jueves, 26 de junio de 2014

A privatización sanitaria, apoiada por unha casta profesional





Nos últimos anos está avanzando unha estratexia a gran escala que ten por obxectivo principal desmontar o actual Estado de benestar e apropiarse dos orzamentos dedicados aos servizos públicos. En sanidade hai unha alianza económico-política que ven desenvolvendo un labor calado pero efectivo para apropiarse do control dos centros asistenciais e dos orzamentos sanitarios das comunidades autónomas (CCAA).  
No Club Gertech (organización dedicada a divulgar ideoloxía neoliberal e a establecer estratexias privatizadoras na sanidade) participan universidades, centros de investigación, empresas de informática e tecnoloxía sanitaria, laboratorios farmacéuticos, fondos de investimento (sobre todo de EEUU e China) e grupos de comunicación; constitúen un potente lobby que pretende facerse co control do “negocio” sanitario, coa complicidade dos gobernos central e autonómicos e de certos profesionais do sector. 

Estas organizacións, de forma coordinada, pretenden apoderarse da información xerada polo Sistema Sanitario Público (SSP) en relación coa saúde da poboación e das persoas; controlar a planificación estratéxica (compras, procesos asistenciais, sistemas de información, etc.), a xestión dos centros sanitarios (Lei 15/97) e o funcionamento dos servizos asistenciais por medio das Áreas de Xestión Clínica (AXC);  e “obrigar” ao SSP a adquirir os seus custosos produtos tecnolóxicos. O fin último é ben claro: apropiarse da maior parte dos orzamentos sanitarios (que representan o 40% do presuposto das CCAA).

Misión privatizadora da Áreas de Xestión Clínica

Como parte esencial desta estratexia, as Áreas de Xestión Clínica (AXC) teñen encomendada a misión de privatizar a xestión dos servizos asistenciais hospitalarios e de Atención Primaria (AP), modificando a súa estrutura organizativa e funcional.

Queren presentar as AXC como unha fórmula para integrar os servizos asistenciais e dar participación e poder de decisión aos profesionais;  en realidade están destinadas a fraccionar os centros en múltiples empresas (coa finalidade de discriminar as máis rendibles para os inversores privados) e a reforzar o control da Administración a través de directores nomeados “a dedo” polas Xerencias con capacidade para contratar, incorporar novos produtos e ampliar ou restrinxir as carteiras de servizos. Para rematar, as AXC contarán con Consellos de Dirección nos que se poderán  integrar representantes dos colaboradores e inversores do sector privado.

En Galicia, polo momento, estas Áreas non teñen entidade xurídica propia (como contempla a proposta do Ministerio de Sanidade) o que as transformaría en auténticas empresas independentes; mais todo parece indicar que si terán orzamento propio, persoal laboral (grazas ao cambio no Estatuto Marco realizado, de maneira tramposa, no verán de 2013), que percibirán incentivos económicos vinculados ao aforro, e gozarán de autonomía e capacidade para vender os seus produtos a outros servizos ou centros, creando un auténtico mercado sanitario interno.

Actuación complementaria

Paralela e complementariamente, este lobby está conseguindo a colaboración entusiasta dos gobernos do PP nunha serie de medidas encamiñadas a avanzar na privatización: cambiar a estratexia de atención a enfermos crónicos, orientándoa á utilización de aparellos tecnolóxicos instalados nos fogares (en lugar de coidados por persoal especializado); privatizar o sistema de información do SSP para poñelo ao servizo das multinacionais sanitarias (historia clínica electrónica, redes informáticas, sistemas de información e citas aos pacientes, Call Center etc.); ceder ao sector privado o control dos programas e actividades de investigación financiadas con fondos do SSP; apoiar a implantación e difusión das innovacións tecnolóxicas (fronte á promoción e prevención a cargo da AP); e ceder a empresas de consultoría e multinacionais sanitarias a formación do persoal sanitario. 

Todo iso sen renunciar aos copagamentos impostos, á colaboración público privada da construción e xestión dos novos centros (PFI), á privatización dos servizos (que chaman externalizacións),  nin ao incremento dos concertos co sector privado.

Grupos profesionais que colaboran activamente nesta estratexia

O potente lobby privatizador conta coa colaboración activa de grupos profesionais que están sendo cómplices neste continuado e grave ataque contra o SSP a cambio de prebendas menores, de manter os seus privilexios persoais e corporativos e da posible obtención de beneficios no futuro. Tamén pode haber profesionais que teñan conflitos de interese coa industria tecnolóxica, coas empresas farmacéuticas e cos fondos de investimento. A súa posición non está condicionada polo beneficio xeral da poboación senón por intereses particulares ou empresariais. 

Algúns grupos, con escasa representatividade no sector sanitario pero marcada tendencia progubernamental, están apoiando a implantación destas políticas: FACME (Federación de Asociacións Científico Médicas); SEDISA (Sociedade Española de Directivos da Saúde, integrada
por directivos de centros sanitarios públicos e privados); FPME (Foro da Profesión Médica, integrado por organizacións como a OMC -Organización Médica Colexial-, a  CESM-Estatal -Confederación Española de Sindicatos Médicos-, a Conferencia de Decanos de Medicina etc.). 


Nos foros e nos documentos publicados por estas organizacións defenden abertamente as medidas que reclama o lobby privatizador e que o goberno decreta con dilixencia. Son os cómplices necesarios para que se apliquen con tanta rapidez estas medidas que pretenden:  impoñer ás AXC, transformar os hospitais en empresas autónomas, laboralizar aos sanitarios, desenvolver a I+D+I financiada con diñeiro público pero baixo control do sector privado, incrementar as externalizacións de servizos, xeneralizar as novas formas de xestión (Lei 15/97), promover a gobernanza  dos centros por “expertos”  sen participación profesional, favorecer a libre elección de centro para potenciar o mercado sanitario interno e mesmo introducir tickets moderadores para limitar o acceso dos pacientes aos servizos. 

Todas estas actuacións, e outras que non se enuncian, aplícaas o Goberno, de maneira silenciosa e clandestina, provocando un desgarro definitivo no SSP que tivemos ata agora. Todas estas medidas, tan negativas para a poboación e os profesionais, son aplicadas coa complicidade das organizacións citadas, que non son representativas do sector pero figuran como asinantes dun “Pacto Estatal pola Sanidade” que pretende da luz verde a esta estratexia de demolición.  

Estas medidas supoñen un cambio solapado, pero moi profundo, do actual modelo sanitario establecido pola Lei Xeral de Sanidade de 1986 (universal, equitativo, accesible e redistributivo, baseado na promoción da saúde e na AP). Perpetúan o modelo hospitalocéntrico en detrimento da AP e da atención á dependencia.  Tamén favorecen o uso intensivo de tecnoloxías –responsables do incremento do gasto sanitario irracional- que poden provocar iatroxenia e potenciar as desigualdades en saúde. 

Por unha alianza social e profesional

É urxente consolidar unha gran alianza social e profesional en defensa do SSP fronte a este lobby privatizador, que conta coa colaboración cómplice dun pequeno pero influinte grupo de profesionais, que  pretenden apoderarse do orzamento sanitario por medio de diferentes tácticas. O sector sanitario ten que  facer visible o seu rexeitamento desta estratexia que pon en risco o propio SSP, o dereito á asistencia sanitaria da poboación e a protección dunhas condicións de traballo dignas para os traballadores sanitarios.



Asinan:

-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Pablo Vaamonde García. Médico de Familia. Exdirector xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Galicia, xuño de 2014.


 

sábado, 21 de junio de 2014

A cultura galega e o Gaiás

En Nueva Tribuna





Naqueles anos da abundancia, baixo o goberno de Fraga Iribarne comezaron a erguer os enormes edificios do monte Gaiás. O arquitecto máis famoso, as lousas máis caras -destrozando unha zona protexida-, o proxecto máis grandioso, as dimensións máis extravagantes: todo parecía xustificado para construir a Cidade da Cultura. Esta obra inacabada figura hoxe como un dos principais exemplos da incompetencia e o desgoberno. Millóns de euros –subtraídos do erario público- foron enterrados nesta obra innecesaria, excesiva e absurda, concibida para maior honra e gloria do seu promotor. Cando chegou o tempo das vacas fracas ninguén parou a tempo este despropósito pero recortaron sen pudor os orzamentos da sanidade, da educación e da cultura.


Mentres a cultura galega pasa grandes dificultades (a industria editorial, o teatro, o cinema), e o noso idioma esmorece abandonado pola Administración(cando non desprezado e atacado desde o propio poder), naquel monte preto de Santiago érguese, como un monumento ao desatino, a inacabada Cidade da Cultura. Nos tempos da dilapidación os políticos gobernantes deixáronse levar pola megalomanía, sen prever a grave carga que deixaban aos seus herdeiros.  


O gran proxecto de Fraga, iniciado en 2001 e promovido polo seu valido Pérez Varela, que ía “poner a Galicia en el mapa de Europa y la modernidad”, levounos en realidade ao baleiro e á ruína. Porque agora a Xunta, que xa mandou parar as obras, non sabe que facer con este inútil mausoleo. Gastou neste proxecto faraónico máis de 400 millóns de euros,   o triplo do previsto, e só abrir as portas desta enorme desmesura  custa cada día 27.000 euros. Cantas bibliotecas públicas se poderían dotar, cantos libros editar, cantas películas promover con todo ese diñeiro derramado! 

O Gaiás é o paradigma dunha forma de entender a cultura. As autoridades constrúen un desmesurado recinto onde se expoñerán os grandes eventos chegados de fora: a cultura como espectáculo, como celebración ocasional, como divertimento das elites. Pero hai outra forma de entender a cultura: como creación popular, como elemento da vida cotiá que nos perfecciona como persoas, como  construción colectiva que nos axuda a ser pobo, como industria diversa e plural que favorece a creación de riqueza. Para isto non hai cartos. Para levantar e manter o enorme despropósito do Gaiás, si. Algúns representantes do mundo audiovisual xa o advertiron:  No sector cultural estase a facer un ERE multitudinario do que ninguén se preocupa”.

Mentres pechan bibliotecas e xornais, mentres as empresas editoriais teñen serias dificultades para continuar o seu labor, mentres os cineastas, os músicos e todos aqueles que se dedican a calquera actividade cultural ou artística vense abandonados pola Administración (que non facilita o traballo nin aporta recursos que apoien a creatividade do propio país) os edificios do Gaiás permanecen como os restos dunha civilización, como aquelas ruínas que se vían  no final da película “O planeta dos simios”. 

A escena final foi filmada nunha pequena praia entre Malibú e Oxnard, en California.

jueves, 12 de junio de 2014

Luzes para Galicia



A chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia non foi unha boa noticia para o idioma, para as editoriais do país nin para os medios de comunicación en galego. A utilización do presunto “conflito linguïstico” como baza electoral alimentou un problema inexistente arredor do idioma, favorecendo unha confrontación artificiosa, innecesaria e prexudicial. Logo veu o tempo dos recortes e o goberno galego aplicouse con esmero: rebaixou drasticamente os orzamentos para a protección da lingua, para promover a industria editorial e para favorecer os medios de comunicación en galego. 

Imaxe: Xoán Piñón
Así é que o galego recibe hoxe en día menos dun terzo das axudas que tiña hai 20 anos (só 5.4 millóns de euros para a promoción  do galego en 2014, cando en 1993 eran 17.2). Tamén rebaixaron as axudas ás editoriais (mediante a compra de libros para as bibliotecas públicas) de forma radical. As editoriais máis potentes (Galaxia, Xerais) pasan serias dificultades, mentres as máis modestas   sobreviven con problemas. Os medios de comunicación en galego víronse desamparados polo poder. Pechou Vieiros, A Peneira e o semanario A Nosa Terra que, despois dunha longa traxectoria (1977-2010), tamén deixou de estar presente na rede en 2011. Tempos Novos (revista mensual da que teño a honra de ser socio fundador) resiste contra vento e marea, desde 1997. 

Pechou Galicia Hoxe, o único xornal editado exclusivamente en galego. Comezou a súa andaina en 1994 coa cabeceira O Correo Galego e rematou a edición en papel en xuño de 2011. O seu director, o meu amigo Caetano Díaz, escribiu un artigo (“A sangue frío”) no seu último número no que dicía:  “Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, símbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico pequeno pero crítico".


Por fortuna as tesoiras e a mordaza aínda non chegaron á rede, de xeito que, nos últimos anos, xurdiron espazos de liberdade que procuran elaborar e difundir información veraz, alimentar o pensamento crítico e promover a cultura propia. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) agrupa a moitos proxectos comprometidos coa verdade e co país. O traballo e o esforzo de numerosos colaboradores manteñen estas fiestras abertas, mentres o apoio económico da Xunta vai dirixido a medios máis próximos ao poder.

Neste panorama tan difícil tamén hai xente valente que se atreve a botar a andar unha nova publicación en papel. A revista mensual Luzes xurde a finais de 2013 e vai xa polo seu sexto número. Rivas e Pereiro (directores) e Iago Martinez (coordinador) recuperan a traxectoria iniciada por Luzes de Galicia (1985-1997), como unha proposta de periodismo insurxente para recuperar a fame de xornalismo. Así o afirman os seus promotores na presentación do proxecto. 

Portada do número seis de Luzes

Luzes de Galicia, de vida corta pero intensa (teño agora mesmo varios exemplares ciscados enriba da mesa), era unha publicación máis dedicada á literatura e ás artes. A nova Luzes, de magnífico formato e fermosa presenza, ten máis vocación pola reportaxe e a información crítica. Permanece o seu espírito irreverente a a invitación á rebeldía. Naquela primeira etapa publicou o mítico texto de Lois Pereiro (Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia) no que o autor dicía que “sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos”. Nesta nova existencia van editando un manifesto por entregas no que deixan ver o seu espírito rebelde e o sentido da ironía. “Queremos coidar do xornalismo que di as cousas como foron, non como convén”, dicían no primeiro número. “Nos laboratorios do poder xogan coa alquimia das cifras e queren facernos crer que a merda axiña será ouro. Por iso a primeira porta de saída está no rescate do sentido secuestrado das palabras”. Isto afirman no seu sexto editorial. Benvidos a este país das tebras. Longa vida a estas Luzes, tan necesarias para Galicia, para alumear un camiño novo. 


O Cuarto Estado, cadro de Giuseppe Pellizza da Volpedo
empregado no comezo da pelicula Novecento


lunes, 9 de junio de 2014

O malestar da cultura galega






Na Coruña hai unha Praza do Libro que pode quedar sen librarías. A forte baixada das ventas foi a causa do peche da Libraría Nós, un referente na cidade que levaba aberta corenta anos. Á súa beira está a Libraría Couceiro, dedicada en exclusiva ao libro en galego; desde 1982 estivo rexentada por Carmiña Couceiro e Pepe Díaz que agora, chegada a idade da xubilación, vanse dedicar á lectura e a coidar da súa horta. Polo momento semella que atoparon relevo, pero esta mítica libraría tamén estivo a piques de pechar as portas. 

Son malos tempos para a cultura. Por razóns diversas ( a numerosa oferta audiovisual, o acceso a contidos na rede, o impacto da crise que diminúe o gasto en cultura, a falta de apoio institucional á industria do libro ou a propia devaluación da cultura na sociedade actual) nos últimos anos produciuse en Galicia un descenso moi notable -case un nove por cento desde 2006 a 2012- no gasto familiar en bens e servizos culturais, tal como revela un informe do Consello da Cultura Galega.É  un dato preocupante,  sobre todo tendo en conta que Galicia xa se atopaba entre as seis comunidades autónomas  (CCAA) co máis baixo consumo cultural. 


A compra de libros non de texto descendeu preto do 50% entre 2007 e 2012. Tamén descendeu, de forma drástica, o número de libros publicados en galego. En 2013 publicáronse pouco máis de setecentos libros, a metade do ano anterior, consolidando unha caída vertixinosa iniciada en 2008, cando se rexistrou un récord histórico con máis de dous mil títulos. 
 
Se cadra ten que ser así, e hai que admitir que a publicación de libros en papel está condenada a esmorecer pouco a pouco. Mais resulta comprensible a indignación dos editores que ven como, desde que goberna  o PP en Galicia, a edición de libros en galego caeu un 36%. A Asociación Galega de Editores expresou a súa desconformidade cos orzamentos da Xunta para 2014, nos que se reflicte un novo descenso ( 440.000 euros menos que o ano anterior) para a edición de libros en galego. Os editores describen a realidade: só o 13% de todos os libros que se mercan en Galicia están escritos en galego.  Lembran que a compra institucional de libros galegos  “destinados a bibliotecas públicas reduciuse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un descenso do 60% ao longo da última lexislatura". Propuxeron un decálogo de medidas para para fomentar a lectura en Galicia. Pero a política cultural da Xunta non contempla axudas á industria editorial nin ás bibliotecas públicas. 


Porque podemos pensar que a xente non merca  libros e vai menos ao cine por razóns económicas, mais podería utilizar as bibliotecas públicas como forma de acceder á cultura sen custe. Pero  a realidade é testana: Galicia é a antepenúltima CCAA no uso das bibliotecas, só un 16% da poboación accede a eses servizos. Un país que non le ten  unha pesada eiva para afrontar o futuro.Pero os actuais gobernantes non ven unha ameaza nestes datos. Pola contra as súas decisións contribúen a afondar na brecha. O investimento público en bibliotecas pasou de 5.5 millóns de euros en 2008 a 1,3 en 2013 (un recorte do 76 %) . Ademais Galicia perdeu, desde o ano 2002, 49 bibliotecas públicas, mentres que no resto do Estado aumentaron. Camiñamos en sentido contrario. Na vez de favorecer o acceso á cultura e á información pechan as bibliotecas públicas e reducen drasticamente os seus orzamentos. Semella que houbera un plan de exterminio cultural. Se cadra mesmo ven na cultura unha ameaza. Hai unha frase atribuída a Hermann Göring: “cando escoito a palabra cultura collo a pistola”.