lunes, 24 de abril de 2017

Don Carlos Guitián, o médico que facía as receitas en galego








Don Carlos Guitián nunha charla recente no Liceo
Don Carlos Guitián é un médico con moito prestixio na cidade de Ourense, onde exerceu a profesión durante moito tempo (foi xefe do Servizo de Uroloxía do Hospital Provincial 45 anos e tamén tivo a súa consulta na rúa Progreso). Agora cumpre gozosamente noventa anos e un numeroso grupo de amigos fanlle un merecido recoñecemento público o próximo día 29 de abril nos locais do Liceo.  O Colexio de Médicos de Ourense e a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) apoian esta homenaxe

É un pioneiro na súa especialidade e  na década dos sesenta foi o primeiro médico en realizar a técnica da resección transuretral para as doenzas de próstata. Mais o recoñecemento público non se lle fai só polos seus méritos profesionais senón polo seu profundo compromiso con Galicia e co galego. Foi o primeiro médico que escribiu as receitas no idioma propio, nos tempos escuros da ditadura franquista, cando a nosa lingua era perseguida e maltratada. Esta actitude de firme compromiso non lle reportaba beneficio algún senón todo o contrario. El mesmo recoñecía, nunha entrevista publicada en 2015, que “houbo pacientes deixaron de vir a miña consulta por falar en galego". O amigo Carlos Menéndez, que traballou co doutor Guitián como bolseiro nos anos oitenta, contoume que, xa daquela, no Servizo de Uroloxía as historias clínicas e os informes médicos escribíanos en galego.  Podemos consideralo, con todo merecemento, como un dos médicos ilustrados que iniciaron a galeguización da sanidade en Ourense. 

Don Carlos Guitián de mozo
Foi membro do Partido Galeguista e tivo relación persoal con Ben Cho Sei (primo de súa nai), Ferro Couselo, Vázquez Monxardín, Salvador Rei, Otero Pedrayo  ou Blanco Amor. Tamén tiña unha especial amizada e fonda admiración por Florentino Pérez Cuevillas.  Pero o seu galeguismo non naceu destas relacións senón que xurdiu moito tempo antes. Na súa mocidade, cando fixo a especialidade no Hospital de Sant Pau de Barcelona decatouse do orgullo que sentían os cataláns pola súa lingua. Alí naceu o seu compromiso co galego, que mantivo toda a vida, a pesares das dificultades, prexuízos e faltas de respecto. Foi excluído de certos círculos profesionais e tivo que soportar moitas veces o “ninguneo” daqueles colegas que lle devolvían os informes que escribía en galego dicíndolle “no lo entiendo”. 

Nos seus anos de formación en Catalunya
Nunca cedeu na súa actitude. Non era un home de gran estatura pero tiña un forte carácter, unha vontade férrea e unha grande capacidade de liderazgo tanto no exercicio da profesión como no seu compromiso político e social. Tamén participou na corrección da toponimia galega. El mesmo contou, con moita retranca, como, hai moitos anos saía de noite (en compañía da súa muller e collidos do brazo, para disimular), e ían pintando cunha brocha  o “X” enriba da “J” de Rianjo e outras correccións semellantes. O xornalista Fernando Ónega relatou estes feitos nun artigo, sen saber que os autores eran o doutor Carlos Guitián e a súa dona. 

Longa vida ao doutor Guitián. Debemos recoñecer e agradecer a súa perseveranza no compromiso galeguista que nos serve de exemplo a todos os demais. 





lunes, 10 de abril de 2017

A bondade de Pancho Pillado






Francisco Pillado
Francisco Pillado (A Coruña, 1941) é unha figura principal da cultura galega. Home de teatro, activista cultural, escritor, xornalista e, sobre todo editor; o labor que veu realizando nas últimas décadas é inmenso, e a súa entrega xenerosa ao servizo da cultura e do país debe ser destacada e recoñecida. 

Ademais da entrega perseverante e da coherencia vital Pancho Pillado amosou tamén, mesmo nos tempos difíciles, a súa profunda convicción republicana. Declarouse sempre defensor da República e detractor da monarquía borbónica. Vén de ser elixido Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e será honrado con diversos actos. O día 18 de abril recibe unha homenaxe no Círculo de Artesáns da Coruña en recoñecemento do seu labor. A CRMH designou a Pillado por unanimidade "pola súa insubornable e constante defensa dos valores republicanos e polo seu labor en prol da recuperación histórica".

Pancho Pillado é un home de gran formación cultural, dotado dunha memoria extraordinaria, capaz de recitar poemas de Lorca ou textos de Valle Inclán sen parar; é un  melómano irredento (“Só Mozart e Beethoven poden mellorar o silencio” dixo) e un notable pianista (aínda que xa non exerce). Ten organizado na súa casa de Miño encontros musicais aos que convidaba aos amigos (algunha vez estiven alí). O seu labor do ámbito teatral foi inxente. Xunto con Manuel Lourenzo deulle pulo a numerosas iniciativas (Escola Dramática Galega, os Cadernos da EDG, a revista teatral Casahamlet, o libro  O Teatro Galego, publicación pioneira e aínda de referencia) que axudaron a manter vivo e potenciar o teatro en Galicia.

Fundadores de Laiovento
Estivo moi implicado en diversas actividades culturais e en 1997 foi elixido polo Parlamento de Galicia como membro do Consello de Administración de Compañía de RTVG,  cargo que exerceu durante dúas lexislaturas. Pero de todas as iniciativas nas que participou coido que a máis importante foi a  fundación en 1991 de Edicións Laiovento (xunto con Beiras, Pepe Carreiro, Couceiro, González Millares e Afonso Ribas). Pillado foi o director da Editorial ata 2014. A intensa dedicación a esta tarefa e a perseveranza no traballo fixeron de Laiovento unha editorial de referencia, que publicou numerosas obras de ensaio, narrativa e teatro que, doutro xeito, nunca verían a luz. Foron moitos anos de traballo xeneroso que deixaron unha fonda pegada na vida cultural do país. Compromiso e dignidade: esas verbas definen moi ben a Pancho Pillado.

Eu tiven a honra de que me encargase a edición dun texto sobre a deriva privatizadora da sanidade en Galicia. Dese encargo naceu o libro “A saúde como negocio” (2012), que continuou cunha edición revisada en castelán (2014) e con “A comercialización da saúde” (2016). Son libros de combate, que tentan denunciar e poñer freo á contrarreforma sanitaria que está a realizar o Partido Popular. Co primeiro libro recorremos toda Galicia (coa compaña da súa muller, a adorable Noli) e fixemos numerosas presentacións e debates nas que Pancho sempre se implicou con enerxía e entusiasmo.  Nesas viaxes, e nas longas conversas de ida e volta, decateime de que, por enriba de todas as súas calidades  ten unha principal: a bondade. Porque Pancho Pillado é, por enriba de todo, unha boa persoa, afectuosa e con gran sentido da amizade.  Ben merece estas homenaxes. Saúde e República, mestre.

Pancho Pillado e Noli, nunha foto publicada por Praza Pública