jueves, 25 de febrero de 2016

O futuro será rural






Estes días estiven relendo as dúas novelas publicadas por Manuel Iglesias Turnes. Na primeira, As rapazas de Xan, recrea con acerto e emoción o mundo dos seus avós, as penurias da aldea e a busca dun futuro mellor nas Américas. No segundo, Que non te aten (Xerais 2016), relata a vida do rural nos tempos de hoxe, protagonizada pola xeración que corresponde á dos seus fillos. Esta lectura fíxome cavilar no moito que cambiou este mundo, que eu coñecín de neno. A mudanza realizada en Galicia nas últimas décadas é abismal. A vida dos mozos de hoxe, para ben e para mal, non ten nada que ver coa dos seus avós.

En Galicia o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das sete cidades. Desde 1985 ata hoxe máis de 350.000 persoas abandonaron o campo (0 85% da poboación activa daquel tempo). Houbo moitos que marcharon á emigración; outros foron vivir aos barrios periféricos das cidades. Os seus fillos foron criados no desprezo e rexeitamento do agro; algúns fixeron estudos universitarios, outros traballaron na construción ata que o estoupido da burbulla inmobiliaria os deixou sen traballo e sen futuro.


 Houbo sectores da economía rural que progresaron de xeito espectacular dedicando enormes esforzos a mellorar e modernizar a produción. O mundo do viño está hoxe á altura dos mellores, e a industria do leite tamén avanzou de forma impresionante. Se a mediados do século pasado había máis de 100.000 gandeiros agora quedan menos de 10.000, pero cunha capacidade de produción infinitamente superior e de gran calidade. Galicia produce leite para máis de quince millóns de persoas e sitúase entre as oito rexións produtoras máis importante de Europa. Este proceso, necesario e, se cadra, inevitable naquel tempo tamén provocou vítimas: xente que deixou as terras e a casa familiar, o abandono das leiras e dos montes que quedaron, en moitos casos, improdutivos. Os que puideron facer medrar nas súas explotacións hoxe, mesmo coas ameazas existentes, teñen unha vida mellor. Dos que deixaron todo atrás, moitos están agora sen nada: sen terra, sen traballo, sen futuro.

O territorio e a paisaxe sufriron unha transformación brutal. Foron os anos do feismo (o ladrillo á vista e o cemento por todas partes), da reforestación con piñeiros e eucaliptos, dos agros abandonados invadidos polas silvas e as xestas, da apertura de numerosas estradas e pistas que non levan a ningunha parte, do chaletismo rururbano. Mentres tanto o calendario foise enchendo de festas gastronómicas, as paredes das tabernas adórnanse cos apeiros da labranza e os hórreos convertéronse nun elemento decorativo nos xardíns dos chalés. É a arquitectura do desarraigo, a conversión de Galicia nun parque temático para distracción de turistas e camiñantes (Santiago Lamas, Galicia borrosa). 

 Mais agora ese tempo de medrar sen límite rematou a hai voces autorizadas que alertan dos perigos do futuro. Algúns intelectuais defenden a teoría do decrecemento. Cómpre frear este crecemento sen fin, impulsado polo capitalismo, que xa non serve máis que para agrandar as desigualdades e degradar o planeta. Outros teóricos van un paso máis aló. Advirten da proximidade do fin do petróleo como fonte de enerxía e das severas consecuencias que iso terá se non estamos preparados. O economista Xoán R. Doldán pregunta: “Como cubriremos a demanda básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos e onde se producen grazas á importación do petróleo e agroquímicos?”. Prognostica que o futuro será rural, non xa como unha opción, se non como algo inevitable.  Sen caer no catastrofismo o certo é que cómpre prepararse de forma colectiva para cando, tarde ou cedo, chegue ese momento. Do contrario sucederá o que Carlos Taibo chama darwinismo social militarizado, que consistiría en que certos grupos do poder económico e político tentarían acaparar os recursos escasos para fornecer ás elites, da man de proxectos apoiados na violencia.


miércoles, 17 de febrero de 2016

A mocidade do rural

En Galicia Hoxe
En Praza Pública
En Galicia Dixital



"Que non te aten", segunda novela de Manuel Iglesias Turnes

Manuel Iglesias Turnes estreouse como escritor en 2012 -cando xa tiña ben cumpridos os sesenta- cunha novela, As rapazas de Xan, que narra a vida nunha aldea de Galicia na primeira metade do século vinte. O relato, que tivo unha excelente acollida reflectía con veracidade as peripecias vitais da xente do rural na época dos pais e dos avós do narrador. Agora entréganos a súa segunda obra, Que non te aten, na que fai un acaído retrato do mundo rural galego nos tempos de hoxe desde a ollada da mocidade actual, a que se correspondería coa xeración dos fillos do autor. Volve a sorprender nesta segunda entrega narrativa. Demostra unha boa pericia como narrador e confirma a súa vocación literaria. 

Que non te aten é unha novela de amor e desamor narrada como unha historia lineal na que o narrador/protagonista vai relatando a vida dun grupo de mozos/-as do medio rural. A acción discorre en Cabanas (parroquia do concello de A Baña, terra natal do novelista), con incursións ocasionais en Santiago e Muros. O protagonista da novela, Marcos, é un rapaz indolente de vinteseis anos, que traballa na explotación gandeira da propia familia, dirixida polo seu irmán Daniel e a súa muller Iria. A incapacidade do protagonista para tomar decisións lévao a manter relacións simultáneas con dúas mozas e a vivir envolto nunha trama de mentiras. 

A modernidade na aldea
Hai na novela dúas partes ben diferenciadas. Na primeira o narrador retrata a forma de vivir e traballar nunha explotación gandeira actual. O autor coñece ese mundo pois o seu labor profesional estivo sempre vinculado ao campo. Hai unha modernidade no mundo rural que a xente urbana descoñece por completo. Hoxe as ganderías dedicadas á produción de leite están dotadas dunha tecnoloxía punteira que as sitúa entre as máis avanzadas de Europa. A selección xenética das vacas frisonas, o control informático da explotación e da produción, a organización do traballo, o control da alimentación do gando, as zonas de muxir case estériles como quirófanos, os concursos para elixir á mellor vaca do ano: toda esta actividade fai que a vida no rural non teña nada que ver coa que se debuxaba en As rapazas de Xan.
A gandería galega está modernizada e as terras de Cabanas foron pioneiras neste empeño. Nesa contorna viven estes rapaces, instalados na cultura globalizada, algúns deles con estudos universitarios e con inquedanzas intelectuais e políticas. Son nativos dixitais que usan a cotío as redes sociais e teñen contacto co mundo urbano. Pero se os mozos de As rapazas de Xan ollaban para América, estes de agora miran cara Europa como unha posibilidade de futuro. 

Os dramas da vida cotiá 

Na segunda parte da novela o narrador acelera o ritmo e, con diálogos áxiles e ben trenzados, desenvolve unha trama na que hai  traizóns e desenganos, episodios de violencia e unha investigación policial. A tecnoloxía moderna, os medios de comunicación e as redes sociais teñen protagonismo neste tramo do relato, no que ese grupo se ve envolto nunha situación dramática que os fai madurar de golpe.  Na novela hai amor e desamor, tensión sexual e compromiso amoroso; homes débiles e inmaduros xunto a mulleres fortes e decididas; amizade e desamparo, ambición e codicia. Hai un mundo rural incorporado á modernidade e unha mocidade culta que chega á idade adulta sen ter claro o seu futuro.  

Trátase, pois, dunha novela construída con habilidade; é de lectura fácil e amena e retrata un mundo (a vida rural actual) descoñecido para a maioría dos lectores urbanos. Galicia, que sobreviviu no campo, vive de costas ao mundo rural. Moitos lectores vanse sorprender do cambio experimentado nas aldeas, da modernización das explotacións gandeiras, da forma de vida dos habitantes do agro, e da presenza dunha xuventude comprometida coa terra. 

Manuel Iglesias Turnes, nesta segunda novela, mostra a súa madurez como escritor. Só el podería facer unha obra así. Conta a vida do mundo rural coas súas propias palabras, e fai a narración desde dentro porque el tamén forma parte desa aldea  na que naceu e da que nunca desertou. A veracidade desta historia ven avalada pola pertenza do autor ao propio entorno. Non se trata da mirada do antropólogo describindo a evolución da vida nas aldeas: trátase dun membro da tribu que relata a historia dos seus.