lunes, 26 de marzo de 2012

A indolencia dos traballadores

O exceso de seguridade e protección social dos traballadores alimenta a preguiza. A indolencia prexudica o traballo e a produción. Por tanto, cómpre reducir as axudas públicas ao mínimo para que o traballador se empregue a fondo no seu labor. Esta ideas están profundamente incrustadas no ideario da dereita dominante. Elaborounas Milton Friedman e a súa escola de Chicago. Defenden o protagonismo do mercado: o Estado debe retirar as súas mans da economía, reducir o gasto público e deixar campo aberto á iniciativa privada. Esta visión supón tamén a restricción das políticas sociais e da actuación do Estado como provedor de servizos de benestar. Charles Murray afirmou directamente que os pobres chegan a esa condición, e non saen dela, debido ás prestacións sociais dirixidas a rescatalos: as axudas, segundo este doutrinario ultraliberal, actuarían anulando o esforzo e a iniciativa persoal, polo que farovecen a cronificación do problema en lugar de resolvelo. Esta doutrina foi aplicada nos seus países por Thacher e Reagan, co apoio dos poderosos lobbys financeiros. 

En Gran Bretaña estas políticas produciron efectos moi negativos no campo social, ao provocar o crecemento do paro, un grande aumento das desigualdades e un crecente fenómeno de marxinación nos suburbios urbanos. Para describir a situación de desamparo en que se encontra un amplo sector da poboación o sociólogo británico Guy Standing desenvolveu o concepto de precariado: millóns de persoas en todo o mundo que carecen de todo ancoraxe de estabilidade; nómades urbanos que non comparten unha identidade polo tipo de ocupación pero si catro características: a ira, a anomia, a ansiedade e a alienación. A caída no desemprego e a economía somerxida forman parte da vida do precariado

Nos EEUU, segundo o premio Nobel Paul Krugman “o mito dunha sociedade sen clases quedou en evidencia. EEUU sobresae como o lugar en que a condición económica e social ten máis probabilidades de ser herdada”, e engade que o salario dos traballadores con baixo nivel de estudos caeu un 23 % desde 1973. Se en 1980 o 65 % dos traballadores do sector privado tiñan seguro médico, en 2009 a porcentaxe baixou ao 29 %. De modo que hoxe os EEUU é unha sociedade en que as persoas con poucos estudos teñen grandes dificultades para encontrar un emprego cun soldo decente e boas prestacións.

Mais iso da igual. O goberno do PP, a pesar da deterioración da cohesión social provocada pola actual crise económica, aplica o mesmo ideario ultraliberal, actualizado na factoría de FAES. Entende que o medo ao despedimento incentiva o esforzo. Na memoria da Reforma Laboral remitida ao Congreso di textualmente que “al ser muy reducido el riesgo de despido, se desincentiva el esfuerzo y se genera una excesiva resistencia a la adaptación a nuevas necesidades”. De seguir adiante co seu proxecto, a perda dos actuais dereitos laborais creará unha sociedade máis inxusta e desigual. Os nosos fillos herdarán un mundo peor que o que hoxe temos, con grandes dificultades para levar unha vida digna co froito do seu traballo. Os ricos serán máis ricos, pero a gran maioría da poboación verá como o sistema de protección social, que tardamos décadas en construir, será desmontado peza a peza como un castelo de naipes.



lunes, 19 de marzo de 2012

Recortes e privatizacións

A reducción dos orzamentos dedicados á sanidade non se realiza só en Galicia. Todas as autonomías, controladas maioritariamente pola dereita, rebaixan o diñeiro dedicado á atención da saúde por segundo ano consecutivo. En total o gasto por persoa redúcese nun 10,4%, o que significa que a sanidade española funciona con 5.000 millóns de euros menos que en 2010. As comunidades recortan en persoal, materiais, formación e inversións; en cifras absolutas as administracións gastarán de media 1.204 euros por persoa este ano, frente aos 1.344 de 2010. Pero non todas rebaixan o mesmo: Euskadi, por exemplo, dedica á sanidade case 600 euros máis por persoa que a Comunidade Valenciana.

Estes recortes teñen xa unha repercusión na prestación dos servizos sanitarios. O deterioro empeza a ser percibido por profesionais e pacientes. Os sindicatos, as plataformas para a defensa da sanidade pública e mesmo os colexios de médicos –que ata o de agora estiveran ausentes nesta controversia-, están a sinalar os puntos negros que poñen en evidencia o deterioro asistencial: o colapso dos servizos de urxencia, o peche de camas e servizos que provocan o aumento –ainda máis- das listas de espera, a sobrecarga laboral dos profesionais, a saturación dos centros sanitarios, etc. O presidente da OMC afirmou que “os médicos teñen a obriga ética de denunciar as consecuencias dos recortes, sobre todo si afectan á saúde dos pacientes, que constitúen a principal prioridade”.

-Catalunya: sanidade con dúas velocidades
Catalunya puxo ao frente da sanidade pública a Boi Ruiz, antes presidente da patronal sanitaria privada. Os severos recortes realizados provocaron numerosas protestas dos cidadáns e profesionais sen que, polo momento, variase o rumbo das súas actuacións. O deterioro asistencial está a ser cada vez máis perceptible. E danse xa casos de persoas que consiguen evitar as listas de espera coa utilización de seguros privados. El País (09-02-2012) informaba hai pouco do caso dunha muller que aforrou sete meses na lista de espera no Hospital de La Seu d`Urgell (Lleida) para ser operada dun xeonllo. O hospital, pechado polas tardes para os usuarios públicos, ofrece os seus quirófanos e cirurxiáns aos seguros privados. Dese xeito, o que pode pagar, non agarda. 

O profesor JR Repullo recorda, nun artigo, o tempo, non tan lonxano, en que os hospitais tiñan unha porta para os pacientes “de pago” e outra para os “do seguro”. E pregunta: “Queremos de verdade volver a ese mundo do que tanto nos costou distanciarnos? O SNS baséase na alianza entre clases medias e baixas; todo o que debilite este contrato social é unha irresponsabilidade e atenta contra o interese xeral da sociedade”. As políticas que están a erosionar o servizo público de saúde poden traer unha sociedade mais inxusta, menos eficiente e menos saludable. E remata: “Non debemos aceptar unha sanidade dualizada; non debemos consentir que haxa un sistema sanitario para pobres, que derivaría rápidamente nun pobre sistema sanitario”.

-Valencia: ainda máis lonxe
A Comunidade Valenciana chegou máis lonxe nesta entrega de parcelas da sanidade pública ao sector privado. A Generalitat entregoulle a xestión da asistencia dun millón de valencianos –o 20% da poboación total- á empresa Ribera Salud (en alianza con outras aseguradoras). Esta empresa, a diferencia das aseguradoras clásicas (Asisa, Adeslas, Sanitas), ten focalizado o seu negocio na sanidade pública a través, sobre todo, de concesións administrativas. Controla, con outros socios, cinco departamentos de saúde en Valencia, un hospital público en Madrid, o servizo de análises clínicos de cinco hospitais públicos madrileños e o diagnóstico por RMN da rede sanitaria valenciana.
Ribera Salud, condicionada polas turbulencia do sector financeiro valenciano,  está a negociar a súa venta a Capio, o maior grupo sanitario privado español, que xestiona 25 hospitais en España (e ten por propietario a CVC Partners Capital). De producirse esta operación, o fondo británico ocuparía unha posición dominante no control dun servizo público esencial como é a atención sanitaria integral  –primaria e especializada-. Pode dar lugar a unha situación de oligopolio sanitario, con enorme capacidade de presión sobre a Administración, con posibilidade de modificar contratos e de fixar prezos. 

Por que invirten en sanidade estes grupos? Porque ven que hai negocio no sector. Recordemos que arredor do 30% dos orzamentos dunha autonomía están adicados a sanidade. Neste momento, en que o principal motor da economía española (o sector inmobiliario) está estancado, -e por moito tempo-, as olladas dos negociantes diríxense ao diñeiro público adicado á saúde. Os gobernantes que levaron á bancarrota á sanidade valenciana (agora non poden sin siquera pagar aos seus proveedores), son cómplices da entrega dunha importante parte dos servizos sanitarios a mans privadas, deixando o futuro da Comunidade hipotecado por moitos anos. As demáis autonomías, en lugar de aprender do exemplo e procurar novas vías para mellorar os servizos públicos, deciden ir directos ao precipicio.

-Cospedal vai polo mesmo camiño
Castela-A Mancha segue os pasos de Valencia. Oito meses despois de que o PP chegase ao goberno autonómico, paralizou a construcción dos novos hospitais públicos de Toledo, Guadalajara e Cuenca, e anunciou a cesión ao sector privado de catro hospitais públicos: Villarrobledo, Almansa, Tomelloso e Manzanares. Os tres primeiron funcionan desde 2007 e o último ven xa do antiguo Insalud. O goberno presidido por Cospedal plantexa efectuar no verán o traspaso de xestión de pública a privada. Utilizarán o modelo de concesión administrativa, como en Valencia. As desastrosas experiencia previas e as protestas que se suceden nas cidades afectadas non fan mudar a determinación de seguir por este camiño. De novo o interese e o lucro duns poucos prevalece sobre o interese xeral dos cidadáns.


domingo, 11 de marzo de 2012

Menos recortes e máis impostos

A dereita -política e empresarial- ten moi ben deseñado o seu marco conceptual en relación coa sanidade. As organizacións e plataformas que utiliza para crear e difundir o seu ideario (Faes, Fundación Idis, Fundación Bamberg, etc.) levan moito tempo a falar da insostibilidade do actual sistema sanitario público. Repiten constantemente que o crecemento do gasto sanitario ameaza con arruinar o Estado. Sería preciso, polo tanto, facer cambios profundos para garantir a continuidade: os recortes son inevitables. Esta idea, tan simple como falsa, é xeralmente aceptada pola poboación. Nin siquera é cuestionada pola esquerda socialdemócrata, que acepta esta aseveración como unha verdade irrebatible. Por eso acatan e asumen a política de recortes como unha necesidade imperiosa, sen plantexar que existen outras alternativas posibles .

O profesor Vicenç Navarro discrepa deste plantexamento. Entende que os recortes son perxudiciais e, ademáis, innecesarios. En realidade “están motivados politicamente: responden a intereses particulares en lugar de xerais”. Nun sistema público que xa está escasamente financiado, significan un dano considerable para o sector. Porque realmente o gasto público per cápita en España é de 1.744 euros, sendo o máis baixo da UE-15 (que ten un promedio de 2.102). O problema, polo tanto, non é o excesivo gasto público senon os escasos ingresos do Estado: o que o sistema sanitario precisa é máis e non menos fondos. 

Sostén Navarro que os recortes que se están a realizar teñen a súa orixe na presión que o Estado recibe do FMI e das forzas conservadoras-liberais que dominan as institucións europeas. Pero en realidade o déficit orzamentario debería reducirse non mediante recortes senon a través da reversión das políticas fiscais regresivas que se viñeron realizando durante os últimos anos. Estase buscando un consenso arredor da necesidade de aceptar os recortes como única solución posible, cando en realidade trátase dunha decisión política condicionada polas relacións de poder existentes no noso país, sen que teña ningunha validez científica. Finaliza Navarro afirmando: “Se tiveramos as mesmas políticas fiscais que Suecia o Estado español ingresaría 200.000 millóns de euros máis dos que ingresa agora, cantidade máis que suficiente para evitar os recortes de gasto social, reducindo o déficit do Estado. Que non se faga así débese ao enorme dominio que as forzas conservadoras e neoliberais teñen no noso país”. 
 
Na mesma liña argumentaba Anxo Guerreiro nun artigo recente. Entende que a esquerda, se aspira a transformar a realidade, en primeiro lugar ten que recuperar a política e a democracia, o que implica afrontar a cuestión do poder financeiro. Tamén debe asumir que “non é posible soster o Estado do benestar sen aumentar os impostos aos máis ricos, ás grandes fortunas e capitais, sen gravar as transaccións financeiras internacionais, combater a evasión fiscal, os paraísos fiscais e a economía sumerxida”.
Se non é así, imporanse os recortes e os Estados dependerán dos acreedores que poderán impoñer as súas políticas antisociais. Finalmente, apunta Guerreiro que é preciso impulsar un marco común europeo, un proxecto político que permita embridar ás grandes forzas económicas e financeiras “que hoxe escapan a toda regulación e control, impoñen a súa lei e dirixen o proceso mundial sen ningun contrapeso”.

lunes, 5 de marzo de 2012

A sanidade pública é mellor que a privada

En Galicia Confidencial 

Hai un sector da poboación que, ademáis de dispor da sanidade pública, ten contratado un seguro de saúde para poder usar servizos sanitarios privados. As persoas con certa capacidade adquisitiva asumen este custe para acceder directamente aos especialistas, para evitar as listas de espera, para realizar probas ou revisións sen ter que agardar, ou por ter, no caso dunha hospitalización, un maior grado de confort.
No momento actual, os recortes que está a sufrir a sanidade pública en toda España fan prever un incremento das esperas e un certo deterioro da calidade da atención nos servizos públicos. Haberá que ver ata donde chegan os nosos dirixentes nesta tarefa de desgaste. Sábese ben que hai límites que non se poden traspasar. Nun traballo da revista New England Journal of Medicine (marzo-2011) quedaba demostrado que a ausencia de persoal de enfermería nunha planta hospitalaria por debaixo de certo  umbral aumenta as taxas de mortalidade dos paciente. Non se trata só, polo tanto, do estrés profesional ou da reducción do confort durante un ingreso: o déficit de persoal pode incrementar o número de mortes entre as persoas ingresadas.
 
Os severos recortes que están a facer no gasto público benefician ás compañías de seguros privados que inflúen, en grande medida, nas decisións políticas. De feito, existe unha densa rede de relacións (e trasvases dun lado a outro) entre os directivos destas entidades e os cargos políticos do Partido Popular. Nestes momentos as compañías privadas están a realizar unha forte campaña para incrementar o número de asegurados. Ven o momento de procurar a súa expansión, propiciado polas políticas de descrédito do sector público postas en marcha polos actuais dirixentes políticos. 


Máis podemos preguntarnos: realmente é mellor a sanidade privada que a pública? O economista Vicenç Navarro, experto en políticas sanitarias (asesorou a Hillary Clinton no seu proxecto de reforma), é contundente : “En xeral, a calidade dos servizos médicos dispensados por institucións con afán de lucro é menor que a aportada por institucións sen afán de lucro”. Basea a súa afirmación nun documentado estudio publicado na prestixiosa revista médica británica BMJ en 2009, dirixido por Gordon Guyatt, o fundador da MBE (medicina baseada na evidencia científica), corrente da medicina que esixe que calquera cambio na práctica médica debe basearse en criterios de probada eficacia. Ese criterio non o respectan no noso país, onde están a realizar cambios moi profundos na organización e xestión da sanidade sen ter máis fundamento que o afán de lucro.

Afirma o Dr. Guyatt que as empresas que buscan beneficios nos servizos sanitarios “teñen que aforrar fondos en áreas que afectan á calidade dos servizos, a fin de conseguir o diñeiro que precisan para pagar aos seus accionistas e xestores”. Así pois, conclúe Navarro “o afán de lucro non encaixa cuns servizos que deben ter como finalidade servir aos pacientes, antepoñendo este obxectivo ao de optimizar os ingresos para conseguir maiores dividendos e pagar mellor aos xestores”. O aspecto hoteleiro e de confort é, polo xeral, mellor na privada que na pública. E os tempos de espera tamén son menores polo de agora, o que explica a súa expansión. Máis podemos plantexar unha segunda cuestión: Se chegase o momento que a sanidade pública actual quedase convertida nunha beneficencia para os pobres: as persoas con seguro privado estarían mellor atendidas? 

Os que poidan contratar un seguro privado poderían ter vantaxes en cuestións de orde menor como as que vimos de citar. Pero nos aspectos relevantes da atención á saúde a destrucción do actual sistema público sería perxudicial, mesmo para os ricos. Vexamos dous exemplos:

 *Nos EEUU, onde o gasto sanitario é moi superior ao noso, a atención sanitaria está cuberta por medio de seguros privados. Cadaquén contrata o seguro que estea ao seu alcance. Se unha persoa chega a ter unha insuficiencia renal crónica que precise de diálise non a recibirá se non está contemplada na súa póliza. Estará condenada a unha morte lenta provocada pola doenza. En España, a día de hoxe, recibe diálise calquera enfermo que o precise, independentemente da súa condición económica e social. E, de ser candidato a trasplante, entrará na lista de espera para agardar un doador.

*Tamén coñezo de primeira man un caso paradigmático do xeito de funcionar dos seguros privados. Un neumólogo amigo, nunha consulta privada para unha mútua, diagnosticou unha doenza pulmonar que requería un trasplante. Así o indicou no seu informe. Ao día seguinte, por vía telefónica, recibiu a notificación de que deixaba de traballar para dita mútua. Soubo, máis tarde, que a persoa enferma non conseguiu autorización para realizar o trasplante e tivo que recurrir á sanidade pública para dita intervención. O elevadísimo custe que ten un proceso deste tipo non resulta asumible para as empresas que persiguen, cando remate o exercicio, obter máis ingresos que gastos. 

Así pois, mesmo as persoas con elevado poder adquisitivo poden ver, nun momento dado, como un seguro privado lles denega un servizo por ser excesivamente custoso ou non estar contemplado na letra pequena da póliza. Cómpre, polo tanto, defender o actual sistema sanitario, -equitativo, universal e sostido polos impostos- pois, se deixamos que se deteriore, perdemos todos, mesmo os que hoxe non o utilizan por dispor dunha póliza privada.