domingo, 24 de noviembre de 2013

Fausto Galdo e o galego


En Galicia Hoxe


O noso idioma está enfermo. Dase o paradoxo de que a mocidade ten un coñecemento da gramática moi superior ás anteriores xeracions, pero a súa vida diaria desenvólvena en castelán. Isto xa non sucede só nas cidades; nas vilas e no medio rural son cada vez máis os xóves que coñecen a lingua mais non a usan. Podemos dicir: pois se ha de morrer, que morra. Non obstante, temos a obriga de potenciala como lingua viva de uso cotiá, pois cando desaparece unha fala, a Humanidade queda máis pobre e ignorante. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade tamén os pobos debemos asumir a defensa da variedade de linguas e culturas. Mais os nosos gobernantes non asumen como propia esta obriga. No canto de considerar o idioma propio como unha riqueza a protexer e potenciar, convertérono nun problema e nun motivo de confrontación social. 

No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Nos nosos hospitais a presenza da nosa fala é residual. Cómpre recuperar  o galego na relación asistencial e para iso é preciso contar coa convicción e o compromiso activo dos sanitarios. Nestes tempos de tribulación podemos entender que a protección do idioma é unha cuestión menor. Pero non é así. É certo que están en perigo os servizos públicos, a decencia e a igualdade, pero o galego tamén está ferido de gravidade e corre o risco de desaparecer en poucas décadas. Temos que defender o Estado de benestar para entregarllelo aos nosos descendentes e o mesmo debemos facer coa propia lingua. É a nosa obriga con eles e coa Humanidade enteira.

Coa convicción de que a recuperación do idioma na comunicación sanitaria é mutuamente enriquecedora, un grupo de sanitarios puxo en marcha, vai xa para tres anos, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que agrupa a máis dun centenar de profesionais que se comprometen a utilizar a propia fala no seu labor diario, facendo unha oferta positiva da mesma aos usuarios dos servizos sanitarios.  Este ano ISAGA celebra a súa Asemblea anual na Coruña o vindeiro trinta de novembro, na sede de Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. A Coruña é unha das cidades máis desgaleguizadas nos últimos tempos debido, en gran medida, á nefasta influenza de Francisco Vázquez, aquel alcalde que, durante tantos anos, amosou sempre unha actitude de desprezo e desconsideración co noso idioma. 


Neste acto vanse incorporar corenta novos irmandiños e tamén se vai rendir homenaxe ao doutor Fausto Galdo (Viveiro 1944, A Coruña 2012), ilustre reumatólogo coruñés, falecido hai agora un ano. Este home grande e de carácter expansivo tiña unha enorme vitalidade e desenvolveu moi diversas actividades. Foi un dos pioneros da Reumatoloxía en Galicia e presidente da sociedade galega de dita especialidade. Como xefe de servizo no Hospital de Coruña, colaborou na formación de trinta promocións de especialistas. Home culto e gran conversador, adicou moito tempo ao estudo da hidroloxía, fixo varias publicacións sobre a súa vila natal e foi tamén un reputado gastrónomo.  O seu último libro, “Abecedario das mantenzas”, foi publicado postumamente por Xerais. Pero neste acto o que se quere recoñecer, sobre todo,  é a súa traxectoria como médico humanista e o compromiso co idioma galego. A súa militancia galeguista expresouna de moitas formas. Foi académico correspondente da Real Academia Galega e tamén foi o principal impulsor, desde o ano 1995, do grupo de apoio á lingua galega no hospital coruñés. Eu sei de moitos pacientes que acudían á súa consulta cada certo tempo como quen vai a Lourdes. Valoraban o seu saber profesional e a súa persoalidade entusiasta e comunicativa. Mais tamén eloxiaban a aquel médico que sabía chamarlle ás cousas polo nome e que lles falaba en galego. 

lunes, 18 de noviembre de 2013

A avaricia da industria farmacéutica


En Galicia Confidencial
En Nueva Tribuna


Se as actuacións da industria farmacéutica estivesen inspiradas polos principios da ética o obxectivo principal sería a obtención de fármacos e remedios que permitisen curar ou aliviar as doenzas dos humanos provocando o menor dano posible. Mais non sempre é así. Nos últimos tempos houbo casos en que se vulneraron ampliamente os límites da ética e da legalidade.  

O obxectivo principal de certas empresas é o lucro. Este é un próspero negocio que produce enormes beneficios. Utilizan todas as estratexias posibles para aumentar o consumo de fármacos. A “invención” de enfermidades (alopecia, fobia social, disfunción eréctil,  embarazo, menopausia), a medicalización dos malestares propios da vida, converter os factores de risco en doenzas ou a fixación de límites cada vez máis estrictos nos parámetros analíticos: Todo vale se nos convirte en “comedores” de pastillas. Nos países avanzados os medicamentos supoñen entre o 15 e o 33% do gasto sanitario. Os fármacos son cada vez máis caros; a industria xustificao coa suposta inversión en investigación para desenvolver novos produtos, mais a realidade é que adican o dobre á promoción que a I+D.  Ademáis, moitos dos fármacos non son tan novos: a maioría son versións modificadas doutros xa existentes e máis baratos.

 
Estas empresas posúen unha poderosa maquinaria de promoción, chegan a agochar información sobre efectos secundarios e mesmo, nalgúns casos, a  vulnerar a legalidade, con tal de protexer as súas ganancias.  A doutora Marcia Angell (que foi directora do New England Journal of Medicine) ten denunciado a nociva influenza que exercen sobre os médicos prescriptores e cuestiona a obxectividade da investigación médica patrocinada polas compañías. Hai tres casos dos últimos tempos que son moi demostrativos da forma de proceder destas empresas:

Estatua de Allison Lapper en Trafalgar Square
-Talidomida: Este fármaco foi comercializado pola compañía alemana Grünenthal entre os anos 1958 e 1963 como sedante e calmante das náuseas do embarazo.  Tivo éxito e vendérono en moitos países ata que se soubo que era teratóxeno e provocaba graves anomalías conxénitas, nalguns casos incompatibles coa vida. A  demostracion non foi doada: os doutores Widukind Lenz e Claus Knapp tiveron que facer unha investigacion detectivesca para dar coa orixe das malformacions. Miles de nenos naceron en todo o mundo con severas malformacións irreversibles que provocan minusvalías de diverso grado: é o que chaman a “catástrofe da talidomida”. Unha vez comprobada a relación causal prohibírono en todo o mundo. En 1971 o laboratorio acordou indemnizar aos afectados alemans. Pero en España o fármaco continuou nas farmacias cando xa estaba retirado en todo o mundo e hai perto de 200 afectados que reclaman indemnizacion. O pasado mes celebrouse en Madrid un xuizo, despois dunha demanda interposta pola Asociacion de Vítimas da Talidomida (AVITE), que xa está listo para sentenza. Os afectados demandan unha xusta reparación do enorme dano causado, pero a compañía argumenta que o caso xa está prescrito. Grünenthal é hoxe unha compañía moi potente, con implantación en todo o mundo e especializada en productos analxésicos. O gran escándalo da Talidomida non lastrou o seu desenvolvemento posterior.


-Lipobay  (Cerivastatina): Hai empresas farmacéuticas que teñen un pasado obscuro. É o caso de Bayer (fabricante da Aspirina) que, na II Guerra Mundial, elaborou o Zyklon B, pesticida a base de cianuro, utilizado polo nazismo para asasinar a miles de persoas nas cámaras de gas. Máis recente é o caso do fármaco Lipobay, usado para baixar os niveis de colesterol. Este fármaco presentárono en todo o mundo a finais dos anos 90 como o remedio definitivo para a prevención cardiovascular.  Tiveron que retiralo pouco despois, en 2001, pola aparición de efectos secundarios graves xa que, en certos casos, provocaba dano muscular severo e mesmo a morte.   A Fiscalía de Colonia investigou a este grupo farmacéutico por sospeitar que coñecía os efectos secundarios deste preparado sen que os tivese notificado. Despois de provocar centos de mortes e miles de afectados Bayer retirou o fármaco, tivo que facer fronte a indemnización millonarias e baixou un 30% a sua cotización en Bolsa. Xa ninguén lembra aquel escándalo e Bayer segue a ser unha das empresas máis potentes de Europa. 


-Vioxx (Rofecoxib): Este medicamento presentouno a compañía norteamericana Merck, en maio de 1999, como unha gran innovación. Supostamente carecía de toxicidade gastrointestinal e prometía ser máis seguro i efectivo que os antiinflamatorios xa existentes. Poucos meses despois do lanzamento apareceron  datos concluíntes que indicaban un incremento no risco de sufrir infarto de miocardio. Todo apunta a que a empresa coñecía os riscos do fármaco e que manipulou o deseño e os datos dos estudos para minimizar os efectos adversos. No ano 2000 había xa unha fundamentada certeza sobre este asunto. Pero a compañía negou as evidencias, non o retirou e mesmo perseguiu xudicialmente aos investigadores que se atreveron a advertir sobre os riscos deste medicamento. Ese foi o caso do farmacólogo catalán Joan Ramón Laporte, que tivo que afrontar unha demanda polo penal desta compañía. Seis anos despois da súa comercialización máis de cen mil persoas, só nos EEUU, padeceran ataques cardíacos e ictus provocados polo seu consumo. En setembro de 2004 Merck vese na obriga de retirar o medicamento, as súas accións baixaron un 27% e tamén tivo que facer fronte a indemnización millonarias. Anos despois, e pasada a treboada, esta compañía segue a ser unha das máis potentes de EEUU e do mundo. Laporte considera que “se trata de la mayor tragedia atribuible a un medicamento”. É un perfecto exemplo do que pode ocorrir cando o afán de lucro prevalece sobre o dereito das persoas.

 

Postdata: Sobre estes e outros temas semellantes van falar nas Xornadas de Debate “Os conflitos de interese na saúde”, que se celebrarán no Pazo de Cultura de Pontevedra os días 22 e 23 de novembro, promovidas pola Plataforma Nongrazas, nas que participarán expertos de todo o Estado.