Doutora Olimpia Valencia |
En anos anteriores ISAGA honrou a
memoria de Manuel
Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do
libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella
Vidal (investigador, empresario cofundador de Zeltia e
galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo (pioneiro
da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; a de Xosé Manuel
López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo
coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”)
en 2014; e lembrou a Manuel Peña Rey
(galeguista e xinecólogo, pioneiro desta especialidade en Ourense na primeira
metade do século XX)en 2015.
Neste 2016, ISAGA recupera para a
memoria colectiva a figura de Olimpia Valencia (Baltar, Ourense, 1898 – Vigo, 1987), unha muller moi avanzada
para a súa época que, en 1925, converteuse na primeira galega en obter a licenciatura de Medicina (cun brillante expediente académico) e foi tamén a
primeira muller en exercer a especialidade de Xinecoloxía. En 1928 estableceuse en Vigo e deuse a
coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: "Olimpia Valencia.
Especialista en enfermedades de la mujer". Nun principio tivo moitas
dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de "médico",
mais pouco a pouco foi gañando prestixio profesional.
Entrevista de Juan Carballeira a Olimpia Valencia, revista Estampa, 1930. |
Hoxe asistimos a unha crecente feminización
da profesión médica, pero hai cen anos a situación era ben distinta: a presenza
da muller na Universidade era mínima e o exercicio da medicina era un espazo
estritamente masculino. A doutora Olimpia Valencia demostrou posuír unha
vocación ben definida e unha gran personalidade, para vencer as fortes resistencias
e presións sociais ante o acceso dunha muller a unha profesión considerada
daquela propia de homes. Era unha muller culta e socialmente activa, tivo
relación con intelectuais galeguistas (Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas)
e comprometeuse na defensa do Estatuto de Autonomía. En 1937, xa iniciada a
guerra, foi detida pola Garda Civil e acusada de pertencer ao Partido
Galeguista. Non tardou en saír en liberdade, polo seu comportamento e despois
de facer un xeneroso “donativo”. Foi sinalada como “roxa” e moitas persoas
deixaron de ir á súa consulta. Foi capaz de resistir as presións e o boicot,
conseguiu praza como médica da Seguridade Social e exerceu a profesión durante décadas. Despois de xubilada aínda continuou na súa consulta privada ata os
oitenta anos.
Olimpia Valencia é unha pioneira,
unha muller íntegra, exemplar no seu compromiso, que levou unha vida austera
dedicada ao exercicio da profesión a ao servizo aos seus conveciños. Hai unha
rúa en Oia que leva o seu nome, pero poucos saben de quen se trata. ISAGA quere recuperar a súa memoria, porque
este país necesita referentes, precisa revisar e súa historia recente e honrar
ás persoas xenerosas que traballaron toda a vida para axudar aos demais e
procurar un futuro mellor.
Excelente iniciativa, reconocer a personajes de categoría aunque no sean famosos. Noraboa!
ResponderEliminar