lunes, 25 de mayo de 2020

As Residencias de Maiores e o coronavirus en Galicia

En Nueva Tribuna
En Praza Pública
En Galicia Confidencial

Praia Langosteira (Fisterra)
Galicia é un territorio periférico (o Finis Terrae) e a súa poboación vive dispersa en aldeas, vilas e cidades pequenas. A chegada de persoas alleas é escasa (se pechamos o Camiño de Santiago) e non temos un aeroporto internacional con excesivo tránsito de estranxeiros. Esta situación tivo, nesta epidemia do coronavirus, un efecto protector. Neste caso foron as condicións propias da nosa xeografía as que nos protexeron.

A pandemia tivo unha escasa repercusión en Galicia. Os estudos realizados indican que arredor do un por cento da poboación tivo contacto co virus. O confinamento foi eficaz e permitiu diminuir o número de contaxios. A día de hoxe morreron por esta causa pouco máis de 600 persoas. É un drama, pero menor que noutras partes do Estado. Ainda podería ter menos impacto se non se deran condicións previas que facilitaron a penetración explosiva do coronavirus en dous espazos moi determinados: nos Servizos Sanitarios e nas Residencias de Maiores. A sanidade pública galega foi desmantelada desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo en 2009. Os recortes aplicados e as privatizacións deixaron o servizo público moi debilitado e con escasa capacidade de resposta ante a pandemia. Moitos profesionais foron afectados por carecer da necesaria protección. A falta de medios provocou un risco real de colapso do sistema. 



Todas as mortes producen dor, pero nesta pandemia produciuse unha altísima mortandade nas Residencia de Maiores, en situacións de soedade e abandono, que as fai especialmente dolorosas.A día de hoxe houbo en España 18.600 mortos en centros xeriátricos por causa do Covid-19, a maioría en Madrid, Catalunya e nas dúas Castelas. É un auténtico drama, irreparable, que ten moito que ver coas privatizacións realizadas nos últimos anos, que converteron estas institucións en negocios que cotizan en bolsa (en mans de fondos voitre e de Florentino Pérez). A prestación do servizo estaba baseada en conseguir o máximo beneficio mediante o recorte de medios, de persoal e a precarización da atención. Neste momento non puideron frear a traxedia. E houbo hospitais que deron orden para non ingresar pacientes dos xeriátricos afectados polo Covid. 

En Galicia faleceron nas residencias 270 persoas e houbo tamén coidadores afectados. Eso significa o 45% do total de mortos en Galicia. De non ser por esta altísima afectación das institucións xeriátricas o número de defuncións polo coronavirus sería pouco máis de trescentos, o que significaría un impacto menor do Covid-19 na nosa Comunidade. As políticas aplicadas nos anos anteriores teñen moito que ver coa precariedade actual das residencias.

Núñez Feijóo favoreceu a privatización das residencias e a Xunta fixo unha total deixación de funcións no control da calidade da atención prestada (Consello de Contas). A maioría dos falecidos estaban en residencias privadas, sobre todo nas xestionadas por DomusVi e pola Fundación San Rosendo. DomusVi é a maior rede privada de residencias de maiores de España; a súa xerenta é Josefina Fernández, persoa próxima ao PP que a finais de 2019 recibiu o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía. A Fundación San Rosendo está presidida por Benigno Moure, un cura –amigo de Fraga, distinguido cunha medalla Castelao- que foi condenado en 2008 a cinco anos de cárcere por roubar 600 mil euros a unha muller demenciada; a pesares da sentencia xudicial firme o PP presionou para que Moure non ingresara en prisión, e chegaron a convocar unha manifestación en 2011. Nesas mans está a atención dos nosos maiores.

Así pois, os recortes e privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornos. As políticas de recortes e "austeridade" foron impostas polo PP desde o goberno central, e aplicadas aquí por Núñez Feijóo de maneira implacable. Agora quere aparecer, neste momento preelectoral, como o heroe que freou a pandemia. Pero as súas actuacións previas contribuiron máis ben ao contrario. As familias afectadas xa acudiron ao xuzgado. A ver se a xustiza non tarda en actuar.




miércoles, 20 de mayo de 2020

A demolición da Sanidade Pública galega desde o poder

Nueva Tribuna

(Artigo publicado na revista Luzes (nº 77, febreiro 2020 e en Nueva Tribuna)

Traballo como médico de familia no barrio de Labañou (A Coruña) desde hai trinta anos. Nunca, ata agora, me vira obrigado a exercer a profesión en condicións tan precarias e estresantes como as dos últimos tempos. Houbo xornadas de atender a máis de sesenta pacientes no día. Tomar decisións clínicas contra reloxio produce unha sensación de incerteza que fai que moitos compañeiros non a poidan suportar. E as persoas que solicitan consulta teñen que agardar, ás veces, varios días para ser atendidas. A degradación da Atención Primaria (AP) en Galicia xa é evidente e provoca unha merma notable na calidade da atención.

O goberno do PP aplicou medidas drásticas sobre este nivel asistencial: rebaixou os orzamentos, eliminou as xerencias de AP, anulou o Plan de Mellora que iniciara o goberno progresista, aplicou medidas de reducción de persoal, na dotación dos centros e no acceso a probas diagnósticas. Os profesionais, sometidos a unha presión excesiva día tras día, expresan o seu malestar: houbo dimisións en bloque dos xefes de servizo de AP de Vigo, os profesionais dos PAC mantiveron unha folga durante meses, e as enfermeiras e médicas precarias formaron plataformas para reclamar un trato digno. 

Esta situación non se produce de forma casual. É consecuencia das decisións políticas destes gobernantes neocom que pretenden deteriorar a Sanidade Pública para xerar espazos de negocio ás empresas privadas da sanidade. Lembremos que os orzamentos sanitarios son moi apetecibles: representan o 40 por cento do total da CCAA. A consigna é degradar o público e derivar fondos aos centros concertados. Núñez Feijóo non só prexudicou á AP: danou ao sistema público no seu conxunto. Desde a súa ocupación do poder en 2009,  iniciou unha rápida carreira cara a privatización. Comezou coa externalización de servizos de apoio (subministro e loxística, mantemento, limpeza e enerxía, cita previa, telecomunicacións, catering) e continuou entregando a mans privadas a xestión da alta tecnoloxía, o Laboratorio Central de Galicia, a investigación clínica e mesmo as contratacións públicas do Sergas. É dicir: os datos máis sensibles da sanidade deixan de estar baixo o control estrito da Administración.

Coa súa Lei de Saúde rebaixaron as Áreas Sanitarias de once a sete; os hospitais comarcais perderon capacidade de xestión e pasaron a depender dos centros de referencia. A perda de autonomía dos comarcais favorece actuacións como o recente peche do paridoiro do hospital de Verín. A extraordinaria mobilizacion das xentes da comarca (coa consigna Verín non se pecha) fixo dar marcha atrás na decisión, aínda que de forma condicionada (e posiblemente temporal: despois das eleccións pode que muden de idea, se continúan no poder). Esta decisión, claramente política, ten unha lectura moi clara: este goberno aposta polos grandes hospitais e a alta tecnoloxía –donde hai espazos abertos aos negocios-, e non se preocupa pola atención próxima ás persoas –que favoreza a vida no territorio-. O dereito á atención sanitaria queda anulado: a saúde convértese nunha mercadoría.



Na primeira lexislatura Núñez Feijóo disimulaba a intención privatizadora (afirmou que iban externalizar as actividades non estrictamente sanitarias, pero que respectaría o núcleo duro: a bata branca). Agora actúa sen pudor. Lexisla para favorecer os intereses privados mediante o “Decreto de tempos máximos de espera”: o paciente que non acepte a derivación aos centros concertados quedará excluido do dereito establecido en dito decreto (Instrucción 01/2019). Desvía diñeiro público directamente aos centros concertados: en A Coruña asinou en 2018 un Acordo Marco cos hospitais privados (100 millóns de euros para realizar actividade derivada do Sergas durante catro anos). E ten en carteira as Unidades de Xestión Clínica que, de ser aplicadas, significaría a privatización dos servizos da rede asistencial do Sergas.

Mais se a sanidade galega está castigada polas decisións do PP, cómpre sinalar a situación de emerxencia en que se atopa Vigo a comarca. A entrega do Hospital Álvaro Cunqueiro á xestión privada (concesión por vinte anos) e a continuidade do concerto singular co Hospital Povisa (prorrogado por dez anos máis) fai que a atención hospitalaria desta zona estea controlada por intereses privados. Por se fose pouco Povisa, propiedade da familia Silveira,ven de ser comprado pola empresa Rivera Salud (que naceu en Valencia para xestionar o fracasado hospital de Alzira, pero que hoxe pertence á aseguradora estadounidense Centene). 

O día 9 de febreiro celebrouse en Santiago unha manifestación multitudinaria contra o desmantelamento da sanidade pública, que está sendo atacada desde o propio poder. É necesario un cambio político neste país o antes posible para frear esta demolición e restaurar o dano causado. 

Gran éxito (en imágenes) de la manifestación SOS Sanidade pública ...

martes, 12 de mayo de 2020

Cando remate o pesadelo


El Correo Gallego
Nueva Tribuna

Artigo publicado en El Correo Gallego (27-04-2020) e en Nueva Tribuna (01-05-2020)

"El grito" de Edvard Munch
Despertamos a diario pensando que xa saímos do pesadelo. Pero, como o dinosaurio no relato de Monterroso, o virus aínda segue aquí. Levamos xa tanto confinamento que temos a sensación de vivir nun tempo estancado. Cando esto remate, que rematará (esta a frase máis repetida polos publicitarios), teremos perdido o mes de abril (profético Sabina) e moito máis. Van xa moitas persoas infectadas, moitos ingresados na UCI, demasiados falecidos que non puideron ser acompañados nin despedidos. Todo esto vai deixar feridas que tardarán en cicatrizar. Pero os supervivintes seguirán adiante coa súa vida, algo diferente á anterior. Hai un antes e un despois desta pandemia, pero non sabemos como será.

Todo sucedeu nun escenaria de máxima incerteza, para a poboación e os profesionais. A xente veuse, de pronto, confinada e aterrada ante unha ameaza descoñecida de efectos impredecibles. Os profesionais tiveron que afrontar unha situación nunca antes vivida, con pouca protección e escasos medios, e un descoñecemento total sobre o comportamento do virus. Por moito que os "profetas do pasado" digan agora que esto era previsible, e que se actuou de forma tardía e incorrecta, o certo é que ninguén agardaba esta pandemia global, e todas as instancias políticas e sanitarias foron actuando e aprendendo a medida que sucedían os acontecementos. Aínda hoxe hai moitas zonas de sombra e moitas incertezas sobre a evolución presente e futura. Aínda non sabemos por qué hai persoas que pasan a infección de forma asintomática e outras sofren unha afectación catastrófica e letal. Pero estase avanzando no coñecemento da patoxenia, e a medio prazo haberá terapias máis eficaces. Debemos manter a esperanza: atoparemos a vía de saída.

Autorretrato de Munch despois de padecer a gripe española

Sabemos que China tardou demasiado en notificar a gravidade do que sucedía no seu territorio; a OMS demorouse en decretar a situación de pandemia; os gobernos europeos (incluíndo o español) foron lentos en decretar o estado de alarma e ordenar o confinamento da poboación. Mesmo houbo países como o Reino Unido onde non adoptaron medidas e tentaron deixar que o virus circulase libremente para conseguir "a vacina do rebaño"; ata que se infectaron Boris Jhonson e o seu ministro de sanidade: daquela ordenaron o encerro. Agora,  visto o que pasou, é doado sinalar os erros que provocaron esta situación de catástrofe global, pero no seu momento non era doado ordenar o peche dun país, a paralización de toda actividade económica e o confinamento da poboación. Son medidas extremas (neste caso necesarias e que van dando resultados) que teñen enormes consecuencias políticas, económicas, sociais e sanitarias. Pouco a pouco iranse abrindo as portas e veremos a luz.

Cape Cod Morning, 1950, de Edward Hopper

Agora proliferan os "expertos" que profetizan o que vai pasar a partir de agora. Non sei como se pode ser experto en algo que nunca vivimos (a última pandemia -a gripe española- foi hai cen anos). Moitos entenden que esta crise é un aviso do cosmos ou un castigo dos deuses, cadaquen segundo as súas crenzas. Hai quen vislumbra que nesta ocasión vai xurdir un Novo Orde Mundial, donde haberá máis xustiza social e máis respecto pola natureza. Hai quen prevé que “superaremos a pandemia, pero despertaremos nun mundo diferente” ( Yuval Noah Harari)). Tamén hai quen sostén que despois da pandemia vaise desenvolver un novo habitat: o cibernatural, cun retorno ao medio rural pero conectados por internet” (Ferrer i Balsebre). Tamén hai pensadores que ven posible que chegue a Occidente o Estado policial dixital estilo chino, coa perda de liberdades coa xustificación da seguridade colectiva (Byung-Chul Han).

Mais o certo é que pouco sabemos de como será a vida futura e como nos adaptaremos. Poderemos ser máis xenerosos -como parecen indicar as iniciativas solidarias que xurden nestes días precarios-, ou pode que as medidas de distanciamento nos fagan máis recelosos: o  veciño -e mesmo o sanitario hoxe destacado como heroe-, poderá ser un inimigo portador do Mal. Pode que aumentemos a nosa resiliencia e nos fagamos máis fortes ante a adversidade ou, se cadra, o estrés postraumático pode deixarnos sen defensas para afrontar novos desafíos. Eu non teño ningunha certeza. Quen sabe de que maneira poderemos curar as feridas e restaurar a nosa convivencia. Se algo caracteriza ao ser humano é a capacidade de adaptación. O máis probable é que, pouco a pouco, retornemos á “nosa incerta vida normal” (Rojas Marcos) e que recuperemos a nosa rutina diaria sen que se produzan grandes cambios no entorno global nin na vida cotiá. 
Pero non vai ser hoxe. Aínda queda camiño por andar.


Morning Sun, 1952, de Edward Hopper

lunes, 11 de mayo de 2020

Non estábamos preparados para esto



En El Correo Gallego


Non estábamos preparados para esto. Non estaba escrito en ningún guión. Hai pouco máis dun mes éramos libres e non o sabíamos valorar. Había científicos tentando frear o acortamento dos telómeros para prolongar a vida humana cada vez máis. Todo parecía posible, mesmo acadar a inmortalidade. De repente, un virus, o COVID-19, un elemento minúsculo, unha espiral de ARN envolto por unha cápsula (que para vivir e reproducirse precisa parasitar outras células), exténdese por todo o planeta provocando unha pandemia que pode causar millóns de infectados e miles de mortes. De repente decatámonos da nosa fraxilidade, da posibilidade de volver a tempos remotos, cando a humanidade era atacada periódicamente por infeccións masivas que provocaban máis mortandade que as guerras.

Houbo alertas sanitarias nos últimos anos (a gripe aviaria, a gripe A, o SARS, o MERS) que provocaron un impacto local, con gran número de infectados e moitos falecementos, pero que, por diversas razóns, non chegaron a provocar esta afectación global, que ten a todo o planeta dominado polo pánico e a gran parte da poboación recluída nos domicilios para frear unha diseminación que podería producir unha mortandade masiva, semellante á que provocou a gripe a comezos do século XX. Neste caso déronse todas as condicións (un virus altamente contaxioso, un período de incubación curto, unha elevada mobilidade da poboación por todo o planeta que favorece os contaxios, ausencia de inmunidade persoal e comunitaria, etc) para producir un impacto global tan intenso como inesperado.

O Sistema Nacional de Saúde (SNS), a raíz da crise económica de 2008, foi atacado polos recortes: en toda España rebaixaron de maneira alarmante a dotación orzamentaria, o persoal sanitario e o número de camas hospitalarias. Ademáis, nas últimas décadas, houbo unha orientación da sanidade cara as doenzas crónicas e os problemas derivados do envellecemento e o aumento da dependencia. Non houbo actuacións orientadas á aparición e abordaxe de novas doenzas infecto-contaxiosas e non había un plan de actuación ante a aparición dunha pandemia como a presente. De ahí que a resposta a esta situación explosiva fose tardía, improvisada e descoordinada. Non había unha estratexia deseñada nin medios para actuar. O SNS fai o que pode, cos medios que ten (mentras os hospitais privados permanecen sen utilizar), e os profesionais (expostos e contaxiados en moitos casos) están a facer un enorme esforzo para frear os contaxios e tratar aos enfermos.

Esta crise sanitaria está a provocar efectos notables na vida e na saúde das persoas. A orientación do sistema para atender aos afectados fai que outras doenzas (que seguen ahí) reciban menor atención e con maior demora. 
 
O confinamente prolongado está a provocar problemas físicos nas persoas con problemas crónicos ou mobilidade limitada, e afectación psicolóxica, maior ou menor, en todos os que padecemos o encerro. Cando todo esto remate, que rematará, haberá que pagar as débedas, que van ser moi elevadas (e agardemos que non nos toque pagar aos mesmos de sempre) e despois haberá que sacar conclusións para o futuro. Cando o pico da pandemia comece a descender iranse eliminando as medidas de confinamente domiciliario. Volveremos, pouco a pouco, a recuperar espazos de liberdade. Pero xa nada volverá a ser como antes. Esta crise vai afectar ás nosas relacións como seres humanos, á nosa forma de vivir, e tamén provocará cambios nos sistemas sanitarios que terán que adoptar medidas para que no futuro unha situación semellante poida ser atallada con maior celeridade e acerto.

 En imágenes: Madrid es una ciudad fantasma en el primer día del ...