viernes, 5 de abril de 2019

“Mi vida en otra parte”, nova novela de Fernando Ontañón






O escritor Fernando Ontañón (Santander, 1972) presenta nos próximos días o seu cuarto libro de narrativa. “Mi vida en otra parte” (Ed. Bala Perdida, 2019) é o título desta novela que o consagra como unha figura esencial entre os narradores da súa xeración. Trátase dunha novela curta que, baixo a súa aparente levedade esconde unha enorme forza emotiva e unha profundidade reflexiva pouco habitual na literatura actual.

A narración discorre basicamente na Coruña, onde vive o escritor, e ao longo da trama aparecen lugares moi significados e reconocibles desta cidade; hai tamén unha viaxe iniciática ao faro do fin do mundo, suceso de gran transcendencia na trama novelesca. O relato ten unha protagonista feminina, Antía, da que imos coñecendo detalles da súa existencia en dúas etapas fundamentais da súa vida: na sua adolescencia, marcada polo acoso e o maltrato escolar e polos seus inicios no amor e o sexo, e na súa madurez cando, logo de moitos anos ausente (Madrid, Nova York) e convertida nunha escritora de éxito, regresa á súa cidade natal para recibir unha homenaxe e para reencontrarse cos seus demos interiores e cos personaxes que marcaron o seu tránsito á idade adulta.

A primeira etapa preséntase de forma máis narrativa, cunha enorme verosimilitude. Hai escenas de bullying que se visualizan cunha tremenda violencia, momentos intensos de iniciación ao sexo e á vida, e diálogos ben trenzados, moi cinematográficos (a ver si alguén se decata de que aquí dentro hai unha boa película). A etapa de madurez é máis analítica; a protagonista recorda e reflexiona, en primeira persoa, sobre as peripecias da súa vida, sobre os azares que trenzaron o seu destino ata convertela na persoa que agora é, un ser adulto que aínda non foi capaz de vencer os temores e frustracións dos seus anos de formación.

Fernando Ontañón (Foto: Xan Domínguez)
É un texto moi literario no que se percibe o alento dos escritores que o autor admira e ama, pero en ningún momento cae na pedantería. O texto está moi traballado, hai párrafos de gran intensidade literaria, metáforas sorprendentes e certeiras, frases contundentes como puñetazos. As referencias e as citas aparecen no relato de forma natural e non impostada. Os poemas dos escritores Manuel Vilas e Julio Llamazares, polos que Ontañón sente especial reverencia, forman parte importante da historia; Vilas aparece ata como personaxe nunha memorable escena da novela. Tamén a música está moi presente, como en todas as obras deste autor. Neste caso son as cancións de Lou Reed, e as súas letras, as que acompañan aos personaxes desde o principio ata o final da novela.

A vida, nos seus inicios, preséntase ante todos nós como un territorio de múltiples posibilidades, unha senda con numerosas bifurcacións. Imos elixindo, ou o azar vainos levando e, cando chega o tempo de resumir, dámosnos conta de todo o que puido ser e non foi, dos acertos e os erros, das decisións e as renuncias que marcan o noso destino, das cicatrices que acumulamos ao longo do camiño. Sobre isto reflexiona a protagonista na súa idade madura, sobre o sentido da vida, sobre o amor e a amizade, sobre o valor do éxito e o fracaso (“o fracaso non existe” di Manuel Vilas). A novela sobrevoa a súa aparente facilidade e convértese nun texto profundo e suxerente, emotivo, conmovedor. Esta novela confirma a Fernando Ontañón como un excelente narrador. A súa lectura non defraudará a ninguén. Non podo predecir si será un éxito de vendas (así o desexo) pero os seus seguidores quedamos, xa, á espera da súa próxima entrega narrativa.

Mi vida en otra parte” sae á venda o 10 de abril. O autor presentará a novela o vindeiro venres 12 de abril, ás 19.30 horas, na librería Berbiriana da Coruña (Rúa Santiago, 7. Porta Real). E en Santiago o venres 26 de abril, ás 19.30 horas, na librería Cronopios (Rúa de Alfredo Brañas, 24).