domingo, 11 de marzo de 2012

Menos recortes e máis impostos

A dereita -política e empresarial- ten moi ben deseñado o seu marco conceptual en relación coa sanidade. As organizacións e plataformas que utiliza para crear e difundir o seu ideario (Faes, Fundación Idis, Fundación Bamberg, etc.) levan moito tempo a falar da insostibilidade do actual sistema sanitario público. Repiten constantemente que o crecemento do gasto sanitario ameaza con arruinar o Estado. Sería preciso, polo tanto, facer cambios profundos para garantir a continuidade: os recortes son inevitables. Esta idea, tan simple como falsa, é xeralmente aceptada pola poboación. Nin siquera é cuestionada pola esquerda socialdemócrata, que acepta esta aseveración como unha verdade irrebatible. Por eso acatan e asumen a política de recortes como unha necesidade imperiosa, sen plantexar que existen outras alternativas posibles .

O profesor Vicenç Navarro discrepa deste plantexamento. Entende que os recortes son perxudiciais e, ademáis, innecesarios. En realidade “están motivados politicamente: responden a intereses particulares en lugar de xerais”. Nun sistema público que xa está escasamente financiado, significan un dano considerable para o sector. Porque realmente o gasto público per cápita en España é de 1.744 euros, sendo o máis baixo da UE-15 (que ten un promedio de 2.102). O problema, polo tanto, non é o excesivo gasto público senon os escasos ingresos do Estado: o que o sistema sanitario precisa é máis e non menos fondos. 

Sostén Navarro que os recortes que se están a realizar teñen a súa orixe na presión que o Estado recibe do FMI e das forzas conservadoras-liberais que dominan as institucións europeas. Pero en realidade o déficit orzamentario debería reducirse non mediante recortes senon a través da reversión das políticas fiscais regresivas que se viñeron realizando durante os últimos anos. Estase buscando un consenso arredor da necesidade de aceptar os recortes como única solución posible, cando en realidade trátase dunha decisión política condicionada polas relacións de poder existentes no noso país, sen que teña ningunha validez científica. Finaliza Navarro afirmando: “Se tiveramos as mesmas políticas fiscais que Suecia o Estado español ingresaría 200.000 millóns de euros máis dos que ingresa agora, cantidade máis que suficiente para evitar os recortes de gasto social, reducindo o déficit do Estado. Que non se faga así débese ao enorme dominio que as forzas conservadoras e neoliberais teñen no noso país”. 
 
Na mesma liña argumentaba Anxo Guerreiro nun artigo recente. Entende que a esquerda, se aspira a transformar a realidade, en primeiro lugar ten que recuperar a política e a democracia, o que implica afrontar a cuestión do poder financeiro. Tamén debe asumir que “non é posible soster o Estado do benestar sen aumentar os impostos aos máis ricos, ás grandes fortunas e capitais, sen gravar as transaccións financeiras internacionais, combater a evasión fiscal, os paraísos fiscais e a economía sumerxida”.
Se non é así, imporanse os recortes e os Estados dependerán dos acreedores que poderán impoñer as súas políticas antisociais. Finalmente, apunta Guerreiro que é preciso impulsar un marco común europeo, un proxecto político que permita embridar ás grandes forzas económicas e financeiras “que hoxe escapan a toda regulación e control, impoñen a súa lei e dirixen o proceso mundial sen ningun contrapeso”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario