El Correo Gallego
Nueva Tribuna
Artigo publicado en El Correo Gallego (27-04-2020) e en Nueva Tribuna (01-05-2020)
"El grito" de Edvard Munch |
Todo sucedeu nun escenaria de máxima incerteza, para a
poboación e os profesionais. A xente veuse, de pronto, confinada e aterrada
ante unha ameaza descoñecida de efectos impredecibles. Os profesionais tiveron
que afrontar unha situación nunca antes vivida, con pouca protección e escasos
medios, e un descoñecemento total sobre o comportamento do virus. Por moito que
os "profetas do pasado" digan agora que esto era previsible, e que se
actuou de forma tardía e incorrecta, o certo é que ninguén agardaba esta
pandemia global, e todas as instancias políticas e sanitarias foron actuando e
aprendendo a medida que sucedían os acontecementos. Aínda hoxe hai moitas zonas
de sombra e moitas incertezas sobre a evolución presente e futura. Aínda non
sabemos por qué hai persoas que pasan a infección de forma asintomática e
outras sofren unha afectación catastrófica e letal. Pero estase avanzando no
coñecemento da patoxenia, e a medio prazo haberá terapias máis eficaces.
Debemos manter a esperanza: atoparemos a vía de saída.
Autorretrato de Munch despois de padecer a gripe española |
Sabemos que China tardou demasiado en notificar a
gravidade do que sucedía no seu territorio; a OMS demorouse en decretar a
situación de pandemia; os gobernos europeos (incluíndo o español) foron lentos
en decretar o estado de alarma e ordenar o confinamento da poboación. Mesmo
houbo países como o Reino Unido onde non adoptaron medidas e tentaron deixar
que o virus circulase libremente para conseguir "a vacina do rebaño";
ata que se infectaron Boris Jhonson e o seu ministro de sanidade: daquela
ordenaron o encerro. Agora, visto o que
pasou, é doado sinalar os erros que provocaron esta situación de catástrofe
global, pero no seu momento non era doado ordenar o peche dun país, a paralización
de toda actividade económica e o confinamento da poboación. Son medidas
extremas (neste caso necesarias e que van dando resultados) que teñen enormes
consecuencias políticas, económicas, sociais e sanitarias. Pouco a pouco iranse
abrindo as portas e veremos a luz.
Cape Cod Morning, 1950, de Edward Hopper |
Agora proliferan os "expertos" que profetizan o
que vai pasar a partir de agora. Non sei como se pode ser experto en algo que
nunca vivimos (a última pandemia -a gripe española- foi hai cen anos). Moitos
entenden que esta crise é un aviso do cosmos ou un castigo dos deuses, cadaquen
segundo as súas crenzas. Hai quen vislumbra que nesta ocasión vai xurdir un
Novo Orde Mundial, donde haberá máis xustiza social e máis respecto pola
natureza. Hai quen prevé que “superaremos a pandemia, pero despertaremos nun
mundo diferente” ( Yuval Noah Harari)). Tamén hai quen sostén que despois da
pandemia vaise desenvolver un novo habitat: o cibernatural, cun retorno ao
medio rural pero conectados por internet” (Ferrer i Balsebre). Tamén hai
pensadores que ven posible que chegue a Occidente o Estado policial dixital
estilo chino, coa perda de liberdades coa xustificación da seguridade colectiva
(Byung-Chul Han).
Mais o certo é que pouco sabemos de como será a vida
futura e como nos adaptaremos. Poderemos ser máis xenerosos -como parecen
indicar as iniciativas solidarias que xurden nestes días precarios-, ou pode
que as medidas de distanciamento nos fagan máis recelosos: o veciño -e mesmo o sanitario hoxe destacado
como heroe-, poderá ser un inimigo portador do Mal. Pode que aumentemos a nosa
resiliencia e nos fagamos máis fortes ante a adversidade ou, se cadra, o estrés
postraumático pode deixarnos sen defensas para afrontar novos desafíos. Eu non
teño ningunha certeza. Quen sabe de que maneira poderemos curar as feridas e
restaurar a nosa convivencia. Se algo caracteriza ao ser humano é a capacidade
de adaptación. O máis probable é que, pouco a pouco, retornemos á “nosa incerta
vida normal” (Rojas Marcos) e que recuperemos a nosa rutina diaria sen que se
produzan grandes cambios no entorno global nin na vida cotiá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario