martes, 31 de enero de 2017

Reunión xeral da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública





A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Publica (AGDSP) é unha organización sanitaria que ten como principal obxectivo intervir na política sanitaria coa finalidade de mellorar e defender o sistema sanitario público fronte ás forzas que pretenden desde hai anos o seu desmantelamento e privatización. 

Somos unha organización galega, federada con outras organizacións similares de todo o Estado na Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública. Durante máis de 30 anos viñemos realizando investigacións e propostas en materia sanitaria; promovendo mobilizacións profesionais e cidadás en defensa da sanidade pública, apoiando as intervencións dos grupos políticos progresistas nas institucións representativas, colaborando coas organizacións sindicais na defensa dos lexítimos intereses dos traballadores sanitarios, e informando á sociedade a través dos medios de comunicación.
Desde a AGDSP temos potenciado a creación dunha gran alianza social e profesional en defensa do Sistema de Saúde Público Galego, en colaboración con outras organizacións sociais, políticas, sindicais e profesionais. Esta alianza plasmouse nas Plataformas en Defensa da Sanidade (SOS Sanidade Pública) activas en toda a xeografía de Galicia.

Somos un colectivo non partidario, pero non neutral politicamente; temos unha orientación progresista, que integra a traballadores/as sanitarios/as de todas as categorías e ideoloxías que queren manter e mellorar un sistema público de saúde público, universal, equitativo, accesible e de calidade. 

O noso funcionamento baséase na lealdade, a xenerosidade e a defensa dun ben tan importante como a saúde, o que foi a clave para superar grandes retos e problemas durante estes anos, mantendo ao mesmo tempo un carácter aberto e plural. 

 
A Sanidade Pública Galega en perigo:
·       O sistema está en risco real de privatización como consecuencia das políticas neoliberais que consideran a saúde como unha oportunidade de negocio, e a crise económica serve de coartada para desmantelar o noso sistema sanitario.
·       Existe unha gran preocupación na poboación e nos traballadores sanitarios polo futuro do sistema público, como demostran as numerosas mobilizacións en defensa da Sanidade Pública dos últimos anos, en todas as áreas sanitarias de Galicia.
Neste escenario parece necesario potenciar a AGDSP como o espazo, aberto a todas as ideoloxías progresistas, que permita a implicación dos sanitarios/as e estudantes de ciencias da saúde que queiran incorporarse á loita por salvar o sistema público. Aínda que son moitos os que veñen colaborando desde hai tempo connosco, é necesario abrir a organización a todos os que queiran participar e colaborar na elaboración de novas estratexias e mobilizacións.
As Plataformas en Defensa da Sanidade Pública (SOS Sanidade Pública), están tendo un gran protagonismo nas loitas sociais en toda Galicia e necesitan dunha maior participación nas mesmas de traballadores/as da saúde. 

Para alcanzar este obxectivo convocamos unha reunión aberta a todos/as os sanitarios/as de todas as categorías a unha reunión e próximo día  8 de febreiro coa seguinte orde do día: 

1.           Elección dunha Xunta Directiva aberta a quen estea interesado en formar parte da mesma.
2.           Acordar un sistema de funcionamento aberto e participativo que facilite a implicación e colaboración dos traballadores/as sanitarios/as na elaboración das estratexias, decisións e actividades a nivel autonómico e nas diferentes áreas sanitarias, centros asistenciais e na Administración.
3.           Consensuar un Plan de Actuación que fixe as tarefas e prioridades da AGDSP para o ano 2017. 

Pedimos que realicedes o maior esforzo posible por difundir esta invitación, trasladándoa a todos os traballadores e estudantes que consideredes interesados na defensa e mellora da sanidade pública. 

A reunión, a celebrar o dia 8 de febreiro as 17 horas no Centro Sociocultural As Fontiñas de Santiago de Compostela (Rúa Berlín, 13), debe ser un punto de inflexión para revitalizar e potenciar unha asociación tan necesaria nestes momentos de incerteza.

sábado, 21 de enero de 2017

Entrevista a Fernando Ontañón


En Nueva Tribuna



“A novela reflexiona sobre a fraxilidade do que somos, sobre a construción que facemos de nosa propia vida”


 A orde invisible das cousas  (Ézaro Edicións, 2016) é o terceiro libro de narrativa que publica o escritor Fernando Ontañón, un cántabro corentón (Santander, 1972) que vive na Coruña desde hai moitos anos. Tras “Relatos invisibles” (2010) e “O xornalista despedido” (Premio de Novela Curta Dulce Chacón, 2014) chega agora ás librarías esta novela de máis de trescentas páxinas que, na miña opinión, confírmao como un extraordinario escritor, destinado a ocupar un lugar de preferencia no sistema literario español. 

Fernando Ontañón está nestas últimas semanas en ruta, facendo presentacións do seu libro en diversos recunchos da nosa xeografía. O escritor e crítico Ignacio Sanz, que o acompañou no acto realizado na libraría Intempestivos de Segovia, afirma que, con esta obra, “Ontañón non fai senón seguir ascendendo en complexidade para entregarnos unha obra intrigante, ambiciosa e madura”. Hoxe o escritor fixo un alto no camiño para concedernos esta entrevista.

-“A orde invisible das cousas”: de onde procede este título tan poético e enigmático?
Tropecei con esta frase nunha novela de Paul Auster, “A música do azar”. Pareceume que reflectía moi ben unha idea que aparece na novela, o xeito, ás veces tan inconsciente, en que construímos as nosas vidas. Quen eramos antes e como chegamos ata aquí, as decisións tomadas, o que deixamos atrás, as cousas ás que renunciamos. 

-Esta novela, máis complexa que os libros anteriores, desenvolve en paralelo dúas historias co mesmo protagonista en momentos diferentes da súa vida. O que comeza, de forma sutil, como unha historia de amores e desamores, vaise complicando para converterse nunha trama policial e política situada no tardofranquismo. Hai unha intencionalidade previa de abordar ese momento da nosa historia?

 
Fernando Ontañón e Ignacio Sanz na libraría Intempestivos, Segovia
Interésanme máis as reaccións humanas, as emocións e contradicións dos personaxes que a cuestión política ou histórica. Pero é verdade que a novela mostra tamén como unha xeración como a miña, nacida coa democracia, medrou envolvida nunha sorte de silencio respecto ao pasado, un silencio case doméstico. Nos noventa, apenas quince anos despois da morte de Franco, os mozos de entón non tiñamos nin idea de toda esa violencia da que viñamos.

-A Brigada Político-Social aparece a través dalgúns dos seus protagonistas máis relevantes (o comisario Conesa ou Billy el Niño). Considera que esa ignorancia e indiferenza que manifestan os protagonistas da novela sobre estas intrigas do franquismo e da Transición é algo xeneralizado na mocidade actual?
Os mozos da novela desenvólvense no primeiros noventa e moi pouco sabían entón de todo iso, a pesar de que os casos de torturas e detencións ilegais por parte da Brigada Político-Social persistiron ata mediados dos setenta. Imaxínome que o tempo transcorrido desde entón non axudaría. De todos os xeitos, coido que hai menos indiferenza que falta de información. Falouse moi pouco deste tema. É coma se nos avergoñáse falar diso. Demasiada xente pensa que para seguir adiante é mellor non remover o pasado. Os propios políticos, os diferentes gobernos democráticos deste país, en maior ou menor medida, evitaron sempre falar diso. O xuíz Garzón tentou poñer algo de luz e xa vimos como acabou. A xuíza Servini, desde Arxentina, ordenou a detención e extradición de varios membros da Brigada Político-Social, sospeitosos de torturas, entre eles José Antonio González Pacheco, alias Billy el Niño, pero a Audiencia Nacional rexeitou esa orde por considerar que os delitos prescribiran. Parece que hai unha deliberada intención de esquecemento.

-Nesta historia hai numerosas referencias a libros e escritores e citas das súas creacións. Estas chiscadelas literarias son unha especie de homenaxe aos seus narradores de referencia?
A novela fala do paso do tempo e, para o protagonista, os libros funcionan como referencias temporais. A min pásame; o recordo de certos momentos da miña vida está vinculado ás miñas lecturas. Todo lector ten unha memoria sentimental asociada aos libros que o foron acompañando. Pasa tamén coa música. E en “A orde invisible das cousas”, esas referencias, teñen moito que ver con libros que foron ou son importantes para min. 

-Cales son os seus referentes literarios máis importantes, en España e no mundo? A cales considera os seus mestres?
Gardo un agarimo especial a ese grupo de escritores españois cos que medrei como lector e cos que descubrín a miña paixón polos libros e a literatura: Carmen Martín Gaite, Antonio Muñoz Molina, Rafael Chirbes, Julio Llamazares. Eles mesmos, moitas veces, fóronme guiando cara novas lecturas e autores. Os referentes son moitísimos, pero a miña devoción é total por esa literatura norteamericana do século XX que representan autores como John Cheever, Raymond Carver, Don DeLillo, Richard Ford...

-No libro tamén hai numerosas referencias musicais. Que importancia ten a música na súa escritura e no proceso creativo?
A música, como dicía antes, forma parte tamén da memoria. Para min, ademais, está moi relacionada coa escritura. Sempre escribo con música, e a elección é importante, ten que aludir ao ton e ao ritmo da narración.  

-Hai dúas cidades, A Coruña e Zaragoza, que son tamén protagonistas nesta obra, pois nelas transcorre case toda a trama. Hai algunha razón, á parte das puramente biográficas, para conceder unha presenza tan notable a estas urbes?
Zaragoza é un dos motores narrativos da novela. Foi unha cidade importante para min en certa etapa da miña vida. Representa a memoria do personaxe. A distancia entre ambas as cidades fai referencia tamén a esa outra distancia que o tempo pon entre o mozo de vinte anos e o home de corenta que non consegue recoñecerse naquel.

-Na novela tamén hai reflexións sobre a culpa, sobre a covardía, sobre a determinante influencia do azar nas nosas vidas, sobre a deterioración da convivencia na parella. Hai un certo pouso de amargura na trama novelesca. Ten o autor unha visión pesimista sobre a vida ou sucede, simplemente, que os protagonistas son uns desgraciados?
A novela reflexiona sobre a fraxilidade do que somos, sobre a construción que facemos de nosa propia vida, as decisións que tomamos, o que deixamos atrás, as cousas ás que renunciamos, quizá por medo ou comodidade, e que determinan o que somos agora. Non creo que os protagonistas sexan uns desgraciados, ao contrario, paréceme que hai certa lucidez nesa vontade de enfrontarse á vida e a si mesmos. Oxalá todos puidésemos facer algo parecido. Pero a vida que levamos apenas nos deixa tempo para esa reflexión. Para iso serve a literatura.    

O autor na libraría Berbiriana da Coruña
-Nun recente artigo, publicado en Nueva Tribuna, vostede facíase a pregunta “Por que escribo?”, e lembraba unha resposta de Félix Romeo: “Escribo porque teño medo”. Por que escribe Fernando Ontañón? Cales son as razóns que o levan a inventar historias e facelas públicas en forma de libro?
Hai unha resposta xenial de Juan José Millás a esta pregunta: “Escribo polas mesmas razóns que leo, porque non me atopo ben”. Que máis se pode dicir? Escribir é unha forma como outra calquera de estar no mundo, supoño que é a miña forma de enfrontarme á vida.

-O momento que vive o mundo do libro non é, certamente, o máis halagüeño. Está Fernando Ontañón comprometido para continuar coa súa carreira de escritor? Hai outros proxectos en marcha?
A literatura sempre se moveu nas marxes. Ler é un pracer solitario. Sempre será un momento difícil para o libro. Sigo escribindo, claro. Non se me ocorre outra cousa mellor que facer.