miércoles, 16 de noviembre de 2011

Episodios nacionais

En Galicia Hoxe

O PP, con Aznar como presidente, gobernou en España desde 1996 ata 2004. Neste período doulle un grande impulso á “economía do ladrillo”, alimentando unha burbulla especulativa que agora estoupou, xunto coa crise financeira internacional. Tamén impulsou a “modernización” do sector empresarial: entregoulle as cinco grandes empresas públicas españolas (Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol) a cinco homes da súa confianza persoal (Juan Villalonga, Martín Villa, Francisco González, Cesar Alierta e Alfonso Cortina). Núñez Feijóo axudou nesta tarefa: privatizou Correos (que presidiu de 2001 a 2003). Moitos expertos entenden que se tratou dunha auténtica “expropiación”. O estado quedou desprovisto dun tecido empresarial que producía beneficios públicos e que sería moi útil para afrontar a crise actual. Pero houbo outros episodios que revelan o modo de entender a política deste grupo.

1. O desastre do Prestige: O 13 de novembro de 2002 o petroleiro, con 77.000 toneladas de fuel nas tripas, estaba a 28 millas de Fisterra. Un forte temporal provocou unha vía de auga e o barco comezou a deitar petróleo ao mar. O ministro responsable, Álvarez Cascos, que non abandoou a cacería na que participaba, ordeou apartalo da costa (“¡Que lleven ese barco al quinto pino!”, disque berrou enardecido). Despois dun errático percorrido bordeando Galicia e Portugal, partiu en dous o 19 de novembro, e afundiu. O vertido continuou imparable provocando unha marea negra considerada unha das catástrofes medioambientais máis importantes da historia da navegación: afectou ás costas galegas, pero tamén a Portugal e ás Landas de Francia. 

Neses días interminábeis, en que o barco navegou sen rumbo, achegámonos ata a praia de Barrañán. Naquel atardecer gris dunha tarde de domingo puidemos escoitar na radio do coche como o delegado do goberno, Arsenio Fernández de Mesa (agora candidato ao congreso pola provincia da Coruña), afirmaba rotundo que “probablemente el fuel no toque la costa gallega” (14-11-02). Desde o alto podíase ver o extenso areal completamente pintado de negro por unha grosa capa de fuel. Este home, que se caracteriza por andar sempre ben peiteado, amosou a súa incompetencia e mendacidade en máis ocasións: "El destino del fuel en el fondo del mar es convertirse en adoquín" (19-11-02). Cando o barco estaba derramando petróleo en grandes cantidades, que chegaban á costa sen que os mariñeiros puidesen facer nada por evitalo, o ministro portavoz, Mariano Rajoy, explicou a situación: “Se piensa que el fuel está enfriándose; salen unos pequeños hilitos, hay cuatro regueros que se han solidificado con aspecto de plastilina en estiramiento vertical…” (05-12-02). Esta persistente manipulación informativa provocou un gran descontento e xerou unha onda de reprobación social. Moitas persoas viñeron de toda España para axudar a limpar na costa. Pero o mellor resumo de todo este drama é da autoría de Ana Botella: “En la catástrofe del Prestige sólo hay un culpable: el barco” (12-12-02).

2. A guerra de Irak: A primeiros de 2003 Aznar declarou no Consello de Seguridade das Nacións Unidas que en Irak existían armas de destrucción masiva, secundando a Colin Powell, responsable da diplomacia americana. Despois do encontro das Azores (Bush, Blair e Aznar), levaron a cabo a invasión de Irak en marzo de 2003, en contra do criterio da ONU e das multitudinarias manifestacións que se realizaron en todo o mundo. Comezou unha guerra violenta e cruel, que aínda continúa, que convertíu a vida en Irak nun auténtico inferno. 

Bush apuntou daquela a Irak como o centro do “eixo do mal”, con armas de destrucción masiva –que nunca se atoparon- e vínculos con Al Qaeda –que nunca foron confirmados-. Anos despois, en 2007, o expresidente da Reserva Federal dos EEUU, Alan Greenspan, asegurou que o verdadeiro motivo da invasión foi controlar as reservas de petróleo da zona. Baixo o lema de “Non á guerra” arredor de oito millóns de persoas manifestáronse, en todas as cidades de España, contra da invasión de Irak. As enquisas amosaban unha oposición a esta decisión do 90% dos españois. Máis, con todo, o goberno de Aznar envíou as tropas, valéndose da maioría absoluta que o PP tiña na Parlamento.

3. O atentado do 11-M: A poucos días das eleccións xerais de 2004 producíronse en Madrid varios atentados terroristas nos que morreron 191 persoas e perto de dúas mil resultaron feridas. Foi unha auténtica masacre provocada por dez explosións case simultáneas en catro trens, a primeira hora da mañán. As imaxes de horror e destrucción quedaron grabadas na nosa mirada e a estación de Atocha mantén viva a memoria das víctimas. É o maior atentado cometido en Europa. Nun principio todos pensaron en ETA, máis as primeiras investigacións policiais permitiron deseguida descartar esta hipótese e sinalar a probable autoría do terrorismo yihadista. Pero o goberno do PP non mudou a súa mensaxe. O propio Aznar falou cos directores dos principais xornais para comunicarlles que era ETA a autora da masacre.  

O sábado, día 13 de marzo, a policía informaba ao ministro Acebes das detencións que estaban a punto de producirse; máis, pese a todo, Mariano Rajoy, candidado a presidente do goberno polo PP, afirmaba na portada do xornal El Mundo: “Tengo la convicción moral de que fue ETA”. Moita xente entendeu que o goberno mentía sobre a autoría das explosións; sinalou a ETA para que non se interpretase o atentado como unha represalia polo apoio á guerra de Irak. Nas eleccións celebradas ao día seguinte o PP perdeu 35 escanos e a maioría absoluta no Parlamento. Máis, a día de hoxe, ainda hai sectores deste partido, e  da caverna mediática, que seguen a proclamar a súa versión dos feitos.

 Son os mesmos. Non mudaron os rostros nin as ideas. Son os mesmos, os que agora solicitan a confianza dos electores para liderar o cambio politico. Estes feitos, referidos de xeito telegráfico, non pertencen ao pasado remoto, non son os Episodios Nacionais relatados por Galdós. Son parte da nosa historia recente, e deben permanecer na memoria colectiva.

4 comentarios:

  1. Son los mismos: los que también votaron en contra de las leyes que cambiaron este país: la de sanidad, la de educación obligatoria, la del divorcio, la del aborto...

    Memoria, memoria y memoria (es lo que más les duele). Gracias Pablo por recordarla. Y a Suso por enlazarnos...

    ResponderEliminar
  2. Y otra cosa: a partir de ahora intentaran quitarnos también la palabra. Sin ir más lejos, este viernes el periodico La Región ha censurado mi articulo de todos los viernes. Dicen que por pedir el voto y hablar bien de Felipe Gonzalez. Yo creo que lo hacen por pedir la desaparición de las Diputaciones...

    ResponderEliminar
  3. Todos temos memoria, e moita merda remexida. Esa memoria, memoria, memoria lévanos a altos funcionarios agochados baixo da protección de Directores Xeráis, Ministros, e quén sabe (sí o sabemos) de alguén máis arriba, matando civís por "sospeitosos de etarras". Ou non Sr. D. Segundo Marey??
    Todos lembramos Directores de pacotilla da Garda Civil, moi obedientes eso sí, que manexaban fondos reservados como se fosen seus.
    Pero con menos memoria, ¿a que ninguén lembra os do Nunca Máis (por certo, parece que vostede é un deles) apagando lumes no 2006? Sería porque non era necesario espectáculo social ó estar Mr. Torito e o Barbas Navegante no poder.
    Pero tamén de preto queda a tentativa de privatización de Loterias e Apostas do Estado. Falloulles o método, non a intención.
    E postos a ter bos amigos, ¿quén mellor que o Sr. Botín? Ata que os botíns se lle encheron de fango e merda, e pensou que o pelele non daba máis de sí.
    Pois sí, TODO, o seu e o meu deben estar na memoria. TODO. Como a venta política a Eta no 2007/8, a pantomima de irse de Irak para Afganistán, o illamento internacional porque pasamos a non ser ninguén, pasar do non á OTAN a propoñerlle o xefe,... E mirade que non falo do noso paisano Pepiño, dame cousa...

    ResponderEliminar
  4. Non quero lembrarme da tremenda catástrofe ambental causada polo verquido de cru do Prestige, arteime de coller este veleno mortal das rochas e praias da nosa Galiza, foi incrible, ver a milleir@s de mans solidarias axudando a limpar a costa pra que a nosa biodiversidade e os xeitos de vida de alguns sectores coma a pesca, e o marisqueo non se vesen máis afectados se cabe. Participei coma activista en Greenpeace durante varios anos, e en diferentes lugares, nembargantes cando ves que a túa terra está nunhas condicions pésimas por mor dunha xente imcompetente, que non fixo nada máis que vomitar burradas polas súas gorxas, dóeche moito.
    A guerra de Irak foi un fraude, demostrouse que tan so foi polo cru deste pais, e moita xente quedou no camiño, nin houbo armas de destruccion masiva nin nada similar, foi unha guera innecesaria orquestada polo Bush arrastrando a outros presidentes de goberno sen nada nos miolos, tan só palla. O PETRÓLEO MATA, MATAN POR PETRÓLEO...

    ResponderEliminar