jueves, 4 de agosto de 2011

Naceu Antía

Na primeira xornada deste mes de agosto, pasados uns días da data prevista, naceu Antía, a nosa neta. Agardou pola entrada da lúa nova para asomarse ao mundo. Chegou chorando, con enerxía, como corresponde ao momento. Viña con fame e desde o primeiro instante reclama e busca o peito con voracidade. A nai está exhausta pero feliz. Ambolos dous pais arrastran o cansazo destas últimas noites sen durmir. Os avós, cando nos xuntemos todos, celebraremos o acontecemento con viño do Ribeiro, de colleita propia.

É unha nena desexada e vai estar rodeada de moito afecto, alimento principal para medrar con saúde. Vai ter ao seu dispor unha casa con gatos para comezar a exploración da vida. Vai xogar á beira dunha horta con froita, e poderá aprender a amar a natureza. Imos procurar que a súa infancia sexa un tempo de ledicia que lle sirva para ser unha muller alegre, xenerosa e forte como a súa nai.

Neste tempo incerto non se poden xerar inalcanzables expectativas de futuro, pero tampouco se debe, nunca, renunciar ao esencial. Antía vai ter o preciso, e algo máis, para que se vaia facendo maior pouco a pouco, disfrutando cada etapa deste percorrido, sen coñecer nunca a envexa nin o rencor. Haberá que procurar que a dor e a frustración cheguen o máis tarde posible, que teña forza e apoios sempre para superar a adversidade e facerse máis resistente ante as inclemencias da vida.


Será do noso agrado que sinta apego por esta terra e as súas xentes, que non renuncie nunca á nosa fala (a dos seus pais, avós e bisavós) e que estea sempre orgullosa da súa estirpe. Cando ves a vida desde unha certa perspectiva decátaste de que hai feitos relevantes nunha biografía, que marcan un punto e aparte, como éste que nos ven de suceder. Tentaremos axudar para que a nena medre feliz, e que aprenda a situarse sempre no bando da luz e contra das tebras.
Polo que a mín respecta, e se os pais non se opoñen, penso ensinarlle a xogar ao fútbol. Vai ser unha crack. Xa vos enteraredes.

7 comentarios:

  1. Tedes unha neta moi feitiña... Felicidades, avós...

    ResponderEliminar
  2. José María e Chus15 de agosto de 2011, 13:21

    Disfrutade de Antía como só se disfruta dos netos: facéndolle abrir os ollos coma pratos con contos que soio os nenos nos fan imaxinar, sorrindo as agachadas coas suas trastadas que a nós nos gustaria facer e enchendoa de eses mimos que só os avós saben dar.
    Unha aperta moi forte e noraboa a tí, a sua avoa e os recentes pais.

    ResponderEliminar
  3. Guapa, guapa, aún no se ve claro... Pero como tenga la cabeza tan bien amueblada como el abuelo, seguro que le irá bien en ésta vida.¡Bienvenida Antía¡

    ResponderEliminar
  4. Moitas felicidades queridos veciños!! Non sabia nada ata que me enterei por medio de Silvia. Alegrome moitisimo por toda a familia, que vos vaia todo ben, á nena, pais, avós e bisavós.
    Seguro que a nena será tan agradable e tan de Cobas coma todos.

    Saudos do voso veciño Marcos desde Manila. Tan lonxe coma nunca pero tan preto coma sempre.

    ResponderEliminar
  5. Vaia parella tan boa que facedes!!, e que compenetración nesa mirada!!
    Ai Antía, aínda vas acabar no Dépor!

    Parabéns a toda a familia!...cuns mesiños de retraso.

    ResponderEliminar