En Praza Pública
Dona Carme Sanmartín Currais cos seus alumnos na escola de Cobas |
Acto inaugural da Escola de Cobas en 1922 |
O pasado 23 de xullo celebrouse na parroquia
de Cobas (Negreira) un acto moi singular. Un grupo de veciños lembrou a memoria
e fíxolle unha homenaxe a dona Carme
Sanmartín Currais, que exerceu como mestra
de escola nese lugar (no magnífico edificio impulsado
pola Unión Barcalesa, que enviou fondos desde Cuba para a súa construcción),
nos anos sesenta e setenta do século pasado, naqueles tempos escuros do
franquismo. Máis dun centenar de antiguos alumnos –moitos deles xubilados-,
xuntáronse ese día, despois de tantos anos,
para facer unha rendida homenaxe á mestra que lles cambiou a vida.
Naquela escola convivíamos entre 30 e 40 rapazas e
rapaces de distintas idades. Ela traballou de forma
incansable e conseguiu que moitos dos seus alumnos fixeran estudos máis aló da
escola unitaria. Dona Carme era unha
mestra vocacional, unha muller poderosa, decidida, xenerosa e corpulenta. Unha
persoa desbordante de enerxía, entregada ao seu labor cunha dedicación plena. O
seu empuxe e o seu entusiasmo eran contaxiosos. Ainda que morreu hai vinte anos
a súa figura continua viva na memoria da xente, que non esquece o seu inmenso
labor –durante máis de trinta anos- a favor do ensino, da cultura e do traballo
por conseguir un futuro mellor para os seus alumnos. Foi -á sua maneira,
condicionada polo tempo que lle tocou vivir- unha continuadora do espíritu
daqueles mestres da República, como o persoaxe interpretado por Fernán Gómez en
“A lingua das bolboretas”: persoas
entregadas ao ensino coa convicción de estar a construir un mundo mellor.
A nosa vida está feita
de causas e azares. Todos temos un destino predeterminado e logo hai momentos
decisivos que marcan o noso percorrido. Un encontro fortuito, un suceso
inesperado, o contacto cunha persoa, a influencia dunha amizade, o
descubrimento dunha ilusión: hai instantes, non previstos, que poden torcer ou iluminar o noso camiño. No mundo do
ensino é moi evidente este feito. Hai mestres que teñen unha influenza decisiva na vida dos seus alumnos. A súa capacidade de conectar, estimular e animar pode
ser definitiva para que moitos rapaces desperten á curiosidade da cultura, para
que se interesen por mellorar os seus saberes e tenten superar as súas
limitacións. Así era dona Carme: unha forza
da natureza que provocou un enorme efecto benéfico na maioría dos seus alumnos.
Eu nacín hai sesenta
anos nunha aldea do val de Barcala, nunha casa sen libros. Na miña afección
pola lectura houbo unha influencia decisiva, a mestra dona Carme, que me animou
a estudar e deixoume acceder á sua biblioteca particular para coller os libros
que me indicaba. Así foi como puiden ler,
con dez e once anos, a súa colección de premios Nobel de Literatura. Pearl S. Buck, Somerset Maugham,
Mark Twain e Anatole France formaban parte das miñas lecturas daquel tempo. A miña paixón pola literatura naceu alí.
A nosa gratitude eterna para esta mestra xenerosa que
tentou axudarnos a mellorar as nosas vidas e a ser mellores persoas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario