sábado, 23 de junio de 2012

A crise, a pobreza e a saúde



As medidas que está a aplicar o actual goberno (adelgazamento do Estado, redución do estado do benestar, destrución da protección social, privatización da sanidade e da educación, precarización das condicións laborais, abaratamento do despido etc.) non van mellorar a vida da poboación. Pola contra, van provocar unha acumulación da riqueza en poucas mans, van reducir a clase media e aumentar de forma notábel a poboación que vive en situación de pobreza e mesmo en risco de exclusión social.

A pobreza está a medrar en España. Segundo datos da “Red contra la Pobreza y la Exclusión Social” (EAPN, nas siglas inglesas) entre 2009 e 2010 un millón de españois sumáronse á cifra total da pobreza ou risco de pobreza: en total 11,6 millóns de persoas. Os maiores aumentos prodúcense en Valencia, Murcia e Cataluña. A cronificación da pobreza é un risco real, mais as medidas que se están adoptando representan pasos na dirección contraria á recomendada.

É obvio que as desigualdades sociais inflúen na calidade de vida dos cidadáns e mesmo na esperanza de vida: unha persoa que se sitúe no 5 % do nivel de renda superior nos EEUU vive vinte anos máis que unha persoa pertencente ao 5 % de renda inferior. Esta diferenza en España é de dez anos, unha das máis altas da UE-15. A sociedade europea tivo, despois da II Guerra Mundial, un elevado nivel de cohesión social. Mais todo mudou nos anos oitenta coa ascensión ao poder de Reagan nos EEUU e M. Thatcher en Gran Bretaña: “o abandono das políticas redistributivas, do keynesianismo e o intervencionismo público tivo como consecuencia un enorme incremento das desigualdades sociais” (V. Navarro).

O nivel de renda ten moito que ver coa saúde da poboación. Mais tampouco o explica todo. Hai un modelo teórico para explicar as diferenzas nos niveis de saúde e na esperanza de vida dos colectivos humanos. A teoría dos determinantes da saúde elaborada por Lalonde (bioloxía, medio ambiente, estilos de vida e sistemas de coidados) defende que as comunidades teñen distintos niveis de saúde en función destes catro elementos. Porén nun traballo do profesor Michael Marmot sinálase que hai outros factores que xogan un papel importante, mesmo superior aos estilos de vida; entre eles está a sensación de poder controlar o traballo e a vida dun mesmo: canto maior sexa a percepción de control da vida, maior nivel de saúde. Por tanto, a renda, a educación, o status social e outras variábeis serían instrumentos para alcanzar esa vivencia de control. Esta sensación preséntase en cada persoa e depende de como se relacione coas outras: canto maior sexa a sociabilidade e solidariedade, mellor saúde.

As políticas ultraliberais, agora imperantes, caracterizadas polo darwinismo social, provocan patoloxía colectiva e deterioran a calidade de vida e a percepción de saúde da maioría da poboación. A énfase na competitividade, a destrucción de protección social, a inseguridade laboral e o desemprego deterioran a saúde e aumentan a mortalidade en todas as idades. A maioría da poboación, que non é pobre nin está excluída, percibe que non ten o control do seu proxecto vital provocando un dano na saúde colectiva.

Por iso son precisas políticas redistributivas que melloren a calidade de vida da maioría dos cidadáns, reducindo as distancias sociais e aumentando a solidariedade e a cohesión. Mais non é así. As políticas de recorte do gasto público poden empeorar a situación dunha franxa importante e crecente da poboación nos próximos anos. A crise económica ten efectos prexudiciais para a saúde. Sabemos, polo coñecemento da historia, que nestes períodos se produce un incremento da maioría das enfermidades, con especial relevancia dos problemas de saúde mental, e un aumento da mortalidade provocada por accidentes e doenzas cardiovasculares, fundamentalmente. Segundo un documento da FADSP (Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública) o 25% dos cidadáns considera que a súa calidade de vida empeorou debido, sobre todo, á redución de recursos económicos e á deterioración da saúde.

O traballo precario, o desemprego prolongado e a incerteza polo futuro laboral provocan unha vivencia de estrés continuado que pode levar ao padecemento de trastornos de ansiedade, insomnio, abuso de alcohol e outras substancias e mesmo provocar disfuncións severas na convivencia familiar. A ausencia dun horizonte vital, o medo permanente a perder o traballo e a dificultade extrema de atopar emprego para quen non o ten, producen unha vivencia de medo ao futuro que deteriora de forma severa a calidade de vida. Tamén está descrito que nos períodos de crise se reduce o rigor á hora de aplicar as medidas de seguridade e hixiene no traballo (e hai máis traballadores dispostos a asumir riscos) polo que xeralmente se produce un incremento das doenzas laborais e dos accidentes de traballo.

Mais os actuais gobernantes, no canto de traballar para mellorar a situación e procurar unha saída aos cinco millóns de parados que hai hoxe en España, semellan empeñados en facer o contrario. Elaboran leis (Reforma Laboral) que parecen orientadas a alimentar o medo e a converter en real o risco do desemprego. De seguir por este camiño teremos, a medio prazo, un sector importante da poboación en situación de pobreza, con problemas de saúde relevantes e con dificultades para acceder aos servizos sanitarios.
(Extracto do libro “A saúde como negocio”, Edicións Laiovento)

lunes, 11 de junio de 2012

A incompetencia da ministra de Sanidade

En Praza Pública

O Partido Popular, cando estaba na oposición, empuxou canto puido para situar o Estado español no borde do abismo. Todo lles parecía válido con tal de acadar o poder. “Que caia España, que xa a levantaremos nós”, clamou nunha ocasión Montoro. Despois de seis meses de goberno popular o resultado non pode ser máis calamitoso: a cruel reforma laboral, os graves recortes en sanidade e educación e a reducción drástica dos orzamentos públicos só serviron para deteriorar as condicións de vida dos cidadáns, pero non conseguiron calmar a voracidade dos “mercados”.

O goberno de Rajoy aplica con rigor a doutrina ultraliberal: adelgazar o Estado, malvender as empresas públicas, privatizar os servizos, e cargar os custes da crise sobre o lombo dos traballadores. Mentras tanto, os gobernantes afánanse por axudar ao sector financeiro, principal responsable da situación pola súa actuación avariciosa e incompetente. A pasada fin de semana o presidente do goberno explicou, nunha rolda de prensa, a petición feita a Europa dun préstamo de cen mil millóns de euros para salvar a banca española. Esta solicitude de rescate terá, con certeza, unha repercusión negativa para a cidadanía: máis IVE, máis recortes e menos Estado de benestar.

Mariano Rajoy no fútbol
Pero don Mariano, lonxe de amosar pesadume e tristeza polo dano que ven de ocasionar aos seus veciños aparece no palco de autoridades en Polonia, sorrinte e despreocupado, para presenciar o partido de fútbol entre as seleccións de España e Italia. Esta conducta frívola e insolente resulta difícil de explicar. A fuxida do capitán do barco cando está a punto de naufragar non ten xustificación posible. Pode argumentar que o navío queda en boas mans, pero tamén eso é rebatible.

A ministra de Sanidade
Non vou facer un repaso do perfil dos diferentes ministros. Montoro e De Guindos inspiran calquera cousa menos confianza. Pero a ministra de sanidade, Ana Mato, ten demostrado repetidamente a súa incompetencia. Por este ministerio pasaron persoas ben diversas, e non todas tiveron a cualificación precisa para tan alto desempeño. Lembro ainda os ataques furibundos do PP contra Leire Pajín, quen tivo que soportar a insolencia do alcalde de Valladolid, quen se refería aos seus “morritos” cunha linguaxe tabernaria e soez. Non seguirei o seu exemplo. Nestes momentos en que o goberno está a adoptar medidas cunha repercusión severa para o futuro da sanidade  (Real Decreto Ley 16/2012) sería esixible, cando menos, a mínima competencia para explicar as consecuencias desta norma. Estas son as declaracións da ministra, e xa non é preciso ningun comentario:

“Buenas, buenas días, buenas tardes a todos. En primer lugar agradecerles… Vamos, hemos universalizado la sanidad para los españoles. Saben ustedes que la sanidad es universal y que estaba recogida en muchas leyes pero nunca se aplica hasta el final. Todos los españoles tienen derecho a asistencia sanitaria gratuita. Todos sin dejar uno. Lo primero que vamos a hacer es, eeehhh, incorporar al derecho español un artículo de una directiva que les diré que está incorporado al derecho español todo, eeeh… laaa… toda la directiva menos un artículo que justo es el artículo que prohíbe de forma explícita desplazarse en busca de atención sanitaria.
Luego hemos quitado también una cartera que llamamos cartera común suplementaria que la adjunto si me lo permiten con la cartera accesoria. Ahí estarían pues las prestaciones farmacéuticas, las terope.. tripe… teroperapéuticas, ehh… me he equivocado en la, en el nombre, y poner en valor lo que tiene mucho en valor, porque no hay cosa que tenga más valor que una medicina que cura enfermedades. Hemos adoptado una medida que ya estaba adoptada. Lo más importante que por primera vez los parados sin prestación parlamentaria, que… perdón sin presta sin… sin pre… presta sin prestación sin prestación por desempleo, perdón.
En definitiva, eeeh… lo que les decía. No es lo mismo una persona que no está enferma en su consumo de medicamentos que una persona que está enferma. Los pensionistas que es no pagan nada son aquellos que ya no tienen derecho a prestación por desempleo, es decir los que ya tienen los que tienen simplemente eeehh… los.. Ah perdón, pensionistas. Pensionistas son de los pe que tienen el… hablamos de renta no de pensiones. Pues yo ya me voy a callar”.


viernes, 1 de junio de 2012

SOS Sanidade Pública

En Galicia Confidencial

A sanidade pública está en perigo. As medidas adoptadas nas autonomías gobernadas pola dereita ultraliberal (reducción severa dos orzamentos sanitarios, concesión da xestión sanitaria a mans privadas, imposición de copagamentos, externalización progresiva de diversos servizos e actividades, restriccións no acceso aos servizos sanitarios etc.) provocan un serio deterioro dos servizos sanitarios e poñen en risco o seu futuro.

Pero o goberno central ven de dar un paso decisivo nesta contrarreforma sanitaria. En contra do anunciado na campaña electoral o Partido Popular está a degradar os servizos públicos dun xeito alarmante. O Real Decreto Ley 16/2012 –imposto por vía de urxencia, sen debate parlamentario- suprime o dereito á atención sanitaria dos cidadáns e recupera a figura do “asegurado”: só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social. Quedan excluidos diversos colectivos da poboación: inmigrantes, mozos-/as maiores de 26 anos que non teñan contrato laboral, persoas separadas que non tiveran cotizado etc. Tamén esteblece unha serie de copagamentos que veñen a representar, en realidade, un novo imposto á enfermidade. 

Esta medida representa un retroceso histórico de tres décadas. Coa Lei Xeral de Sanidade (1986) recoñeceuse o dereito dos cidadáns á atención sanitaria e iniciouse un camiño firme para garantir a cobertura universal de toda a poboación. Coa aplicación desta lei haberá cada vez máis colectivos cidadáns desprotexidos, que terán que recurrir á beneficencia e á caridade. Volvemos a unha sanidade dualizada: porta para os ricos, porta para os pobres.

Non é a crise a responsable destas medidas: só é a excusa. O Partido Popular está a aplicar na sanidade a súa axenda oculta. Hai unha estratexia global para degradar e desprestixiar o noso sistema sanitario, e para procurar espazos de negocio a costa dos orzamentos públicos aos grupos empresariais afíns. Esta estretexia global (impulsada polo FMI e os potentes lobbys sanitarios) é executada a nivel local por faccións de ultradereita que ocupan o espazo público para deterioralo desde dentro, como os troianos. Núñez Feijóo é alumno aplicado nestas tarefas, e ten experiencia: no seu día xa privatizou Correos. 

A plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación para o vindeiro domingo, día 3 de xuño, en Santiago de Compostela. É o momento de expresar, de forma unitaria e masiva, o noso desacordo radical con estas decisións políticas que están destruir o estado de benestar que tanto custou construir, e que veñen a representar un auténtico saqueo dos orzamentos públicos.