jueves, 29 de diciembre de 2011

Virán malos tempos



O ministro de Economía, Luis de Guindos, acaba de predecir a catástrofe: estamos mal e iremos a peor. No lugar de explicar cómo vai sacar ao país da crise, ven de anunciar en público que nos agardan malos tempos, que a situación económica aínda vai empeorar. Antes das eleccións había só un culpable da crise, Zapatero, e non se podía arranxar nada ata que o PP chegase ao poder. Agora viran o discurso; na vez de promover a necesaria confianza seguen a sembrar o pánico entre a poboación.
A obriga dun ministro é anunciar medidas que procuren a protección dos cidadáns e a confianza colectiva. Mais, pola contra, este home anuncia tempos malos como se non tivese a obriga de evitalos. Aparece na foto coas mans igual que garras enganchadas ao atril, a ollada fixa,  a mandíbula apretada, como o depredador que agarra a presa e non a solta nin que lle troncen a queixada. Porque teño a sospeita de que este home non chega ao cargo con vocación de servizo público: ven para servir aos mercados, a donde volverá cando remate esta etapa de saqueo dos orzamentos públicos.

-Luis de Guindos estivo no goberno con Aznar. Era a man dereita de Rodrigo Rato na época en que entregaron aos amigos do presidente as mellores e máis rendibles empresas públicas (Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol). Despois foi un alto directivo de Lehman Brothers, a compañía que inundou a banca con productos tóxicos e que levaron á actual crise financeira, que obrigou ao Estado a rescatar os bancos con diñeiro público. Él é un dos responsables desta intoxicación cos créditos subprime. Foi membro do comité executivo mundial deste banco de inversión norteamericano. “Se daquela non foi quen de predecir o que agardaba á súa empresa –só unha empresa-, qué nos agarda a nós? Cal é a súa credibilidade?” preguntábase nun artigo Juan Bidegaín. Na película Margin Call contan como actuaron os executivos de Lehman Brothers cando quebrou en 2008: venderon todos os productos tóxicos ás presas, enganando á xente para salvar o seu propio diñeiro.

-Rodrigo Rato volve a mandar na economía deste país. Os ministerios económicos están en mans de homes da súa confianza persoal (de Guindos e Montoro). Él defende agora fortes intereses privados como presidente de Bankia, pero ten os seus peóns colocados en postos de mando para que executen decisións políticas que lle sexan favorables. O banco que preside xa ten recibido 20.000 millóns de euros de diñeiro público, que os seus xestores utilizan para seguir ganando cartos, mentras restrinxen créditos ás familias e empresas. Pero, ademáis, este eximio economista, despois de ser ministro de Aznar, pasou un tempo longo (2004-07) como director do Fondo Monetario Internacional (FMI). Nunha auditoría realizada despois do seu mandato sinalan que non foi quen de prever a crise, emiteu informes favorables sobre a situación e favoreceu a a creación dunha burbulla de optimismo mentras se xestaba a maior crise financeira desde a Gran Depresión.

-Aznar, nos anos que estivo de presidente privatizou as mellores empresas públicas e favoreceu a especulación inmobiliaria. Quedará na historia como membro do trío das Azores –que iniciou a terrible guerra de Irak-, como principal responsable da crise do Prestige, como o grande mentireiro que quixo ocultar a autoría dos atentados de Atocha por motivos electorais e tamén como o mandatario que ordenou a invasión do illote de Perexil, só habitado por rebaños de cabras. Pero agora xa non ocupa ningun cargo público, está adicado aos seus negocios privados como asesor ou directivo de diversas empresas. Ao pouco tempo de deixar a presidencia fichou como asesor de grandes negocios financeiros, inmobiliarios e mediáticos en mans de empresarios todopoderosos (entre eles o coñecido Rupert Murdoch, agora perseguido pola xustiza británica en relación cun delito de escoitas ilegais). Por eso resulta inquietante a súa presenza na foto que motiva este comentario. Qué está a facer este home na primeira comparecencia pública dun ministro? Qué significa esta presenza tan ostensible e inesperada? Coa súa ollada severa e o xesto de trascendencia que lle é propio semella estar a vixiar que todo acontece segun o guión previsto.

Cito só tres nomes, pola súa relevancia, pero resulta evidente que hai un permanente trasvase entre o sector público e o privado de membros do Partido Popular. Forman parte dunha estratexia global que pretende engordar as arcas privadas a conta dos orzamentos públicos. Desde hai un tempo vivimos nun estado de excepción económica permanente. Cada día difunden unha nova alarma que permite alimentar o pánico. Ese escenario, perfectamente planificado, xustifica adoptar medidas que, noutro contexto, provocarían unha tremenda contestación social. Os resultados son cada vez máis visibles. Camiñamos cara un tempo de maior desigualdade: a crise agranda a distancia entre ricos e pobres nos países desenvolvidos. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres, máis pobres. En España hai xa un 21% dos fogares que están por debaixo do umbral da pobreza.  

Pois agora chega o ministro e, no canto de comunicar que está preparado para mellorar a situación, anuncia tempos peores e máis sufrimento e desamparo para os desfavorecidos. Para eso non precisamos un Ministerio. Xa sabemos que, de non facer nada, as cousas poden ir a peor. Pero está claro que esta xente non traballa para nós: están ao servizo do enemigo.

Pero o que aquí acontece, e ten estes protagonistas, non é exclusivo deste país. En toda Europa están a sufrir as consecuencias dos movementos especulativos. Os productos subprime contaxiaron a toda a banca e están a provocar o aumento do paro e o empobrecemento das clases medias. Mentres os especuladores seguen a gañar diñeiro a mans cheas a economía real entra en recesión. Joaquín Estefanía resumía moi ben as consecuencias deste xogo perverso: “O paradoxo consiste en que os mesmos que foron axudados para que sobrevisen, con diñeiro público, son os que agora esixen aos Estados que paguen as súas deudas e que reduzan os seus déficits con rapidez, o que levaría a inmensos sacrificios e recortes aos cidadáns deses Estados. O Gran Saqueo”.


domingo, 18 de diciembre de 2011

As anécdotas do Sergas


Para celebrar o vixésimo aniversario do Sergas as actuais autoridades sanitarias non tiveron mellor ocorrencia que poñer en marcha un concurso de anécdotas. Para saber do que estamos a falar vou reproducir textualmente dous exemplos, e pido excusas por anticipado:


-Butano: “Box de Urgencias. Anamnesis del facultativo a un EPOC severo: -Y dígame, usted tiene oxígeno en casa? Y responde el acompañante: -Ai, non, nós na casa temos butano”.
-Mamadafría: “Estando en el mostrador de cita especializada se acerca un hombre seguido de su mujer y me dice: ´A ver, que veño ca muller do ginecólogo e dixo que lle hai que facer unha mamadafría`. En principio no supe ubicar la prueba a la que se refería, pero al instante se me iluminó la bombilla y dije: ´¿una mamografía?, si eso eso, pero que seña pronto. Bestial!!! (…). Me tuve que levantar para buscar el documento correspondiente (y partirme el culo de risa de paso, jejejeje)”.


Estas mostras de humor burdo e tabernario non foron recollidas na barra do bar nin están editadas nun opúsculo clandestino: están publicadas na páxina principal da web do Sergas, xusto debaixo do logotipo da Xunta. Milleiros de profesionais acceden diariamente a esta páxina e atópanse con estas pezas literarias de dudoso gusto. A grande maioría das anécdotas recollidas reflicten un esquema clásico: o señorito da cidade que xuzga con menosprezo ao paisano do rural, que fala galego.

Un médico amigo, indignado coa lectura destes textos, envioulle unha carta á conselleira: “Que na intranet dun servizo público teña cabida un concurso de anécdotas nas que algun gracioso insensato poida publicar acontecementos que ocorren cando un cidadán pide algun tipo de axuda é inaceptable. (…) Atendemos a unha poboación diversa, con diferentes niveis educativos, diferentes culturas e temos moitos usuarios de idade avanzada…Suponse que escollemos unha profesión para comprender problemas de diversa índole e non para mofarnos dos demais. Pregúntome onde queda o noso respecto polos pacientes”. Ainda non obtivo resposta. 

Eu tamén considero que esta iniciativa é unha absoluta falta de respecto aos usuarios dos servizos sanitarios. Todas as persoas que utilizan a sanidade pública teñen dereito a recibir un trato respectuoso e cordial, e os profesionais temos a obriga de ofrecer unha atención correcta. Pola contra, na maioría destes textos, dunha calidade literaria infame, exprésase unha actitude irrespectuosa e despectiva cos usuarios (o paisaniño, a maruxiña..), unha evidente vulneración da obrigada confidencialidade e un completo desprezo polo idioma galego. Como ben apunta un comentario irónico: “Moi boas anécdotas. Vexo que combinades o castelán co swahili á perfección. É o que tén coñecer o idioma dos nativos”.  

As autoridades sanitarias, na vez de impulsar unha iniciativa tan inapropiada, deberían:
-Formar aos traballadores do Sergas para prestar unha atención humana, cordial e respectuosa, con independencia da extracción social, nivel educativo e instalación idiomática dos pacientes.
-Procurar que todos os profesionais dos servizos de saúde coñezan e poñan en práctica os principios éticos da boa práctica profesional.
-Fomentar a utilización do galego na relación cos usuarios, que pode producir beneficios para a saúde dos cidadáns e do propio idioma.

Con esta orientación o XX aniversario do Sergas serviría para mellorar a calidade dos servizos e procurar unha maior satisfacción dos cidadáns. 
Mentras non se poñan en marcha iniciativas nesta dirección eu reclamo, desde esta humilde páxina, que supriman esta páxina da intranet, que resulta tan denigrante para os nosos pacientes, e que pidan disculpas públicas os responsables de tan insensata iniciativa.

jueves, 8 de diciembre de 2011

Os recortes na sanidade pública

 En Galicia Confidencial

A crise económica internacional, agravada en España pola explosión da burbulla inmobiliaria, está sendo utilizada pola dereita como pretexto para cercenar dereitos cidadáns e recortar prestacións (sanitarias, educativas, sociais) dun modo brutal e descarado, como nunca antes se fixera, que pode provocar un fenda profunda na equidade e na estabilidade social deste país.  
Os políticos neoliberais xustifican os recortes na sanidade coa excusa de que o sector sanitario público está hipertrofiado e precisa unha reducción para garantir a sostibilidade. O prestixioso economista Vicenç Navarro publicou un artigo no que desmonta este argumentario. En realidade a nosa sanidade pública está subfinanciada: “España gasta en sanidade unha cantidade menor da que lle corresponde polo seu nivel de riqueza. O seu PIB per cápita é do 94% do da UE-15, mentras que o gasto sanitario público só representa o 79.5%. Non é certo que España gaste demasiado. En realidade os recursos existen. O que ocurre é que o Estado non os recolle”.
A decisión, polo tanto, non é técnica senon claramente ideolóxica, xurdida do dogma neoliberal de que a sanidade debe “adelgazar”, que se debe reducir o gasto para “salvala”. A realidade é que os recortes afectan á calidade da sanidade pública e xeran maior demanda da privada (obxectivo clave pero non explícito destes recortes). Tamén se xustifica a utilización das tesouras nunha suposta ineficiencia do sistema público. Máis Navarro afirma que “non hai ningunha evidencia de que o sector público sexa máis ineficiente ca o privado. A evidencia apunta ao contrario. Un dos sistemas sanitarios máis ineficientes é o dos EEUU, donde a maioría da financiación é privada. É o sistema máis caro do mundo, representa case o 17% do PIB americano e, pola contra o 68% da poboación está enormemente insatisfeita. Queren aplicar esta sistema en España?”. Recordemos que, nos inicios do seu mandato, o presidente Obama sinalou á sanidade española como o modelo a seguir. Logo chegaron os grandes lobbys e non lle permitiron realizar a reforma proxectada. Pero eso é outra historia.

Porque aquí, cando a dereita catalana recuperou o poder na Generalitat puxeron como conselleiro de sanidade ao señor Boi Ruiz, presidente da patronal da sanidade privada. Había unha clara declaración de intencións. Iniciaron unha brutal campaña de recortes na sanidade pública que está a provocar un progresivo deterioro da calidade asistencial e un crecente malestar de cidadáns e profesionais. Máis non hai rectificación no camiño trazado. Pola contra, agora pretende abrir ao capital privado os hospitais e ambulatorios públicos e plantexa a implantación dun seguro sanitario privado obrigatorio a partir de certo nivel de renda. Estas medidas perxudican a sanidade pública, vulneran os principios de equidade e cobertura universal do sistema sanitario, pero abren expléndidos espazos de negocio para algúns a expensas dos orzamentos públicos.

A señora Cospedal tamén chegou coas tesouras na man á presidencia de Castela-A Mancha. Ela ven de mercar unha casa valorada en 2.5  millóns de euros e “oculta” o seu patrimonio: négase a publicar as súas propiedades e ingresos tal como obriga a lei. Pero baixoulle o salario a 70.000 empregados públicos da comunidade e vai privatizar a xestión dos hospitais públicos. Manzanares, Tomelloso, Villarrobledo e Almansa, que xa están funcionando, pasarán a ser xestionados por empresas privadas. Os catro hospitais en construcción (Toledo, Cuenca, Albacete a Guadalajara) tamén pasarán a mans privadas. A comunidade de Castela-A Mancha quedará hipotecada: terá que pagar a estas empresas pola utilización dos hospitais durante 30 anos.
Xa se sabe que os hospitais xestionados pola iniciativa privada (modelo PFI) saen moito máis caros para as arcas públicas. As experiencias desenvolvidas en Reino Unido, Madrid e Valencia así o demostran. Pero da igual: estas evidencias non serán valoradas xa que o negocio para as empresas privadas que xestionen estes proxectos está asegurado.

O señor Núñez Feijoo, nos dous anos que leva como presidente da Xunta, xa ten amosado a súa decidida vinculación con esta estratexia de saqueo dos servizos públicos. Reduceu os orzamentos sanitarios (por primeira vez na historia da autonomía), anulou o Plan de Mellora da Atención Primaria e retiroulle a cobertura sanitaria aos parados de longa duración e aos inmigrantes e emigrantes retornados (incumple a lexislación: a lei xeral de xanidade, a de estranxeiría e a lei de cohesión sanitaria). Semella que non abonda; agora afirma que “carece de sentido que o grado de copago dos medicamentos veña marcado pola idade e non polo nivel de renda”, e plantexa o cobro de servizos non estrictamente sanitarios do Sergas (“ducharse, comer, dormir”). Ou sexa: os pensionistas non disporán de prestación farmacéutica gratuita e todos os cidadáns terán que aboar os gastos derivados dos ingresos hospitalarios. Estas son as propostas desta facción ultraliberal que goberna Galicia. Por suposto, aquí tamén se utiliza para a construcción do hospital de Vigo e os novos centros de saúde o modelo de xestión privada. 

A quén beneficia esta estratexia? Nun recente informe da FADSP afírmase que hai “grupos de presión empresarial e bancarios relacionados co PP que aproveitan os procesos de privatización postos en marcha nas autonomías donde gobernan para apoderarse dos novos centros sanitarios de financiación público-privada”. Con estas fórmulas a financiación e xestión dos centros corre a cargo de consorcios integrados por empresas constructoras, entidades bancarias e empresas aseguradoras: “unha vez entregado o centro, a administración paga un canon anual por 20-30 anos que multiplica por sete o custe real dos servizos”. Entre as entidades beneficiarias destas concesións (sobre todo en Valencia e Madrid) están a CAM, Bankia, Ribera Salud ou Bancaja.
Neste informe recórdase que a consultora PwC participa en varios destes proxectos: “auditou o proceso de fusión de Caja Madrid e Bancaja, por encargo de Rodrigo Rato, e foi elexida pola Consellería de Sanidade de Galicia para asesorar a adxudicación do novo hospital de Vigo: seleccionou un consorcio do que forma parte Bankia (presidido por Rato)”.
Pero hai máis conexións do PP co mundo financeiro que participa nestes proxectos: Manuel Lamela (exconselleiro de sanidade en Madrid) forma parte do consello directivo de Bankia e do grupo Capio. Home de confianza de Rato, deixou a política en 2008 para adicarse a actividades empresariais no sector sanitario. É o máximo dirixente de Madrid Médical Destination. Luis de Guindos foi secretario de Economía con Aznar e agora está vinculado a PwC como xefe dos servizos financeiros. Luis de Guindos (de Leman Brothers ata a súa caída en 2008) e Rodrigo Rato (presidente do FMI durante a súa peor etapa) son “pesos pesados do PP e soan como ministrables no próximo goberno de Rajoy”. 

Esta rede integrada por políticos do PP, banqueiros e empresarios está a procurar beneficios privados a expensas do diñeiro público. Non é a crise a responsable destas actuacións. A preservación do sistema público debe facerse por outros medios. Máis aproveitan a situación para promover negocios a longo prazo que poñen en risco a sanidade pública. Non importa a saúde da xente, nin a equidade nin a xustiza: só lles interesa o beneficio.