miércoles, 16 de septiembre de 2015

O novo hospital de Vigo: responsabilidades políticas e xudiciais





Duascentas mil persoas manifestáronse nas rúas de Vigo a primeiros de setembro para expresar, nun berro colectivo, que o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) - recentemente inaugurado e entregado a mans privadas para a súa explotación- non da resposta ás necesidades da poboación da comarca. A privatización da xestión, as irregularidades e demoras na construción, as numerosas deficiencias do edificio, o abusivo cobro polo aparcadoiro e por outros servizos do hospital: todos estes factores levan a un descontento xeral da poboación. A morte dunha muller ingresada, xusto o día anterior á manifestación (infectada polo fungo Aspergillus que, segundo os expertos, debe ter unha presenza nula nun centro hospitalario) provocou, ademais, unha severa alarma social  e profesional que as autoridades sanitarias non son quen de atallar.

A conselleira Mosquera compareceu no Parlamento galego e o día 15 de setembro; coa displicencia habitual negou calquera deficiencia ou irregularidade e afirmou que “este é un dos centros máis modernos de Europa, na vangarda tecnolóxica”. Afirma garantir a seguridade do hospital e considera a manifestación como “irresponsable". O portavoz de sanidade do PP, Miguel Santalices (un dinosauro que vive no Parlamento desde os seus inicios), sinala ao Concello de Vigo como causante das deficiencias; o grupo parlamentar do PP utiliza a súa maioría absoluta para vetar unha investigación sobre o HAC e, no colmo dos despropósitos, Núñez Feijoo utiliza o dedo acusador para sinalar ao goberno bipartito como o responsable da participación privada no novo hospital de Vigo.

Negan a realidade (a privatización, as demoras, as deficiencias, a presenza de xermes nas análises) e sinalan outras instancias como causantes dos problemas. Este é o relato que pretenden impoñer desde o goberno de Núñez Feijoo, que é, sen dúbida, o principal responsable deste desastre. Pero a xente xa non está disposta a tragar máis rodas de muíño. A realidade é tan evidente que non pode ser agochada. Porque o certo é que o goberno progresista tiña, -no ano 2009- aprobada e presupostada a construción dun hospital 100% público (que custaría 400 millóns de euros, fronte aos 1300 do actual, e que estaría finalizado en 2013), que quedaría baixo dominio da propia Administración sanitaria e sen hipoteca (o canon anual que terá que pagar a Xunta á empresa adxudicataria durante 20 anos). 

Houbo numerosas irregularidades durante a construción do edificio e as deficiencias coñecidas son múltiples e inaceptables. Os recortes introducidos no proxecto son máis que notables: un 32% nas camas de hospitalización e nos quirófanos, máis do 50% no Servizo de Urxencias, e anularon o Laboratorio Central (o que favorece a Unilabs, empresa que xestiona o Laboratorio Central de Galicia –e tamén o de Madrid-). As consecuencias de todo isto son moi graves: a ostensible diminución da oferta hospitalaria fai que o HAC non será capaz de dar resposta ás necesidades sanitarias da comarca, a sanidade pública queda gravada cunha tremenda hipoteca e, ademais, a Administración perde, por completo, o control da sanidade nesa área, que pasa a ser dominada pola empresa concesionaria do HAC e por Povisa (de onde procede a Conselleira), que permanece como hospital de referencia para unha parte importante da poboación. A sanidade pública queda secuestrada por estas dúas empresas, prevalece o afán de negocio por enriba das necesidades de saúde da xente. 

Como dixo o doutor González Moreira, membro da Xunta de Persoal da área sanitaria, “nun país normal xa estarían cesados os responsábeis do desastre do novo Hospital de Vigo. Porque neste proceso hai responsabilidades políticas evidentes. Serán os cidadáns os que esixan respostas. Pero tamén deberá actuar a xustiza. O sindicato médico CESM presentou unha demanda na Fiscalía de Vigo contra o Sergas pola presunta responsabilidade na morte da paciente ingresada no HAC. Ademais  a a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) presentou unha denuncia  ante a Comisión Europea por entender que existen irregularidades na tramitación e execución do proxecto (vulneración de directivas europeas, da disciplina orzamentaria imposta polo Plan de Estabilidade, das normas de contratación estabelecidas para os proxectos financiados polo BEI e por actuacións distorsionadoras da competencia). A AGDSP  considera que hai un claro incumprimento do contrato e reclama,-igual que a totalidade da oposición política- o rescate da concesión para dominio publico. Mais o PP non cede no seu empeño: o Sergas xa ordenou o reinicio do traslado para a próxima semana. Hai presa: a concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado. Hai moito diñeiro polo medio.





lunes, 14 de septiembre de 2015

“Nun país normal xa estarían cesados os responsábeis do desastre do novo Hospital de Vigo”


Nueva Tribuna


Entrevista co doutor Manuel González Moreira

O doutor Manuel González Moreira é unha das figuras máis representativas entre os defensores da Sanidade Pública na cidade de Vigo. Natural de Castrelos, Vigo (onde naceu en 1959), estudou Medicina en Santiago. Traballa como médico de familia no Centro de Saúde Nicolás Peña, é delegado sindical de CIG-Saúde e membro da Xunta de Persoal desa Área Sanitaria. 

-O día 3 de setembro houbo na cidade de Vigo unha manifestación histórica, na que arredor de 200.000 persoas se manifestaron contra das deficiencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, recentemente inaugurado. Considera que este clamor da cidadanía será escoitado polo actual goberno da Xunta?

-Desgraciadamente considero que non. Nun país normal xa terían dimitido ou terían sido cesados os responsables políticos das decisións que levaron á situación de emerxencia sanitaria na que se atopa a cidadanía da área sanitaria de Vigo. Terá que ser esa cidadanía a que lles retire o seu apoio e aposte por outros políticos que si crean na Sanidade Pública.

-Vostede é unha das persoas que máis se significou nas protestas contra da privatización do novo hospital de Vigo (NHV). Realmente este proxecto da resposta ás necesidades sanitarias de Vigo e comarca, como afirma o presidente da Xunta?

-O proxecto do NHV naceu dunha necesidade evidente; a área sanitaria de Vigo contaba con recursos insuficientes, como demostraban as intolerables listas de espera, tanto diagnósticas como cirúrxicas, e o concerto singular con POVISA, que atende a unha poboación de 140.000 persoas coa xustificación de que a sanidade pública non ten recursos para facelo.
Foi iniciativa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área de Vigo a reclamación do NHV, concibido como o primeiro hospital da área sanitaria. Mentres outros falaban de facer un cuarto hospital, complementario dos outros, e que mantiña a fragmentación da asistencia hospitalaria. No ano 2006 un acordo pola sanidade da área sanitaria de Vigo abriu a porta ao inicio da planificación dese NHV, tan necesario. No proceso de planificación participaron moitas e moitos profesionais e así naceu un proxecto ilusionante que pretendía facer un Hospital punteiro en investigación e coñecemento, avanzado tecnolóxicamente e con capacidade para atender, agora e no futuro, ao conxunto da cidadanía da área sanitaria.
A chegada do PP á Xunta supuxo un cambio substancial; o que ia ser unha obra pública prantexárona como “colaboración público-privada” o que supuña que a concesionaria é a responsable do proxecto, da construción e da xestión de determinados ámbitos do NHV, sendo a propietaria do Hospital durante os 20 anos da concesión. A Xunta adxudicou un contrato de 1.300 millóns de euros á Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo S.A. Lembremos que a construción do hospital público custaba pouco máis de 400 millóns. O proxecto definitivo, xa construído e iniciando o seu camiño, perdeu os obxectivos iniciais: non dispón da gran área de investigación prevista, non ten tódolos servizos, non pode atender ao conxunto da cidadanía (polo que permanece o concerto con POVISA), e non ten capacidade de resolver o problema das listas de espera actuais e futuras.

-Na súa opinión: Cáles son as principais deficiencias que presenta o NVH para que non responda ás necesidades sanitarias desta área?

-En primeiro lugar o propio modelo de construción e xestión, que da lugar a dúas direccións, unha da Empresa Concesionaria -a propietaria do Hospital-, e outra a do SERGAS. Esta situación xa está xerando problemas de coordinación que dificultan abordar os problemas atopados no traslado. Doutro lado a diminución dos recursos asistenciais: as camas de hospitalización convencional redúcense nun 31,8%, os  quirófanos nun 31,4%, o Servizo de Urxencias nun 55,5%, as salas de Radioloxía nun 45,7% e desaparece o Laboratorio Central. 

-Neste proceso, tan irregular, perdeuse moito tempo, mentres que esta área sanitaria precisa con urxencia de novas instalacións hospitalarias. Qué medidas deben adoptarse de inmediato para corrixir a situación?

-Primeiro temos que recuperar o NHV para a Sanidade Pública. Unha vez recuperado, teremos que dotalo dos servizos que non ten.  Non é fácil pero, igual que se tomou unha decisión política de facelo dun xeito, haberá que adoptar outra que permita facelo doutra maneira.

-A entrega do NHV a mans privadas representa un serio sobrecoste para as arcas públicas e unha hipoteca para moitos anos. Como vai influír esta dilapidación no futuro da sanidade pública galega?

-A privatización, que no caso do SERGAS vai máis alá do NHV e xa supón un capitulo importante do seu orzamento, hipoteca o futuro financiamento da sanidade pública, xa escaso na actualidade, e fará aínda máis difícil ofrecer un servizo público de calidade.

-Neste proceso hai responsabilidades políticas que a cidadanía terá que reclamar. Considera que hai tamén responsabilidades xudiciais? Ve algunha posibilidade de que os responsábeis deste naufraxio rematen diante dos tribunais de xustiza?

-Tanto o proceso de licitación, concesión, control da obra licitada por parte dunha empresa contratada por GALARIA como as condicións do propio traslado serán, sen dubida, obxecto de controversia xudicial; agardemos que a Unión Europea ou os tribunais de xustiza atendan as demandas presentadas e permitan dilucidar as responsabilidades penais, de habelas.

-Cando haxa un cambio de goberno, cáles serán as primeiras medidas a adoptar para corrixir a desfeita e mellorar a sanidade pública no sur de Galicia?

-En primeiro lugar, rematar coa contrarreforma sanitaria do PP e apostar por un modelo de sanidade pública universal, equitativo, sen copagos nin repagos, financiado cun sistema impositivo xusto, onde pague máis sanidade quen máis cartos ten e non quen máis sanidade necesita. En segundo lugar reverter tódalas privatizacións para recuperalas para a sanidade pública; no caso da área sanitaria de Vigo, isto é imprescindible para recuperar o NHV, e que pase a ser o NOSO Hospital.

(Texto escrito para a revista Tempos Novos, número de setembro-2015).

martes, 1 de septiembre de 2015

Rematou agosto






Rematou agosto envolto na néboa. O verán foi caloroso, por veces, e con pouca chuvia. A terra secou e o millo quedou cativo. Houbo moitos incendios –o último, inmenso, en Cualedro-, e a xente veu chegar, unha vez máis, o lume á beira das portas. Desde mediados de mes, os días comezan a ser cada vez máis curtos, e o tempo xa non é de fiar. Agora leva varios días chovendo, cousa que celebra a xente do campo e lamentaban os numerosos visitantes que chegaron ata aquí. Xa se nota a humidade, e os caracois, desorientados, pasean polas beirarrúas. Desde a fiestra, ata hai poucos días iluminada polo sol, reflectido no mar do Orzan, xa non se ve o Torre de Hércules. O faro, invisible, brama con regularidade, para avisar aos barcos.

Nos primeiros días de agosto as cousas eran doutra maneira. Houbo sol e calor case abafante. A xente inundaba as praias da contorna. Nós viaxamos ata a península do Morrazo. Fixemos unha celebración importante: a nosa neta Antía fixo catro anos. Xa levaba uns días que nos avisaba: “Se non vos portades ben non vos convido ao meu cumple”. Fixemos o posible por asistir. Xuntámonos todos en Moaña e comemos peixe a fartar. A nena soprou as velas e cantámoslle a canción de rigor. Houbo agasallos, risos e xogos. 

Despois estivemos, pola tarde, nunha praia de Bueu. Esta parte do mundo é ben fermosa. Coa   illa de Ons enfronte, e Sanxenxo no outro lado da costa, agóchanse recunchos excelentes, praias de area fina bañadas por augas mansas. Antía estaba feliz e o seu irmán, Xian, anunciaba a quen quixese escoitalo, amosando tres dedos da man: “Eu fago tes en taneiro, eu fago tes en taneiro”. É moi destemido, demasiado, e non lle ten medo ao mar. Adéntrase nel sen pensalo. Houbo un momento que estivo, desde a beira, tirando puñados de area contra as ondas. “E ti que fas, Xian?”.Estou asustando ao mar”, contestou.


Este último domingo, cando saímos da Coruña, o vento sopraba con violencia, semellaba empeñado en arrancar as árbores da rúa de Manuel Azaña. Movía as ramas cunha forza imperial, e provocaba un remuíño de follas coma se estivésemos no outono. Fomos, outra vez, ver o mar, neste caso a Seiruga, á casa dos nosos amigos. A paella estaba excelente, os postres inapelables e a conversa, como sempre, amigable e divertida. Estivemos repasando historias deste verán que xa fenece. Falamos, tamén, dos nosos netos, e lembrei que aquel día de praia, cando xa nos íamos, o neno preguntou: “Mamá, e onde está a fonte do mar?”.