A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (IV)
Praza Pública
Nueva Tribuna
Cando o
ano 2015 estaba a piques de rematar enterámonos de que Ocasa,
empresa construtora que formaba parte, nos inicios, da UTE responsable da
construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), debe a Facenda case
quince millóns de euros. Na lista de morosos, feita pública polo Ministerio,
figura esta empresa ourensá, que tiña o dez por cento de participación na
concesionaria, que tivo que vender ao resto da UTE, ante as presións da Xunta,
por entender que podía “intoxicar” o financiamento da infraestrutura debido á
súa delicada saúde contable.
Non é a
primeira vez que esta empresa é sinalada pola súa actuación fraudulenta. Xa en
2011 Competencia sancionou cunha multa de oito millóns de euros a cinco
empresas galegas, entre as que estaba Ocasa, despois de investigar unha rede
coñecida como “o cartel do asfalto”. Foron acusadas de acordar ofertas á
baixa en concursos públicos para presentar licitacións ás Administracións
públicas como empresas que competían entre si, aínda que na realidade tiñan un
pacto para repartirse os contratos. Esta forma de proceder, tan pouco edificante,
é, por desgraza, moi frecuente no mundo da construción.
Pero non
só as empresas teñen unha actuación impropia e fraudulenta. Tamén a
Administración, neste caso, realizou actuacións cómplices que son, cando
menos, moi dubidosas en canto á súa legalidade. Ben sabemos que a contratación
de obra pública debe someterse ás disposicións do Tratado da UE. As normas
europeas son moi estritas no que respecta ao uso dos seus fondos, sobre todo na
posible utilización privada dos mesmos. Xa contamos que a UTE encargada de
construír o novo hospital de Vigo non foi quen de conseguir financiamento pois
as entidades bancarias tiñan serias dúbidas sobre o proxecto. Neste caso a UTE
recibiu axuda do propio goberno de Núñez Feijoo, que recorreu a un préstamo do Banco Europeo de Investimentos. As empresas
afectadas, que integran a UTE, son Acciona, Puentes e Calzadas, Veolia e
Concessia. A metade do financiamento para as obras veu do sector
público, pois ao crédito do BEI hai que sumar o préstamo de 30 millóns
outorgado por Axis, xestora de capital risco participada integramente polo Instituto
de Crédito Oficial (ICO).
Esta
actuación, presuntamente impropia e ilegal (pois no contrato consta de forma
explícita que o financiamento da obra será por conta e risco da empresa
concesionaria), foi denunciada pola AGDSP ante a Comisión Europea.
Esta organización defensora da Sanidade Pública denunciou o incumprimento no
contrato de financiamento e tamén a fórmula administrativa elixida –concesión
pública-, cando en realidade se trata dunha colaboración público-privada. A denuncia foi admitida a trámite pola UE no mes de novembro de 2015. Nunha
rolda de prensa, o doutor José Emilio Santiago (AGDSP) destacou que este non é
un trámite exclusivamente simbólico: "Vaise abrir un procedemento de doce
meses no que a Comisión dará audiencia á outra parte (goberno da Xunta) para
que alegue e argumente, e nós como denunciantes teremos acceso a esas
alegacións. Posteriormente a Comisión examinará as argumentacións expostas por
unha e outra parte e iso pode levar á apertura dun procedemento de infracción
ou ao arquivo da causa. Se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a
reparación da legalidade e proceder a un rescate da concesión”. Poden
existir vulneracións de partes esenciais do contrato e dos criterios de
competencia: alteraron por completo as condicións de financiamento, non hai
unha transferencia de riscos, e podería mesmo falarse dunha axuda ilegal do
Estado. Agora a Comisión Europea ten a
palabra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario