jueves, 7 de junio de 2018

O deterioro da Sanidade Pública en Galicia ten un máximo responsable: Núñez Feijóo

En Nueva Tribuna
En Praza Pública


O goberno de Rajoy actuou desde o primeiro momento, de forma implacable, co obxectivo de degradar e descapitalizar os servizos públicos para xerar espazos de negocio ás empresas privadas. A sanidade foi seriamente atacada. O funesto Real Decreto 16/2012 significou unha auténtica contrarreforma que provocou un grave prexuizo, moi difícil de reparar, aos sistema sanitario, aos profesionais e, sobre todo, aos cidadáns. A restauración do dano causado debe ser unha prioridade do novo goberno. A ministra Carmen Montón coñece ben as dificultades deste obxectivo: na Consellería de Sanidade valenciana non llo puxeron nada fácil.



Pero en Galicia segue a gobernar o Partido Popular e a degradación da sanidade pública continúa baixo a batuta de Núñez Feijóo, que é un experto e convencido privatizador. Foi a man dereita de Romay cando implantaron en Galicia as nefastas Fundacións Sanitarias que despois tivo que rescatar –e incorporar ao Sergas- o goberno progresista, pois estaban todas en quebra. Tamén foi presidente de Correos (2001-2003) e aproveitou a ocasión para privatizar dita empresa pública.

No primeiro mandato, iniciado en 2009, o presidente da Xunta afirmou que podería privatizar actividades relacionadas coa sanidade pero nunca tocaría o núcleo duro do sistema: a bata branca. Como adoitan facer no PP, Núñez Feijóo non tardou en facer xusto o contrario do que viña afirmando. Comezou coa rápida externalización de servizos de apoio (subministro e loxística, mantemento, limpeza e enerxía, cita previa, telecomunicacións, catering, etc) pero a privatización continúa, afectando a actividades tan importantes para o control do sistema sanitario como a alta tecnoloxía, o Laboratorio Central de Galicia, a investigación clínica e mesmo as contratacións públicas do Sergas. É dicir: entrega a intelixencia e os datos máis sensibles da sanidade a mans privadas, que deixan de estar baixo o control estrito da Administración. 

Despois de nove anos a sanidade pública está nunha situación dramática:  Núñez Feijóo fixo unha drástica redución do orzamento sanitario, aplicou severos recortes de persoal, rebaixou o número de camas hospitalarias e puxo en mans privadas o novo hospital de Vigo mentres renovaba o concerto singular co hospital privado Povisa por dez anos máis.  A actuación de Núñez Feijóo en relación coa sanidade ten unha estratexia ben definida (a que aplicou o PP en Valencia e Madrid con resultados nefastos): pretende suspender o dereito á atención sanitaria, establecido na Constitución, e converter a actividade sanitaria nun terreo lucrativo onde medran os negocios de empresas afíns e das grandes multinacionais tecnolóxicas e farmacéuticas, que se están a facer co control do sistema público.

O traballo destrutivo continúa. O sistema sanitario está sendo atacado desde o propio poder. O goberno de Núñez Feijóo publicou a finais de 2017 unha norma tramposa. O Decreto de tempos máximos de espera debería servir para garantir o dereito dos cidadáns a ser atendidos nun prazo razonable no sistema público. Mais, pola contra, o que realmente garante é a derivación masiva de pacientes a centros privados e o castigo dos que non acepten tal deriación mediante a supresión do dereito garantido por esta lei. Así o establece, de forma obscena, a Instrución 1/2018. Deste xeito os centros privados ven asegurado o negocio e incrementan de forma notable a actividade derivada do Sergas.

Neste contexto enténdese que o Hospital da Coruña veña de asinar un Acordo Marco cos hospitais privados da cidade, por un montante total de case 100 millóns de euros, para realizar actividade asistencial concertada nos próximos catro anos. O acordo inclúe actividade asistencial, cirúrxica, probas complementarias e tamén a hemodiálise. Os centros máis beneficiados por este Acordo Marco son o Hospital San Rafael, Hospital Modelo e o Hospital Quirón, que xa ven realizando a hemodiálise de pacientes do Sergas desde hai anos. Con estas medidas o orzamento sanitario é desviado aos centros privados, mentres os centros públicos están sendo descapitalizados e privados de medios e persoal, que traballa en condicións cada vez máis precarias. Cómpre deter o deterioro da sanidade pública en Galicia, mentres sexa posible: debe ser unha das prioridades políticas da oposición.