miércoles, 16 de noviembre de 2011

Episodios nacionais

En Galicia Hoxe

O PP, con Aznar como presidente, gobernou en España desde 1996 ata 2004. Neste período doulle un grande impulso á “economía do ladrillo”, alimentando unha burbulla especulativa que agora estoupou, xunto coa crise financeira internacional. Tamén impulsou a “modernización” do sector empresarial: entregoulle as cinco grandes empresas públicas españolas (Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol) a cinco homes da súa confianza persoal (Juan Villalonga, Martín Villa, Francisco González, Cesar Alierta e Alfonso Cortina). Núñez Feijóo axudou nesta tarefa: privatizou Correos (que presidiu de 2001 a 2003). Moitos expertos entenden que se tratou dunha auténtica “expropiación”. O estado quedou desprovisto dun tecido empresarial que producía beneficios públicos e que sería moi útil para afrontar a crise actual. Pero houbo outros episodios que revelan o modo de entender a política deste grupo.

1. O desastre do Prestige: O 13 de novembro de 2002 o petroleiro, con 77.000 toneladas de fuel nas tripas, estaba a 28 millas de Fisterra. Un forte temporal provocou unha vía de auga e o barco comezou a deitar petróleo ao mar. O ministro responsable, Álvarez Cascos, que non abandoou a cacería na que participaba, ordeou apartalo da costa (“¡Que lleven ese barco al quinto pino!”, disque berrou enardecido). Despois dun errático percorrido bordeando Galicia e Portugal, partiu en dous o 19 de novembro, e afundiu. O vertido continuou imparable provocando unha marea negra considerada unha das catástrofes medioambientais máis importantes da historia da navegación: afectou ás costas galegas, pero tamén a Portugal e ás Landas de Francia. 

Neses días interminábeis, en que o barco navegou sen rumbo, achegámonos ata a praia de Barrañán. Naquel atardecer gris dunha tarde de domingo puidemos escoitar na radio do coche como o delegado do goberno, Arsenio Fernández de Mesa (agora candidato ao congreso pola provincia da Coruña), afirmaba rotundo que “probablemente el fuel no toque la costa gallega” (14-11-02). Desde o alto podíase ver o extenso areal completamente pintado de negro por unha grosa capa de fuel. Este home, que se caracteriza por andar sempre ben peiteado, amosou a súa incompetencia e mendacidade en máis ocasións: "El destino del fuel en el fondo del mar es convertirse en adoquín" (19-11-02). Cando o barco estaba derramando petróleo en grandes cantidades, que chegaban á costa sen que os mariñeiros puidesen facer nada por evitalo, o ministro portavoz, Mariano Rajoy, explicou a situación: “Se piensa que el fuel está enfriándose; salen unos pequeños hilitos, hay cuatro regueros que se han solidificado con aspecto de plastilina en estiramiento vertical…” (05-12-02). Esta persistente manipulación informativa provocou un gran descontento e xerou unha onda de reprobación social. Moitas persoas viñeron de toda España para axudar a limpar na costa. Pero o mellor resumo de todo este drama é da autoría de Ana Botella: “En la catástrofe del Prestige sólo hay un culpable: el barco” (12-12-02).

2. A guerra de Irak: A primeiros de 2003 Aznar declarou no Consello de Seguridade das Nacións Unidas que en Irak existían armas de destrucción masiva, secundando a Colin Powell, responsable da diplomacia americana. Despois do encontro das Azores (Bush, Blair e Aznar), levaron a cabo a invasión de Irak en marzo de 2003, en contra do criterio da ONU e das multitudinarias manifestacións que se realizaron en todo o mundo. Comezou unha guerra violenta e cruel, que aínda continúa, que convertíu a vida en Irak nun auténtico inferno. 

Bush apuntou daquela a Irak como o centro do “eixo do mal”, con armas de destrucción masiva –que nunca se atoparon- e vínculos con Al Qaeda –que nunca foron confirmados-. Anos despois, en 2007, o expresidente da Reserva Federal dos EEUU, Alan Greenspan, asegurou que o verdadeiro motivo da invasión foi controlar as reservas de petróleo da zona. Baixo o lema de “Non á guerra” arredor de oito millóns de persoas manifestáronse, en todas as cidades de España, contra da invasión de Irak. As enquisas amosaban unha oposición a esta decisión do 90% dos españois. Máis, con todo, o goberno de Aznar envíou as tropas, valéndose da maioría absoluta que o PP tiña na Parlamento.

3. O atentado do 11-M: A poucos días das eleccións xerais de 2004 producíronse en Madrid varios atentados terroristas nos que morreron 191 persoas e perto de dúas mil resultaron feridas. Foi unha auténtica masacre provocada por dez explosións case simultáneas en catro trens, a primeira hora da mañán. As imaxes de horror e destrucción quedaron grabadas na nosa mirada e a estación de Atocha mantén viva a memoria das víctimas. É o maior atentado cometido en Europa. Nun principio todos pensaron en ETA, máis as primeiras investigacións policiais permitiron deseguida descartar esta hipótese e sinalar a probable autoría do terrorismo yihadista. Pero o goberno do PP non mudou a súa mensaxe. O propio Aznar falou cos directores dos principais xornais para comunicarlles que era ETA a autora da masacre.  

O sábado, día 13 de marzo, a policía informaba ao ministro Acebes das detencións que estaban a punto de producirse; máis, pese a todo, Mariano Rajoy, candidado a presidente do goberno polo PP, afirmaba na portada do xornal El Mundo: “Tengo la convicción moral de que fue ETA”. Moita xente entendeu que o goberno mentía sobre a autoría das explosións; sinalou a ETA para que non se interpretase o atentado como unha represalia polo apoio á guerra de Irak. Nas eleccións celebradas ao día seguinte o PP perdeu 35 escanos e a maioría absoluta no Parlamento. Máis, a día de hoxe, ainda hai sectores deste partido, e  da caverna mediática, que seguen a proclamar a súa versión dos feitos.

 Son os mesmos. Non mudaron os rostros nin as ideas. Son os mesmos, os que agora solicitan a confianza dos electores para liderar o cambio politico. Estes feitos, referidos de xeito telegráfico, non pertencen ao pasado remoto, non son os Episodios Nacionais relatados por Galdós. Son parte da nosa historia recente, e deben permanecer na memoria colectiva.

jueves, 10 de noviembre de 2011

Restriccións no acceso á sanidade pública en Galicia

 En Galicia Confidencial

1. Denegación da prestación farmacéutica (a propósito dun caso). Unha paciente de 92 anos, encamada e dependente total desde hai máis de oito, moi ben atendida polas súas fillas, recibe a notificación de que non ten dereito á prestación farmacéutica. Hai máis de dúas décadas que coñezo a esta persoa e á súa familia e non poido dar creto a esta nova. Máis cando tento facer a receita electrónica aparece o seguinte enunciado na pantalla do ordenador: “Non é posible xerar as receitas porque a paciente non dispón de tarxeta sanitaria en vigor”. A familia procura arranxar a situación. Despois de visitar varias oficinas da Administración atopan unha resposta: non ten dereito aos fármacos porque recibe unha pensión de Holanda (que non chega aos 300 euros), donde traballou como emigrante cando era nova. 

Non conseguiron, polo momento, que lle recoñezan o dereito á prestación farmacéutica. Agora teño que facerlles as receitas en papel e  a familia consegue axuda económica dunha institución benéfica. Para resumir, vemos como un dereito cidadán ven ser substituido pola caridade e a beneficencia pública. Ainda que a Lei Xeral de Sanidade (1984) dí, no seu primeiro artigo, que “son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria todos os españois e os cidadáns estranxeiros que teñan a súa residencia non territorio nacional”. Con actuacións deste tipo están a vulnerar unha lei básica do Estado. Hai quen non respecta as regras do xogo establecidas e está a provocar dano, precisamente, ás persoas máis necesitadas.

2. A cita telefónica. O Sergas ven de poñer en marcha, na Coruña e área de influencia, unha central de chamadas, para conseguir cita nas consultas de Atención Primaria por teléfono. Este servizo, externalizado, dispón dun sistema de recoñecemento automático de voz: esto quere decir que o usuario xa non é atendido por unha persoa senon por unha máquina. O sistema de citación telefónica esixe un total de once pasos a seguir, de certa complexidade, o que fai que só cheguen a finalizar o proceso o 60% (seis de cada dez) das persoas que chaman. 

Entendo que se trata dun atranco máis para a accesibilidade aos servizos sanitarios. Esta medida beneficia, maiormente, á empresa contratada, que recibirá a remuneración pactada. Pero saen perxudicados todos os usuarios da sanidade pública, en particular as persoas maiores e todos aqueles que teñen dificultades culturais ou idiomáticas para utilizar adecuadamente estes dispositivos. Tamén sairá perxudicado, a medio prazo, o persoal administrativo dos Centros de Saúde, que deixarán de ser contratados para desenvolver estas funcións.

3. O uso irresponsable da sanidade. O Sergas ven de publicar unha norma (Decreto 209/2011) no que fixa as tarifas dos servizos prestados na rede asistencial pública. En dita norma establece que os servizos públicos reclamarán aos terceiros obrigados a pagamento o importe das prestacións sanitarias facilitadas (mútuas de accidentes e de traballo, cidadáns extranxeiros, seguros escolares, asegurados de Muface, etc.). Mais no mesmo texto figura, tamén,  unha disposición adicional única que dí: “poderá establecerse un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema de Saúde”. 

Esta disposición, que pretendía pasar sen despertar sospeitas, provocou unha grande polémica no Parlamento galego. A oposición entende, con toda a razón, que abre unha porta falsa; poderán facer un uso arbitrario da mesma e facilitar aos directivos dos centros sanitarios a restricción do acceso aos servizos por parte dos cidadáns. Non se trata só de esixir un copago ou rapago polos servizos recibidos. É moito máis grave: pode producir unha severa restricción na utilización dos servizos de saúde. Podemos preguntarnos: quen vai establecer os límites? Serán os propios centros os encargados de definir ata donde chega o uso responsable?  Cantas veces se poderá acudir ao médico sen ser multados? 

Esta Xunta de Galicia, que dí estar preocupada polo aforro, ven de atopar a fórmula maxistral: a mellor maneira de aforrar en sanidade é deixar de atender á xente. Por eso son capaces de poñer nun decreto unha disposición tan inxusta e arbitraria, que sinala directamente aos usuarios da sanidade pública como presuntos irresponsables. Xa non teñen pudor: na vez de procurar unha mellor atención, e maior accesibilidade, a quen de verdade o precisa, están a poñer obstáculos para impedir que os doentes poidan ser debidamente atendidos.

Novo logotipo da Xunta de Galicia

jueves, 3 de noviembre de 2011

A lingua na sanidade

 En Galicia Confidencial

O último sábado do mes de outubro presentouse na Estrada a Irmandade da Sanidade Galega (Isaga). Máis dun centenar de persoas acudiron a este acto solemne, no que os primeiros trinta e catro membros desta organización comprometéronse a utilizar o galego no exercicio da súa profesión. Os promotores da Isaga, que xurde co apoio da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística,  pretenden impulsar unha corrente intelectual de compromiso coa cultura e a lingua do país. Vai facer un século (maio de 1916) que os irmáns Villar Ponte convocaron unha asemblea na Coruña para crear as Irmandades de Amigos da Fala, co mesmo obxectivo: fomentar o uso do galego nunha perspectiva máis amplia de rexenerar globalmente a Galicia. Despois de tanto tempo e tanta historia, seguimos nun punto semellante. O galego está en risco, e compre xenerar iniciativas para que siga presente na vida cotiá.

Este acto foi, en sí mesmo, unha profunda anomalía. Non debería ser preciso. A ninguen se lle ocorre promover un encontro así en Liverpool para honrar aos sanitarios que usan o inglés no seu traballo. Nin se lles pasa pola cabeza celebrar un acto coma este en Barcelona para rendir homenaxe a quen use o catalán no exercicio da profesión. Pero en Galicia seguen a ser precisas intervencións deste tipo porque somos unha sociedade anómala que renega do seu e non é quen de defender a súa principal creación cultural: o idioma. Non estamos obrigados a usar o galego só polo respecto aos nosos antecesores, nin por razóns de tipo identitario: o compromiso principal témolo con todo o planeta. O galego é patrimonio da Humanidade e a súa perda sería tan grave como o deterioro da biodiversidade. Segundo Teresa Moure a linguo-diversidade é unha fonte da que abrollan ópticas e actitudes culturais diferenciadas, que nos reconstrúen como habitantes de mundos distintos que se encontran a través da linguaxe. Debemos protexer a lingua porque “as culturas e as linguas, como as especies en perigo de extinción, non morren: son asasinadas”. Esta é a nosa responsabilidade actual: evitar o lingüicidio.

O porvir do galego está en risco -non así o do castelán, presente en todos os ámbitos da vida pública-. A xuventude, sobre todo no contorno urban, está instalada no castelán de xeito case exclusivo. De non mudar esta tendencia, en poucas décadas o galego será unha lingua ritual, tal como era o latín na misa. Pódese cumprir a profecía descrita por Santiago Lamas que prognisticaba –no seu libro Galicia borrosa- un territorio convertido en Parque Temático: as ferramentas agrícolas colgadas nas paredes dos restaurantes, os horreos ergueitos nos xardíns dos novos ricos e o galego reservado para uso ritual nas cerimonias, pero excluido da vida cotiá. Para que a lingua non esmoreza ten que estar viva nos  colexios, nos mercados de abastos, nos campos de fútbol e, tamén, nos hospitais e nos centros de saúde.

Na relación cos pacientes (cando son galego-falantes) o uso do galego favorece a empatía, a proximidade afectiva e mellora a comunicación. As persoas maiores valoran en grande medida que o profesional comparta o seu idioma. Nalgúns casos a fala compartida mesmo pode ter efectos terapéuticos. A utilización do galego no mundo sanitario tamén pode ter, sen dúbida, un efecto potenciador para o propio idioma. Máis a realidade é que o galego na sanidade ten hoxe unha presenza residual, e o compromiso da Consellería coa fala é nulo. Pola contra, nos últimos dous anos tense producido un serio retroceso na presenza do galego nos documentos sanitarios e nas ferramentas informáticas. A Irmandade da Sanidade Galega nace co propósito de mudar esta tendencia: pretende fomentar o compromiso co galego no exercicio profesional e aumentar a presenza do idioma nos centros sanitarios. Agardemos que a Administración entenda a mensaxe e apoie tamén esta iniciativa.