viernes, 18 de noviembre de 2016

ISAGA rinde homenaxe á doutora Olimpia Valencia







Doutora Olimpia Valencia
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que promove a utilización do galego no ámbito sanitario, celebra a súa Asemblea anual en Vigo, o día 26 de novembro, na que rende homenaxe á doutora Olimpia Valencia. Esta será a sexta  edición do encontro, no que tamén se incorporarán 40 novos irmandiños-as, persoas comprometidas co idioma galego no desempeño do seu labor profesional. 

En anos anteriores ISAGA honrou a memoria de Manuel Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella Vidal (investigador, empresario cofundador de Zeltia e galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo (pioneiro da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; a de Xosé Manuel López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”) en 2014; e lembrou a Manuel Peña Rey (galeguista e xinecólogo, pioneiro desta especialidade en Ourense na primeira metade do século XX)en 2015.

Neste 2016, ISAGA recupera para a memoria colectiva a figura de Olimpia Valencia (Baltar, Ourense, 1898 – Vigo, 1987), unha muller moi avanzada para a súa época que, en 1925, converteuse na primeira galega en obter a licenciatura de Medicina (cun brillante expediente académico) e foi tamén a primeira muller en exercer a especialidade de Xinecoloxía.  En 1928 estableceuse en Vigo e deuse a coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: "Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer". Nun principio tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de "médico", mais pouco a pouco foi gañando prestixio profesional. 

Entrevista de Juan Carballeira a Olimpia Valencia, revista Estampa, 1930.
Hoxe asistimos a unha crecente feminización da profesión médica, pero hai cen anos a situación era ben distinta: a presenza da muller na Universidade era mínima e o exercicio da medicina era un espazo estritamente masculino. A doutora Olimpia Valencia demostrou posuír unha vocación ben definida e unha gran personalidade, para vencer as fortes resistencias e presións sociais ante o acceso dunha muller a unha profesión considerada daquela propia de homes. Era unha muller culta e socialmente activa, tivo relación con intelectuais galeguistas (Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas) e comprometeuse na defensa do Estatuto de Autonomía. En 1937, xa iniciada a guerra, foi detida pola Garda Civil e acusada de pertencer ao Partido Galeguista. Non tardou en saír en liberdade, polo seu comportamento e despois de facer un xeneroso “donativo”. Foi sinalada como “roxa” e moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Foi capaz de resistir as presións e o boicot, conseguiu praza como médica da Seguridade Social e exerceu a profesión durante décadas. Despois de xubilada aínda continuou na súa consulta privada ata os oitenta anos.

Olimpia Valencia é unha pioneira, unha muller íntegra, exemplar no seu compromiso, que levou unha vida austera dedicada ao exercicio da profesión a ao servizo aos seus conveciños. Hai unha rúa en Oia que leva o seu nome, pero poucos saben de quen se trata. ISAGA quere recuperar a súa memoria, porque este país necesita referentes, precisa revisar e súa historia recente e honrar ás persoas xenerosas que traballaron toda a vida para axudar aos demais e procurar un futuro mellor.

miércoles, 16 de noviembre de 2016

Os curandeiros e a medicina oficial




O pasado 12 de novembro celebrouse en Lugo unha interesante Xornada de Literatura Oral Tradicional, dedicada nesta ocasión á medicina popular, á que asistiron un centenar de persoas, sobre todo do mundo da docencia. Vai xa pola novena edición este evento tan importante para a recuperación da nosa cultura popular. Detrás está a perseverancia e a intelixencia do escritor Antonio Reigosa, principal impulsor destes encontros e da enciclopedia virtual Galicia Encantada. Puiden coñecer o interesante traballo que está a realizar a xornalista Ana Lois (Palabras Secretas), quen leva anos filmando ritos e tradicións que están a piques de desaparecer. Tamén puider apreciar a profunda sabiduría de persoas como Carmiña Prado, que coñece as herbas e as súas propiedades mellor que ningún profesional. Eu tamén participei nesta xornada, facendo unha reflexión en voz alta sobre a figura do curandeiro e a súa relación coa medicina oficial.  Este é un breve resume do falado:



A medicina, tal como hoxe a coñecemos, non existiu sempre. Ben pola contra é unha actividade máis ben moderna que, no noso contorno,  ten pouco máis dun século de historia. En Galicia existiu sempre a medicina popular. Ata ben entrado o século XX era unha comunidade eminentemente rural; os seus habitantes residían en pequenos núcleos de poboación mal comunicados ou illados. Os médicos estaban nas cidades ou nas principais vilas cabeceiras de comarca. Non sempre era doado, para a xente das aldeas, desprazarse na busca da axuda destes profesionais, pola distancia ou por razóns de tipo económico. 

A pesar dos avances da ciencia no século pasado, as xentes de Galicia acudían con frecuencia aos curadores locais para librarse de certos males. Existía mesmo unha certa desconfianza sobre as bondades da medicina oficial. Como dixo García-Sabell: “O enfermo só cree ao médico capacitado para dicirlle o que ten, pero non para curalo”. Na Galicia rural, sobre todo entre a xente de maior idade, aínda perviven dous tipos de doenzas diferenciadas: as que “son de médico” e as que “non son de médico”. Os curandeiros e menciñeiros; as sabias e as meigas; os arresponsadores e os ensalmadores; os compoñedores e as parteiras xogaron un papel moi importante na atención á saúde das xentes de Galicia. Mesmo existen males, que non deberíamos ignorar,  que seguen a formar parte da cultura colectiva deste pobo: o tarangaño, a caída da paletilla, o mal de ollo, o mal de aire.

O doutor Lis Quiben escribiu un libro onde recolle toda esa cultura popular. Destaca que a medicina tradicional fundaméntase sobre tres piares: a maxia, a relixión e a fitoterapia. Se ben hai prácticas e rituais que están instaladas no pensamento máxico e carecen absolutamente de rigor, noutros casos sorprende a correcta utilización de certos remedios antes de que fosen bendicidos polo coñecemento científico. Cómpre saber de onde vimos porque nos axudará a entender como vive a doenza a xente do noso pobo. Todo ese pouso cultural persiste nas profundidades do ser colectivo, aínda que, desde a altura do século XXI, nos parezan cousas da prehistoria. Non é así. A min levantáronme a paletilla sendo neno, e tamén recordo a miña avoa andando de xeonllos arredor da igrexa da Virxe Peregrina. Non me quixo dicir por que estaba ofrecida, pero de seguro que era por alguén de nós ou por algún animal da casa. 

A medicina oficial na primeira metade do século XX estaba pouco desenvolvida. Os médicos estaban nas vilas grandes e nas cidades. Coa chegada da Seguridade Social (en 1942) naceu a asistencia ambulatoria en España. O médico de cabeceira daquel tempo era un home que pasaba consulta no seu  domicilio, facía compatible a práctica privada coa pública e visitaba os pacientes nas casas cando era preciso desprazándose a cabalo por montes e descampados. Facía de todo: desde partos a compoñer osos, desde arrancar moas a suturar feridas. Cando o caso superaba as súas posibilidades ou coñecementos aconsellaba acudir aos especialistas da cidade. En medio século a evolución foi formidable. 

Hoxe o médico de familia é, maioritariamente, unha muller nova que pasa consulta nun Centro de Saúde. Dedícase en exclusiva á sanidade pública, utiliza a historia clínica e ten ordenador na consulta. O avance científico, tecnolóxico e farmacolóxico, xunto coa mellor formación dos profesionais fai que o médico de familia actual sexa máis resolutivo que o de hai sesenta anos, se ben a práctica cotiá pode resultar menos heroica e máis convencional. Mais tamén é certo que houbo unha certa deshumanización da práctica médica: o profesional céntrase máis nos datos que na persoa (ao contrario do que facía o curandeiro). Unha consulta pode rematar sen que exista contacto entre profesional e paciente, nin sequera visual. Cómpre restaurar o trato humano na práctica asistencial. Porque o paciente non é unha máquina que se avaría senón unha persoa que sufre e ten medo. Temos que aprender a realizar unha “medicina baseada na afectividade” (Albert Jovell). A palabra pode ser máis curativa que os fármacos.