martes, 28 de enero de 2014

As ameazas da sanidade pública (II)

En Galicia Hoxe
En Praza Pública
En Nueva Tribuna


A sanidade pública, elemento fundamental de cohesión social no Estado de benestar que se construíu en España nas últimas décadas, está ameazada. As actuacións da dereita gobernante están inspiradas nunha ideoloxía supermacista que xustifica a exclusión social dos máis necesitados. Tamén contempla a actividade sanitaria como un territorio propicio para desenvolver negocios privados. Desde o goberno central e as autonomías están a impulsar medidas que camiñan nesa dirección. Fagamos un breve repaso das súas máis importantes actuacións:

1.-Real Decreto Ley 16/2012. Esta lei foi denominada, con gran cinismo, como “de medidas urgentes para garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud y mejorar la calidad y seguridad de sus prestaciones”. O PP utilizou a maioría absoluta para aprobar esta norma -eludindo o debate parlamentar-,  que nos fai retroceder máis de tres décadas na historia. Anula a atención sanitaria  universal e recupera a figura do “asegurado”(a xente terá dereito á asistencia santaria en función da súa cotización á SS); provoca a exclusión sanitaria dos inmigrantes sen papeis e doutros colectivos da poboación;  impón copagamentos (a pensionistas e enfermos crónicos) que aplastan as xa deterioradas economías familiares; e recorta a carteira de servizos que aparece fragmentada en tres niveis (básica, complementaria e accesoria), preparando o terreo ás aseguradoras para cubrir aquelas prestacións que resulten excluídas da sanidade pública. Todos estas imposicións, que xa comezan a provocar dano na saúde da poboación, teñen dous obxectivos: conducirnos a unha sanidade dualizada (porta para ricos, porta para pobres; aseguramento privado e beneficencia) e favorecer os negocios das empresas da sanidade privada. 

2.-Hospitais PFI. Este modelo de concesión (financiamento público-privado) a empresas privadas para construir e xestionar hospitais foi impulsada na década dos noventa no Reino Unido polo Partido Conservador. Os resultados foron calamitosos para a sanidade británica. Un informe da OMS, que analizaba 15 anos desa experiencia, demostrou que estes hospitais son máis caros, teñen peor calidade asistencial e reducen a transparencia na xestión. A pesar destas evidencias o PP impulsou este modelo  en Valencia (o primeiro hospital deste tipo foi o de Alzira, con nefestos resultados) e Madrid (ambas as dúas comunidades teñen agora a sanidade en bancarrota). Este foi o gran modelo de negocio da sanidade deseñado pola dereita en convivencia con determinadas empresas nas que practican con asiduidade o exercicio da “porta xiratoria”: hai políticos que privatizan parcelas da sanidade que despois pasan a xestionar cando se retiran da actividade pública.  Mais esta estratexia de parasitación da sanidade pública está nun momento baixo: a crise económica, coa diminución de crédito bancario, e a contestación social puxeron freo temporal a estas manobras.

A movilización profesional e cidadá realizada en Madrid pola “Marea Branca” puxo en cuestión estas manobras privatizadoras e conseguiu dos tribunais de xustiza unha suspensión cautelar das externalizacións, avalada polo TSJM. O rexeitamento dos recursos presentados pola Comunidade de Madrid obrigou ao goberno rexional a suspender definitivamente o plan de privatización dos seis hospitais que tiña previsto, e provocou a dimisión do conselleiro Fernández-Lasquetty. A privatizacion dos hospitais de Castela-A Mancha, anunciada pola presidenta da comunidade, tamén está en stand by. En Galicia a construcción do hospital de Vigo, promovida con este modelo PFI, está retardada, pois a UTE non conseguiu financiación suficiente para continuar: os bancos non confían na viabilidade da obra; o presidente da Xunta, en contra do establecido no contrato (donde se especifica que “la financiación es a riesgo y ventura de la Concesionaria”) anda na procura de financiamento para que o hospital non quede no esqueleto. Pero tal como están as cousas é posible que este sexa outro Gaiás inacabado. Este pode ser o gran fracaso de Núñez Feijóo, que deixará unha pésima herdanza na dotación sanitaria do sur de Galicia. 

3.-Externalizacións e privatizacións. Cando non é doado privatizar o hospital enteiro van entregando a mans privadas aquelas áreas de actividade donde se pode extraer beneficio a costa dos orzamentos públicos. Núñez Feijóo é un experto privatizador: foi a man dereita de Romay Beccaría para a implantación das Fundacións Sanitarias (que o goberno progresista de Galicia -2005-2009- tivo que rescatar pois estaban todas en quebra), e tamén privatizou Correos (desde a dirección que ocupou de 2000 a 2003). Cando chegou ao poder na Xunta de Galicia xa avisou que era partidario de privatizartodo lo que no sea el núcleo duro del sistema sanitario”. Entregouse no empeño desde o primeiro momento e as direccións dos centros cumplen con dilixencia os mandatos privatizadores que chegan desde Santiago. 

A historia clínica, a receita electrónica, a central de chamadas, os teléfonos de información, a alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica, o mantemento dos equipos, os servizos informáticos, o almacenamento e distribución de material sanitario, a investigación e a docencia: todas estas parcelas están en mans privadas. Moitos traballadores públicos quedan relegados e sen función mentres o Sergas paga a empresas externas por servizos que eles viñan realizando á perfección. Tamén é moi relevante que se entregue a empresas privadas información privilexiada dos servizos estratéxicos do sistema e dos propios pacientes. A Administración perde o control e queda como refén destas empresas que son as que controlan e utilizan os datos sensibles da sanidade.  

O dous de xaneiro foi publicado no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea), o anuncio dun concurso para a privatización do servizo de esterilización. O contrato  ascende a 160 millóns de euros, e pode entregar a unha empresa este servizo para toda Galicia. Esta proposta resulta alarmante, e pode afectar a centos de traballadores públicos que actualmente realizan estas tarefas con absoluta garantía e calidade. Os actuais responsables desta tarefa afirman nun escrito que “esta decisión foi tomada por motivos alleos ao rigor técnico” e que non existe ningunha certeza de que se vaia mellorar a eficiencia. A Xunta pretende ceder a mans privadas un servizo tan delicado e importante para a saúde da poboación. Porque as empresas privadas teñen que conseguir beneficios ao peche do exercicio, e a seguridade pode quedar nun segundo plano. (A primeiros de xaneiro tiveron que pechar dous quirófanos no hospital de Santiago; o servizo de mantemento está subcontratado).

4.-Áreas de Xestión Clínica (AXC).  A privatización completa dos hospitais está freada como consecuencia da movilización cidadá, da actuación dos tribunais de xustiza e pola propia crise económica que dificulta a obtención de créditos por parte das empresas adxudicatarias. Pero o PP non desiste de privatizar a “bata branca”. Para eso utiliza a proposta das AXC. A xestión clínica é un concepto ben considerado na sanidade: fai referencia á necesidade de que os profesionais sanitarios asuman responsabilidade na práctica clínica e na utilización dos recursos sanitarios. Pero non require modificar a persoalidade xurídica das unidades que realicen estas tarefas nin ten nada que ver coa laboralización do persoal sanitario.  O goberno publicou no BOE, en xullo de 2013 (incrustada nunha lei sobre farmacovixiancia) unha disposición final quinta que plantexa a creación das AXC cun réxime laboral distinto ao actual. Promove a laboralización do persoal sanitario que se integre nestas unidades, coa conseguinte perda dos dereitos laborais que hoxe ten o persoal estatutario. 

A forma de lexislar, con ocultación e engano, fai suspeitar das intencións do PP. Estas AXC serían como “reinos de taifas” con autonomía na súa xestión, capacidade para contratar persoal e con reparto de beneficios entre os seus xestores;  podería dar entrada a empresas privadas e chegar á fragmentación dos centros coa creación de microempresas dentro dos hospitais, financiadas con fondos públicos máis reguladas polo dereito privado. En Galicia tamén se aprobou no Parlamento unha proposta do PP para a creación de AXC, que afirma garantir o carácter público destas unidades. Mais os xuristas están dacordo: unha lei estatal prevalece sobre unha autonómica. E a vontade política da Conselleira está ben clara: ten afirmado en público que o actual sistema sanitario non sirve, que cómpre cambiar o sistema retributivo dos profesionais e que “no queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. (Acaba de renovar o concerto particular con Povisa -a súa antigua empresa-: o Sergas pagará más de 750 millóns nos próximos 10 anos). Neste momento os directivos do Sergas tratan de impulsar proxectos de AXC nos hospitais galegos e nalgún centro de saúde; teñen serios problemas para superar os recelos dos profesionais.  Mais semella que outros proxectos poden estar xa nunha segunda etapa. A finais de 2013 falouse do interese dunha empresa multinacional de tecnoloxía médica para facerse co control da Unidade do Corazón do hospital de A Coruña, dirixida ata o momento polo doutor Castro Beiras, que está perto da xubilación. Él mesmo desminteu esta posibilidade. Sexa ou non certa esta proposta o certo é que marca o camiño a seguir no resto dos centros sanitarios, se os profesionais non perciben a ameaza e se opoñen como firmeza a esta proposta que pode representar, a curto prazo, a destrucción desde dentro do sistema sanitario público. 



lunes, 27 de enero de 2014

As ameazas da sanidade pública

En Galicia Confidencial
En Praza Pública



A dereita gobernante está a impoñer medidas radicais  na sanidade pública –desde  o goberno central e as autonomías-, que teñen un severo impacto nos servizos e representan unha hipoteca grave para o futuro. Aínda que recoñecen o elevado nivel de calidade do noso Sistema Nacional de Saúde (SNS), nos seus laboratorios de ideas inventaron un argumentario simple e falaz que repiten como unha salmodia: o sistema actual é insustentable e cómpre “modernizar” a xestión para mellorar a eficiencia. Pretenden, con estes argumentos, xustificar a introducción de cambios profundos (externalizacións/privatizacións) que serían necesarios para garantir a continuidade do SNS. Mais non é así: o que presentan como oportunidades de mellora son, en realidade, ameazas severas para o sistema que está sendo parasitado e destruído desde dentro.

Con esas xustificacións mendaces, e no escenario da prolongada crise económica que utilizan como excusa, comezaron a impoñer o seu ideario e a favorecer certos negocios a costa dos orzamentos públicos. Fixeron severos recortes orzamentarios (152 euros menos por habitante e ano no conxunto das autonomías, de 2010 a 2013) e reduciron drásticamente o persoal (taxa de reposición do 10%, 25.500 traballadores menos de xaneiro de 2012 a xullo de 2013 no SNS). Mentres tanto entregaron a mans privadas parcelas cada vez máis grandes dos centros públicos  e, ante o imparable aumento das listas de espera, realizan derivacións masivas aos hospitais privados que experimentaron un notable incremento do seu negocio. En Galicia, o PP aprobou  en solitario, en decembro de 2013, unha “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” que establece uns tempos de espera imposibles de cumprir. Pero da igual, porque a finalidade non é preservar os dereitos dos cidadáns: o obxectivo real é garantir o negocio dos centros privados que reciben cada vez máis derivacións, agora avaladas por lei. 

A sanidade pública vive momentos críticos. A súa continuidade está seriamente ameazada, agora sí, polas actuacións políticas dos actuais gobernantes. Algunhas das decisións impostas desde o poder van ser moi difíciles de revertir cando se provoque un cambio político. Mais cómpre actuar con determinación e sen demora porque a actividade dos “térmites” continúa, provocando a erosión do sistema desde dentro. Basean as súas decisións en principios ideolóxicos que persiguen a restauración dunha sanidade dual (beneficencia para os pobres e aseguramento privado para os ricos). Con esa orientación o goberno central impuxo o Real Decreto Ley 16/2012, que nos devolve a un tempo anterior á Ley General de Sanidad (1982), que garantía o dereito universal á asistencia sanitaria. Tamén hai un impulso poderoso para a creación de espazos de negocio a expensas do diñeiro público adicado á sanidade (30-40% dos orzamentos autonómicos). Para conseguir este obxectivo utilizan diversos camiños, desde a promoción de hospitais co modelo PFI (financiamento público-privado) ata as numerosas privatizacións e externalizacións que parasitan os orzamentos sanitarios, ou a proposta das Áreas de Xestión Clínica (AXC), un mecanismo deseñado para a privatización do núcleo duro da sanidade: a “bata branca”. Nunha próxima entrega falaremos destas manobras máis polo miúdo. 


 

 


lunes, 13 de enero de 2014

Aumenta a desigualdade

En Praza Pública
En Galicia Confidencial



En Italia o 7% das familias vive na miseria e o 13% gaña menos de 990 euros ao mes; en só dous anos duplicouse a taxa dos que admiten pasar privacións. En Reino Unido, nos seis longos anos de crise, o número de persoas que precisa axuda de institucións benéficas multiplicouse por vinte. En Grecia está o 27% da poboación en paro, o 35% nos bordes de pobreza e a exclusión mentres o 30% da xente non ten acceso á sanidade pública. España retrocedeu tres lustros en benestar e renta respecto á media europea; o número de persoas atendidas por Cáritas pasou de 370 mil a 1.3 millóns; é o segundo país europeo no que máis medrou a desigualdade desde 2007. Ainda podemos aportar máis datos: o 26% da poboación activa está no paro; morreron máis de 200 mil empresas; é o país europeo no que máis baixaron os salarios; dous millóns de familias non teñen ningun ingreso, e os máis novos e preparados fuxen na busca dun futuro mellor. Un estudo publicado por Eurostat advirte que o grao de benestar de España está agora moito máis lonxe da media europea (un 92%) e non semella que, a curto prazo, deixe de menguar. 


Todo parece indicar que a Unión Europea xa non é un proxecto social: está parasitada polos poderes económicos que teñen as institucións secuestradas e postas ao seu servizo. Diante da crise global, que eles mesmos provocaron, os omnipotentes mercados impuxeron as súas receitas aconómicas, que provocaron a socialización das perdas (pagamos co noso diñeiro as débedas dos bancos) e fixeron xogos malabares coa prima de risco e outros indicadores para xustificar o saqueo das arcas públicas, a laminación do Estado de benestar e a suspensión dos dereitos laborais e civís. A clase politica é cómplice destas actuacións: está invadida de “cabalos de Troia” que traballan ao servizo do capital, sen reparar no grave dano e no terrible sofrimento que están a provocar en capas cada vez máis amplas da poboación. Moitas persoas de clase media, que vivían sen quebrantos nin inseguridades hai seis anos, agora apretan o cinto e teñen cada vez máis dificultades para chegar a fin de mes. Resulta aterradora esta caída masiva no desamparo; é preocupante observar a intensidade e a rapidez deste empobrecemento xeral. 


As medidas políticas impostas desde o poder foron sempre na mesma dirección: salvar e apoiar aos poderosos e empobrecer aos pobres. Na vez de aplicar unha fiscalidade progresiva  -de xeito que os que máis teñen sexan os que máis contribúan á recuperación global- e perseguir aos grandes defraudadores (o 94% das empresas do Ibex, que evade impostos en paraísos fiscais), aplicaron o austericidio: castigos rigorosos sobre os traballadores, os enfermos e os pensionistas. “He pedido mucho a los españoles, pero el tiempo se lo devolverá con creces”, dixo Rajoy nunha recente comparecencia. Pero é que, para moita xente, xa non hai tempo. As graves dificultades económicas das familias e a falta de perspectivas de futuro están a provocar situacións de auténtica desesperación. A desigualdade destrúe a cohesión social, é corrosiva: “corrompe a las sociedades desde dentro”, decía Tony Judt. A política está desprestixiada a e democracia, como mellor forma de goberno, está sendo cuestionada.


Joaquín Estefanía lembraba nun artigo que as medidas impostas pola troika, que subestimou o impacto da austeridade na vida da xente, baseáronse nun informe do FMI que, tempo despois, demostrouse que tiña graves erros metodolóxicos. Pero hai un debate aberto: cómpre saber se as receitas aplicadas estiveron equivocadas (foron erros) ou se son sinxelamente falsas (manipulación ideolóxica). É moi probable que os impulsores destas medidas non tiveran en conta as consecuencias do austericidio (paro, empobrecemento masivo, mortandade de empresas...) xa que tiñan claro o obxectivo: “favorecer una determinada agenda, favorable a una distribución regresiva de la renta y la riqueza”. 


Tamén sinala Vicenç Navarro nun artigo que as enormes desiguadades de Españaestán basadas en la excesiva influencia de la banca y la gran patronal sobre el Estado; su abusivo poder sobre el Estado es la mayor causa de la pérdida de legitimidad de la democracia”. Tamén recorda que o 20% da xente máis rica posúe máis renta que o 60% da poboación: ese 20% é o que domina a vida política e mediática no país. Cómpre darlle a volta a esta situación. As políticas do PP están a levar a moitas familias a situacións de desesperación. A cidadanía ten que ser capaz de dar unha resposta. É preciso canalizar o descontento da gran maioría e revertir a situación actual. De non ser así a pobreza e a desigualdade seguirán sendo unha ameaza para cada vez máis persoas, que ven cegado o seu futuro.