Mostrando entradas con la etiqueta liquidadores da sanidade pública. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta liquidadores da sanidade pública. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de mayo de 2015

Ataque á Sanidade Pública


En Nueva Tribuna


En tempos de crise e quebranto económico, os criterios de bo goberno deberían levar aos nosos dirixentes a adoptar as medidas máis extremas para garantir unha atención sanitaria de calidade a toda a poboación -sobre todo, aos máis necesitados-, a través dos servizos públicos. Ademais de mellorar a recaudación cunha fiscalidad progresiva, os servizos sanitarios deberían reorientarse cara ao maior protagonismo da Atención Primaria (AP) e a priorización das tarefas de promoción da saúde e prevención da enfermidade. 


O actual goberno, con total premeditación, fixo o contrario: deixou sen protección sanitaria a miles e miles de cidadáns, externalizou de forma apresurada numerosos servizos para beneficiar a empresas afins e anulou o nivel de  AP coa creación das Áreas de Xestión Integrada, que leva á desaparición das Xerencias de AP (suspende definitivamente a capacidade de xestión propia deste nivel, necesario para asumir o seu papel protagonista no sistema) co que, no canto de converterse no elemento central e axente de coordinación, pasa a converterse nun apéndice pobre do hospital.

O funesto Real Decreto 16/2012 é a principal ferramenta utilizada polo goberno para este retorno ao pasado. Representa unha auténtica contrarreforma sanitaria que deixa sen cobertura a amplos colectivos da poboación e que castiga aos enfermos, aos pobres e aos dependentes con severos copagos, en moitos casos inasumibles para as economías familiares. A sanidade deixa de ser un dereito. Estannos expropiando dereitos consolidados: fan caso omiso do principio de "prohibición do retroceso social". Mentres  impoñen de forma implacable esta lei tan cruel, as empresas, en complicidade cos gobernantes, dedícanse a facer negocio: os gobernos da dereita entregaron a mans privadas hospitais enteiros, decenas de servizos e actividades sanitarias, os sistemas de información, a investigación e o control da tecnoloxía. 



Todas estas actuacións foron realizadas co maior sixilo, lonxe da vixilancia dos cidadáns. O PP ocupou o poder para destruír, desde dentro como os térmites, o Estado de benestar. Danaron gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais, desmantelaron o incipiente desenvolvemento da lei de dependencia e laminaron os dereitos dos traballadores coa infame reforma laboral. Todo iso inducido pola súa ideoloxía clasista e o seu afán desmedido de favorecer ás empresas afins para realizar negocios e negocietes a expensas dos orzamentos públicos. Todo indica que estamos ante unha facción organizada, que se dedica a saquear as arcas do Estado. E fixérono a conciencia: xa comezaron a desvalixar o Fondo de Reserva da Seguridade Social. Si non freamos esta sangría todos os cidadáns perderemos. Os que cheguemos á idade de xubilación, dentro duns anos, poderiamos estar no desamparo. Hai que impedir este saqueo infame, que enriquece obscenamente a uns poucos mentres degrada a vida da maioría da xente.



 
 

lunes, 27 de enero de 2014

As ameazas da sanidade pública

En Galicia Confidencial
En Praza Pública



A dereita gobernante está a impoñer medidas radicais  na sanidade pública –desde  o goberno central e as autonomías-, que teñen un severo impacto nos servizos e representan unha hipoteca grave para o futuro. Aínda que recoñecen o elevado nivel de calidade do noso Sistema Nacional de Saúde (SNS), nos seus laboratorios de ideas inventaron un argumentario simple e falaz que repiten como unha salmodia: o sistema actual é insustentable e cómpre “modernizar” a xestión para mellorar a eficiencia. Pretenden, con estes argumentos, xustificar a introducción de cambios profundos (externalizacións/privatizacións) que serían necesarios para garantir a continuidade do SNS. Mais non é así: o que presentan como oportunidades de mellora son, en realidade, ameazas severas para o sistema que está sendo parasitado e destruído desde dentro.

Con esas xustificacións mendaces, e no escenario da prolongada crise económica que utilizan como excusa, comezaron a impoñer o seu ideario e a favorecer certos negocios a costa dos orzamentos públicos. Fixeron severos recortes orzamentarios (152 euros menos por habitante e ano no conxunto das autonomías, de 2010 a 2013) e reduciron drásticamente o persoal (taxa de reposición do 10%, 25.500 traballadores menos de xaneiro de 2012 a xullo de 2013 no SNS). Mentres tanto entregaron a mans privadas parcelas cada vez máis grandes dos centros públicos  e, ante o imparable aumento das listas de espera, realizan derivacións masivas aos hospitais privados que experimentaron un notable incremento do seu negocio. En Galicia, o PP aprobou  en solitario, en decembro de 2013, unha “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” que establece uns tempos de espera imposibles de cumprir. Pero da igual, porque a finalidade non é preservar os dereitos dos cidadáns: o obxectivo real é garantir o negocio dos centros privados que reciben cada vez máis derivacións, agora avaladas por lei. 

A sanidade pública vive momentos críticos. A súa continuidade está seriamente ameazada, agora sí, polas actuacións políticas dos actuais gobernantes. Algunhas das decisións impostas desde o poder van ser moi difíciles de revertir cando se provoque un cambio político. Mais cómpre actuar con determinación e sen demora porque a actividade dos “térmites” continúa, provocando a erosión do sistema desde dentro. Basean as súas decisións en principios ideolóxicos que persiguen a restauración dunha sanidade dual (beneficencia para os pobres e aseguramento privado para os ricos). Con esa orientación o goberno central impuxo o Real Decreto Ley 16/2012, que nos devolve a un tempo anterior á Ley General de Sanidad (1982), que garantía o dereito universal á asistencia sanitaria. Tamén hai un impulso poderoso para a creación de espazos de negocio a expensas do diñeiro público adicado á sanidade (30-40% dos orzamentos autonómicos). Para conseguir este obxectivo utilizan diversos camiños, desde a promoción de hospitais co modelo PFI (financiamento público-privado) ata as numerosas privatizacións e externalizacións que parasitan os orzamentos sanitarios, ou a proposta das Áreas de Xestión Clínica (AXC), un mecanismo deseñado para a privatización do núcleo duro da sanidade: a “bata branca”. Nunha próxima entrega falaremos destas manobras máis polo miúdo. 


 

 


sábado, 31 de agosto de 2013

Os liquidadores da sanidade pública


En Nueva Tribuna
En Galicia Confidencial

Nos últimos tempos soubemos da existencia dunha nova profesión: o liquidador de empresas. Trátase dun experto que adquire unha empresa arruinada e, utilizando diversos artificios financeiros, consigue cuantiosos beneficios co seu peche (deixando aos traballadores na rúa). Ángel del Cabo fíxose millonario e acadou notoriedade pública coa liquidación das empresas de Díaz Ferrán (aquel presidente da CEOE que nos decía que tiñamos que traballar máis e cobrar menos). Agora os dous están no cárcere.
O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están actuando como auténticos liquidadores da sanidade pública. Mentres afirman traballar pola sustentabilidade adoptan decisións que contribúen ao seu deterioro e á privatización. Non descansan. Nin siquera no mes de agosto. Pola contra, aproveitaron o período vacacional para impulsar medidas que representan auténticas agresións contra o sistema nacional de saúde( SNS). Fagamos un breve repaso dos últimos acontecementos:

1.-A foto antes das vacacións. No último día de xullo Rajoy reuniu na Moncloa a un grupo de organizacións afíns coas que asinou un “pacto pola sustentabilidade do SNS”. Despois da sinatura  protocolaria fixeron a foto de rigor que foi publicitada como un acto histórico. Trátase, máis ben, dunha triste parodia e dun engano denunciado polos sindicatos, os traballadores sanitarios e os defensores da sanidade pública. A FSDSP afirma que este acordo carece de contido práctico, que representa un paso máis na estratexia de deterioro da sanidade pública e que este acto publicitario só pretende  frear as movilizacions de profesionais e cidadáns contra da privatizacion do sistema. 

2.-Madrid privatiza. A pesar da masiva contestación os gobernantes da Comunidade de Madrid persisten no seu empeño privatizador. Tampouco lles importa que haxa dous recursos xudiciais sen resolver: un millón e medio de madrileños poderán ver os seus hospitais privatizados dentro de pouco. Despois dun proceso escuro e pouco transparente tres empresas privadas -Sanitas, Ribera Salud e e portorriqueña Hima San Pablo (especializada en turismo sanitario)-  poden facerse cargo da xestión de seis hospitais. O PP madrileño empuxou esta medida a pesar das evidencias históricas: todas as experiencias previas realizadas noutras xeografías tiveron consecuencias negativas para a poboación, os profesionais e a a propia sanidade pública. Polo momento este proceso está paralizado: un xuzgado madrileño decretou a suspensión cautelar (03-09-13) da externalización despois dunha demanda presentada pola asociación profesional Afem.
Mais o diñeiro público non escapa só por esta vía cara os petos das empresas privadas. A sanidade madrileña aumentou o orzamento para os concertos con clínicas privadas nun 55%. Este incremento é, con diferencia, o maior dos últimos anos.

3.-O novo hospital de Vigo. O hospital que o sur de Galicia precisa, e polo que leva anos agardando, foi adxudicado polo goberno de Núñez Feijóo a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) constituída por bancos arruinados e constructoras en bancarrota. Xa falamos deste asunto noutras ocasións. O hospital leva máis dun ano parado pois a empresa concesionaria non consigue que ningunha entidade financeira lle conceda crédito. Mais a Xunta persiste no seu afán privatizador. En contra de todas as normas permitiu cambios no contrato e mesmo na composición da UTE e, a primeiros de agosto, Núñez Feijóo afirmou que conseguiran o financiamento preciso para continuar a construcción. O diñeiro será aportado polo Banco Europeo de Inversións (BEI), o Instituto de Crédico Oficial (ICO) e por entidades bancarias rescatadas con diñeiro público (entre eles Novagalicia Banco, que conta por centos as persoas afectadas polo fraude das preferentes). Polo tanto, o novo hospital vai ser financiado con diñeiro público que despois reportará beneficios ás empresas integradas na UTE concesionaria. Mal porvir lle agarda á sanidade pública no sur de Galicia se non muda a situación. Lembremos que Povisa atende  a gran parte da poboación da zona. Ten un concerto particular co Sergas moi favorable pero acumula as maiores listas de espera da comunidade e fai un trato claramente discriminatorio entre os clientes privados e oa usuarios do Sergas. Vén de sufrir unha folga (desconvocada despois dunha sentenza favorable aos traballadores) por querer impor unhas penosas condicións laborais ao seu persoal (con rebaixas salariais do 40%).

4.-Recorte público e máis gasto familiar.  A ministra de Sanidade ven de anunciar que o copagamento nas medicinas significou unha reducción da factura farmacéutica de 2.000 millóns de euros no seu primeiro ano de vixencia. Esta noticia, presentada como unha conquista, pode ser interpretada doutro xeito. Máis que aforro o que fixo foi trasladar un gasto público ás economías familiares, xa moi deterioradas nos tempos actuais. A obriga de pagar unha porcentaxe dos medicamentos nas farmacias e a retirada de máis de catrocentas medicinas, de uso moi frecuente, do financiamento público obriga ás familias a un esforzo económico que, a miúdo, resulta inasumible. Polo tanto, na vez de gabarse polo que considera un triunfo, a ministra debería pedir perdón aos cidadáns por imporlles un gasto máis ás depauperadas economías familiares. En realidade o copagamento ven representar un dano para a saúde individual e colectiva (moitas persoas deixaron de medicarse por non poder costealo) e un elemento máis para aumentar as desigualdades.  Os pensionistas galegos sofren de xeito especial esta situación: a súa pensión media é de 722 euros, un 16% inferior á media do Estado. Galicia ocupa o último posto das 17 comunidades autónomas neste ranking.

5.-Máis castigo para os traballadores. A finais de agosto publicaron no BOE unha lei (Ley 10-2013). Trátase dunha norma aparentemente neutra que incorpora normas europeas ao ordeamento xurídico español en relación coa farmacovixiancia. Mais, como se non tivera importancia, esta lei inclúe unha disposición final quinta que modifica o Estatuto Marco do persoal estatutario do SNS. Esta modificación permite a creación do que chama “unidades de xestión clínica” integradas por persoal laboral, na que se terían que integrar os que hoxe teñen a consideración de estatutarios. En definitiva, tal como denunciou a propia CESM, esta lei remata, pola espalda e a traición, con todas as garantías do réxime estatutario. Trátase dunha afrenta máis contra os traballadores da sanidade pública, feita dunha forma tramposa e canalla (incluíndo unha disposición desta trascendencia no articulado dunha lei que non ten nada que ver coa regulación laboral).

6.- Aumentan as listas de espera. A drástica reducción orzamentaria, a perda de persoal e a eliminación do traballo de tarde nos hospitais están a provocar unha situación de grave colapso nos centros públicos. A espera cirúrxica pasou, en seis meses, de 76 a 100 días. Perto de 600.000 pacientes agandan polo quirófano. Este é o maior incremento desde que o Ministerio comezou a rexistar estes datos.  As autoridades sanitarias non parecen preocupadas por estes datos.  Algun sindicato interpreta que non lles interesa que a sanidade pública funcione: cómpre ter argumentos para afondar nas privatizacións.

7.-Diminúe a esperanza de vida. A esperanza de vida ao nacer é un dos principais indicadores para coñecer a calidade de vida dun país. Nas últimas décadas este parámetro mellorou de maneira continuada e permanente. Por primeira vez na historia recente a esperanza de vida dos españois baixou unhas décimas, mais este descenso continuará se as condicións de vida non mudan. A precariedade económica, a inseguridade laboral, a incerteza polo futuro, a exclusión sanitaria dos máis desfavorecidos e o aumento das desigualdades: todos estes factores inflúen neste cambio de tendencia. As políticas impostas polo partido no poder son as responsables principais desta mudanza histórica.