martes, 26 de julio de 2016

O rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro


En Praza Pública
En Nueva Tribuna




SOS Sanidade Pública continúa co seu traballo para rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de mans privadas. Ten en marcha un proceso de información permanente por medio das redes sociais e iniciou unha campaña de crowfounding, para contribuir a sufragar os gastos derivados dos trámites xurídicos necesarios para presentar a denuncia contra a privatización do HAC ante a Comisión Europea.  Esa denuncia foi presentada no mes de setembro de 2015 e admitida a trámite. A Comisión Europea concedeu o prazo dun ano para recabar información das partes e emitir unha resolución. É importante esa decisión xa que, no caso de que a Comisión Europea considere probadas as irregularidades sinaladas na denuncia, sería máis doado rescatar o hospital sen que a concesionaria puidera reclamar indemnización por lucro cesante.

 A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), asinante da denuncia, leva máis de tres décadas de compromiso e traballo en defensa da sanidade galega. Niste intre ten que afrontar os gastos de representación xurídica mencionados, por un importe de 6.300 euros, dos que faltan por abonar 4.100. Por esa razón solicita a colaboración de todas as persoas comprometidas coa sanidade pública para continuar con este batalla xurídica que ten o obxectivo de rescatar o hospital privatizado, coa colaboración da cidadanía, que pode contribuir cunha aportación económica segundo as posibilidades de cadaquén. 

 
O HAC ten que ser rescatado para dominio público e cómpre recuperar todos aqueles espazos e servizos que foron suprimidos pola concesionaria. De non ser así a sanidade en Vigo e comarca quedará hipotecada e “secuestrada” durante moitos anos. A toma de decisións estará en mans da concesionaria e dos directivos de Povisa. A Administración estará totalmente condicionada pola concesión e o concerto singular. É necesario mudar esta situación o antes posible, e tamén é preciso mellorar a Atención Primaria e dar unha utilización sanitaria aos edificios abandonados do Xeral, Anexos e Meixoeiro. Lembremos que a dotación sanitaria de Vigo e comarca actualmente é moi insuficiente.

A AGDSP presentou a denuncia ante a Comisión Europea fundamentándose  basicamente en tres feitos:
-A utilización da figura legal de Concesión de Obra Pública en lugar da de Colaboración Público Privada, que é a que correspondería, pola entidade e o volume da construción do Hospital. O que perseguía o actual goberno galego foi evitar a fiscalización da Lei de Contratos do Estado que obriga a elaborar e presentar un informe (preceptivo) ante o Ministerio de Facenda que xustificase a necesidade de utilizar o financiamento privado en lugar do público para acometer a obra. O resultado de recorrer ao sector privado foi un incremento do custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros.

-Os severos recortes introducidos no contrato (Proxecto Funcional) entre a Concesionaria e o Sergas para abaratar os custos supoñen unha modificación do contrato, ao que aspiraban outras empresas con ofertas que foron descartadas, o que beneficia á Concesionaria, á que ademais non lle reduciron o canon, a pagar pola Administración durante vinte anos.

-O risco de financiamento, que por contrato debía correr a cargo da Concesionaria, foi cuberto en gran parte polo Sergas cun crédito do Banco europeo de Investimentos (que non presta a empresas privadas) o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o FROB. Esta manobra supón unha clara vulneración da lexislación da UE sobre contratos Públicos Privados e pode entenderse como unha trama deseñada para ocultar o endebedamento público. O endebedamento polo pago do hospital non se considera público se o risco de financiamento corre a cargo da empresa privada, pero a realidade é que foi asumido pola propia Administración pública.

Por todo iso a AGDSP considera que o contrato do novo hospital de Vigo debe ser nulo de dereito por incumprir os termos establecidos na licitación, o que e supón unha clara vulneración da lexislación comunitaria sobre os contratos de colaboración público privada, que establecen a necesidade de garantir a igualdade na concorrencia das empresas. En novembro de 2015 a Comisión Europea notificou que admite a trámite a denuncia. Isto significa que atopa indicios razoables de vulneración da lexislación comunitaria. Abre un procedemento no que as partes deberán realizar as alegacións correspondentes, despois do cal  ditará a resolución definitiva. Agardemos.

miércoles, 20 de julio de 2016

Homenaxe a unha mestra

En Nueva Tribuna
En Praza Pública 

Dona Carme Sanmartín Currais cos seus alumnos na escola de Cobas


Acto inaugural da Escola de Cobas en 1922
O pasado 23 de xullo celebrouse na parroquia de Cobas (Negreira) un acto moi singular. Un grupo de veciños lembrou a memoria e fíxolle unha homenaxe a dona Carme Sanmartín Currais, que exerceu como mestra de escola nese lugar (no magnífico edificio impulsado pola Unión Barcalesa, que enviou fondos desde Cuba para a súa construcción), nos anos sesenta e setenta do século pasado, naqueles tempos escuros do franquismo. Máis dun centenar de antiguos alumnos –moitos deles xubilados-, xuntáronse ese día, despois de tantos anos,  para facer unha rendida homenaxe á mestra que lles cambiou a vida. 


 
Escola de Cobas
Naquela escola convivíamos entre 30 e 40 rapazas e rapaces de distintas idades. Ela traballou de forma incansable e conseguiu que moitos dos seus alumnos fixeran estudos máis aló da escola unitaria.  Dona Carme era unha mestra vocacional, unha muller poderosa, decidida, xenerosa e corpulenta. Unha persoa desbordante de enerxía, entregada ao seu labor cunha dedicación plena. O seu empuxe e o seu entusiasmo eran contaxiosos. Ainda que morreu hai vinte anos a súa figura continua viva na memoria da xente, que non esquece o seu inmenso labor –durante máis de trinta anos- a favor do ensino, da cultura e do traballo por conseguir un futuro mellor para os seus alumnos. Foi -á sua maneira, condicionada polo tempo que lle tocou vivir- unha continuadora do espíritu daqueles mestres da República, como o persoaxe interpretado por Fernán Gómez en “A lingua das bolboretas”: persoas entregadas ao ensino coa convicción de estar a construir un mundo mellor.

A nosa vida está feita de causas e azares. Todos temos un destino predeterminado e logo hai momentos decisivos que marcan o noso percorrido. Un encontro fortuito, un suceso inesperado, o contacto cunha persoa, a influencia dunha amizade, o descubrimento dunha ilusión: hai instantes, non previstos, que poden  torcer ou iluminar o noso camiño. No mundo do ensino é moi evidente este feito. Hai mestres que teñen unha influenza decisiva na vida dos seus alumnos. A súa capacidade de conectar, estimular e animar pode ser definitiva para que moitos rapaces desperten á curiosidade da cultura, para que se interesen por mellorar os seus saberes e tenten superar as súas limitacións. Así era dona Carme: unha forza da natureza que provocou un enorme efecto benéfico na maioría dos seus alumnos.


Eu nacín hai sesenta anos nunha aldea do val de Barcala, nunha casa sen libros. Na miña afección pola lectura houbo unha influencia decisiva, a mestra dona Carme, que me animou a estudar e deixoume acceder á sua biblioteca particular para coller os libros que me indicaba. Así foi como  puiden ler, con dez e once anos, a súa colección de premios Nobel de Literatura. Pearl S. Buck, Somerset Maugham, Mark Twain e Anatole France formaban parte das miñas lecturas daquel tempo. A miña paixón pola literatura naceu alí. 

A nosa gratitude eterna para esta mestra xenerosa que tentou axudarnos a mellorar as nosas vidas e a ser mellores persoas.