Nueva Tribuna
A dereita española e catalana son a mesma cousa. Gobernan para
beneficiar ás élites e deixan medrar espazos de corrupción arredor dos seus
postos de mando. As tramas de corruptela do PP, diseminadas por todo o Estado como unha rede de cloacas, non
son diferentes das utilizadas pola familia Puyol e os seus herdeiros, que tamén
cobran comisións e levan o diñeiro a paraísos fiscais.
Nos últimos tempos ambas faccións dirixentes están a axitar as
bandeiras e tentan inxectar na poboación a ira patriótica, como se a causa dos
seus males fose a cuestión territorial e non as políticas aplicadas por eles
mesmos. Rajoy desde Madrid e Mas desde Barcelona están a levantar barricadas
(en lugar de tender pontes), e tentan alimentar a xenreira mútua. Actúan como
dous radicais que estimulan o conflito. O primeiro declárase firme defensor da
unidade patria e o segundo fala do “expolio” que xustificaría a secesión. Cunha
frivolidade extraordinaria alentan a confrontación (da que obteñen rédito electoral), sen reparar nas
consecuencias negativas que esta estratexia poida provocar; porque hai
dinámicas que, unha vez iniciadas, son difíciles de frear e poden quedar fora
de control. Uns e outros, vaidosos e irresponsables, incrementan a agresividade
dialéctica e as acusacións, en lugar de abrir espazos de diálogo que permitan
buscar acordos e evitar a confrontación.
Mostar |
Ainda que a situación política e histórica non é a mesma, esta escalada
na belixerancia territorial faime pensar na antiga Iugoslavia, xeografía
castigada por unha guerra brutal (1991-1995), que deixou 130 mil mortos e
milleiros de desplazados. A declaración da independencia de Croacia foi o
inicio desta cruel confrontación. Meses antes dese inferno ninguen agardaba a
chegada de tanta brutalidade: Iugoslavia estaba a piques de ingresar na Unión
Europea. Esa guerra deixou feridas que tardarán décadas en cicatrizar e
fragmentou o país en sete estados soberanos con conflitos enquistados moi
difíciles de resolver.
No verán de 2011 tiven a oportunidade de visitar este territorio. A
paisaxe de Croacia é impresionante. Pero vin outras cousas que me deixaron unha
fonda pegada. No seu día escribín: “En
Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados
naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes.
Souben que, tantos anos despois, miles de persoas seguían sen fogar e moitos
non volveron cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin
unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar
partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan,
mentres as elites económicas e políticas amasaron fortunas cos negocios da
guerra”.
Split |
Mostar |
Se cadra o meu temor carece de fundamento. Pero ás veces só é preciso
unha chispa para prender o lume. Segundo os historiadores a morte de José Calvo
Sotelo foi o detonante principal para o levantamento militar e o inicio da
guerra civil española. As circunstancias son ben diferentes mais, con todo,
este país precisa, con urxencia, un cambio radical na súa política. Cómpre
desterrar esta dialéctica de agresión contínua, é necesario levantar pontes que
permitan a aproximación e crear espazos de negociación para construir
unha convivencia civilizada. É preciso expulsar aos actuáis ocupantes do poder,
que poñen os seus intereses particulares por enriba do ben común, mesmo xogando
co risco dun enfrontamento entre irmáns.