(Artigo publicado na revista Luzes (nº 77, febreiro 2020 e en Nueva Tribuna)
Traballo como médico de familia no barrio de Labañou (A
Coruña) desde hai trinta anos. Nunca, ata agora, me vira obrigado a exercer a
profesión en condicións tan precarias e estresantes como as dos últimos tempos.
Houbo xornadas de atender a máis de sesenta pacientes no día. Tomar decisións
clínicas contra reloxio produce unha sensación de incerteza que fai que moitos
compañeiros non a poidan suportar. E as persoas que solicitan consulta teñen
que agardar, ás veces, varios días para ser atendidas. A degradación da
Atención Primaria (AP) en Galicia xa é evidente e provoca unha merma notable na
calidade da atención.
O goberno do PP aplicou medidas drásticas sobre este nivel
asistencial: rebaixou os orzamentos, eliminou as xerencias de AP, anulou o Plan
de Mellora que iniciara o goberno progresista, aplicou medidas de reducción de
persoal, na dotación dos centros e no acceso a probas diagnósticas. Os profesionais,
sometidos a unha presión excesiva día tras día, expresan o seu malestar: houbo
dimisións en bloque dos xefes de servizo de AP de Vigo, os profesionais dos PAC
mantiveron unha folga durante meses, e as enfermeiras e médicas precarias formaron
plataformas para reclamar un trato digno.
Esta situación non se produce de forma casual. É consecuencia
das decisións políticas destes gobernantes neocom
que pretenden deteriorar a Sanidade Pública para xerar espazos de negocio ás
empresas privadas da sanidade. Lembremos que
os orzamentos sanitarios son moi apetecibles: representan o 40 por cento do total
da CCAA. A consigna é degradar o público e derivar fondos aos centros
concertados. Núñez Feijóo non só prexudicou á AP: danou ao sistema público no
seu conxunto.
Desde a súa ocupación do poder en 2009,
iniciou unha rápida carreira cara a privatización. Comezou coa
externalización de servizos de apoio (subministro e loxística, mantemento,
limpeza e enerxía, cita previa, telecomunicacións, catering) e continuou
entregando a mans privadas a xestión da alta tecnoloxía, o Laboratorio Central
de Galicia, a investigación clínica e mesmo as contratacións públicas do
Sergas. É dicir: os datos máis sensibles da sanidade deixan de estar baixo o
control estrito da Administración.
Coa súa Lei de Saúde rebaixaron as Áreas Sanitarias de once a
sete; os hospitais comarcais perderon capacidade de xestión e pasaron a depender
dos centros de referencia. A perda de autonomía dos comarcais favorece
actuacións como o recente peche do paridoiro do hospital de Verín. A
extraordinaria mobilizacion das xentes da comarca (coa consigna Verín non se pecha) fixo dar marcha
atrás na decisión, aínda que de forma condicionada (e posiblemente temporal:
despois das eleccións pode que muden de idea, se continúan no poder). Esta
decisión, claramente política, ten unha lectura moi clara: este goberno aposta
polos grandes hospitais e a alta tecnoloxía –donde hai espazos abertos aos
negocios-, e non se preocupa pola atención próxima ás persoas –que favoreza a
vida no territorio-. O dereito á atención sanitaria queda anulado: a saúde
convértese nunha mercadoría.
Na primeira lexislatura Núñez Feijóo disimulaba a intención
privatizadora (afirmou que iban externalizar
as actividades non estrictamente sanitarias, pero que respectaría o núcleo
duro: a bata branca). Agora actúa sen pudor. Lexisla para favorecer os
intereses privados mediante o “Decreto de tempos máximos de espera”: o paciente
que non acepte a derivación aos centros concertados quedará excluido do dereito
establecido en dito decreto (Instrucción 01/2019). Desvía
diñeiro público directamente aos centros concertados: en A Coruña asinou en 2018
un Acordo Marco
cos hospitais privados (100 millóns de euros para realizar actividade derivada
do Sergas durante catro anos). E ten en carteira as Unidades de Xestión Clínica
que, de ser aplicadas, significaría a privatización dos servizos da rede asistencial
do Sergas.
Mais se a sanidade galega está castigada polas decisións do
PP, cómpre sinalar a situación de emerxencia en que se atopa Vigo a comarca. A
entrega do Hospital Álvaro Cunqueiro á xestión
privada (concesión por vinte anos) e a continuidade do concerto singular co
Hospital Povisa (prorrogado por dez anos máis) fai que a atención hospitalaria
desta zona estea controlada por intereses privados. Por se fose pouco Povisa, propiedade
da familia Silveira,ven
de ser comprado pola empresa Rivera Salud (que naceu en
Valencia para xestionar o fracasado hospital de Alzira, pero que hoxe pertence
á aseguradora estadounidense Centene).
O día 9 de febreiro celebrouse en Santiago unha manifestación
multitudinaria contra o desmantelamento da sanidade pública, que está sendo
atacada desde o propio poder. É necesario un cambio político neste país o antes
posible para frear esta demolición e restaurar o dano causado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario