sábado, 28 de febrero de 2015

Os conflitos de interese e as portas xiratorias na sanidade

Galicia Hoxe







Na sanidade a estratexia de privatizacións contínuas, con recortes orzamentarios no sector público e a entrega de porcións crecentes dos presupostos a mans privadas para o seu lucro persoal, o Partido Popular levaa a cabo, en moitos casos, de maneira solapada. Hai un apoio cómplice entre o poder político e os intereses privados; realizan acordos na sombra, furtando o control destas manobras aos representantes públicos (partidos da oposición, organizacións sindicais e profesionais). 


Hai, nestas prácticas, flagrantes conflitos de interese e un uso abusivo e vergonzante das portas xiratorias. Algúns personaxes (Lamela, Güemes, Rocío Mosquera, Antonio Burgueño) acadaron notoriedade por practicar con todo descaro o "revolving door". O dano que provocan estas actuacións -á sociedade, ao sistema sanitario e aos seus traballadores, á nosa saúde e aos nosos descendentes-, é inconmensurable. Estas prácticas fraudulentas esquivan o control social e a supervisión dos organismos públicos e da xustiza. Pero convértense en feitos consumados que, nalgúns casos, serán dificilmente reversibles. 



Estas relacións promíscuas entre o público e o privado non son exclusivas do mundo sanitario. No sector enerxético as portas xiratorias funcionan con total descaro. As empresas eléctricas, gasistas e petroleiras acollen a moitos expolíticos, actualmente a soldo en consellos do Ibex. Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Endesa, REE e Enagás tiñan o ano pasado a once ex altos cargos do PP, cinco do PSOE e un de CiU nos seus consellos de administración.
As retribucións destes conselleiros son, nestes tempos de austericidio, totalmente escandalosas. O exministro do PP Ángel Acebes, dobremente imputado (polos casos de Bankia e Bárcenas), case chega aos 300.000 euros anuais como vogal de Iberdrola.


Cada novo día enterámonos pola prensa de numerosos casos de corrupcións e corruptelas que invaden a xeografía española. Nese turbio ambiente, e con esa clase de actores, é onde se está desenvolvendo este desmantelamento programado dos servizos públicos. E con total impunidade, polo momento. Así o dicía Luísa Lores nun artigo, no que denuncia que o goberno de Núñez Feijóo, coa conselleira Mosquera ao fronte, fragmentou, desmantelou, privatizou e endebedou o sistema sanitario público de Galicia “con total descaro e impunidade, para beneficio das empresas privadas vinculadas; nunca lles poderemos perdoar


Estamos nun momento crave. É necesario deter esta sangría. Eles non van parar, ata desvalixar por completo as arcas públicas. Hai que desaloxalos do poder para que non sigan destruíndo o sector público, actuando como troianos. Porque hai un perigo certo de pasar do monopolio público ao oligopolio privado. Joaquín Estefanía xa o advertiu: privatizaron a banca pública, a enerxía pública e as telecomunicaciones públicas, entre outros sectores estratéxicos: “agora queren facer o mesmo coa sanidade e a educación públicas aínda que o neguen". Porque, despois de todas as corrupcións, saqueos e aproveitamentos que xa saíron á luz, como dicía Javier Marías, cando por fin saiamos das nosas teimas cotiás e levantemos a cabeza,””atoparémonos cun país desposuído, abatido, co baleiro instalado en todos os terreos”.






lunes, 16 de febrero de 2015

A saúde como mercadoría

Nueva Tribuna



Antes de ocupar o poder no goberno central o Partido Popular xa viña realizando privatizacións nas CCAA onde gobernaba. Entregaron hospitais públicos a mans privadas (modelo PFI) e realizaron unha masiva externalización de servizos e áreas de actividade sanitaria. Desde que tomaron o poder no goberno central realizaron drásticos recortes. Aos poucos meses o goberno de Rajoy aprobou un recorte de 10.000 millóns en sanidade e educación, con ausencia de debate previo, no que se considerou, naquel momento, o maior recorte de servizos sociais da democracia. 

A partida dos orzamentos destinada ao Ministerio de Sanidade leva varios anos descendendo. Estas drásticas medidas provocaron efectos moi nocivos no funcionamento dos servizos públicos . Esa é a estratexia: degradar e desprestigiar os servizos públicos para favorecer negocios a expensas do diñeiro de todos. Explícao moi ben o profesor Navarro no libro La salud como negocio. Trátase de agrandar o sector privado a costa de reducir o sector público: “Iso é o que están realizando masivamente en España, respondendo aos intereses do capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está destruíndo a Sanidade pública; a evidencia existente é robusta e abafadora”. Vicenç Navarro cita o caso dos EEUU que ten un sistema de aseguramiento privado, enormemente custoso e ineficiente e sumamente impopular. “Ese é o resultado de poñer como motor do sistema sanitario o afán de lucro: entra directamente en conflito coas necesidades da cidadanía”. 

Desde o propio poder político están realizando unha expropiación de dereitos consolidados, o que representa un grave retroceso histórico. Un ministro de finanzas portugués respondeulle secamente a un opositor que propugnaba alternativas ás súas políticas de austeridade: “¡Non hai diñeiro! Cal das tres palabras é a que non entende?”. Con esta arrogancia pretenden reducir a un tema económico o que en realidade é unha cuestión política e rexeitan calquera procura de alternativas ás políticas de austeridade. Vulneran tamén o principio de “prohibición do retroceso social” que debería obrigar ao poder político a adoptar as medidas necesarias para soster e garantir os dereitos sociais xa materializados. Así o recordaba o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, nun discurso recente.

Desde o propio poder político, ao amparo da crise, están impoñendo medidas (en sanidade, na educación, no mundo laboral, no exercicio das liberdades) que nos conducen a un tempo preconstitucional. A saúde deixa de ser un dereito e convértena nunha mercadoría. Por si todo isto fose pouco, sabemos que a UE está negociando con EEUU, con todo secreto, un Tratado de libre comercio (TTIP), que, de ser aprobado representaría un perigo serio para os servizos públicos xa que pretende favorecer novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos ás empresas transnacionales, o que provocaría unha ola de privatizaciones en sectores como a sanidade e a educación. Trátase dos mercados apoderándose do mundo, os voitres que planean e pretenden quedarse con todo. E teñen cómplices na política, que lles facilitan a tarefa.



viernes, 6 de febrero de 2015

A saúde da mocidade e da infancia


Nueva Tribuna



Non me atrevo a prognosticar como será a saúde dos nosos mozos cando pasen outros trinta anos. Neste mundo tan cambiante e globalizado, dominado polas forzas escuras do mercado, calquera predicción pode ser errónea. (Só me atrevo a predecir que aumentarán, en gran medida, os procesos tendinosos e artrósicos das mans, causados polo uso compulsivo de tabletas e móbiles).

Xa sabemos que a nosa saúde non depende só do sistema sanitario. Todos temos unha predisposición xenética que, en boa medida, condiciona a nosa saúde. Inflúe a contorna e o medio ambiente, e tamén os nosos estilos de vida. Certos hábitos adquiridos por amplos sectores da mocidade actual influirán na súa saúde futura. A tendencia ao sedentarismo, o incremento da obesidade, o uso compulsivo de dispositivos móbiles  -e a cultura da inmediatez-, o consumo de drogas legais e ilegais, a utilización abusiva de fármacos para os malestares da vida cotiá: todos estes factores influirán na saúde colectiva nun futuro próximo. Xa veremos en que medida.

A actual crise sistémica tamén deixará pegada na saúde individual e comunitaria. A competitividade, a extrema esixencia laboral, o deterioro dos empregos e dos salarios, a deficiente cobertura social ante as situacións de precariedade -laboral, económica, familiar ou de saúde-, a dificultade para o desenvolvemento persoal e laboral, a incerteza sobre o futuro persoal e colectivo: todos estes factores, cunha evolución no próximo futuro que ignoramos -porque depende da interacción de múltiples factores e da capacidade da mocidade para opoñerse á opresión do capitalismo especulativo-, influirán na saúde dos mozos no porvir. Depende de todos, e tamén deles mesmos, que podamos construír un futuro mellor.

O que xa é máis preocupante é a saúde e o porvir dos nosos nenos. Un 30% da infancia española atópase en risco de pobreza. A crise e os recortes sociais agravaron unha situación que xa era preocupante hai 5 anos, co 25%. Dos case 20 millóns de nenos europeos en risco de pobreza, máis dun 13% son españois. A pobreza dos nenos depende da pobreza dos pais, “non hai nenos pobres de pais que non o sexan”, afirma Vicenç Navarro, polo que a situación da infancia depende da situación das súas familias -sobre todo das súas nais-. Tamén recorda que a pobreza nos nenos favorece o fracaso escolar, o que ten consecuencias moi negativas para o futuro do país. A malnutrición, as deficientes condicións da vivenda, a desprotección fronte ás inclemencias do tempo e a baixa resistencia ante a enfermidade fai que os nenos pobres teñan máis enfermidades. A pobreza, a falta de coidados e de expectativas representan un severo atentado contra a saúde dos nosos nenos, contra o noso futuro.

Nun informe da Fundación 1º de Maio recórdase que a pobreza infantil está fortemente relacionada coa precariedade laboral, os baixos salarios e a inestabilidade no emprego dos adultos. Os recortes en política social provocan un enorme incremento da desigualdade e un aumento da pobreza en xeral e da pobreza infantil en particular, e fan máis pobres aos que xa o eran. A pobreza non debería ser un camiño sen retorno, pero esta infancia que medra con limitadas expectativas, con escaso apoio social e con dificultade de acceso á educacion e á sanidade poden cronificar a súa situación e ver cegada a súa saída da precariedade no futuro.

Esta situación non é exclusiva de España. Toda Europa, en maior ou menor medida, ten o mesmo problema. Save the Children deu a alerta: a actual crise económica, financeira e social de Europa está creando un aumento da pobreza e a exclusión social infantil en todo o continente. Preto de 27 millóns de nenos e nenas corren o risco de caer na pobreza e a exclusión social. Si queremos defender o noso futuro colectivo teremos que cambiar as políticas para que os nenos, todos os nenos, teñan a posibilidade de desenvolver unha vida plena que lles permita aspirar a ser felices.