións científicas, as dubidosas maniobras da industria farmacéutica, ou sobre a pretensión de omnipotencia da medicina actual que tenta garantir a felicidade, perpetuar a vida e mesmo burlar a morte (Skrabanek e McCormick xa tiñan abordado o tema en Sofismas y desatinos en medicina).

Máis o autor advirte, sobre todo, dos perigos do cientifismo, que se constitúe como unha ideoloxía totalitaria, que todo o explica e da que todo depende. Ven concluir de xeito contundente: “a perversión da visión científica do mundo pode, facendo dela a única posibilidade de acceso ao real, chegar a amosar a Ciencia como único referente, facilitando un autoritarismo científico disperso e universal que, en unión do mercado, da  lugar a un monstruo quimérico cunha grande capacidade de xerar inxustiza, alienación e morte”. Tamén asevera que “o mito científico atopa fácil acollida nun mundo fascinado polos avances tecnolóxicos que fan as nosas vidas cada día máis fáciles e á vez máis alienadas”. A xente cre que a ciencia pode dar resposta a todo; agarda impaciente avances e terapias que eviten a enfermidade, d dor e a morte. Mesmo algúns científicos chegan a crerse onmnipotentes, e tentan xogar a ser deuses. (É aínda máis: na política e na economía adóptanse decisións –con maior ou menor grado de arbitrariedade- tentando que aparezan abaladas por razóns científicas).
Estas veñen ser as advertencias deste home de ciencia que, con todo, non é pesimista: “A esperanza de vida, polo menos no primeiro mundo, aumentou considerablemente durante o século XX e nesto tiveron un papel esencial os descubrementos científicos traducidos en mellores diagnósticos, tratamentos e hixiene. É innegable que a aplicación do coñecemento científico mellorou a vida de moitas persoas”. E así deberá seguir sendo no futuro. Pero compre coñecer os riscos para tentar evitalos. 

Este libro foi presentado en Barcelona hai uns meses, con enorme éxito. Tivo unha excelente acollida entre a comunidade científica e intelectual. Pola contra, a súa repercusión local foi máis ben escasa. É tempo xa de facer un recoñecemento público ao doutor Javier Peteiro, que ven de facer unha reflexión crítica de enorme interese sobre o papel da ciencia na sociedade actual cunha obra de divulgación de alto valor científico e literario.


martes, 16 de agosto de 2011

O futuro de Galicia e o parasitismo

 En Galicia Hoxe

Galicia precisa dun nacionalismo moderno, instalado na realidade e coa aspiración de gobernar nas institucións deste país. Nun tempo recente, baixo o liderato de Beiras e de Quintana, o BNG, que agrupa nestes momentos a todo o nacionalismo, acadou altas cotas de poder, chegando a cogobernar Galicia de 2005 a 2009 donde fixo, globalmente, unha meritoria xestión; o mesmo sucede nos concellos donde goberna ou ten amplas parcelas de actuación: leva a cabo un traballo eficaz e rigoroso centrado na busca do benestar dos cidadáns. Quere esto decir que nesa organización hai xente formada, capaz e comprometida para construir un país mellor para os nosos sucesores.
 
Sin embargo, nos últimos comicios electorais a presenza do BNG nas institucións vai menguando de xeito alarmante. Perdeu o goberno de Galicia, numerosas alcaldías e concelleiros, e un grande número de votantes (só 260.000, moi lonxe dos 400.000 votos acadados nas eleccións autonómicas de 1997, cunha porcentaxe do 25% do electorado). Esta tendencia decrecente fai temer que esta forza política avance con rapidez cara o desastre e que pode converterse nun proxecto irrelevante e residual, sen capacidade algunha para influir nas decisións que afectan ao presente e futuro deste país.

Hai, polo tanto, un evidente paradoxo. Mentras o traballo realizado nas institucións resulta benéfico e está ben valorado pola cidadanía, nas confrontacións electorais hai un crecente abandono do apoio popular. Esta situación preocupa a moita xente, que desexa un nacionalismo forte e capaz que traballe pola mellora da nosa vida cotiá. Tamén preocupa aos militantes e dirixentes da formación que teñen amosado a súa frustración e desconcerto. Unha veintena de alcaldes veñen de publicar un manifesto no que reclaman “un punto de inflexión que permita a resintonía coa sociedade para avanzar no camiño de liderar o País”. Solicitan un debate interno que permita actualizar o discurso e deixar de estar instalados “nun pasado mitolóxico e nun futuro idealizado, tan lonxano que nin siquera se albisca”. Trátase dunha actuación oportuna e valente, absolutamente necesaria para provocar o imprescindible cambio de rumbo.

Máis cómpre sinalar que os riscos do BNG non están no corpo social nin na deslealdade dos electores. O perigo desta fronte está no seu interior e na súa estrutura interna. O BNG, herdeiro da ANPG, está integrado por diversas organizacións de maior ou menor volume e por militantes independentes. No eixo ideolóxico dereita-esquerda caben diversas sensibilidades, sendo o elemento aglutinador o nacionalismo. A convivencia interna das distintas correntes xera as inevitables tensións de todo grupo que precisa chegar a acordos. Pero no BNG existe un grupo organizado, a UPG, o máis poderoso e influinte, que non ten vocación de acordo senon de dominio. Trátase dun partido marxista, independentista e antieuropeísta, que se adxudica o rol do liderato e dirección do BNG.

Sen restar importancia ao papel protagonista que a UPG tivo na historia recente, hoxe a súa concepción da organización –fronte popular liderada por un partido dirixente-, as súas proclamas (“Galiza colonizada e asoballada”, “Estatuto nunca máis, bases constitucionais”) e o seu discurso –antiautonomismo, antiespañolismo, antieuropeismo-, pertencen ao pasado e non son útiles para construir o futuro de Galicia. Máis, con todo, a UPG domina a organización e utiliza todo tipo de estratexias para ter o control da estrutura interna en tódolos niveis.

No reino animal as relacións entre o seres vivos son de moitos xeitos pero, a efectos pedagóxicos, podemos reducilas a dous tipos: simbióticas ou parasitarias. As relacións simbióticas producen efectos benéficos para ambas partes mentras que nas relacións parasitarias un elemento sae beneficiado con perxuizo do outro. O mesmo pasa nas relacións humanas e nos grupos sociais. As relacións simbióticas cómpre fomentalas e alimentalas mentras que os parásitos deben ser combatidos. Doutro xeito o parásito debilita o organismo no que vive e faino traballar para os seus propios fins. Co devir do tempo a relación da UPG co BNG chegou a ser destas características, e está a producir un anorme dano á organización e ao país. Non vai ser doado reformular as relacións internas: a vocación de dominio está incrustada nos propios xenes da UPG. As demais organizacións e militantes integradas no BNG terán que elaborar unha estratexia conxunta para procurar acordos e relacións de igualdade.
 
De non ser así o BNG non terá porvir. Nesta altura do século XXI o que Galicia precisa é unha organización moderna, que coñeza e comprenda o país, que busque xestionar o espazo público en beneficio dos cidadáns, que procure relacións de irmandade co resto dos pobos ibéricos e que vexa Europa como o escenario natural donde desenvolverse e progresar. De ser capaces de reconducir a actual situación, o BNG poderá ter un papel de liderato na construcción do futuro, que hoxe a sociedade non lle concede.

jueves, 4 de agosto de 2011

Naceu Antía

Na primeira xornada deste mes de agosto, pasados uns días da data prevista, naceu Antía, a nosa neta. Agardou pola entrada da lúa nova para asomarse ao mundo. Chegou chorando, con enerxía, como corresponde ao momento. Viña con fame e desde o primeiro instante reclama e busca o peito con voracidade. A nai está exhausta pero feliz. Ambolos dous pais arrastran o cansazo destas últimas noites sen durmir. Os avós, cando nos xuntemos todos, celebraremos o acontecemento con viño do Ribeiro, de colleita propia.

É unha nena desexada e vai estar rodeada de moito afecto, alimento principal para medrar con saúde. Vai ter ao seu dispor unha casa con gatos para comezar a exploración da vida. Vai xogar á beira dunha horta con froita, e poderá aprender a amar a natureza. Imos procurar que a súa infancia sexa un tempo de ledicia que lle sirva para ser unha muller alegre, xenerosa e forte como a súa nai.

Neste tempo incerto non se poden xerar inalcanzables expectativas de futuro, pero tampouco se debe, nunca, renunciar ao esencial. Antía vai ter o preciso, e algo máis, para que se vaia facendo maior pouco a pouco, disfrutando cada etapa deste percorrido, sen coñecer nunca a envexa nin o rencor. Haberá que procurar que a dor e a frustración cheguen o máis tarde posible, que teña forza e apoios sempre para superar a adversidade e facerse máis resistente ante as inclemencias da vida.


Será do noso agrado que sinta apego por esta terra e as súas xentes, que non renuncie nunca á nosa fala (a dos seus pais, avós e bisavós) e que estea sempre orgullosa da súa estirpe. Cando ves a vida desde unha certa perspectiva decátaste de que hai feitos relevantes nunha biografía, que marcan un punto e aparte, como éste que nos ven de suceder. Tentaremos axudar para que a nena medre feliz, e que aprenda a situarse sempre no bando da luz e contra das tebras.
Polo que a mín respecta, e se os pais non se opoñen, penso ensinarlle a xogar ao fútbol. Vai ser unha crack. Xa vos enteraredes.