martes, 30 de abril de 2013

Campións de Liga e Copa

En Galicia Hoxe



Desculpen vostedes a inmodestia pero hoxe vou escribir sobre a miña traxectoria deportiva.  O meu é o fútbol. A gloria tardou (estiven sempre en equipos que tiñan o mal costume de perder) pero agora veño de conseguir o doblete (campións de liga e copa) co equipo do Materno, por segundo ano consecutivo, no Torneo Sanitario de fútbol-7 da Coruña, onde participan equipos de altísimo nivel (e esto non é broma). Con cincuenta e sete anos e dous netos cheguei, por fin, a formar parte dun equipo vencedor. Nunca fun un gran xogador, agora polo dicilo pois xa non agardo novos contratos. De novo era rápido, agora fago pases en longo para que corran os demáis.

Comecei hai 50 anos, tentando caneos darredor dos carballos no campo da festa de Ceilán. Os rapaces faciamos pelotas con papel e trapos atadas fortemente cun cordel. Algunhas duraban ata dous partidos. Aos 17 anos era unha promesa do fútbol local. No equipo do Negreira coincidín con Fernando Vázquez, hoxe adestrador do Deportivo. A Liga da Costa era ruda e varonil. Había defensas rexos, con barba de sete días, que te avisaban con cortesía: “Rapaz, como veñas por aquí pártoche as dúas pernas”. Eu procuraba ir por outro lado. Recordo os campos embarrados, os pés feridos despois dos partidos, e a impotencia de chegar ao córner, pegarlle con forza á pelota e non ser capaz de enviala  ao punto de penalti: daquela os balóns eran de coiro que se enchoupaba coa auga e chegaban a pesar varios quilos. Deixei pronto o Negreira por causa dos estudos mais nunca abandonei a práctica do fútbol. Durante a carreira xoguei no equipo da Facultade e nos  torneos de prensa, cos compañeiros de El Ideal Gallego.

Nos meus anos de MIR na Coruña alugamos a pista do frontón de Riazor para facer unha pachanga de fútbol sala. Durante tres décadas o aluguer estivo a nome de “Caramés-Cidade Sanitaria”. Martes e xoves, de catro a cinco: por alí pasaron moitos compañeiros do CHUAC. Algúns xa non están (Manito, Sogo), hai quen se xubilou (Daniel Vilela), e outros hai tempo que abandoaron a práctica deste deporte (Diego Vela, Pais, Reparaz, Albaina, Caramés, Suso Blanco, Segundo de Andrés etc). Había tres residentes vascos (Loubet, Brouard e Larizgoitia) que honraban a súa estirpe: pelexa e brega ata a extenuación. E había un andaluz de Trebujena (Cádiz),  Juan Chamorro (alias “Quillo”) que é o xogador máis espectacular e brillante que eu coñecín. Suso Blanco aínda non foi quen de comprender como lle fixo centos de “cañitos”, cando a súa única obsesión era evitar o seguinte. 


Alí onde a vida me levou sempre busquei un grupo para darlle patadas á pelota. En Estepona, donde estiven varios anos na década dos 80, xoguei nun equipo que se chamaba o Azor. Ainda hoxe manteño relación con moitos amigos. De novo en Coruña continuei co fútbol sala nas filas do Sobre Rodas. O ano 2002 gañamos A Copa de Cambre. (Gardo a foto na que estamos os integrantes daquel equipo victorioso: Ageitos, Simón, Martín-Sastre, Macho, Álvaro, Antón, Suso Souto, Jorge, Miki, Lariño e eu mesmo). Logo comezou un lento declive; despois de perder uns cantos partidos, o encargado da pista dos Campóns –que nos tiña aprecio-, díxonos: “E non vai sendo hora de que busquedes unha liga de veteranos, para xogar contra xente da vosa idade”. Fixémoslle caso e agora estamos na Liga de Veteranos de Arteixo; pero o tempo é inexorable, as lesións e os anos van causando desercións e a derrota fíxose a nosa compañeira habitual (algunhas veces, sobre todo cando van Oltra e Chema, conseguimos gañar).

Mais en fútbol-7, co equipo do Materno, levamos dúas tempadas triunfais. É un grupo de excelentes persoas e notables futbolistas. A miña aportación ao equipo non é moi brillante: só marquei dous goles (en propia meta). Pero procuro non perder un só partido, animo moito dende a banda e tamén contribúo a elevar a media de idade (entre Guti e máis eu sumamos cento dez anos). A final de Copa, -contra o Chuac dirixido por Piño-, foi un partido intenso. O cronista oficial do torneo, Alberto López, publicou unha reseña. Nun dos seus párrafos afirma: “Entraron el capitán Guti y el incombustible Pablo para aportar la dosis de veteranía y templanza que necesitaba el juego de los azules; ambos son la eficacia defensiva personificada, sin adornos ni alardes superfluos, con una clarividencia excepcional para sacar el balón tocado de primeras que pone siempre en ventaja a los atacantes del Materno. El partido se tornó cómodo para los campeones”.  Aí queda iso, para a historia.

domingo, 28 de abril de 2013

Seis millóns de persoas


Seis millóns de persoas están sen  traballo en España. Son máis que a totalidade da poboación de Dinamarca ou Finlandia. Hai dous anos Mariano Rajoy, desde a oposición, bramaba contra Zapatero cando o número de parados chegou aos cinco millóns. Prometeu rematar coa crise, recuperar o emprego e mellorar o benestar. Fixo todo o contrario, mais non da ningunha explicación aos que foron enganados. Permanece agochado, en silencio, mentres aumenta  o sufrimento e a incerteza para a inmensa maioría. A sangría continúa: desde a imposición da reforma laboral España perde un emprego por minuto. Nos tres primeiros meses deste ano cada día perdéronse 3.600 postos de traballo. 

Moitas familias viven na desesperanza, afogadas pola falta  de ingresos e pola ausencia dun horizonte alentador. Este goberno  impón medidas de restricción (deseñadas e dirixidas polos especuladores financeiros internacionais) que só  serven para producir máis malestar colectivo e afondar nas desigualdades sociais. En ano e medio retrocedemos na historia máis de tres décadas. A perda de dereitos laborais e protección social é tremenda. Os sindicatos solicítanlle a Rajoy unha reunión de emerxencia nacional para abordar o problema. Él non se digna en responder. Pero hai persoas no PP que deixan ben clara a súa posición. A delegada do goberno en Cataluña, María de los Llanos de Luna, afirmou (o mesmo día en que se coñeceron as dramáticas cifras do paro): “Es importante que haya pijos y ricos, que son los que luego gastan y consumen”. 


A taxa de desemprego supera o 27% e na mocidade chega ao 57% (máis aló da frustración e o desalento persoal, un país que non utiliza a enerxía e a formación dos máis novos está cegando o seu futuro). Este panorama desalentador debería ter unha resposta contundente por parte dos gobernantes. Mais ao día seguinte da publicación destes datos (venres 26 de abril, despois do Consello de Ministros) os responsables económicos  anunciaron que a saída da crise vaise retrasar dous anos máis e que continuará a destrucción de emprego. De Guindos e Montoro prolongan un ano máis a subida do IRPF e anuncian que haberá impostos especiais. Todo vai cada vez peor para a maioría pero o goberno do PP insiste en que ésta é a política correcta. Os que deberían intentar a recuperación económica e protexer aos cidadáns contra o infortunio colectivo fan estas prediccións nefastas sen que se lles borre o sorriso displicente dos beizos. Semella que non lles  interesa mudar de política: mentres o medo e a angustia atenazan á poboación eles continúan coa reducción de dereitos laborais, a diminución dos salarios e a restricción da protección social (tal como reclaman os representantes da patronal).

A forma de actuar deste goberno representa un fraude político. O catedrático de Dereito Pérez Royo sinala que “la contradicción entre el programa electoral y la acción de gobierno es practicamente absoluta”. O goberno recurre constantemente ao decreto lei, esquiva o control parlamentario, abusa da súa maioría absoluta e evita o control dos medios de comunicación ao non admitir preguntas nas roldas de prensa. “El ejercicio del poder está siendo un ejercicio fraudulento”, conclúe o citado xurista. 

Mais con estas prácticas a xestión económica deste goberno é un absoluto fracaso. O economista Manuel Lago sinala que Rajoy puxo a reducción do déficit público como obxectivo central: pechou o 2012 co 10.6%, o peor da Unión Europea. Pero ademáis as políticas impostas están a provocar unha recesión económica que se está a converter nunha depresión. Por eso, conclúe, “si seguimos con el austericidio solo habrá más sufrimiento, más dolor, se destruirá más tejido productivo pero no habrá ninguna mejoría real en el déficil ni en la deuda pública”. 

A facción política que ocupa o poder está a realizar unha actuación fraudulenta. As severas medidas impostas son todo o contrario do anunciado na campaña electoral. Falan de buscar a austeridade, cando o que provocan é un maior empobrecemento dos pobres e a laminación da clase media. En realidade a dereita nunca foi austera: é amante do luxo e ansía dispor de servos e criados.  Norberto Bobbio escribeu que o criterio principal para distinguir a esquerda da dereita “es la diferente actitud que asumen los hombres que viven en sociedad frente al ideal de la igualdad”. Rajoy xa o tiña claro de mozo:  non admite a igualdade básica das persoas e a súa máxima aspiración é “desigualarse”. Así o deixou escrito nun artigo publicado no Faro de Vigo en 1983.

Agora pretenden enmascarar a súa actuación mediante xogos de palabras. Se non fose pola dor que provocan serían desternillantes a maioría das comparecencias ministeriais. Rajoy cuestionou a hipótese do cambio climático baseándose nas opinión dun primo seu. Fátima Báñez pideu a intervención da Virxe do Rocío para saír da crise. Arias Cañete, ministro de Agricultura e Alimentación, aconsella comer os ioguras caducados e recomenda a ducha fría para aforrar. Pero a incompetente ministra de Emprego foi más alá:   cualificou a emigración forzosa da mocidade como movilidad exterior, porque hay quien busca oportunidades laborales y formativas”. Temos a xeneración máis preparada e culta da historia deste país que se ve na obriga de buscar no estranxeiro o futuro que aquí se lle nega e a principal responsable da situación despacha o tema con esta frivolidade. Resulta preocupante comprobar en que máns está o noso destino colectivo.

 

domingo, 7 de abril de 2013

Cinco instantes dunha vida

En Praza Pública
En Galicia Confidencial


Son lo que son: simplemente unas fotos.  Así se explicou Núñez Feijóo hai uns días cando foron publicadas unha imaxes de 1995 nas que aparece fotografiado, en diversos momentos e situacións, á beira de Marcial Dorado, famoso delincuente que agora cumple condena por narcotráfico. 

Fotografía de Manuel Ferrol
Acerta. Non son máis que fotos. Pero a fotografía, que comezou como un oficio artesanal hai máis de cento cincuenta anos, converteuse nun dos  medios principais para documentar a nosa vida colectiva a persoal. A historia de España no século XX está relatada nas imaxes captadas por Publio López Mondéjar. As fotografías de Manuel Ferrol e Virxilio Vieitez reflexan con fidelidade a historia recente de Galicia. Ahí están, fixadas para sempre, as vidas dos nosos pais e os nosos avós. Non sería doado comprender o drama da emigración sen as imaxes que eles souberon capturar. 

As fotos persoais teñen tamén un grande valor documental. Agora, coas cámaras dixitais e os móbiles, é moi doado deixarse retratar. Pero ata hai ben pouco a xente só  facía fotos nos momentos importantes da vida: nos bautizos, nas bodas, nas festas familiares. Había que capturar o instante e fixalo para sempre. Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes:  o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible.

En política é moi importante a imaxe. Os asesores aconsellan aos líderes para que ofrezan sempre o mellor perfil. As aparicións públicas son preparadas como unha montaxe teatral. Mais, con todo, tamén se pode construir o relato dunha traxectoria pública a través das fotografías. Debuxan con bastante exactitude a forma de actuar, a maneira de entender a vida e o exercicio da política. Podemos facer un exercicio práctico con cinco fotografías de Alberto Núñez Feijóo,  actual presidente da Xunta.   

1. Interino. En 1988, tres anos despois de comezar a traballar como interino na Xunta, presentouse ás eleccións sindicais por Afica (Agrupación de funcionarios interinos e contratados administrativos). Foi delegado sindical ata o ano 1991, cando comezou a súa carreira política, apoiado por Romay Beccaría, que o nomeou secretario xeral da Consellería de Agricultura. Aquel mozo sindicalista de 27 anos (que aparece nunha foto da época con Carlos Negreira e outros compañeiros) organizou folgas e protestas para reclamar “o acceso á función pública de todos os funcionarios interinos e contratados administrativos, asegurando en todo caso a estabilidade no posto de traballo”. En resumo, como xa dixemos noutra ocasión , Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos. Agora, lonxe dos seus tempos reivindicativos, utiliza o poder como presidente da Xunta para aplicar severos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais, para reducir os salarios e precarizar as condicións de traballo dos funcionarios ao tempo que fomenta o desprestixio dos servizos públicos.


2. Viaxes e festas. En 1995, cando xa era o número dous da Consellería de Sanidade, deixouse fotografiar, en amistosa compañía,  a bordo do iate Oratus, propiedade de Marcial Dorado, un coñecido contrabandista que levaba un tren de vida moi por enriba das posibilidades dos seus veciños honrados. O barco foi intervido en 2009 por Aduanas, despois dunha operación por blanqueo de diñeiro, e o seu propietario está no cárcere. Segundo a prensa tamén viaxaron xuntos a Cascais, a Ibiza e a un lugar onde había neve (“Creo que no fuí a Andorra; creo que no, lo que sé es que había nieve, parece ser que eran los Picos de Europa”, dixo en público). Parece ser que tamén participou en festas no chalé do traficante.  Agora xa non viaxan xuntos.  Agora o presidente da Xunta vai con frecuencia  a Salvador de Bahía (Brasil) onde, segundo afirma, pensa retirarse cando se xubile. Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles.


3. Os incendios.  No verán de 2006 déronse en Galicia unhas condicións extremas de calor e vento que provocaron unha tremenda onda de incendios. O conselleiro Suárez Canal, recén chegado ao posto, pasou moitas noites sen durmir. As brigadas traballaron incansábeis para combater o lume, que saltaba dun lugar noutro como se non fose rematar nunca. Moita xente veu chegar as lapas á beira das súas casas. Vivíronse momentos de angustia. Núñez Feijóo, que daquela estaba na oposición, fixo unha foto na que aparecía, de branco inmaculado, agarrado a unha mangueiriña, simulando atallar o lume. Durante o seu mandato a política forestal non mellorou e recibiu numerosas críticas dos traballadores, dos grupos ecoloxistas e da oposición. En 2010 houbo outra extensa onda de incendios. A Xunta optou pola ocultación de datos e só informaba dos lumes de grandes dimensións, pero non puido ocultar a morte de dous homes nun incendio en Fornelos.  Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal.  Un ano despois nada mudou:  as fragas seguen expostas ao mesmo risco de arder.  A Xunta ten, polo momento, un grande aliado: a chuvia que non cesa desde hai sete meses.  Mais cando veñan  a calor e o vento non vai chegar a nada a mangueira.


4. No Vaticano. A primeiros de 2010 Núñez Feijóo visitou ao Papa de Roma. Foi acompañado polo arzobispo de Santiago e pola súa suposta compañeira sentimental, a xornalista Carmen “Chiny” Gámir. O visitante deixou facer numerosas fotografías do momento. En moitas delas aparece “Chiny” cunha cruz sobre o peito. Na actualidade xa non hai tal relación; a parella rompeu e ela  vive en Madrid, onde exerce como xefa de prensa da secretaria de Estado de Presupostos (Marta Fernández Currás, antes Conselleira de Facenda en Galicia). Neste tempo en que resulta  tan difícil atopar traballo non deixa de sorprender que haxa persoas que o consigan con tanta facilidade. 



5. Banqueiros. A mediados de 2010 Núñez Feijóo promoveu reunións e encontros cos principais dirixentes das Caixas galegas. Gayoso e Méndez, máximos dirixentes de Caixanova e Caixa Galicia durante décadas, accederon á petición do presidente da Xunta e iniciaron o proceso de fusión. Saíron nas portadas dos xornais co sorriso nos beizos. Todos sabemos o que pasou despois. Novacaixagalicia transformouse en banco, que tivo que ser rescatado con diñeiro público. Galicia quedou sen Caixas de Aforros e sen a súa obra social, os responsables do desastre deixaron os cargos con indemnización multimillonarias, e milleiros de persoas estafadas polo fraude masivo das participacións preferentes recorren Galicia e perden a paciencia reclamando xustiza. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, considera que este é o maior frande da historia de Galicia e que a grande maioría dos afectados foron enganados polas entidades comercializadoras. Mais agora o presidente non ten tempo para recibir aos afectados.