Estes días estiven relendo as dúas novelas publicadas por
Manuel Iglesias Turnes. Na primeira, As
rapazas de Xan, recrea con acerto e emoción o mundo dos seus avós, as
penurias da aldea e a busca dun futuro mellor nas Américas. No segundo, Que non te aten (Xerais 2016), relata a
vida do rural nos tempos de hoxe, protagonizada pola xeración que corresponde á
dos seus fillos. Esta lectura fíxome cavilar no moito que cambiou este mundo, que eu
coñecín de neno. A mudanza realizada en Galicia nas últimas décadas é abismal.
A vida dos mozos de hoxe, para ben e para mal, non ten nada que ver coa dos
seus avós.
En Galicia o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas
das sete cidades. Desde 1985 ata hoxe máis de 350.000 persoas abandonaron o
campo (0 85% da poboación activa daquel tempo). Houbo moitos que marcharon á
emigración; outros foron vivir aos barrios periféricos das cidades. Os seus
fillos foron criados no desprezo e rexeitamento do agro; algúns fixeron estudos
universitarios, outros traballaron na construción ata que o estoupido da
burbulla inmobiliaria os deixou sen traballo e sen futuro.
Houbo sectores da economía rural que progresaron de xeito
espectacular dedicando enormes esforzos a mellorar e modernizar a produción. O
mundo do viño está hoxe á altura dos mellores, e a industria do leite tamén
avanzou de forma impresionante. Se a mediados do século pasado había máis de
100.000 gandeiros agora quedan menos de 10.000, pero cunha capacidade de
produción infinitamente superior e de gran calidade. Galicia produce leite para
máis de quince millóns de persoas e sitúase entre as oito rexións produtoras máis importante de Europa.
Este proceso, necesario e, se cadra, inevitable naquel tempo tamén provocou
vítimas: xente que deixou as terras e a casa familiar, o abandono das leiras e
dos montes que quedaron, en moitos casos, improdutivos. Os que puideron facer
medrar nas súas explotacións hoxe, mesmo coas ameazas existentes, teñen unha
vida mellor. Dos que deixaron todo atrás, moitos están agora sen nada: sen
terra, sen traballo, sen futuro.
O territorio e a paisaxe sufriron unha transformación brutal.
Foron os anos do feismo (o ladrillo á
vista e o cemento por todas partes), da reforestación con piñeiros e
eucaliptos, dos agros abandonados invadidos polas silvas e as xestas, da
apertura de numerosas estradas e pistas que non levan a ningunha parte, do chaletismo rururbano. Mentres tanto o
calendario foise enchendo de festas gastronómicas, as paredes das tabernas adórnanse
cos apeiros da labranza e os hórreos convertéronse nun elemento decorativo nos
xardíns dos chalés. É a arquitectura do desarraigo, a conversión de Galicia nun
parque temático para distracción de turistas e camiñantes (Santiago Lamas,
Galicia borrosa).
Mais agora ese tempo de medrar sen límite rematou a hai voces
autorizadas que alertan dos perigos do futuro. Algúns intelectuais defenden a
teoría do decrecemento.
Cómpre frear este crecemento sen fin, impulsado polo capitalismo, que xa non
serve máis que para agrandar as desigualdades e degradar o planeta. Outros
teóricos van un paso máis aló. Advirten da proximidade do fin do petróleo como
fonte de enerxía e das severas consecuencias que iso terá se non estamos
preparados. O economista Xoán R. Doldán pregunta: “Como cubriremos a demanda
básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos e onde se producen
grazas á importación do petróleo e agroquímicos?”. Prognostica que o futuro será rural,
non xa como unha opción, se non como algo inevitable. Sen caer no catastrofismo o certo é que
cómpre prepararse de forma colectiva para cando, tarde ou cedo, chegue ese
momento. Do contrario sucederá o que Carlos Taibo chama darwinismo social militarizado,
que consistiría en que certos grupos do poder económico e político tentarían
acaparar os recursos escasos para fornecer ás elites, da man de proxectos
apoiados na violencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario