Nueva Tribuna
Praza Pública
Galicia Confidencial

O traslado de pacientes desde o
Hospital Xeral ao novo centro, iniciado poucos días antes, debería ter rematado
nos primeiros días de setembro. Pero, xusto o día anterior á manifestación,
unha muller de 65 anos faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) afectada polo
fungo Aspergillus. Poucos días antes un informe preliminar
confirmaba a proliferación do mesmo fungo -que en 1998 provocara a morte de
seis persoas no Meixoeiro-. A Consellería defendeu que o contaxio non se
producira no novo hospital. Pero as análises microbiolóxicas revelaron a
existencia de Aspergillus , polo que suspenderon temporalmente os ingresos de
pacientes e pecharon as zonas cirúrxicas, a UCI e outras unidades sensibles.
Os expertos afirman que a
presenza de Aspergillus nun centro hospitalario debe ser nula. “Comezar os
traslados antes de que concluísen as obras era innecesario, pero realizar as
análises no último momento foi unha temeridade“, afirmaba un facultativo. Esta
situación, provocada polas presas da Administración para realizar este traslado
(a empresa concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado), obrigou a
devolver os pacientes ao Xeral e provocou unha nova demora. O sindicato médico CESM
presentou unha denuncia na Fiscalía de Vigo contra a Conselleira de Sanidade
por posible homicidio imprudente,
ao ter permitido o traslado de pacientes
antes de que rematasen as obras e sen adoptar medidas preventivas especiais.

A primeiros de outubro foi cesada
a conselleira Rocío Mosquera; podemos interpretar este cese como un triunfo da
mobilización cidadá. Pero a realidade é que non cambia a política. Galicia está
sendo castigada con medidas privatizadoras que levan á precarización dos
servizos públicos. A inmensa débeda que este goberno ten coa cidadanía non
queda reparada con esta decisión. Máis ben ao contrario; podemos sospeitar que será
Núñez Feijóo quen asuma, aínda máis, o protagonismo no terreo sanitario. E xa
sabemos que é un convencido e experto privatizador.
Mentres tanto, con absoluto
desorde, reiniciaron o traslado de pacientes e de actividade ao HAC. E as
noticias sucédense. O persoal protesta polas numerosas incidencias: a mediados
de setembro fixeron un relato público,
moi impactante, das deficiencias e
riscos para os pacientes e profesionais que presenta esta infraestructura, que
non estaba preparada para o traslado. Os celadores fixeron un peche para
protestar porque as súas funcións foron asignadas a persoal externo contratado
por medio dunha ETT. A primeiros de outubro a falta de material obrigou a
cancelar a operación dunha persoa enferma de cancro. A mediados deste mesmo mes produciuse
a rotura dunha condución de augas fecais
na área de Urxencias, probablemente polas deficiencias dos materiais empregados
na construción.
A preocupación da poboación
aumenta, causada pola contínua sucesión de anomalías, que non fan máis que
prolongar a alarma. Os profesionais tamén expresan o desacordo. A folga de traballadores realizada o 13 de outubro tivo un seguemento do 90%, segundo a
Xunta de Persoal. Nunha mobilización masiva denunciaron a incompetencia dos
xestores, reclamaron a dimisión dos responsables e solicitaron a restauración
dunha “sanidade pública e gratuíta”. O
cambio de caras non abonda para acalar as protestas. O novo conselleiro,
Vázquez Almuiña, enfróntase a unha herdanza envelenada. Os cidadáns non poderán
esquecer que, por decisións políticas e por afán de lucro, os dirixentes do PP están
a poñer en risco a saúde colectiva, ademáis de deixar unha severa hipoteca para
o futuro da sanidade pública galega. Este hospital, que Núñez Feijoo presentou
como o gran proxecto do seu mandato presidencial, xa deixa ver ás claras o que
é na realidade: unha gran estafa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario