jueves, 31 de marzo de 2016

Povisa tenta pescar nas augas revoltas


A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (II)




Novembro de 2015: A situación de caos provocada polo apresurado traslado dos hospitais públicos (Xeral e Meixoeiro) ao Álvaro Cunqueiro xerou un clima de gran preocupación na poboación de Vigo. O hospital privado Povisa aproveitou o momento para animar aos veciños de Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Cangas e Moaña -que viñan recibindo asistencia nos hospitais públicos da cidade-, para solicitar un cambio de hospital de referencia para que fosen atendidos nese centro. O concerto singular asinado entre Povisa e Sergas recoñece a posibilidade de que a poboación destes concellos escolla o seu hospital de referencia no mes de novembro de cada ano de vixencia do citado concerto. O certo é que, ata o momento, o tráfico de pacientes foi en sentido inverso: en 2014 uns cinco mil usuarios de Povisa solicitaron o cambio a un hospital público.



En novembro de 2015 a empresa propietaria de Povisa fixo unha intensa campaña de marketing nos medios para tentar aproveitar o clima de incerteza creado na poboación e recuperar os pacientes anteriormente perdidos. Povisa recibe cada ano case 75 millóns de euros e ten asignada unha poboación de preto de 140.000 persoas ( recibe 535 euros por cada tarxeta asignada); de aí o enorme interese por aumentar esta asignación, a pesar de ser un hospital denunciada en varias ocasións por presentar numerosas eivas na calidade asistencial. É, con moita diferenza, o campión de Galicia no que respecta ás listas de espera. Tamén cómpre destacar que a cantidade que recibe é superior ao canon do HAC (72 millóns anuais) aínda que o número de camas que ofrece Povisa (405) non chega á metade do novo centro (858). 

As plataformas da sanidade pública do Morrazo publicaron un manifesto para denunciar a campaña de Povisa no que afirmaban: "Dende o Morrazo, consideramos que este é un derroche de recursos materiais e humanos sen precedentes. Non recordamos unha campaña mediática e económica tan brutal, como a que estamos presenciando na Area Sanitaria de Vigo e sospeitamos que o seu obxectivo non é outro que puramente mercantil para recuperar as 5.000 cartillas que perdeu o pasado ano". Afirman que Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos e que o HAC ten moitas deficiencias por culpa do modelo imposto polo goberno de Núñez Feijoo, pero ese hospital ten que ser recuperado para o dominio público, cómpre reverter a situación e frear a campaña de Povisa, que pretende desprestixiar a sanidade pública para conseguir beneficio propio. 

SOS Sanidade Pública pronunciouse sobre o tema. Recorda que Povisa ofrece moitos menos servizos que o outro hospital. Carece dos servizos de obstetricia, de hemodinámica, de cirurxía cardíaca ou de psiquiatría, ten un 16% menos de camas  e un 30% menos de médicos por cama que o CHUVI. Ten, ademais, 157 días de espera cirúrxica media, fronte aos 65 da media dos hospitais públicos do Sergas, polo que sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen a Povisa. Tamén os alcaldes do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) fixeron unha declaración en defensa dunha sanidade 100% e de calidade e rexeitan que a veciñanza do Morrazo cambie o seu centro de referencia sanitario por Povisa.







martes, 29 de marzo de 2016

A hipoteca do Hospital Álvaro Cunqueiro


Galicia Confidencial
Praza Pública



O 22 de marzo de 2016 unha delegación de SOS Sanidade Pública, encabezada por Manuel Martín García, acudiu a Bruxelas, para entrevistarse con parlamentarios europeos e facer entrega de documentación en relación coa denuncia presentada ante a Comisión Europea polas irregularidades do Hospital Álvaro Cunqueiro. Ese día a cidade de Bruxelas sufriu un atentado terrorista, brutal e desalmado, que provocou decenas de mortos e centenares de feridos. Nada pode xustificar tanta maldade e tanta dor. Queremos condenar estes ataques violentos e expresar a noso apoio a todas vítimas e os seus familiares. 

A polémica sobre o novo hospital de Vigo continúa. Imos facer deseguido, en varios capítulos, un relato cronolóxico do acontecido nos últimos meses.

Outubro de 2015: O traslado desde o Hospital Xeral  e o Meixoeiro ao novo hospital foi realizado a toda présa, sen ter rematadas as obras e cun edificio que presentaba múltiples carencias e deficiencias. De pouco valeron as advertencias e protestas de profesionais e usuarios. Distintos colectivos sanitarios do novo hospital estiveron durante semanas alertando da falla de material básico para realizar o seu traballo en condicións dignas e seguras. Mais o proceso continuou pois a UTE perseguía iniciar o cobro do canon pactado canto antes. Houbo consecuencias moi negativas pero lembraremos de seguido algúns momentos importantes.

Un paciente de 66 anos (con diagnóstico de adenocarcinoma gástrico, de máxima prioridade cirúrxica) non puido ir a quirófano para ser operado, por "falta de material cirúrxico, a pesar de avisalo o día anterior", segundo os propios cirurxiáns. O doente con cancro foi para o seu domicilio "quedando pendente de reprogramar" a operación, tal e como figura no informe de alta. A veracidade do mesmo foi confirmada por varias fontes sanitarias do HAC. O persoal do Hospital asegura que esta é unha das moitas intervencións que foron suspendidas, por ese motivo ou por que o instrumental cirúrxico non estaba esterilizado. 


Pero, a pesar do caos dese traslado, que tiveron que afrontar e sufrir os profesionais e doentes, o que de verdade importa é o negocio. E nese terreo as cousas foron mellor. Informaba a prensa que a concesionaria do HAC sumou máis de tres millónsde beneficio xa antes de abrir o hospital. A UTE, controlada por Acciona e Puentes y Calzadas comezou a explotar os servizos non clínicos cedidos pola Xunta, e presentou uns beneficios de 1.2 millóns en 2014 e de 1.9 en 2013, segundo explica na súa memoria.

Co inicio da actividade clínica a factura que terá que afrontar a Xunta comeza a medrar. A hipoteca que teremos que pagar con diñeiro público é enorme. Nos orzamentos xerais de 2016 o goberno de Núñez Feijoo prevé un incremento da partida destinada a sanidade do 4.4%, que representa uns 140 millóns de euros. Semella unha boa nova mais, se analizamos polo miúdo, vemos que 70 millóns irán parar aos petos da concesionaria do HAC: isto quere dicir que a metade da suba do orzamento sanitario é fagocitada directamente pola UTE do novo hospital.  En 2016 a Xunta entregaralle 42 millóns de euros do prazo anual pola construción do hospital, e 27 millóns máis pola privatización de servizos non clínicos (restauración, lavandería, mantemento, limpeza ou transporte interno, entre outros). 

A partir de agora a hipoteca será esa, arredor de 68 millóns de euros cada ano, que deberán seguir pagando os sucesivos executivos ata o ano 2035. O canon do HAC representa o 35% das inversións da Xunta en Vigo: un de cada tres euros investidos este ano polo goberno galego en Vigo irán directamente á UTE. E así será no sucesivo: o novo hospital será obxecto da maior partida orzamentaria da Administración galega durante moitos exercicios. Cando acabemos de pagar a hipoteca o edificio xa estará obsoleto e será preciso outro novo. Ese é o gran negocio organizado polo goberno de Núñez Feijoo, para beneficiar á empresa concesionaria que garante as súas ganancias para moito tempo. Perden os cidadáns e perde a Sanidade pública, hipotecada por décadas e gobernada por intereses privados (tanto no HAV como no hospital de Povisa) que buscan maximizar o lucro, mesmo  a costa da saúde da xente.