Estes últimos días de setembro
estivemos en Portugal. Os portugueses son nosos irmáns, xente acolledora e
amable; para nós, os galegos, a barreira idiomática non existe. Despois do
visto sospeitamos que as nosas vidas van paralelas. Nos últimos anos as clases dominantes realizaron as mesmas
barbaridades. Vimos quilómetros e quilómetros de costa estragados pola especulación inmobiliaria (centenares de
vivendas baleiras ou a medio construír) e obra pública innecesaria ou, cando
menos, cuestionable (autoestradas case baleiras, como o aeroporto de
Castellón).
Alí conseguimos desconectar do
bombardeo persistente dos nosos medios de comunicación. A situación de Grecia
ocupou portadas durante semanas. Despois as eleccións en Catalunya invadiron
todo o espazo informativo, ata o aborrecemento. Pero apenas sabiamos, porque os
medios non o contan, que no país veciño
tamén hai un proceso electoral en marcha que ten, para eles e para toda
Europa, unha grande transcendencia. O día catro de outubro serán elixidos os
230 deputados da Asemblea da República e o presidente Cavaco Silva, segundo o
resultado, designará o novo primeiro ministro de Portugal.
Resulta sorprendente que non se
informe deste proceso electoral. Somos
veciños e vivimos de costas. Tan preto e tan lonxe. Con todo, as nosas
vidas son moi semellantes. O ambiente político e as mensaxes electorais pódense
superpoñer. Tamén o pobo portugués foi castigado, coa escusa da crise, e
desposuírono de dereitos civís, de protección laboral e do amparo do Estado de
benestar construído nas últimas décadas. A dereita portuguesa (da mesma forma
que a española e a catalá) impuxo as súas políticas sen piedade e aplicou
severos recortes que afectaron á educación, á sanidade pública e ás pensións. E
non rebaixaron a débeda nin unha décima, que era a teórica xustificación para
esixir tanto sacrificio. É a mesma estratexia: destruír o público para xerar
espazos de negocio.
Xa entrou o outono e os días son
máis curtos. Pero tivemos sorte e houbo días de sol e praia. A rexión de Aveiro
é espléndida e a cidade é unha postal.
En Viseu, cidade do interior -situada
entre a serra da Estrela e a do Caramulo-, visitamos os seus monumentos e
paseamos polas súas rúas. As grandes cadeas comerciais aínda non o invadiron
todo e aquí pódense ver (igual que en moitos pobos da Galicia interior) tendas
como as de outrora con escaparates curiosos e rechamantes.
En Coimbra, logo de
visitar a antiga Universidade e a catedral vella, vimos a casa do gran José Afonso (mito da canción
portuguesa, heroe da Revolución dos Caraveis -aínda recordo con emoción o 25 de
abril de 1974, cando aquí viviamos os estertores da ditadura franquista-),
aquel que cantaba:
Grândola, vila morena
Terra dá fraternidade
Ou povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade.
Pois iso. Que o pobo ordene e
mande. Que expulse do poder ás termitas que destrúen todo o público desde
dentro. O que suceda en Portugal tamén nos afecta a nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario