En Praza Pública
![]() |
Dona Carme Sanmartín Currais cos seus alumnos na escola de Cobas |
![]() |
Acto inaugural da Escola de Cobas en 1922 |
O pasado 23 de xullo celebrouse na parroquia
de Cobas (Negreira) un acto moi singular. Un grupo de veciños lembrou a memoria
e fíxolle unha homenaxe a dona Carme
Sanmartín Currais, que exerceu como mestra
de escola nese lugar (no magnífico edificio impulsado
pola Unión Barcalesa, que enviou fondos desde Cuba para a súa construcción),
nos anos sesenta e setenta do século pasado, naqueles tempos escuros do
franquismo. Máis dun centenar de antiguos alumnos –moitos deles xubilados-,
xuntáronse ese día, despois de tantos anos,
para facer unha rendida homenaxe á mestra que lles cambiou a vida.
Naquela escola convivíamos entre 30 e 40 rapazas e
rapaces de distintas idades. Ela traballou de forma
incansable e conseguiu que moitos dos seus alumnos fixeran estudos máis aló da
escola unitaria. Dona Carme era unha
mestra vocacional, unha muller poderosa, decidida, xenerosa e corpulenta. Unha
persoa desbordante de enerxía, entregada ao seu labor cunha dedicación plena. O
seu empuxe e o seu entusiasmo eran contaxiosos. Ainda que morreu hai vinte anos
a súa figura continua viva na memoria da xente, que non esquece o seu inmenso
labor –durante máis de trinta anos- a favor do ensino, da cultura e do traballo
por conseguir un futuro mellor para os seus alumnos. Foi -á sua maneira,
condicionada polo tempo que lle tocou vivir- unha continuadora do espíritu
daqueles mestres da República, como o persoaxe interpretado por Fernán Gómez en
“A lingua das bolboretas”: persoas
entregadas ao ensino coa convicción de estar a construir un mundo mellor.
A nosa vida está feita
de causas e azares. Todos temos un destino predeterminado e logo hai momentos
decisivos que marcan o noso percorrido. Un encontro fortuito, un suceso
inesperado, o contacto cunha persoa, a influencia dunha amizade, o
descubrimento dunha ilusión: hai instantes, non previstos, que poden torcer ou iluminar o noso camiño. No mundo do
ensino é moi evidente este feito. Hai mestres que teñen unha influenza decisiva na vida dos seus alumnos. A súa capacidade de conectar, estimular e animar pode
ser definitiva para que moitos rapaces desperten á curiosidade da cultura, para
que se interesen por mellorar os seus saberes e tenten superar as súas
limitacións. Así era dona Carme: unha forza
da natureza que provocou un enorme efecto benéfico na maioría dos seus alumnos.

A nosa gratitude eterna para esta mestra xenerosa que
tentou axudarnos a mellorar as nosas vidas e a ser mellores persoas.