jueves, 26 de diciembre de 2013

A Illa Navalleira





Xabier P. Docampo e Xosé Cobas dannos unha nova mostra do seu talento artístico. O primeiro como autor do texto e o segundo, das fermosas ilustracións,  veñen de publicar “A illa de todas as illas” (Xerais, 2013), un relato breve que narra as aventuras de tres rapaces extraviados nunha pequena illa cuberta por unha néboa densa que non lles permite retornar ao lugar donde os agardan os seus maiores. Neste ambiente fantasmagórico o tempo detense e os tres nenos, no seu deambular errático, atópanse con diversos persoaxes extraídos da literatura universal: alí están dende o Capitán Nemo e Robinson Crusoe ata o coxo John Silver.

Poderíamos interpretar a narración en clave metafórica. Todos nós podemos sentirnos como eses nenos temerosos, andando sen rumbo no medio da néboa sen atopar o camiño correcto para fuxir deste tempo de incerteza e desesperanza. Tamén nós podemos percibir as gadoupas do medo apretándonos o peito ante os sucesos do noso percorrido que sempre semellan ameazantes. Mais penso que os autores pretenden, sobre todo, facer unha homenaxe aos libros de aventuras e máis concretamente aos que acontecen nunha illa. O libro quere ser un emocionado convite a ler eses libros (Robinson Crusoe, A illa misteriosa, O señor das moscas, A Illa do Tesouro, etc.) que nos levan a mundos ben distintos do noso para coñecer vidas e persoaxes diferentes que habitan por un tempo a nosa imaxinación e nos van conformando como persoas.
Tamén os nenos que protagonizan esta historia xa non serán os mesmos cando rematen esta viaxe.



Decía Sartre que o mundo podería existir perfectamente sen a literatura. Pero Borges dixo que “uno no es lo que es por lo que escribe, sino por lo que ha leído” e mesmo hai quen dí que somos o que lemos.  Se cadra é algo esaxerado, sobre todo se temos en conta que hai moita xente que nunca le (en Galicia a metade da poboación non merca ningún libro no ano). Pero os que temos o vicio da lectura sempre gardaremos na memoria, e no corazón, algún libro que nos marcou no seu día e que nos axudou a nos construír coma seres humanos. Eses son os textos que recorda e homenaxea Docampo neste libro, no que utiliza a súa habilidade narrativa para integrar a persoaxes da literatura universal no relato e construir unha fábula sinxela e amena que nos atrapa desde o principio. 

Xabier P. Docampo fai unha demostración da súa maestría literaria e da súa erudicción; o libro remata cun longo epílogo (“Viviremos, se queremos, nunha illa deserta”) no que fai un documentado percorrido polos libros e os persoaxes que utilizou para elaborar este relato. Xosé Cobas deixa patente, unha vez máis, que é un dos mellores ilustradores deste país. A colaboración estreita destes dous autores ven de lonxe. O seu entendemento profundo e a súa complicidade faise evidente neste libro no que texto e ilustracións compleméntanse á perfección. Despois do maravilloso “Libro das Viaxes Imaxinarias” (Xerais, 2008) entregan agora este fermoso libro que é, sen dúbida, un dos mellores regalos que se poden facer nestas datas de Nadal.

jueves, 12 de diciembre de 2013

Mandela e Rajoy





Xa era de noite o día cinco de decembro cando o presidente de Sudáfrica, Jacob Zuma, comunicou a morte de Nelson Mandela:  A nosa nación perdeu au seu fillo máis grande”, afirmou. O home que derrotou ao racismo chegou aos 95 anos dunha vida plena e difícil marcada pola súa perseverancia  heroica na loita contra do apartheid. En 1962 foi condenado a cadea perpétua pola súa actividade política. Pasou 27 longos anos no cárcere, que lle serviron para encauzar o seu enorme talento político e para marcar obxectivos realistas para a súa loita. “Entró lleno de furia y salió sabio”, escribeu John Carlin (autor dun libro sobre Mandela no que se basea a película Invictus). Home íntegro, coherente e magnánimo (segundo Desmond Tutu), adicou a vida enteira a traballar pola concordia, a paz e a igualdade. En 1993 concedéronlle o Premio Nobel da Paz. O avance de Sudáfrica na convivencia entre as razas foi impresionante, ainda que teñen unha asignatura pendente: a reducción da brecha entre ricos e pobres, que sigue a ser moi grande. 


O mundo enteiro sinala a Mandela como unha das figuras clave do século XX e como un símbolo da capacidade dos pobos para superar o odio e a confrontación.  Hoxe todos lamentan a morte de Madiba (avó). Persoalidades de todo o mundo acudiron ao festivo acto de despedida que se celebrou no estadio de Johanesburgo o pasado día dez. Alguns dos dirixentes políticos presentes, que eloxian a figura e a traxectoria de Mandela, non terían dúbidas en metelo no cárcere se tivese desenvolvido a súa loita no territorio que eles gobernan. Tamén en España diversos representantes do PP fixeron unha loanza pública da súa loita polos dereitos humanos e a liberdade.  Son os mesmos que veñen de aprobar unha lei de seguridade cidadá que limita a liberdade de expresión, faculta ao executivo para impoñer sancións económicas severas, e que poderá ser utilizada como medida preventiva para disuadir do uso pacífico dos dereitos de reunión e manifestación. Son os mesmos que manteñen as chamadas concertinas nas vallas de Ceuta e Melilla (“elementos de disuasión pasiva”, segundo o ministro) que poden provocar lesións graves aos inmigrantes africanos –que fuxen da fame e do terror e farán todo o posible por chegar a Europa-.


Representando a España nese acto estivo Mariano Rajoy. Puxo de manifesto  a súa talla de estadista coas palabras pronunciadas camiño do funeral: “Es un momento muy bonito y emocionante, porque es el estadio en el que España ganó el Mundial”. Tamén fixo unha loanza de Mandela pola súa loita pola igualdade. Era o que requería o momento. Mais ún ten a impresión de que a ideoloxía e a traxectoria pública de Rajoy son totalmente contrarias ás do líder homenaxeado.  Mandela arriscou a súa vida por un noble ideal; Rajoy fixo unha carreira política confortable e estivo sempre na beira dos poderosos. Madiva soubo tender a man e construir pontes para favorecer a convivencia pacífica do seu pobo; Mariano levanta vallas e promove leis que provocan a exclusión social (ademáis, non se lle coñecen actividades delictivas pero tivo certa predilección, no seu traxecto político, por rodearse de presuntos delincuentes aos que adicou encendidos eloxios: Fabra, Matas, Bárcenas, Camps...).



Cómpre lembrar que Rajoy, cando era un mozo que se  iniciaba na política, afirmou por escrito que “la igualdad social es imposible” e expresou a súa convicción de que “los hijos de buena estirpe superan a los demás” e que “la desigualdad natural del hombre viene escrita en el código genético”.  Esa crenza na desigualdade dos seres humanos é a que inspira a súa actuación política. Nos dous longos anos que leva como presidente do goberno aplicou o seu ideario de xeito  taxativo. As políticas impostas desde o poder provocaron unha crecente desigualdade social, unha progresiva laminación da clase media, a desmontaxe desde dentro do Estado de benestar e un alarmente crecemento da pobreza: máis de doce millóns de persoas viven en España en situación de pobreza e exclusión social. E agora aplicarán a lei de seguridade cidadá para que ninguen proteste e cadaquén soporte o seu destino.

A lingua na sanidade





“As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, e o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. (..) Cada ano que pasa perdemos varias ducias de linguas. Este ritmo vertixinoso ten sido comparado á devastación ecolóxica: o ser humano é o principal axente da perda da diversidade biolóxica e cultural. Iso significa que as culturas e as linguas, como as especies en perigo de extinción, non morren: son asasinadas”.
(Teresa Moure. Outro idioma é posible. Galaxia, 2005).

Novos irmandiños e irmandiñas 2013
Con esta idea de compromiso global ante a Humanidade enteira  na defensa da nosa fala creouse a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), a finais de 2011, na vila da Estrada. O sector sanitario está moi desgaleguizado e cómpre facer un esforzo para recuperar a presenza do idioma neste contorno. A esta organización xa se incorporaron máis dun centenar de profesionais de toda Galicia e  pretende tecer unha rede de compromiso e complicidade para facer unha oferta positiva do idioma e conseguir que o seu uso se faga cada vez máis habitual. A recuperación do galego na relación sanitaria ten unha grande relavancia para a comunicación terapéutica e tamén para o porvir do propio idioma. 


Mesa da presidencia durante a intervención de F. Cerviño
ISAGA celebra unha xuntanza  anual, solemne e festiva, na que lembra a un profesional relevante comprometido co idioma e acolle a novos membros para continuar nesta tarefa. Este ano celebrouse a III Asemblea de ISAGA, nos locais da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, na Coruña, e contou coa asistencia de numeroso público. No transcurso do acto incorporáronse a esta institución corenta e cinco novos irmandiños, que se comprometeron a defender e usar o idioma galego na vida cotiá e no exercicio profesional. Os reponsables de ISAGA entregáronlle un documento ao Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, presente no acto, no que solicitan o seu apoio para promover o  galego nos centros sanitarios. Reclaman a súa intervención, entre outras cuestións, para:

-Garantir que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, incluíndo a cartelería e os paneis informativos.
-Garantir que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego.
-Garantir que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o  saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en idioma galego.
-Garantir que o galego sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas empregados  nos centros sanitarios e administrativos do Sergas.
-Garantir que os directivos do Sergas falen a cotío en galego no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas.
-Procurar que as empresas subministradoras de material sanitario e non sanitario do Sergas etiqueten os seus produtos en galego.
-Crear un premio anual en cada un dos hospitais de Galicia para distinguir aos profesionais que destaquen  polo uso do galego, incluíndos aos centro de atención primaria da súa área ade influencia.
-Impulsar a utilización do galego nos centros de formación de profesionais sanitarios (Medicina, Enfermaría,  Fisioterapia, Farmacia, Veterinaria etc). 

Familia do doutor Fausto Galdo e asistentes ao homenaxe

Este ano honrouse a memoria  do reumatólogo coruñés Fausto Galdo, falecido hai agora un ano, polo seu compromiso coa cultura galego e coa lingua. Estivo presente a viúva, Fernanda Rolón, acompañada polos seus fillos. Escoitaron con emoción as afectuosas semblanzas do homenaxeado, realizadas polos doutores Francisco Cerviño e Ánxel Vázquez de la Cruz (compañeiros e amigos de Fausto Galdo), que destacaron o seu compromiso galeguista e relataron vivencias comuns dos seus tempos de formación e dos inicios no exercicio profesional.  Na parte final da Asemblea actuou a Coral Saúde, integrada por traballadores do Hospital da Coruña, que interpretaron varias pezas do cancioneiro popular e remataron o acto co himno galego.