lunes, 25 de abril de 2016

Cómpre evitar a agonía dun barrio

A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (V)

 Nueva Tribuna
 Galicia Confidencial
 Praza Pública

Un hospital é moito máis ca un edificio onde se atende ás persoas enfermas. É tamén un centro que xera movemento económico e comercial. Crea postos de traballo e activa a presenza de visitantes que dan actividade á zona onde estea instalado. O peche dun hospital ten sempre unha repercusión negativa na vida do barrio, que se ve desposuído dese centro xerador de actividade social e saúde colectiva.

Así sucedeu en Lugo. O Hospital Xeral pechou en xaneiro de 2011, despois de 37 anos de servizo. Arredor deste centro medrou un dos barrios máis activos da cidade, A Residencia. Moitos negocios naceron á súa sombra e os seus propietarios, desde moito antes do traslado ao novo Lucus Augusti, clamaron en balde para que a zona non quedase abandonada e que se buscase unha nova utilidade aos edificios. Os responsables da Administración prometeron: podería ser un Punto de Atención Continuada (PAC), ou laboratorio de saúde pública, ou centro socio-sanitario, ou a nova comisaría da policía nacional. Non foi nada deso. Pasou o tempo e, a primeiros de 2016, diversos representantes da Xunta visitaron a zona para comprobar como o antigo hospital presenta un importante deterioro e está a punto de derrubarse. A Administración recoñece que non ten ningún plan para utilizar estes edificios. Mentres tanto numerosos negocios pecharon e o barrio empobreceuse de forma evidente.

En Vigo está a suceder a mesma historia. No proxecto redactado polo goberno progresista estaban descritos os usos alternativos que terían os edificios abandonados do  CHUVI e Meixoeiro. Cando o goberno de Núñez Feijoo variou o rumbo para entregar a mans privadas a construción e xestión do novo hospital tamén se esqueceu de establecer unha actividade diferente para os edificios baleiros.  Como xa alertaran os colectivos veciñais antes do traslado o peche do Hospital Xeral está a provocar un deterioro económico e social do barrio. Tamén reclaman, xunto con SOS Sanidade Pública, un uso sanitario para as infraestruturas baleiras, co dobre obxectivo de dar resposta ás necesidades sanitarias da área e, tamén, contrarrestar a perda de actividade comercial da contorna. A perda xa resulta evidente: hai negocios que comezan a resentirse e 52 dos 66 que seguen funcionando están en risco de pechar a curto ou medio prazo. A primeiros de 2016, catro meses despois do traslado, había xa catorce negocios pechados e unha redución global dos ingresos dun 80%. 

Pero ademais, segundo sinala SOS Sanidade Pública, a carencia de servizos sanitarios da área é notable. O abandono do Plan de Recursos previsto pola anterior  Administración para garantir a asistencia sanitaria integral de toda a poboación, está a deteriorar a atención en toda a área sanitaria. Esta organización reclama que se lle dea un uso sanitario aos edificios (PAC, Centro de Alta Resolución, reubicación de consultas, etc), para que os servizos ofrecidos no Xeral poidan desconxestionar o servizo de urxencias do novo hospital. Pero a Administración semella máis preocupada por garantir os beneficios da concesionaria que de procurar unha boa asistencia sanitaria aos cidadáns. E mentres o barrio olla, impotente, como o seu tecido económico e social vai esmorecendo.




miércoles, 20 de abril de 2016

Fraudes, complicidades e denuncias


 A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (IV)

Praza Pública 
Nueva Tribuna


Cando o ano 2015 estaba a piques de rematar enterámonos de que Ocasa, empresa construtora que formaba parte, nos inicios, da UTE responsable da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), debe a Facenda case quince millóns de euros. Na lista de morosos, feita pública polo Ministerio, figura esta empresa ourensá, que tiña o dez por cento de participación na concesionaria, que tivo que vender ao resto da UTE, ante as presións da Xunta, por entender que podía “intoxicar” o financiamento da infraestrutura debido á súa delicada saúde contable. 






Non é a primeira vez que esta empresa é sinalada pola súa actuación fraudulenta. Xa en 2011 Competencia sancionou cunha multa de oito millóns de euros a cinco empresas galegas, entre as que estaba Ocasa, despois de investigar unha rede coñecida como “o cartel do asfalto”. Foron acusadas de acordar ofertas á baixa en concursos públicos para presentar licitacións ás Administracións públicas como empresas que competían entre si, aínda que na realidade tiñan un pacto para repartirse os contratos. Esta forma de proceder, tan pouco edificante, é, por desgraza, moi frecuente no mundo da construción.

Pero non só as empresas teñen unha actuación impropia e fraudulenta. Tamén a Administración, neste caso, realizou actuacións cómplices que son, cando menos, moi dubidosas en canto á súa legalidade. Ben sabemos que a contratación de obra pública debe someterse ás disposicións do Tratado da UE. As normas europeas son moi estritas no que respecta ao uso dos seus fondos, sobre todo na posible utilización privada dos mesmos. Xa contamos que a UTE encargada de construír o novo hospital de Vigo non foi quen de conseguir financiamento pois as entidades bancarias tiñan serias dúbidas sobre o proxecto. Neste caso a UTE recibiu axuda do propio goberno de Núñez Feijoo, que recorreu a un préstamo do Banco Europeo de Investimentos. As empresas afectadas, que integran a UTE,  son Acciona, Puentes e Calzadas, Veolia e Concessia. A metade do financiamento para as obras veu do sector público, pois ao crédito do BEI hai que sumar o préstamo de 30 millóns outorgado por Axis, xestora de capital risco participada integramente polo Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Esta actuación, presuntamente impropia e ilegal (pois no contrato consta de forma explícita que o financiamento da obra será por conta e risco da empresa concesionaria), foi denunciada pola AGDSP ante a Comisión Europea. Esta organización defensora da Sanidade Pública denunciou o incumprimento no contrato de financiamento e tamén a fórmula administrativa elixida –concesión pública-, cando en realidade se trata dunha colaboración público-privada. A denuncia foi admitida a trámite pola UE no mes de novembro de 2015. Nunha rolda de prensa, o doutor José Emilio Santiago (AGDSP) destacou que este non é un trámite exclusivamente simbólico: "Vaise abrir un procedemento de doce meses no que a Comisión dará audiencia á outra parte (goberno da Xunta) para que alegue e argumente, e nós como denunciantes teremos acceso a esas alegacións. Posteriormente a Comisión examinará as argumentacións expostas por unha e outra parte e iso pode levar á apertura dun procedemento de infracción ou ao arquivo da causa. Se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e proceder a un rescate da concesión”. Poden existir vulneracións de partes esenciais do contrato e dos criterios de competencia: alteraron por completo as condicións de financiamento, non hai unha transferencia de riscos, e podería mesmo falarse dunha axuda ilegal do Estado. Agora a Comisión Europea ten a palabra.






jueves, 14 de abril de 2016

Rematou 2015 entre protestas no Hospital Álvaro Cunqueiro




A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (III)



O final de ano de 2015 resultou certamente convulso para a sanidade de Vigo. O novo hospital comeza a funcionar con múltiples deficiencias e cunha enorme desorganización que preocupa a cidadáns e profesionais.  O novo conselleiro –Vázquez Almuiña, exalcalde de Baiona-, estréase con dúas manifestacións –en Vigo e Pontevedra- en 48 horas. Na mobilización de Vigo os convocantes expresan as súas críticas ao modelo de xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), esixen o seu rescate para dominio público e reclaman que as instalacións sanitarias abandonadas sigan tendo un uso público para servizos sanitarios.

Durante semanas houbo continuadas protestas organizadas polos celadores do centro, por ver como as súas funcións eran adxudicadas a persoal externo contratado por unha ETT. Os 500 celadores do Chuvi foron relegados pola concesionaria a un papel residual, entregando o seu labor a traballadores externos. A confirmación deste situación chegoulles por un comunicado interno no que non figuraba a sinatura de ningún xefe de servizo nin responsable oficial. O escrito, con membrete da Xunta e da Xerencia, deixáballes claro que as súas tarefas eran reducidas ao mínimo –traslado de pacientes-: todas as demais funcións eran externalizadas.

O colectivo de matronas do HAC tamén expresou publicamente a preocupación polas súas condicións de traballo. Nunha rolda de prensa denunciaron que a falta de persoal pode provocar situacións de risco para as xestantes e os recen nados. Entenden que a condicións nas que as obrigan a traballar están en contra de todas as recomendacións estatais e internacionais. “Temos medo de ver o que nos imos atopar ao chegar ao traballo; calquera día pode pasar algo moi grave”, aseguraban.

Remata o ano e multiplícanse as protestas. Os doentes quéixanse polo colapso nas urxencias, onde teñen que esperan máis de sete horas para recibir atención. Ao desorde no funcionamento súmase a deficiencia das infraestruturas e o déficit de profesionais que teñen que asumir unhas cargas de traballo inabordábeis. A Xunta de Persoal do HAC convoca un calendario de mobilizacións para denunciar a falta de recursos, que persisten en 2016. 


Os médicos tamén continúan coas protestas no HAC e din que non queren ser “cómplices calados do desastre" do hospital vigués. Nunha rolda de prensa expresan o seu descontento xeral co funcionamento e afirman que o problema fundamental é o sistema concesional do centro sanitario, que estarán condenados a sufrir durante vinte anos. Tamén destacaron que os médicos se senten "maltratados" xa que a súa opinión non foi "valorada"en ningún momento. Os xefes de servizo tamén se rebelan e 28 dos 40 existentes asinan un escrito no que declaran a súa "perda de confianza no equipo directivo" e reclaman medidas para arranxar os problemas existentes e que se "cumpra cos compromisos adquiridos de mellora asistencial". Núñez Feijoo tomou nota da reprimenda e anunciou cambios.

Poucos días despois substitúe a todo o equipo directivo do HAC –dous meses despois do cese da conselleira-, pero mantén ao xerente, Félix Rubial, no seu posto. Este, nunha comparecencia pública, tenta presentar estes ceses como un proceso de “cambio natural e tranquilo”, necesario para dar un novo impulso. As forzas sindicais, pola contra, coinciden en que non se trata de cambiar persoas senón de aplicar políticas diferentes; recordan que quen manda en realidade no HAC é a empresa concesionaria e  insisten en que é preciso un cambio radical no modelo sanitario e recuperar o hospital para a sanidade pública.